DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2007 Páx. 16.240

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2007 pola que se convoca un curso de capacitación para a categoría de inspector principal de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realizaicón dun curso de capacitación para a categoría de inspector principal de policía local, segundo o previsto no artigo 35.2º da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dotar os inspectores principais da policía local dos coñecementos necesarios para o mellor desempeño do seu labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos inspectores principais de policía local que accederon a esta categoría tanto por oposición libre como por promoción interna, dos distintos concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 19 de outubro de 2007 para efectuar a correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición ou a fase de concurso á categoría de inspector principal de policía local, e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 19 de outubro de 2007.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax para axilizar os correspondentes trámites.

Contido e duración.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:

-Misión e funcións policiais.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Área de técnicas de xestión e dirección.

-Área de reforzo.

O curso terá unha duración de dous meses de formación teórica. Para aqueles alumnos de novo acceso aos corpos de policía local haberá ademais un módulo de prácticas nos centros de traballo (concellos) de tres meses de duración.

Datas.

O curso desenvolverase do 22 de outubro ao 21 de decembro de 2007.

O horario será das 9.00 ás 20.00 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública durante o seu período de permanencia nela rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable superar todas as materias que figuren no programa.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de setembro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "19300D007P024.PDF"