DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 03 de outubro de 2007 Páx. 16.185

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 19 de setembro de 2007 pola que se declara de interese galego a Fundación Ferama e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Con data 17 de setembro de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de setembro pola que se clasifica como mixta a Fundación Ferama, adscribíndoa á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

A Fundación Ferama foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o día vinte e un de maio de dous mil sete, ante o notario José Antonio Caneda Goyanes, co número de protocolo mil nove, por Félix Rodríguez Domínguez, María del Carmen Fernández Rodríguez, Antonio Rodríguez Rodríguez, Camilo Álvarez Iglesias, Julio Carlos Temes Pereira e César Blanco Gómez, que interveñen no seu propio nome e dereito, facéndoo ademais Félix Rodríguez Domínguez, en nome e representación dos cónxuxes María Raquel González Pazos e Manuel Rodríguez Domíngez. Esta escritura foi complementada por outra posterior de data dez de xullo de dous mil sete outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo mil catrocentos catro.

Segundo establece o artigo 3 dos estatutos, son fins da fundación os considerados como de interese xeral definidos no artigo 4 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, entre outros: a defensa dos dereitos humanos, defensa das vítimas do terrorismo e actos violentos, asistencia social e inclusión social, cívicos, educativos, culturais, científicos, deportivos, sanitarios, laborais, de fortalecemento institucional, de cooperación para o desenvolvemento, de promoción do voluntariado, de promoción da acción social, de defensa ou protección do ambiente, de fomento da economía social, de promoción e atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas, sociais, ou culturais, de promoción dos valores constitucionais, de defensa dos principios democráticos, de fomento da tolerancia, de desenvolvemento da sociedade da información, de investigación científica, de desenvolvemento tecnolóxico, deporte afeccionado, belas artes, protección e conservación do

patrimonio, axuda ou protección a persoas incapacitadas física ou mentalmente, axuda a refuxiados e inmigrantes, dereitos humanos, dereitos civis, protección do consumidor e ecoloxía.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e segundo o establecido nos artigos 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Ferama ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Ferama no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de darlle publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través da memoria anual o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o plan de actuación con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza