DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 02 de outubro de 2007 Páx. 16.138

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 184/2007, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios.

O artigo 158 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea establece que, co fin de reforzar a súa cohesión económica e social, a comunidade proponse reducir as diferenzas entre os niveis de desenvolvemento das diversas rexións e o atraso das rexións menos favorecidas, incluídas as zonas rurais. O artigo 159 do tratado estipula que esa actuación estará apoiada polos fondos con finalidade estrutural, o Banco Europeo de Investimentos (BEI) e os outros instrumentos financeiros existentes.

Así mesmo, segundo o acordado nos consellos europeos de Lisboa, do 23 e 24 de marzo de 2000, e de Gotemburgo, do 15 e 16 de xuño de 2001, a política de cohesión para o septenio 2007-2013 debe contribuír tamén a incrementar o crecemento, a competitividade e o emprego, para o que debe incorporar as prioridades comunitarias en materia de desenvolvemento sustentable.

Para financiar esta política, os fondos que facilitarán axuda no marco da política de cohesión son agora o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), o Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo de Cohesión, de conformidade cos seus respectivos regulamentos de aplicación adoptados en virtude dos artigos 148, 161 e 162 do tratado.

Neste novo contexto resulta necesario especificar a función dos instrumentos de axuda ao desenvolvemento rural, isto é, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, segundo o Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e ao sector pesqueiro, en concreto o Fondo Europeo de Pesca (FEP). Estes instrumentos deben integrarse cos da política agraria común e da política común da pesca e coordinarse cos instrumentos da política de cohesión.

Seguindo as previsións establecidas no Regulamento 1083/2006, xeral de fondos, o Marco Estratéxico Nacional de Referencia (MENR) 2007-2013 presentado polo Goberno de España e aprobado pola Comisión o pasado 7 de maio, recolle a creación dun comité de coordinación dos fondos europeos.

A programación dos recursos debe garantir a coordinación dos fondos entre si e cos demais instrumentos financeiros existentes, así como co BEI e o Fondo Europeo de Investimentos. Esta coordinación debe estenderse tamén á elaboración de plans financeiros complexos e ás asociacións público-privadas. Como instrumento para garantir esta coordinación resulta precisa a creación da Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, que actuará como órgano de carácter consultivo da Consellería de Economía e Facenda para a coordinación dos fondos comunitarios, procurando a súa complementariedade e a eficiencia no logro do obxectivo da converxencia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación

Créase a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, como instrumento para asegurar a coordinación e a complementariedade dos fondos estruturais e sectoriais na procura dos obxectivos establecidos no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia 2007-2013 (Mecega), nos respectivos programas operativos e nas disposicións comunitarias que sexan de aplicación.

A referida comisión terá caracter interdepartamental e estará adscrita á Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 2º.-Composición

A Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios estará formada polas persoas titulares das direccións xerais competentes nas seguintes materias:

a) Planificación económica e fondos comunitarios, da Consellería de Economía e Facenda.

b) Desenvolvemento rural, da Consellería do Medio Rural.

c) Formación e colocación, da Consellería de Traballo.

d) Estruturas e mercados da pesca, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

A presidencia da comisión corresponderalle ao membro pertencente á Consellería de Economía e Facenda.

A secretaría da comisión será desempeñada pola persoa encargada da subdirección xeral con competencias específicas na materia ou, na súa ausencia, pola que designe a presidencia.

A comisión reunirase en sesión ordinaria tres veces ao ano e con carácter extraordinario cando sexa convocada pola presidencia, por iniciativa propia ou por petición da maioría simple dos seus membros.

Artigo 3º.-Funcións

Serán funcións da comisión:

a) Velar para que as intervencións dos fondos sexan coherentes coas actividades, políticas e prioridades da Unión Europea e complementarias con respecto a outros instrumentos financeiros da Xunta de Galicia. Esta coherencia e complementariedade reflectirase, en particular, nas directrices estratéxicas comunitarias en materia de cohesión, no Mecega e nos programas operativos.

b) Elaborar e propoñer ao titular da Consellería de Economía e Facenda os procedementos para a efectiva coordinación entre a política de cohesión autonómica reflectida no Mecega e as correspondentes políticas sectoriais reflectidas nos plans estratéxicos das consellerías afectadas.

c) Supervisar o seguimento dos programas operativos, definindo, se fose preciso, os sistemas de información sobre os mecanismos que garantan a máis efectiva coordinación entre si dos programas operativos, incluídos os programas e intervencións do Feader e o FEP, así como as intervencións do BEI e demais instrumentos financeiros vixentes no territorio da Comunidade Autónoma.

d) Cando cumpra, fixar, para cada programa operativo, os criterios de delimitación entre as operacións apoiadas polo Feder e o FSE e as apoiadas por outros instrumentos de axuda comunitaria, así como as que se poidan producir entre o Feader e o FEP cando ambos os fondos financien actuacións no mesmo ámbito territorial.

e) O seguimento das conclusións derivadas dos controis financeiros efectuados polos distintos órganos de control, así como as medidas adoptadas polos órganos xestores para corrixir as eventuais irregularidades detectadas.

f) Aqueloutras funcións que lle encomende a Consellería de Economía e Facenda a prol dunha xestión eficaz e eficiente dos fondos comunitarios durante o vindeiro período de programación 2007-2013.

Artigo 4º.-Réxime xurídico

O réxime xurídico da comisión aterase ao establecido para os órganos colexiados no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicionais

Primeira.-Regulamento interno.

Para o seu funcionamento, a presidencia da comisión elaborará un proxecto de regulamento interno, que será aprobado pola comisión no prazo de dous meses.

Segunda.-Memoria anual.

A comisión elaborará anualmente unha memoria, que recollerá as súas actuacións e que será incorporada como anexo ás avaliacións anuais de seguimento de cada un dos fondos comunitarios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Consellería de Economía e Facenda para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda