DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2007 Páx. 16.232

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 28 de setembro de 2007 pola que establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a colaboración titoriada en diversos centros bibliotecarios.

A Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia exerce, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafo 18, a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, competencia recollida na Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas e o seu posterior desenvolvemento regulamentario. Consonte esta responsabilidade, a consellería é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica dos responsables destas. Por iso, a través da súa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, vén ocupándose mediante cursos de formación da instrución tanto básica como de perfeccionamento dos actuais e dos futuros bibliotecarios da rede de bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, non podería ser nunca completa se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan non só a formación nas diversas áreas destes centros,

senón tamén contacto diario e directo dos beneficiarios, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca ou centro de documentación, debidamente guiados por persoas con coñecementos e experiencia abondos, como medio de promoción profesional.

Por esta razón, a Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, realiza un plan de preparación de profesionais para a rede de bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación mediante a colaboración titoriada en diversos centros dependentes desta.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse bolsas de formación en biblioteconomía mediante colaboración titoriada na organización e descrición de fondos e actividades de biblioteconomía en bibliotecas, con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por un importe de vinte e seis mil trescentos cincuenta euros (26.350 €), e mais de 2008, por un importe de douscentos oitenta e nove mil oitocentos cincuenta euros (289.850 €), ata acadar unha suma total de trescentos dezaseis mil douscentos euros (316.200 €), que queda condicionada á existencia de crédito adecuado e abondo para o seu financiamento.

2. O número de prazas convocadas será de trinta e unha, que se adxudicarán mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 4 desta convocatoria.

3. Os bolseiros realizarán as súas prácticas nos centros aos que sexan destinados e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela. A relación de centros en que deberán realizar as prácticas publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

4. A bolsa terá carácter plurianual, cunha duración total de 12 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, e que poderán ser renovados por outros 12 meses dependendo do informe favorable do responsable titorial e mais da existencia de crédito adecuado e abondo para o seu financiamento.

En calquera dos casos o gozo destas bolsas convocadas pola Consellería de Cultura e Deporte nunca poderá exceder os 24 meses.

5. As persoas seleccionadas, logo de aceptaren as bolsas, quedarán obrigadas a:

-Incorporarse aos centros aos que sexan destinadas dentro dos 10 días naturais seguintes ao da notificación do outorgamento.

-Asistir aos centros onde resulten destinadas, de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación teórica e práctica.

-Presentar, antes do primeiro pagamento, unha declaración completementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

-Cumprir o compromiso de formación ata o remate do período de 12 meses establecido. De non mediar causa de forza maior, a renuncia ou o abandono da bolsa antes do remate suporá a inhabilitación da persoa interesada para a recepción destas bolsas nas tres convocatorias seguintes.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Titulación universitaria de diplomatura en biblioteconomía e documentación, ou licenciatura en biblioteconomía, documentación, historia, filoloxía ou humanidades.

-Non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

-Non se beneficiar anteriormente durante un período superior aos 12 meses destas mesmas bolsas, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, logo de iniciado o período de vixencia.

2. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán presentarse, así mesmo, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentación que cómpre achegar:

Os solicitantes, ademais da solicitude, deberán xuntar a documentación seguinte:

-O anexo I cuberto e unha fotocopia dos méritos alegados.

-Fotocopia do DNI.

-Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou, no caso de telo, un compromiso expreso de renunciar con anterioridade ao momento da incorporación ao centro ao que sexa destinado.

-Fotocopia do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

-Fotocopia dos documentos que acrediten os méritos alegados.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural poderá solicitarlles aos seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán entregar nun prazo non superior aos dez días.

No caso de non aceptar a bolsa, deberán comunicalo por escrito nun prazo non superior aos tres días despois da notificación. De non se incorporaren no prazo sinalado sen causa suficiente ou demostrarse falsidade ou non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada, o director xeral de Creación e Difusión Cultural poderá propoñer o seguinte ou seguintes candidatos, por orde de puntuación, e quedará sen efecto o nomeamento das persoas que se encontren nalgunha destas situacións.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas como medio de aprendizaxe respecto da organización e descrición de fondos de bibliotecas e centros de documentación de Galicia. A relación destes e o número de prazas asignadas a cada un faranse públicos xunto coa resolución de adxudicación das bolsas rexidas por esta orde.

Artigo 4º

1. Os servizos técnicos da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural poderán reclamar dos solicitantes, se for necesario, que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se lles concederá un prazo de 10 días hábiles, contados desde a recepción do escrito de requirimento correspondente.

2. As solicitudes serán analizadas e valoradas por unha comisión presidida polo subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural e composta polo xefe do Servizo do Libro e Bibliotecas, o director dunha das bibliotecas da rede de bibliotecas de Galicia e un funcionario ou laboral, que actuará como secretario.

3. Esta comisión actuará consonte os seguinte criterios:

-Titulación universitaria en biblioteconomía ou documentación: doutoramento, 1 punto.

-Expediente: puntuarase en función do número de materias estudadas relacionadas especificamente con bibliotecas ou centros de documentación e da puntuación obtida en cada unha delas. Máximo: 15 puntos.

-Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos por curso, ata o máximo de 0,75 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

-Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas impartidos por outros organismos: ata un máximo de 0,75 puntos. Nesta liña puntúanse os cursos en razón da súa duración e da idoneidade do organismo que os imparta.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

-Impartición de cursos de bibliotecas, ata 1,50 puntos, en función das horas impartidas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,75 puntos por curso, ata o máximo de 1,50 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata o máximo de 1,50 puntos.

-Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,10 puntos por congreso, ata un máximo de 0,75 puntos.

-Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 1,25 puntos.

-Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos por publicación, ata o máximo de 1,5 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

-Cursos de galego:

Iniciación: 2,5 puntos.

Perfeccionamento: 3,5 puntos.

Ata o máximo de 3,5 puntos.

Artigo 5º

1. A resolución da convocatoria correspóndelle á conselleira de Cultura e Deporte, por proposta do director xeral de Creación e Difusión Cultural. O acordo farase público nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Deporte e nas súas delegacións provinciais, nun prazo que non deberá exceder en ningún caso os dous meses tras o remate do período de presentación de instancias.

2. No suposto de que non recaese ningunha resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

3. A resolución de adxudicación ponlle fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da citada Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da data de notificación efectiva desta aos interesados.

4. Unha vez rematado o período de percepción da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación presentada.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación, e repartirase en doce (12) mensualidades.

Artigo 7º

1. Os beneficiarios desta orde quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto legislativo 1/1999).

2. En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999) e no Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, ao rematar a formación, expedirá unha certificación acreditativa das actividades realizadas, despois do informe favorable dos responsables correspondentes.

Artigo 8º

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos destes conforme estas bases, sen ningún outro vencello laboral ou administrativo.

Artigo 9º

A Consellería de Cultura e Deporte contratará unha póliza colectiva de seguro de accidentes para todos os bolseiros durante o período de prácticas.

Artigo 10º

A Consellería de Cultura e Deporte, no caso de que as bolsas concedidas non cubrisen a totalidade do crédito asignado, pode realizar unha nova convocatoria pública, nos mesmos ou en diferentes termos ca esta.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Creación e Difusión Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "19300D004P016.PDF"

ANEXO I