DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2007 Páx. 16.222

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 24 de setembro de 2007, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca un concurso de premios dirixidos ao alumnado das escolas de arte e de bacharelatos artísticos para a elaboración de carteis que teñan como tema o consumo e as novas tecnoloxías.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria teñen establecidas liñas de actuación conxunta cara a impulsar as actividades para o desenvolvemento da educación para o consumo nos centros escolares.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, conscientes da necesidade de formar o alumnado da Comunidade Autónoma galega para a adquisición dun espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo, e elixir de xeito libre e responsable, convocan para o ano 2007 un concurso de premios dirixidos ao alumnado das escolas de arte e bacharelatos artísticos, para a elaboración de carteis sobre o consumo e as novas tecnoloxías, invitando os participantes a reflexionar sobre distintas materias no eido do consumo, utilizando como medio a creación artística.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar un concurso de carteis que teña como tema o consumo e as novas tecnoloxías en dúas modalidades diferentes en función dos seus destinatarios.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderá participar neste concurso o alumnado matriculado nos distintos ciclos e especialidades das escolas de arte e bacharelatos artísticos da Comunidade Autónoma galega, distribuíndose os participantes en dúas modalidades diferentes:

1. Modalidade A: alumnado das escolas de arte da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Modalidade B: alumnado de bacharelatos artísticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Dotación económica.

Concederanse tres premios de 1.400, 900 e 700 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificado respectivamente en cada unha das modalidades.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos remata o día 15 de novembro de 2007.

Artigo 5º.-Presentación das solicitudes e documentación.

1. Os traballos que se presenten en cada unha das modalidades irán acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao presidente do Instituto Galego de Consumo, segundo os modelos de solicitude que figuran como anexos desta resolución:

Modalidade A: anexo I.

Modalidade B: anexo II.

b) Un certificado do centro onde os/as concursante/s efectúe/n os seus estudos, no que consten os datos do alumno/a, curso e modalidade educativa que realiza.

Os traballos que concursen, acompañados da documentación antedita, deberán presentarse nos servizos centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, e será en todo caso aplicable o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 6º.-Características dos traballos.

Os carteis que concursen en ambas as modalidades terán unhas dimensións máximas de 50×70 centímetros; o texto, de habelo, estará en idioma galego segundo a normativa vixente. Presentaranse montados sobre unha base ríxida, preparados para a súa exposición. A técnica empregada será libre e os traballos levarán impresa a lenda: «O consumo e as novas tecnoloxías».

Artigo 7º.-Xurado.

Os traballos que se presenten nas dúas modalidades serán examinados e avaliados por un xurado que presentará a seguinte composición:

Presidente: o presidente do Instituto Galego de Consumo ou persoa en quen delegue.

Vicepresidente: o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-A xerente do Instituto Galego de Consumo.

-Un asesor/a docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

-A xefa de Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo.

-A xefa de Sección de Educación e Formación do Instituto Galego de Consumo, que actuará como secretaria.

O xurado, de ser o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Os traballos presentados en ambas as modalidades serán avaliados segundo os seguintes criterios:

a) Adecuación dos traballos ao tema proposto: ata 25 puntos.

b) Claridade da mensaxe tanto nas imaxes coma nos textos que deberán aparecer en idioma galego: ata 25 puntos.

c) Creatividade e orixinalidade: ata 25 puntos.

d) Calidade técnica e artística: ata 25 puntos.

Artigo 9º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 6.000 euros (seis mil euros), farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2007, na que existe crédito axeitado e suficiente.

2. Os destinatarios dos premios teñen a obriga de facilitar toda a documentación que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, no caso de que calquera das condicións establecidas para a súa concesión fose incumprida, existirá obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 10º.-Difusión e publicación.

A participación no concurso supón a aceptación de todas as súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos que resulten gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Artigo 11º.-Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as representa poderán retirar os carteis non premiados, no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Resolución.

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se o concurso de premios non se resolvese antes do 31 de decembro de 2007.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevaráselle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e ao presidente do Instituto Galego de Consumo, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 29/1998 da xurisdición contencioso-administrativa, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, no seu caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

Esta resolución poderá ser recorrida potestativamente, ante o órgano que a ditou, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional

No non previsto nesta resolución atenderase o establecido nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na normativa comunitaria que lle resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2007.

Laura Sánchez Piñón Emilio Nogueira Moure

Conselleira de Educación Presidente do Instituto Galego

e Ordenación Universitaria de Consumo

Ver referencia pdf "19300D001P006.PDF"