DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2007 Páx. 16.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2007 pola que se convoca un curso básico de capacitación para a categoría de policía dentro do corpo da policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso básico de capacitación para a categoría de policía dentro do corpo da policía local, segundo o previsto no artigo 35.2º da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Ocurso ten por obxectivos dotar os policías dunha formación teórico-práctica que complemente os coñecementos adquiridos na súa preparación das correspondentes probas de oposición, para que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios: o curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de policía dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 19 de outubro de 2007 para efectuar a correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública solicitando a participación no curso, en que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 19 de outubro de 2007.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax para axilizar os correspondentes trámites.

Contido e duración: o curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:

-Misión e funcións policiais.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Módulo transversal.

-Módulo profesional: formación en centros de traballo (concellos).

O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica na Academia Galega de Seguridade Pública e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Datas.

O urso desenvolverase en datas do 22 de outubro de 2007 ao 25 de abril de 2008.

O horario será das 9.00 ás 20.00 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública durante o seu período de permanencia nela rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable completar tanto a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar todas as materias que figuren no programa, como a fase de prácticas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de setembro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "19300D011P030.PDF"