DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2007 Páx. 15.894

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 179/2007, do 6 de setembro, polo que se modifica o Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda por conta da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia o día 13 de febreiro de 2006 do Decreto 18/2006, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, advírtese a conveniencia de efectuar determinadas modificacións.

Como consecuencia da modificación efectuada ao Decreto 18/2006 mediante o Decreto 145/2006, do 27 de xullo, convén concretar os efectos da limitación dos prezos dos garaxes e rochos cando a declaración de protección se efectúa unicamente por escaleiras ou por plantas enteiras.

Así mesmo, co fin de unificar criterios respecto dos prezos de referencia para venda e renda, incorpórase un novo parágrafo no artigo 9.6º que eleva o coeficiente de 1,75 a 1,80 para as vivendas de renda concertada cando estean situadas en ámbito territorial de prezo máximo superior, co fin de poder aplicar o incremento porcentual para os ámbitos territoriais declarados de prezo máximo superior.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 18/2006, do 28 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda por conta da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

Un.-Engádese un segundo parágrafo ao artigo 9.5º, que queda redactado como segue:

«No caso de que a declaración de protección se efectúe só por escaleiras ou por plantas enteiras, a limitación do prezo de venda de garaxes e rochos non imperará para a totalidade senón unicamente para dous garaxes e un rocho por vivenda protexida, con independencia de que estean vinculados a ela ou non. Se o garaxe fose común para máis dun edificio, procederase do mesmo xeito».

Dous.-Engádese un penúltimo parágrafo ao artigo 9.6º, que queda redactado co seguinte teor:

«Nos municipios que se determinen como ámbito territorial de prezo máximo superior, o prezo máximo legal de referencia por metro cadrado de superficie útil será de 1,80 polo prezo básico nacional vixente, para as vivendas de renda concertada».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo