DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2007 Páx. 16.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 24 de setembro de 2007, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convocan os premios ás memorias dos proxectos de educación para o consumo na escola, desenvolvidos dentro do marco da Rede de educación do consumidor, e pola que se procede á selección dos novos proxectos presentados por centros educativos, de niveis non universitarios, que desexen incorporarse á dita rede.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE) (BOE nº 106, do 4 de maio), determina como principio inspirador do sistema educativo español, entre outros, a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como que axuden a superar calquera tipo de discriminación.

No seu artigo 2 sinala como fins do sistema educativo, entre outros, a formación para a paz, o respecto aos dereitos humanos, a convivencia, a cohesión social, a cooperación e solidariedade entre os pobos, a adquisición de valores que propicien o respecto cara aos seres vivos e ao ambiente, en particular ao valor dos espazos forestais e do desenvolvemento sustentable, así como a formación no respecto da interculturalidade como elemento enriquecedor da sociedade.

A Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo, atribúelle a este competencias en canto a orientar, formar e informar os consumidores e consumidoras sobre os seus dereitos e a forma de exercelos e difundir o seu coñecemento, co fin de que sexan tidos en conta e respectados por todos aqueles que interveñan no mercado e por aqueles aos que poidan afectar directa ou indirectamente en relación cos bens e servizos. Así mesmo, é un dos cometidos do Instituto Galego de Consumo o de impulsar a formación da cidadanía na súa vertente de persoas consumidoras propoñéndolles aos organismos competentes a adopción de programas de educación para o consumo nos distintos graos do ensino e realizar as actuacións necesarias para asegurar que a dita formación sexa permanente.

A Rede de educación do consumidor é un proxecto no que participan, na actualidade, 16 comunidades autónomas (co apoio da Comisión Europea, o Instituto Nacional de Consumo e o Ministerio de Educación e Ciencia) ademais de varios países de Europa. Os seus obxectivos fundamentais son a realización de actuacións coordinadas de actividades de formación e información destinadas ao profesorado, o intercambio de experiencias (seminarios, cursos, concursos, intercambios nacionais e comunitarios) e a realización de materiais curriculares sobre a educación do consumidor na escola.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria teñen establecidas liñas de actuación conxunta cara a impulsar as actividades para o desenvolvemento da educación para o consumo nos centros escolares.

Por todo isto,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto:

1. Convocar os premios ás mellores memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de educación do consumidor.

2. Seleccionar novos proxectos de centros que desexen incorporarse á citada rede.

Artigo 2º.-Dotación económica.

A contía destinada a premiar as memorias dos proxectos realizados polos centros vinculados á Rede de educación do consumidor é de 38.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2007, nos que existe crédito axeitado e suficiente.

Artigo 3º.-Persoas destinatarias.

1. Poderán participar nesta convocatoria, na modalidade de premios ás mellores memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de educación do consumidor, os equipos formados por profesorado e alumnado que, dentro dos centros educativos públicos e privados de Galicia, estiveran integrados na Rede de educación do consumidor durante o curso académico 2006/2007.

2. Poderán participar, na modalidade de selección de novos proxectos de centros que desexen incorporarse á rede, todos os centros educativos de Galicia de niveis de ensino non universitario que desexen integrarse na Rede de educación do consumidor.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación da documentación para ambas as dúas modalidades comezará o día seguinte ao da súa publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de novembro de 2007.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. Para participar na modalidade de premios ás mellores memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de educación do consumidor, as memorias que se presenten deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao presidente do Instituto Galego de Consumo, asinada polo coordinador ou coordinadora do proxecto, segundo o modelo do anexo I desta resolución.

b) Anexos en soporte informático, dos materiais producidos, no que se inclúa unha reportaxe fotográfica das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

2. Para participar na modalidade de selección de novos proxectos de centros que desexen incorporarse á Rede, os proxectos de traballo que se presenten deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao presidente do Instituto Galego de Consumo, asinada polo director/a do centro escolar, segundo o modelo do anexo II desta resolución.

b) Acta do Consello Escolar do centro, na que conste a aprobación do proxecto. No caso de que un proxecto abranga máis dun centro, xuntarase acta do Consello Escolar de cada un dos centros.

c) Acompañarase a acta do Claustro do centro onde figuren o nome, apelidos e NIF dos profesores participantes e do coordinador ou coordinadores do proxecto.

3. Os traballos presentaranse por duplicado no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ao traballo estará datada e cuñada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

Artigo 6º.-Características das memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de educación do consumidor.

1. Presentarase a memoria do traballo desenvolvido durante o curso escolar 2006/2007. O traballo, ou fase do proxecto trienal que concursa, deberá ser inédito e que non fose premiado ou obtivese bolsa con anterioridade, nin sufragado pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas.

2. A memoria do traballo presentarase redactada en idioma galego, consonte coa normativa vixente, en soporte papel e informático, en formato Microsoft Word, e as imaxes en JPG. Esta memoria debe ter un máximo de dez folios máis os anexos correspondentes e nela reflectiranse:

-Obxectivos.

-Contidos desenvolvidos.

-Metodoloxía empregada.

-Actividades realizadas

-Datas de realización.

-Enlaces coas seguintes fases do proxecto.

-Dimensión europea.

-Criterios e procedementos de avaliación.

-Valoración do profesorado e do alumnado sobre o traballo realizado respecto da consecución dos obxectivos previstos, agás o alumnado de infantil.

Artigo 7º.-Características dos novos proxectos de centros que desexen incorporarse á rede.

1. Debe desenvolverse un proxecto que deberá tratar sobre distintos aspectos da educación en consumo, e no que deben participar, cando menos, catro profesores do centro durante un período de tres anos.

2. Deberá realizarse o esquema do proxecto de educación para o consumo, seguindo o modelo que figura no anexo III desta resolución, e no que se concretarán, para a primeira fase do proxecto trienal (curso escolar 2007/2008):

-Obxectivos.

-Contidos que se desenvolverán.

-Metodoloxía que se empregará.

-Niveis educativos aos que vai dirixido.

-Actividades previstas.

-Dimensión europea.

-Criterios de avaliación.

3. Os novos proxectos presentaranse redactados en idioma galego, de acordo coa normativa, en soporte papel e informático, en formato Microsoft Word.

Artigo 8º.-Xurado.

1. As memorias e proxectos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado formado polos seguintes membros:

Presidente: o presidente do Instituto Galego de Consumo ou persoa en quen delegue.

Vicepresidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue, que actuará como vicepresidenta.

Vogais:

-A xerente do Instituto Galego de Consumo.

-Un asesor docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

-A xefa do Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo.

-A xefa da Sección de Educación e Formación do Instituto Galego de Consumo, que actuará como secretaria.

O xurado, de ser o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

2. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, no caso dos premios ás memorias presentadas polos centros vinculados á Rede de educación do consumidor no curso escolar 2006-2007, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

As memorias serán avaliadas segundo os seguintes criterios:

a) Coherencia co modelo de currículo establecido pola Xunta de Galicia: ata 10 puntos.

b) A calidade global do traballo: ata 10 puntos.

c) A concreción dos obxectivos propostos: ata 10 puntos.

d) O carácter innovador nas metodoloxías, recursos e nos temas que se tratarán: ata 10 puntos.

e) A realización dun traballo de campo: ata 10 puntos.

f) A presentación do produto final a outros grupos de alumnado ou adultos: ata 10 puntos.

g) A normalización do emprego das TIC no desenvolvemento dos proxectos: ata 10 puntos.

h) A participación dun sector significativo do claustro de profesores e do alumnado das distintas etapas e niveis: ata 10 puntos.

i) A coherencia coas fases anteriores e/ou seguintes do proxecto: ata 10 puntos.

j) A calidade do deseño e a presentación: ata 10 puntos.

Artigo 10º.-Certificación.

A Administración educativa poderá recoñecerlle ao profesorado autor e coordinador dos traballos premiados, se a calidade destes así o xustifica, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria.

Estas últimas terán, ao abeiro do punto 2º do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividade de formación permanente do profesorado cunha equivalencia de 10.00 horas.

Artigo 11º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios ás mellores memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de educación do consumidor farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2007 no que existe crédito axeitado e suficiente.

2. A dirección do centro escolar certificará que a contía total do premio se destinará ao financiamento dos gastos extraordinarios ocasionados co desenvolvemento do proxecto do que se presenta a memoria.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar a modificacións da resolución de concesión.

5. Así mesmo, no caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 12º.-Difusión e publicación.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder conxuntamente á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade.

A participación na convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión do dereito da propiedade intelectual dos traballos, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Artigo 13º.-Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as representan poderán retirar a documentación e materiais non premiados, agás a requirida, no Instituto Galego de Consumo, no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución pola que se conceden os premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14º.-Resolución.

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se o concurso de premios non se resolvese antes do 31 de decembro de 2007.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevaráselle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e ao presidente do Instituto Galego de Consumo para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 29/1998, da xurisdición contencioso-administrativa, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, no seu caso, calquera outro que estimen procedente.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

Esta resolución poderá ser recorrida potestativamente, ante o órgano que a ditou, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición adicional

No non previsto nesta resolución atenderase o establecido nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na normativa comunitaria que lle resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2007.

Laura Sánchez Piñón Emilio Nogueira Moure

Conselleira de Educación Presidente do Instituto Galego

e Ordenación Universitaria de Consumo

Ver referencia pdf "19300D002P010.PDF"