DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2007 Páx. 15.870

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 177/2007, do 30 de agosto, polo que se modifica o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 166/1986, do 4 de xuño.

A Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, establece no seu artigo 21 que os xogos e apostas regulados na lei só poderán ser practicados logo da súa inclusión no Catálogo de xogos no cal se especificará para cada xogo ou aposta as distintas denominacións con que sexa coñecido, as súas modalidades, os elementos necesarios da súa práctica, as súas regras e os condicionamentos e prohibicións que se consideren necesarios para impoñer a súa práctica.

Pola súa banda, a disposición adicional cuarta da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, recolle as definicións dos xogos de casinos seguindo os contidos e conceptos da Orde do 9 de outubro de 1979, do Ministerio do Interior, pola que se aproba a versión definitiva do Catálogo de xogos.

Desde a publicación da citada norma o sector vén experimentando constantes cambios, debido tanto ás innovacións tecnolóxicas, á realidade empresarial en constante evolución e ás novas demandas sociais que repercuten na dinámica dos xogos de casinos.

A experiencia acadada coa publicación do Decreto 112/2005, do 14 de abril, polo que se aproba o Regulamento do xogo do póker nos casinos de xogo na Comunidade Autónoma de Galicia, pola boa acollida de público que teñen as variantes máis áxiles do xogo de póker, poñen de manifesto a necesidade de revisar os xogos tradicionais de casinos para permitir tipoloxías que requiran dedicarlles menos tempo ao xogo e que sexan máis atractivos para os/as usuarios/as desta actividade de lecer ao implicar un xogo máis vistoso e de xestión mais áxil no seu desenvolvemento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo coa Comisión do Xogo de Galicia e co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de agosto de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 2 do Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 2º.-Xogos de casinos.

1. De acordo co previsto no artigo 6 letra a) da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, son xogos cuxa práctica se autoriza exclusivamente nos casinos de xogo os seguintes:

-01 Ruleta francesa.

-02 Ruleta americana.

-03 Vinte e un ou black-jack.

-04 Bóla ou boule.

-05 Trinta e corenta.

-06 Punto e banca.

-07 Ferrocarril, bacará ou chemin de fer.

-08 Bacará a dous panos.

-09 Dados ou craps.

-10 Póker.

-11 Ruleta da fortuna.

2. A práctica do xogo do póker, nas súas diversas variantes, estará suxeito ao disposto no Decreto 112/2005, do 14 de abril, polo que se aproba o Regulamento do xogo de póker nos casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. En todo caso, nos casinos de xogo e durante todo o horario de xogo deberán atoparse en servizo, como mínimo, unha mesa de ruleta e outra de naipes, sempre que tales xogos estean autorizados no casino.

4. A práctica do resto dos xogos exclusivos de casinos de xogo estarán sometidos ás regras que se recollen como anexo a este catálogo.

5. Os xogos exclusivos de casino, polas súas peculiaridades, poderán ter os panos e o resto do material impresos en galego, español ou algún dos dous idiomas tradicionais para estes xogos: francés ou inglés.

6. O casino poderá realizar torneos ou campionatos dos diferentes xogos que teñan autorizados, coas bases e condicións que especificamente estableza e autorice a dirección xeral competente en materia de xogos e apostas, por solicitude da sociedade titular da autorización de explotación do casino. A publicidade do torneo, sempre que non se ocupe do xogo senón das características do torneo, logo de autorización administrativa, entra dentro das regras da competencia e dos usos mercantís previstos no artigo 5.1º da vixente Lei 14/1985, reguladora dos xogos e apostas en Galicia».

Disposición adicional

Única.-Incorpórase o anexo que recolle o Catálogo de xogos de casinos da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como figura neste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Todos os xogos autorizados no momento da entrada en vigor desta norma disporán dun período de 1 ano para adaptarse á nova normativa.

Segunda.-A dirección xeral competente en materia de xogo disporá dun prazo de seis meses para homologar o novo material de xogo derivado dos xogos que este decreto aproba.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, trinta de agosto de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Catálogo de xogos de casinos da Comunidade Autónoma de Galicia

01. Ruleta francesa.

I. Denominación.

A ruleta é un xogo dos denominados de contrapartida. A súa característica esencial reside en que os/as participantes xogan en contra do establecemento organizador, a posibilidade de gañar depende do movemento dunha bóla que dá voltas dentro dunha roda horizontal xiratoria.

II. Modalidades.

Existen dúas modalidades de ruleta francesa segundo exista un ou dous taboleiros na mesa de xogo, denomínanse ruleta a un pano ou a dous panos, respectivamente.

III. Elementos materiais.

O material deste xogo compono un cilindro de madeira, duns 56 centímetros de diámetro, que dispón no interior dun disco xiratorio sostido por un eixe metálico. Este disco, na súa parte superior presenta unha superficie lixeiramente cóncava, está dividido en 37 casas radiais, separadas por pequenos tabiques metálicos. Estes compartimentos, alternativamente vermellos e negros, están numerados do 1 ao 36, e mais o cero, que acostuma a ser branco ou verde, pero que non poderá ser vermello nin negro. Nunca dous números consecutivos son veciños e, por outra banda, os números cuxa suma de cifras sexa par son sempre negros, así como o 10 e o 29 e a excepción do 19. Un dispositivo que sobresae do eixe, consistente en dous traveseiros entrecruzados no centro mesmo da ruleta, permite darlle a esta un movemento xiratorio nun plano horizontal.

Ver referencia pdf "18700D002P022.PDF"

Á ruleta xógase nunha mesa longa e rectangular, no seu centro ou extremo está a mencionada roda. A un lado desta ou a ambos atópase o taboleiro ou taboleiros, en que están debuxados os mesmos 36 números vermellos e negros, dispostos en tres columnas de doce, un espazo reservado ao cero e outro para as diversas combinacións ou sortes nos cales estarán impresos en castelán ou galego os distintos termos ou abreviaturas indicativos daquelas.

IV. Elementos persoais.

Para a denominada «a un só pano»: un/unha xefe/a de mesa, dous/dúas croupiers e, opcionalmente, un/unha terceiro/a croupier (ou un/unha extremo de mesa).

Para a denominada «a dous panos»: un/unha xefe/a de mesa e un/unha subxefe/a de mesa, que deben colocarse fronte a fronte e de cara ao cilindro; catro croupiers que se sitúan no centro da mesa, respectivamente á dereita e esquerda daqueles e, opcionalmente, dous/dúas extremos de mesa, instalados nos extremos desta.

O/a xefe/a e o/a subxefe/a teñen por misión dirixir a partida e controlar os cambios realizados durante o seu curso, estalles prohibido manipular, de calquera xeito que sexa, os cartos, as placas ou as fichas.

Os/as croupiers deben encargarse, sucesivamente e seguindo unha orde de rotación establecida, de accionar o cilindro e lanzar a bóla, así como de levar a cabo as demais operacións necesarias para a realización do xogo, cuxo contido se especifica no punto correspondente ás regras de funcionamento. Así mesmo, poderán colocar as posturas sobre a mesa.

Os extremos de mesa teñen por misión colocar as posturas na zona que eles controlan por petición das persoas xogadoras presentes na mesa e exercer unha vixilancia particular sobre aquelas, co fin de evitar erros, discusións e posibles fraudes.

Poderá haber un/unha xefe/a de mesa por cada dúas mesas.

V. Regras de xogo.

1. Combinacións posibles. As persoas xogadoras só poden facer uso das combinacións seguintes:

A) Posibilidades ou sortes sinxelas.

a) Posibilidades. As persoas xogadoras poden apostar sobre par ou impar (números pares ou impares); sobre vermello ou negro (números vermellos ou negros); ou sobre falta (números do 1 ao 18) ou pasa (números do 19 ao 36).

En todos estes casos, a persoa xogadora que gaña conserva a súa aposta e pode retirala. A ganancia ascende ao valor da cantidade apostada.

b) Suposto de saída do cero. Neste caso ofrécenselle dúas solucións á persoa xogadora que apostou sobre unha sorte sinxela. Primeiro, retirar a metade da súa aposta, mentres a outra metade recupéraa a banca; e segunda, deixar a totalidade da súa aposta en prisión. Se na xogada seguinte non sae o cero, as posturas gañadoras colocadas en prisión recobran pura e simplemente a súa liberdade, perdéndose definitivamente todas as demais.

Se o cero sae por segunda, terceira vez, etc., a persoa xogadora ten a mesma opción, tendo en conta que o valor inicial da súa aposta se considera que perdeu o 50% do seu valor a cada saída do cero. Se está por debaixo do mínimo da mesa, a aposta debe quedar en prisión ata que sexa liberada.

Cando o cero sae na última xogada da sesión, a persoa xogadora está obrigada a aceptar o reintegro da metade, da cuarta parte, da oitava parte, etc., da súa aposta inicial, segundo se trate da primeira, segunda, terceira saída, etc. do número cero.

B) Posibilidades ou sortes múltiples.

a) Pleno ou número completo. Consiste en facer a aposta nun número calquera dos 37 números e proporciónalle á persoa xogadora que gaña trinta e cinco veces a súa postura.

b) Parella ou cabalo. A aposta ponse a cabalo da liña que separa dous números e proporciónalle á persoa xogadora que gaña dezasete veces a súa postura.

c) Fila transversal. Xógase aos tres números seguidos que constitúen unha fila, colocando a súa aposta no medio da liña lonxitudinal que separa as filas dos espazos laterais destinados ás sortes sinxelas. No caso de saír un dos tres números, a persoa xogadora obtén once veces a cantidade que puxo. Igualmente pagarase once veces a aposta realizada, ás fichas colocadas sobre as combinacións 0-1-2 e 0-2-3.

d) Cadro. A aposta faise sobre catro números contiguos que forman un cadro, colocándose a postura no punto de intersección das liñas que separan os ditos números. No caso de ganancia, obtense oito veces a citada postura. Igualmente cabe a aposta sobre a combinación 0-1-2-3.

e) Seisena ou dobre fila transversal. A aposta comprende seis números e a posible ganancia supón cinco veces a aposta, debendo colocarse as fichas sobre a liña lonxitudinal entre as dúas filas de números.

f) Columna. Abarca a aposta dos doce números que integran unha columna, ascendendo a posible ganancia a dúas veces a cantidade apostada.

g) Ducia. Abarca a aposta os números do 1 ao 12 (primeira ducia), os números do 13 ao 24 (segunda ducia) ou os números do 25 ao 36 (terceira ducia) e a posible ganancia ascende a dúas veces a cantidade apostada.

h) Dúas columnas ou columna a cabalo. Apóstase a 24 números correspondentes a dúas ducias e a ganancia ascende á metade da postura.

i) Dúas ducias ou ducia a cabalo. Apóstase a 24 números pertencentes a dúas ducias e a ganancia ascende á metade da postura.

En todos os casos, a persoa xogadora que gaña conserva a súa aposta e pode retirala.

2. Máximos e mínimos das apostas.

A) Normas xerais sobre tales límites.

O mínimo das apostas na ruleta vén determinado na autorización concedida ao casino de xogo. Os mínimos nas apostas denominadas sortes sinxelas, poderán ser fixados ata cinco veces o mínimo autorizado sobre un número enteiro. O máximo fíxase tendo en conta as combinacións de xogo existentes do seguinte xeito:

a) Nas sortes sinxelas, o máximo representa 180, 360 ou 540 veces a cantidade fixada como mínimo de postura.

b) Nas sortes múltiples, o máximo vén representado, no pleno ou número completo por 10, 20 ou 30 veces o mínimo da aposta; na parella ou cabalo, por 20, 40 ou 60 veces; na fila transversal, por 30, 60 ou 90 veces; no cadro, por 40, 80 ou 120 veces; na seisena, por 60, 120 ou 180 veces; na columna e ducia, por 120, 240 ou 360 veces; na dobre columna e dobre ducia, por 240, 480 ou 720 veces.

B) Normas especiais.

O/a director/a do casino poderá modificar os mínimos das apostas en xogos ou mesas determinados, sempre que o casino tiver autorización para iso e, en todo caso, con suxeición aos seguintes requisitos:

a) Durante o desenvolvemento da sesión e unha vez posta en funcionamento unha mesa, o casino non poderá variar o límite da súa aposta.

b) En todo caso, o casino deberá poñer en funcionamento unha mesa, polo menos, co límite mínimo de apostas autorizado para o devandito xogo, salvo que na autorización concreta se dispuxer outra cousa.

Esta variación nos mínimos das apostas afectará o anticipo que debe entregarse a cada mesa, o límite máximo das apostas e a suma de cartos que o casino debe ter en caixa en concepto de garantía das apostas.

Ver referencia pdf "18700D002P022.PDF"

3. Funcionamento do xogo.

As fases sucesivas do xogo son as seguintes:

a) O/a croupier encargado/a de manobrar o aparello debe obrigatoriamente accionar cada vez o cilindro nun sentido oposto á anterior e lanzar a bóla no sentido inverso.

b) Antes desta manobra e mentres a forza centrífuga retén a bóla na galería, as persoas xogadoras poden realizar as súas apostas ata o momento en que o/a croupier, debido a que o movemento da bóla se fai máis lento e está a punto de caer dentro do disco, anuncie «Non vai mais». Desde ese momento, ningunha postura pode ser colocada sobre o pano.

c) Cando a bóla se detén definitivamente nunha das trinta e sete casas, o/a croupier anunciará en voz alta o número e as sortes sinxelas gañadoras, tocando coa súa raqueta o citado número para designalo ostensiblemente ao público, a continuación os/as croupiers retiran as apostas perdidas e ao pagamento daquelas que resultaren gañadoras, segundo a orde seguinte: columnas, ducias, dobres columnas e dobres ducias; sortes simples (vermello, negro, pares, impares, pasa e falta); filas transversais e seisenas, cadro e parellas, e, en derradeiro lugar, os plenos ou números completos. Nas mesas cun só pano serán indistintamente os/as croupiers os que pagarán as apostas gañadoras despois de retirar as apostas perdedoras.

d) No suposto de que unha ficha ou calqueroutro obxecto caia no cilindro durante a rotación da bóla ou que a bóla salte fóra do cilindro ou no caso dun lanzamento defectuoso da bóla, o/a xefe/a de mesa debe deter o xogo e anunciar inmediatamente en voz alta «Tirada nula», recibir a bóla e entregarlla ao/á croupier para que a volva lanzar, poñéndoa antes no número que caeu na xogada anterior.

e) Ao final de cada sesión, o cilindro deberá ser pechado cunha tapa provista de chave ou precinto selado.

02. Ruleta americana.

I. Denominación.

O funcionamento da variedade americana da ruleta responde aos mesmos principios que rexen a ruleta chamada europea ou francesa. Por isto, neste punto unicamente se recollen aquelas normas que son específicas da ruleta americana, considerando aplicables, en consecuencia, para todo o non previsto nelas, as disposicións referentes á ruleta contidas na epígrafe correspondente deste catálogo.

II. Elementos materiais.

Dúas diferenzas existen con respecto á ruleta europea:

a) As apostas colócanse soamente sobre un dos dous lados do tapete.

b) No rebordo do cilindro colocarase un número de caixas ou compartimentos transparentes igual á cifra máxima de cores existentes. As devanditas caixas, netamente separadas unhas das outras, están destinadas a recibir unha ficha, sen valor determinado, sobre a que se coloca un marcador que indica o valor dado ás fichas desa cor pola persoa xogadora. Este valor pode ir do mínimo ao máximo da postura da mesa sobre un número enteiro, acomodándose ao valor individual das fichas existentes no casino.

Os marcadores do valor asignado ás fichas pola persoa xogadora poderán colocarse tamén no lugar próximo á mesa de xogo ou ben ser colocadas sobre un pedestal adherido ao arco exterior do cilindro, de forma que a súa base estea á altura do rebordo deste cilindro.

Ver referencia pdf "18700D002P022.PDF"

III. Elementos persoais.

O persoal afecto a cada ruleta comprende un/unha xefe/a de mesa, un/unha croupier e, eventualmente, un/unha auxiliar encargado/a, entre outras funcións, da súa asistencia e de ordenar os montóns de fichas.

O/a xefe/a de mesa é responsable da claridade e regularidade do xogo, dos pagamentos, de todas as operacións efectuadas na súa mesa e do control dos marcadores.

Pode existir un/unha xefe/a de mesa cada catro mesas.

Persoas xogadoras, poderán participar un número limitado, de acordo coas características da mesa.

IV. Regras de xogo.

1. Combinacións do xogo. Dentro das sortes sinxelas, en caso de saída do cero, pérdese a metade da aposta e recupérase a outra metade.

2. Máximos e mínimos das apostas. O mínimo de aposta está determinado pola autorización concedida ao casino. A persoa xogadora, no momento en que se atribúe unha serie de fichas, pode fixar o valor que ela desexa dar a cada unha delas, dentro dos límites do mínimo e máximo sobre un número enteiro. Se non se fai uso desta facultade, cada unha das súas fichas representa o mínimo da postura da mesa.

Os mínimos nas apostas denominadas sortes sinxelas poderán ser fixados ata cinco veces o mínimo autorizado sobre un número enteiro.

O máximo vén fixado respecto ás sortes sinxelas, en 180, 360 ou 540 veces a postura mínima; e respecto ás sortes múltiples, o número enteiro supón 10, 20 ou 30 veces a dita cantidade mínima; na parella ou cabalo, 20, 40 ou 60 veces; na fila transversal, 30, 60 ou 90 veces; no cadro, 40, 80 ou 120 veces; na seisena, 60, 120 ou 180 veces; na columna ou ducia, 120, 240 ou 360 veces, e na dobre columna e dobre ducia, 240, 480 ou 720 veces mínimo por postura.

3. Desenvolvemento do xogo. En cada xogada, o/a croupier, cando non estea asistido polo/pola auxiliar, debe reconstruír os montóns de fichas e os pagamentos deben ser sempre efectuados na orde seguinte: dobre columna, columna, pasa, impar, negro, vermello, par, falta, dobre ducia, ducia, seisena, transversal, cadro, parella ou cabalo e, en último lugar, o pleno ou número completo; pero se unha persoa xogadora ten varias combinacións gañadoras, páganse todas dunha soa vez, aínda que as apostas sexan de distinta clase. Os pagamentos realízanse con fichas de cor dun valor determinado, propias da persoa xogadora gañadora, ou con fichas e placas de valor ou ambas.

03. Vinte e un ou black-jack.

I. Denominación.

O vinte e un ou black-jack é un xogo de azar practicado con naipes dos denominados de contrapartida, no cal os/as participantes xogan contra o establecemento, sendo o obxecto do xogo alcanzar vinte e un puntos ou acercarse a eles sen pasar deste límite.

II. Elementos materiais.

Cartas ou naipes. Ao vinte e un ou black-jack xógase con seis barallas de 52 cartas cada unha, tres dunha cor e tres doutra. As figuras valen dez puntos, o as un punto ou once, segundo lle conveña á persoa xogadora, e as outras cartas terán o seu valor nominal.

Distribuidor ou sabot. É un recipiente onde se introducen as cartas, unha vez baralladas convenientemente para proceder a súa distribución. Nel deslízanse, aparecendo de unha en unha.

Todos os distribuidores deben ser numerados en cada establecemento e gardados no armario das cartas ou noutro distinto que cumpra as mesmas exixencias. A súa distribución ás diferentes mesas realízaa o/a director/a ou empregado/a responsable ao comezo de cada sesión, procurando evitar que os mesmos distribuidores se destinen sistematicamente ás mesmas mesas.

Logo da homologación poderase autorizar a utilización de distribuidores ou sabot automáticos que conteñan elementos dispositivos ou compoñentes electrónicos ou informáticos e que realicen a función de barallado de cartas dun xeito automático.

A dirección xeral competente en materia de xogo poderá autorizar, tras a solicitude do casino, a instalación de mesas con panos reversibles, de tal forma que, nunha mesma mesa, se poidan poñer en funcionamento distintos xogos, tendo en conta, na mesma xornada, e unha vez posta en funcionamento unha mesa cun tipo de xogo, que este só poderá variarse nunha ocasión na devandita xornada e sempre efectuando o peche do xogo anterior. Posteriormente iniciarase o novo xogo co seu novo anticipo. De utilizarse esta posibilidade, cada pano terá o seu número e libros de contabilidade específicos.

III. Elementos persoais.

O/a inspector/a ou xefe/a de mesa, a quen lle corresponde controlar o xogo e resolver os problemas que durante o seu transcurso se presenten. Pode existir un/unha inspector/a ou xefe/a de mesa por un máximo de catro mesas se son contiguas.

O/a croupier, que é quen dirixe a partida, e ten como misión, de ser o caso, a mestura das cartas, a súa distribución ás persoas xogadoras, o pago ás que resulten gañadoras e retirar as posturas perdedoras.

As persoas xogadoras, que deben estar sentadas. O número de persoas xogadoras a que se permite participar no xogo debe coincidir co número de prazas de apostas marcadas no tapete, a súa cifra máxima é sete. Se algunhas prazas non están cubertas, poden as persoas xogadoras apostar sobre as vacantes. Así mesmo, poderán apostar sobre a man de calquera outra persoa xogadora co seu consentimento e dentro dos límites da aposta máxima. En calquera caso, a persoa xogadora situada na primeira liña diante de cada casa será a que mande nela.

Non poderá iniciarse ou continuar a partida con menos de dúas mans apostadas.

Cada man dunha persoa xogadora será considerada individualmente e seguirá a orde normal de distribución e petición de cartas.

Poden tamén participar no xogo as persoas xogadoras que están en pé, apostando sobre a man dunha persoa xogadora, co consentimento desta e dentro dos límites da aposta máxima de cada praza. Non obstante, non poden darlle á persoa xogadora consellos ou instrucións, debendo aceptar as súas iniciativas.

Cando dous/dúas ou máis clientes/as xoguen nunha casa vacante, darase prioridade ao da aposta maior e, no caso de que as posturas sexan iguais, ao/á que estea máis cerca do sabot.

O máximo de persoas xogadoras que poderán apostar por casa será de tres.

IV. Regras de xogo.

1. Posibilidades de xogo.

a) Xogo simple ou vinte e un ou black-jack. Cando se efectuasen todas as apostas o/a croupier distribuirá un naipe a cada man, comezando pola súa esquerda e seguindo o sentido das agullas do reloxo, e dándose el/ela mesmo/a outro naipe.

Despois distribuirase un segundo naipe, sempre na mesma orde, a cada man. Seguidamente preguntaralles ás persoas xogadoras que teñen a man se desexan naipes adicionais.

Cada persoa xogadora poderá rexeitar ou pedir naipes complementarios, un por un, ata que o crea oportuno, pero en ningún caso poderá pedir naipes suplementarios se obtivo xa unha puntuación de 21 ou máis. Cando unha man obteña unha puntuación superior a 21, perderá, e o/a croupier recollerá inmediatamente a súa aposta e os naipes antes de pasar á man seguinte.

Cando as persoas xogadoras fixesen o seu xogo, o/a croupier darase a si mesmo/a unha ou varias cartas.

Ao chegar a 17 puntos deberá plantarse, non podendo tomar naipes suplementarios. En caso contrario, deberá pedir outros naipes ata que o total da súa puntuación alcance 17 ou máis. Cando teña un as entre as súas cartas, deberá contalo como once puntos se con este valor alcanza 17 ou máis e sempre que non conte con el máis de 21 puntos. Neste caso, tomarase o valor dun punto.

O/a croupier, despois de anunciar a súa puntuación, recollerá as apostas perdedoras e a pagar as gañadoras de dereita a esquerda. Irá entón recollendo as cartas e colocándoas boca abaixo nun recipiente destinado para este fin, apartando as súas en último lugar.

Se a banca pasou de 21 puntos, pagará todas as apostas que aínda estivesen sobre o tapete. Se non pasou de 21 puntos, recollerá as apostas das mans que teñan unha puntuación inferior á súa e pagaralles a aquelas que a teñan superior.

As mans que obtiveren unha puntuación igual á da banca serán nulas, podendo os seus/ás súas titulares retirar as súas apostas unha vez que se recollan as súas cartas.

Os pagamentos faranse á par, é dicir, pola mesma cantidade da aposta, pero se unha persoa xogadora fixera un vinte e un ou black-jack, que consiste en alcanzar 21 puntos con só dous naipes, pagaráselle sempre en razón de tres por dous. O vinte e un ou black-jack gañará sempre á puntuación de 21 obtida con máis de dúas cartas.

b) O seguro. Cando o primeiro naipe do/da croupier sexa un as, as persoas xogadoras poderán asegurarse contra o posible vinte e un ou black-jack da banca. O/a croupier propoñerá este seguro ao conxunto de persoas xogadoras e antes de dar a terceira carta á primeira persoa xogadora que a pida. A partir deste momento, ninguén poderá asegurarse.

A persoa xogadora que se asegure depositará sobre a liña «seguro», situada enfronte do seu posto, unha cantidade como máximo igual á metade da súa aposta primitiva. Se o/a croupier sacase entón un dez, é dicir, se realizase un vinte e un ou black-jack, recollerá as apostas que perden e pagará os seguros en razón de dous por un. Se non realizase vinte e un ou black-jack, recollerá os seguros e cobrará ou pagará as outras apostas como no xogo simple.

c) Os pares. Cando unha persoa xogadora recibe as dúas primeiras cartas do mesmo valor, poderá xogar a dúas mans. Se utilizase esta posibilidade deberá facer unha aposta igual á súa inicial na outra carta. Estas dúas cartas e estas dúas apostas serán consideradas entón como mans separadas e independentes, tendo cada unha o seu valor e destino propios. Poderá, polo tanto, formar tantas mans como sexa o número de cartas de igual valor que reciba.

A persoa xogadora plantarase, pedirá cartas e xogará nas mesmas condicións que no xogo simple, empezando pola man máis á súa dereita antes de pasar á seguinte. Se forma un novo par, poderá de novo separalo e depositar outra aposta igual.

Cando unha persoa xogadora separase un par de ases, non se lle permitirá pedir máis que un só naipe por cada as que forma unha nova man.

Se unha persoa xogadora separase un par de ases ou un par de cartas que vallan 10 puntos cada unha e coa seguinte totalizase 21 puntos, esta xogada non será considerada como vinte e un ou black-jack e pagaráselle soamente unha vez a súa aposta.

d) Aposta dobre. Cando a persoa xogadora obtiver 9, 10 ou 11 puntos cos dous primeiros naipes, poderá dobrar a súa aposta.

Neste caso, non terá dereito máis ca un só naipe suplementario. A dobre aposta estará autorizada para todas as mans, comprendidos os pares.

e) Retiro. Unha persoa xogadora poderá desistir da súa xogada, perdendo a metade do importe da súa aposta, sempre que o primeiro naipe do/da croupier non sexa un as, e antes de dar a terceira carta á primeira persoa xogadora que a solicite.

2. Máximo e mínimo das apostas. As apostas das persoas xogadoras exclusivamente representadas por fichas deben realizarse, dentro dos límites do mínimo e máximo, antes de distribuír as cartas.

a) O mínimo virá fixado pola autorización outorgada ao casino, sendo de aplicación a este xogo as normas da ruleta referentes á posibilidade de modificar o mínimo e o máximo das apostas.

b) O máximo das apostas é fixado por cada mesa na autorización en 20, 25, 50, 100 ou 200 veces o mínimo da postura. O máximo enténdese por man e pode ser excedido no suposto dunha persoa xogadora sentada, titular de varias mans doutras persoas xogadoras.

3. Funcionamento do xogo. Existen diversas operacións que son previas ao comezo de cada partida:

a) A extracción de naipes do depósito, o seu desempaquetado e a súa mestura ateranse á normativa específica correspondente.

b) Finalizadas as operacións previas, cada un dos montóns mesturarase e cortarase separadamente, polo menos tres veces. Seguidamente, os seis xogos reuniranse e cortaranse e, finalmente, a media ducia presentarase a unha persoa xogadora para un novo e último corte. Despois deste, o/a croupier colocará un separador de mostra ou de bloqueo, co fin de deixar como reserva unha cantidade de cartas equivalente como mínimo a un xogo. A seguir introduciranse as cartas no distribuidor ou sabot.

c) Antes de distribuír as cartas, o/a croupier apartará as cinco primeiras do distribuidor e comezará despois a partida.

As cartas distribuiranse sempre cara a arriba. Cando apareza o separador, o/a croupier debe ensinalo ao público e anunciará que a xogada que está realizando é a última do corte. Se aparecer unha carta cara a arriba no distribuidor, eliminarase.

04. Bóla ou boule.

I. Denominación.

A bóla ou boule é un xogo de azar, dos denominados de contrapartida, no cal os/as participantes xogan contra o establecemento organizador, dependendo a posibilidade de gañar do movemento dunha bóla que se move dentro dunha plataforma circular.

II. Elementos materiais.

O xogo da bóla practícase nunha mesa que no seu centro dispón dunha plataforma circular e, aos seus lados, dous panos destinados a recibir as apostas. Tamén pode incluír un só pano.

A mencionada plataforma consiste nun prato circular de 1,50 metros de diámetro inserto nun cadrado de 1,85 metros de lado. No centro presenta un saínte arredor do que se distribúen dúas filas, con dezaoito orificios, e coa numeración do 1 ao 9, nun dos cales virá a caer a bóla de caucho indicando o número gañador. Deles, os orificios cos números 1, 3, 6 e 8 son de cor negra, e de cor vermella os números 2, 4, 7 e 9, sendo amarelo, ou doutra cor, pero nunca vermello ou negro o número 5.

Os panos de xogo son idénticos e están divididos nun determinado número de casas que corresponden ás diversas combinacións posibles. A persoa xogadora pode elixir entre as sortes múltiples ou sinxelas, que consisten en realizar a aposta sobre par ou impar (números pares ou impares), vermello ou negro (números vermellos ou negros), pasa (números superiores ao 5) e falta (números inferiores ao 5). Este número 5 indicado non figura en ningunha de tales combinacións, ocupa a casa central do taboleiro e pode ser xogado como calquera outro número, pero non é nin vermello nin negro e está excluído da serie impar, pasa ou falta.

Ver referencia pdf "18700D002P022.PDF"

III. Elementos persoais.

Xefe/a de mesa que dirixe esta.

Croupiers, un/unha por cada pano, encargados/as de lanzar a bóla, seguindo unha orde de rotación establecida pola dirección, sen que ningún deles/delas poida especializarse nesta misión.

Persoas xogadoras, en cada partida poden participar un número indeterminado delas.

IV. Regras de xogo.

1. Combinacións posibles. Só se poden usar dúas combinacións:

Primeira: apostar sobre un número enteiro, do 1 ao 9, neste caso a persoa gañadora recibe sete veces o valor da súa aposta.

Segunda: apostar sobre unha sorte sinxela (vermello ou negro, par ou impar, pasa ou falta). En todos estes casos, a persoa gañadora recupera a súa aposta e recibe un valor igual a ela. Non obstante, cando sae o número 5, pérdense todas as apostas realizadas sobre estas sortes sinxelas.

2. Máximo e mínimo de apostas. O mínimo de apostas vén fixado na autorización concedida ao casino. Non obstante, o/a director/a responsable do establecemento pode abrir os panos cunha aposta mínima igual a dúas veces a autorizada, sempre que aquel mínimo sexa mantido, polo menos, nun pano, durante todo o tempo en que permaneza aberto o dito establecemento.

O máximo de apostas virá fixado na autorización. Para as apostas sobre un número enteiro, non poderá ser inferior a corenta veces, nin superior a cen veces o mínimo autorizado; e para as sortes sinxelas non poderá ser inferior a duascentas veces nin superior a cincocentas veces o dito número. Este máximo aplícase, por mesa, a cada persoa xogadora considerada illadamente. Por iso, o establecemento non pode fixar un máximo para o conxunto de apostas que pertenzan a persoas xogadoras diferentes e colocadas sobre un número enteiro ou sobre unha sorte sinxela.

3. Desenvolvemento do xogo. As apostas realízanse polas persoas xogadoras a partir do momento en que o/a xefe/a da partida anuncia «Fagan as súas apostas». Estas son colocadas, en forma de fichas, nunha das casas do taboleiro escollido pola persoa xogadora.

A continuación a bóla é lanzada polo/pola croupier ao longo do bordo exterior do prato circular, no cal dará numerosas voltas antes de abordar a zona dos orificios. É neste momento cando o/a croupier pregunta: «¿Están feitas as apostas?». Seguidamente anuncia «Non vai máis». Desde entón toda aposta depositada tras este aviso é rexeitada e o/a croupier devolve as fichas ao/á apostante tardío/a co seu anciño ou raqueta.

Unha vez que a bóla queda inmobilizada nun orificio, o/a lanzador/a da bóla anuncia o resultado, dicindo en voz alta o número ganador e as sortes sinxelas.

O/a croupier recolle entón, co seu anciño, todas as apostas perdedoras, deixando sobre a mesa as apostas gañadoras, ás cales el/ela engade a ganancia. A persoa xogadora que gaña recupera, en todos os casos, a súa aposta e pode retirala do xogo.

05. Trinta e corenta.

I. Denominación.

O trinta e corenta é un xogo de azar practicado con cartas, dos denominados de contrapartida, no cal os/as participantes xogan contra o establecemento, existindo varias combinacións gañadoras.

II. Elementos materiais.

Cartas ou naipes. Ao trinta e corenta xógase con seis barallas, das denominadas francesas, de 52 cartas cada unha, todas dunha mesma cor, sen índices. As figuras valen dez puntos, o as un punto e as outras cartas o seu valor nominal.

Mesa de xogo. Terá forma de escudo, dividida en catro casas, dúas delas de maior tamaño, que corresponderán ao vermello e negro; ambas estarán separadas por unha banda central que conterá a cor, situándose máis abaixo unha casa en forma triangular para o inverso.

Na parte oposta situarase o xefe/a de mesa, colocándose a ambos os lados deste os dous/dúas croupiers. Diante e á esquerda do/da croupier que corta existirá unha fenda en que se depositarán as cartas usadas e en fronte dos dous/das dúas croupiers a caixa que contén a banca da mesa.

Ver referencia pdf "18700D002P022.PDF"

III. Elementos persoais.

Cada mesa terá permanentemente destinados/as ao seu servizo un/unha xefe/a de mesa e dous/dúas croupiers.

O/a xefe/a de mesa será o responsable do correcto desenvolvemento do xogo e os/as croupiers, situados/as un en fronte ao outro/á outra, un deles/delas, o/a croupier que corta, terá como misión a repartición das cartas, e o outro/outra, o pagamento das apostas gañadoras e a retirada das posturas perdedoras.

En canto ás persoas xogadoras, en cada partida poden apostar un número indeterminado delas.

IV. Regras de xogo.

1. Combinacións posibles. Formaranse dúas filas desprazadas de cartas, a de arriba denominada negra e a de abaixo vermella. Distribuiranse cartas ata que se obteña por cada fila unha puntuación comprendida entre trinta e corenta.

As persoas xogadoras non poden facer uso máis ca das combinacións seguintes, polas que eles/elas reciben o equivalente da súa aposta.

a) Vermello ou negro: gañará a fila con cartas que teñan un valor máis próximo a 31.

b) Cor ou inversa: hai cor se a fila gañadora é da mesma cor que a primeira carta da fila negra. No caso contrario hai inversa.

Cando dúas filas de cartas forman o mesmo punto, o xogo é nulo salvo que o dito punto sexa 31. Neste caso rexen as mesmas disposicións que regulan o sistema do cero na ruleta. As apostas iguais ou superiores, mediante o depósito do 1 por 100 do importe da aposta efectuada no momento da postura; para este efecto situarase un sinal ou placa sobre a postura ao realizar esta.

2. Máximo e mínimo das apostas. O mínimo das apostas vén determinado na autorización concedida ao casino e o máximo será igual a mil veces o mínimo establecido.

3. Desenvolvemento do xogo. Unha vez realizada a operación de mesturar as cartas, de ser o caso, polo/pola croupier, a persoa xogadora máis próximo/a á dereita deste/desta procederá ao corte delas.

Acto seguido o/a croupier coloca unha carta vermella diante das cinco últimas cartas do feixe. A aparición desta carta vermella determina a anulación do xogo en curso, procedendo a poñer na mesa e boca abaixo as cinco últimas cartas, así como ao seu reconto.

Despois de seren introducidas as cartas no sabot realízase, en forma descuberta, a colocación destas sobre a mesa, que comezará necesariamente pola fila negra. Cando o total alcance ou exceda os 31 puntos, iniciarase a colocación de cartas na fila vermella. A continuación o/a croupier anuncia en voz alta a puntuación de cada fila e as sortes gañadoras (por exemplo: dous negro e cor gañan o negro e inverso gañan, e, empezando polo vermello, é dicir, dous vermello e cor gañan o negro e inverso), o/a croupier anunciará tamén cor gaña ou cor perde. Acto seguido, procederase ao pagamento das apostas gañadoras, operación que se realizará obrigatoriamente sorte por sorte, comezando sempre por cor ou inversa e despois negra e vermella e polas apostas máis afastadas do/da croupier. Só despois de seren retiradas as posturas perdedoras se poderá proceder ao pagamento nas apostas gañadoras.

As cartas permanecerán sobre a mesa durante todo o tempo que dure a retirada e pagamento das apostas, de xeito que as persoas xogadoras poden verificar as puntuacións dos distintos xogos.

06. Punto e banca.

I. Denominación.

O punto e banca é un xogo de cartas que enfronta varias persoas xogadoras entre si, podendo o resto daquelas apostar tanto a favor da banca como contra ela. Corresponde en todo caso ao establecemento o exercicio da banca.

II. Elementos materiais.

Cartas: utilizaranse seis barallas, de 52 cartas, con índices, a metade dunha e a outra metade doutra. Os naipes poderán ser usados varias veces, sempre e cando se encontren en perfecto estado.

Distribuidor ou sabot: observarase o disposto para o dito elemento material no desenvolvemento do xogo de black-jack neste catálogo.

Mesa de xogo: será de forma ovalada, con dous cortes ou fendeduras situadas unha en fronte a outra nos lados maiores da mesa, destinados a acoller o/a xefe/a de mesa e os dous/dúas croupiers, respectivamente. A mesa terá unha serie de departamentos separados e numerados a partir da dereita do/da xefe/a de mesa, que levará o número un. A numeración será correlativa, se ben poderá eliminarse o número 13. Cada departamento pode dar acollida a unha persoa xogadora sentada. Existe así mesmo igual número de casas destinadas a recibir as apostas feitas a favor da banca. A súa numeración corresponderase coa dos departamentos das persoas xogadoras. Tamén poderá practicarse o xogo nunha mesa reducida con dimensións e características similares á do vinte e un ou black-jack, que pode permitir o uso alternativo e reversible para ambos os xogos dunha mesma mesa e para un número de persoas xogadoras sentadas igual ou inferior a sete (mesa de mini punto e banca) e igual e inferior a nove (mesa de

midi punto e banca). Nestas mesas non poderán participar persoas xogadoras de pé e substituirase a cesta para recibir as cartas usadas por un recipiente situado á dereita do/da croupier e destinado para este fin.

A superficie central da mesa conterá as seguintes aberturas: unha destinada a recibir as cartas usadas, chamada cesta; outras ou outras dúas para as propinas que se lles dean aos/ás empregados/as e outra para introducir os billetes que se cambien por fichas ou placas. Así mesmo existirá unha casa no centro da mesa para recoller as apostas a favor do empate.

III. Elementos persoais.

Cada mesa de xogo terá afectos un/unha xefe/a de mesa e dous/dúas ou tres croupiers, excepto se o xogo se desenvolve nunha soa ala da mesa, no antedito caso o/a xefe/a de mesa poderá realizar tamén as funcións de un dos/das croupiers. No caso das mesas reducidas pode existir un/unha xefe/a de mesa cada catro mesas e un/unha croupier para cada mesa.

Xefe/a de mesa, ao/á que lle corresponde a dirección do xogo en todas as súas fases, sen prexuízo das funcións que ao longo da presente epígrafe do catálogo se lle atribúe. Tamén levará unha lista na cal se determine a orde de prioridade para cubrir prazas que queden vacantes.

Croupiers que son os/as responsables das apostas dos seus respectivos lados da mesa, así como da recollida de apostas perdedoras e do pagamento das apostas gañadoras. Correspóndelles tamén, se for o caso, a mestura das cartas, a súa introdución no sabot e na cesta, unha vez usadas. Así mesmo, recollerán a dedución que en beneficio do establecemento haxa que facer, recibirán as propinas e introduciranas na rañura destinada para o efecto.

Anunciarán o comezo de cada xogada e da man gañadora e informarán as persoas xogadoras sobre as regras a seguir en cada caso. Así mesmo, pasarán o sabot, recollerán os naipes ao final de cada xogada e comprobarán o seu estado.

Cando o xogo se desenvolve na mesa reducida, a distribución das cartas corresponderalle ao/á croupier, a primeira e a terceira para punto e a segunda e a cuarta para banca, procedendo a extraer unha carta adicional para o punto ou a banca, seguindo as regras da terceira carta.

Unha vez recollidas as apostas perdedoras e pagadas as gañadoras, as cartas serán retiradas boca abaixo e depositadas nun recipiente ou caixa destinado para este fin.

Poderán participar no xogo persoas xogadoras sentadas fronte aos departamentos numerados e, á opción da dirección do casino, aquelas persoas xogadoras que permanezan de pé.

A distribución das cartas polas persoas xogadoras é optativa. Establécese unha quenda rotatoria a partir da situada fronte ao seu departamento número 1. Se algunha persoa xogadora non quere realizar a distribución, o sabot pasará á que estea situada á súa dereita.

A persoa xogadora que distribúe as cartas xoga a man da banca; a man da persoa xogadora corresponderalle a aquela que realizase a aposta máis elevada; de non haber apostas a favor da man da persoa xogadora, terá as cartas o/a croupier. Perderase o dereito a distribuír as cartas cando a banca perda a xogada, pasando o sabot á persoa xogadora correspondente, de acordo coa quenda establecida.

Banca. O establecemento constitúese en banca e corresponderalle o cobramento e pagamento das apostas. No suposto de resultar gañadora a man da banca, efectuarase unha dedución do 5 por 100 das apostas gañadoras en beneficio do establecemento.

O mínimo das posturas poderá ser distinto para cada mesa, non podendo en ningún caso ser inferior ao mínimo que conste na correspondente autorización do casino, e o máximo das apostas será fixado para cada mesa entre 20 e 50 ou 100 veces o mínimo, podendo determinar a dirección do casino que as apostas sexan múltiplos do mínimo da mesa.

IV. Regras de xogo.

1. Cada persoa xogadora recibe inicialmente dúas cartas.

O valor do xogo depende dos puntos adxudicados a cada carta, que son os que leva inscritos, salvo o 10 e as figuras, que non teñen ningún valor numérico, e o as, que vale un punto. Na suma dos puntos desprézanse as decenas e só ten valor, para os efectos do xogo, a cifra de unidades. Gañará aquela cuxa puntuación sexa de nove ou estea máis próxima á dita cifra. No caso de empate, a xogada será considerada nula e as apostas poderán ser retiradas, a excepción das efectuadas a empate, que cobrarán do establecemento a súa ganancia a razón de oito a un. As apostas sobre o empate non poderán ser superiores ao 10% do máximo da mesa.

Recibidas as dúas primeiras cartas pola man da persoa xogadora e a man da banca, se a puntuación dalgunha destas é 8 ou 9, o xogo dáse por finalizado, non podendo a outra man solicitar unha terceira carta.

2. Regras da terceira carta:

a) Para a man da persoa xogadora.

-Cando a súa puntuación é de 0, 1, 2, 3, 4 ou 5, pedirá carta.

-Cando a súa puntuación é de 6 ou 7, plantarase.

b) Para a man da banca o xogo axustarase ao disposto no seguinte cadro:

Ver referencia pdf "18700D002P022.PDF"

3. Desenvolvemento do xogo. Realizadas as operacións de reconto, mestura e corte do feixe, colocarase no seu interior unha carta bloqueo ou carta de detención dunha cor que permita diferenciala das demais, coidando de que por debaixo dela queden sete cartas. A aparición da carta de detención determinará o final da partida e non se poderá realizar ningunha xogada máis, salvo a que se está levando a cabo nese momento.

A seguir o/a croupier extrae unha primeira carta e descóbrea. O valor daquela determinará o número de cartas que serán inutilizadas e introducidas na cesta. Para este caso concreto, o valor das figuras e os deces será de dez puntos.

A orde do/da croupier «Non vai máis», e a continuación «Cartas», está dirixida á persoa xogadora que ten o sabot para que esta reparta dúas cartas, boca abaixo, a cada man. A primeira e terceira cartas que corresponden á man da persoa xogadora son trasladadas ao/a croupier, quedando a segunda carta e cuarta carta, que corresponden á banca, baixo a esquina frontal dereita do sabot. Acto seguido, son trasladadas as cartas da man da persoa xogadora, entréganselle a aquela que realizou a maior aposta a favor da dita man, quen as mostrará devolvéndollas a continuación ao/á croupier, que anunciará a puntuación total e colocaraas á súa dereita. Así mesmo, a persoa xogadora que distribúe as cartas descóbreas e trasládallas ao/á croupier.

Este/a anuncia o punto total para as dúas cartas e colócaas á súa esquerda.

Cando de acordo coas regras establecidas, a persoa xogadora teña que plantarse, o/a croupier anunciará: «A persoa xogadora plántase ... (punto total)»; en caso contrario, dirá en voz alta: «Carta para a persoa xogadora».

Iguais regras son aplicadas á man da banca.

Finalizada a xogada, o/a croupier anunciará a man coa máis alta puntuación, que será a gañadora, procedendo a continuación ao pagamento das apostas gañadoras e á dedución, se for o caso, do beneficio do establecemento.

En caso de empate, a persoa xogadora que apostase a empate cobrará a ganancia establecida.

07. Ferrocarril, bacará ou chemin de fer.

I. Denominación.

O ferrocarril, coñecido tamén como chemin de fer, é un xogo de cartas dos denominados de círculo que enfronta a varias persoas xogadoras entre si, tendo unha delas a banca e podendo apostar contra esta todas as persoas xogadoras que estean sentadas e as que se atopen detrás destas de pé.

II. Elementos materiais.

Cartas: utilizaranse seis barallas, de 52 cartas, das denominadas francesas, sen índices, a metade delas dunha cor e a outra metade de cor distinta, podendo ser usados os naipes varias veces e non se substituirán por outros, sempre e cando se atopen en perfecto estado. No que se refire ás características que teñen que reunir as cartas, á forma de ser baralladas e manexadas durante o xogo, observarase o disposto na normativa específica de casinos de xogo.

Distribuidor ou sabot: terase en conta o disposto para o dito elemento material no desenvolvemento do xogo de vinte e un ou black-jack neste catálogo.

Mesa de xogo: será de forma ovalada, cun lixeiro corte ou fendedura nun dos seus lados maiores, que indica a posición do/da croupier. A mesa terá unha serie de departamentos separados e numerados a partir da dereita do/da croupier. Cada departamento pode darlle acollida a unha soa persoa xogadora.

A superficie central da mesa debe conter as seguintes aberturas ou rañuras: unha no centro, onde se introducirán as cartas usadas, tamén chamada cesta; outra á dereita do/da croupier, para as deducións en beneficio da casa, chamada pozo ou cagnotte, e unha última, ou dúas, de ser o caso, para propinas. A cantidade que constitúe a banca estará situada fronte ao/á croupier á súa esquerda, situándose á dereita del/dela as ganancias do/da banqueiro/a que non constitúan a banca, é dicir, que non fosen postas en xogo por este/esta.

III. Elementos persoais.

Inspección: é a responsable do desenvolvemento correcto do xogo. Actúa como delegación da dirección e correspóndelle resolver calquera conflito presentado na mesa do xogo. Levará unha relación de persoas xogadoras que aspiren a ocupar prazas que poidan quedar vacantes.

Croupier: sen prexuízo das funcións que ao longo desta epígrafe do catálogo se lle atribúen, terá encomendadas as funcións de reconto, mestura e introdución das cartas no sabot; traslado das cartas ás persoas xogadoras por medio da súa pa; anuncio en voz alta das distintas fases do xogo e actuacións das persoas xogadoras; cálculo e ingreso da cantidade que corresponda ao pozo na rañura correspondente; introdución das cartas usadas e das propinas nas rañuras destinadas para o efecto; a custodia e control da suma que constitúe a banca; o pagamento das ganancias ás persoas xogadoras e orientar as persoas xogadoras que llo soliciten sobre as regras aplicables en cada caso.

Cambista: situado de pé fronte ou detrás do/da croupier, ten por misión efectuar o cambio de diñeiro por fichas ás persoas xogadoras que o soliciten, así como ao/á croupier.

Servidores/as auxiliares en número non superior a un/unha por catro mesas ou fracción: non poderán intervir en todo canto se relacione co desenvolvemento do xogo, as cartas ou as fichas.

Persoas xogadoras: fronte a cada un dos departamentos da mesa poderá sentarse un persoa xogadora, podendo participar no xogo cantas persoas xogadoras o desexen, situándose de pé arredor da mesa e detrás das que se atopen sentadas. A superficie dos departamentos poderá ser utilizada para depositar as fichas e manexar, de ser o caso, as cartas.

Para todos os efectos establécese a seguinte orde de prioridade entre as persoas xogadoras: as persoas xogadoras sentadas sobre as que están de pé; entre as primeiras seguirase a numeración correlativa dos departamentos a partir do que se atope situado á dereita da banca; entre as que están de pé seguirase a mesma orde de prioridades que entre as sentadas. A persoa xogadora sentada que cambia de sitio durante un corte está obrigada a deixar pasar a man-saudar; ademais, non pode exercer o seu dereito de prioridade para adquirir a man pasada, é dicir, coller a banca, ou para facer banco ata que non saudase. O mesmo ocorrerá cando unha persoa xogadora ocupe unha praza vacante durante a distribución dun sabot.

Se o cambio de asento ou a chegada dunha nova persoa xogadora se fan ao finalizar o corte, a orde de prioridades permanecerá intacta.

En ningún caso pode unha persoa xogadora ocupar praza de asento en varias mesas de xogo simultaneamente.

A ocupación de prazas vacantes farase da forma seguinte: terán prioridade, durante o corte, as persoas inscritas na lista de espera en poder da inspección, unha vez concluída esta, as persoas xogadoras sentadas que solicitasen cambio de praza.

A persoa xogadora que durante dúas veces consecutivas rexeite tomar a man deberá abandonar a súa praza na mesa de xogo.

Estalles prohibido ás persoas xogadoras de pé desprazarse de sitio para seguir a man. A que o faga cobrará a primeira ou obterá o pagamento a última, de ser o caso. A persoa xogadora que estea ausente da mesa cando lle corresponda coller a man perderá a súa praza en beneficio da primeira persoa inscrita na lista de espera.

En ningún caso poderá ocuparse unha praza de asento momentaneamente baleira.

Banca: a banca adxudicaráselle inicialmente á persoa xogadora situada á dereita do/da croupier (sentado/a fronte ao departamento número 1) e será rotatoria seguindo a orde de numeración dos departamentos.

Calquera persoa xogadora, estea sentada ou de pé, poderá, en calquera pase da banca, asociarse á banca, se esta o acepta, poñendo á súa disposición unha cantidade determinada. A persoa asociada non poderá intervir en ningún momento no xogo e gañará ou perderá nas mesmas condicións que a banca.

A banca poderá ser retirada pola persoa xogadora mentres gaña, debendo, no caso de perda, serlle cedida á persoa xogadora situada á súa dereita. O mesmo ocorrerá cando a banca sexa abandonada voluntariamente.

Se algunha das persoas xogadoras non quere coller a banca, esta seguirá rotando pola orde establecida. En todo caso, a persoa xogadora que colle a banca deberá de facelo, polo menos, coa mesma cantidade que a que a abandonou voluntariamente.

Se ningunha persoa xogadora sentada desexa adquirir a banca, ofréceseles ás que están de pé e, se ninguén a adquire, a persoa xogadora que cedeu a banca ou pasou a man pode volver a collela pola mesma cantidade. A man pasada adquirida por unha soa persoa xogadora ten preferencia sobre a adquirida en asociación. A banca que pasou a man pode asociarse coa persoa xogadora que a adquiriu posteriormente.

Cando a banca non foi adquirida na quenda rotatoria, poxarase e adxudicarase ao/á maior ofertante de entre as persoas xogadoras sentadas e de pé, a excepción da banca. As persoas xogadoras sentadas só terán prioridade sobre as que se encontran de pé no caso de poxas iguais.

Cando algunha persoa xogadora que está de pé adquire a banca (toma a man) e a volve pasar, aquela ofrécesllee primeiro á persoa xogadora sentada á dereita da última persoa xogadora sentada que tivese a banca. Cando a persoa xogadora que adquire a banca está sentada ao pasala, esta ofreceráselle primeiro á persoa xogadora sentada á súa dereita.

Unha vez adxudicada a banca, o total que a forma pode ser aumentado pola persoa xogadora en relación coa cantidade ofrecida, pero nunca diminuída. Se a banca adxudicada é superior á banca anterior, a persoa xogadora que fixo banca antes de pasarlle a man ten dereito a coller as cartas, aínda que a súa aposta sexa inferior á doutras persoas xogadoras, pero só por unha xogada.

A banca que pasa a man, así como a súa persoa asociada, non poderá participar na poxa da man que acaban de pasar, pero si poderán facelo cando a nova banca pase a man e así sucesivamente.

Se ningunha persoa xogadora adquiriu a banca, esta volve á persoa xogadora situada á dereita da banca que pasou a man, quen deberá de aceptala polo mínimo establecido na mesa. De non facelo, cederá a súa praza.

Cando a persoa xogadora que adquiriu unha man pasada perde, o sabot volve á persoa xogadora sentada á dereita da banca que pasou a man.

A persoa xogadora que adquire a banca está obrigada a dar cartas polo menos unha vez. Se se nega, a banca poxarase pero non poderán licitar por ela nin esta persoa xogadora nin a anterior banca se pasou a man. Se nesta primeira xogada hai igualdade de puntos, a banca pode ser cedida de acordo coas regras xerais.

O mínimo de punto ou mínimo das posturas, é dicir, a cantidade mínima para poder xogar como punto contra a banca, non será necesariamente idéntico para as distintas mesas, nin poderá ser inferior en ningún caso ao mínimo que apareza na autorización outorgada ao casino, que deberá aparecer ostensiblemente indicado na mesa.

O máximo do punto ou cantidade máxima que pode expoñer a persoa xogadora é aquela cantidade equivalente á existente na banca en cada xogada. Cando unha persoa xogadora chega á dita cantidade máxima dise que «fai banco».

O máximo da banca deberá ser equivalente a cen veces o mínimo autorizado para o punto e o mínimo daquela non poderá ser inferior ao deste. Logo da solicitude dos casinos, poderá autorizarse que a banca xogue sen máximo limitado.

A dedución en beneficio do establecemento queda fixado nun 5% sobre as cantidades gañadas pola banca en cada xogada.

Garaxe é a cantidade ou conxunto de cantidades que a banca exclúe do xogo, cando se dan os casos ou circunstancias seguintes:

a) Garaxe voluntario. As ganancias obtidas pola banca normalmente pasan a formar parte da banca, pero aquela poderá decidir voluntariamente excluílas do xogo, sempre que a súa suma supere unha cantidade equivalente ou cincuenta veces o mínimo do punto, pasando entón a constituír ou formar parte do garaxe.

b) Garaxe obrigatorio. É a cantidade que a banca excluirá do xogo na medida en que o importe da banca exceda a suma de valores dos puntos.

c) Garaxe impropio. É aquela parte da banca que o/a banqueiro/a non pode poñer en xogo, porque excede da cantidade máxima permitida para aquela, é dicir, de cen veces o mínimo do punto.

d) Exclusión do garaxe. No caso de que a banca xogue sen máximo limitado, o/a banqueiro/a poderá renunciar ao garaxe anunciando «Todo vai».

IV. Regras de xogo.

O valor do xogo depende dos puntos adxudicados a cada carta, que son os que levan inscritos, salvo o 10 e as figuras, que non teñen ningún valor numérico e o as, que vale un punto. Súmase a puntuación das cartas e desprézanse as decenas, tendo valor exclusivamente a cifra das unidades. Gañará aquel xogo cunha puntuación que sexa de nove ou estea máis próxima á dita cifra. No caso de empate, a xogada é considerada nula.

A banca reparte inicialmente e de forma alternativa dúas cartas tapadas á persoa xogadora que se enfronta con ela e dáse a si mesma dúas cartas tapadas. Se, recibidas as dúas primeiras cartas, a puntuación é de oito ou nove, estas serán descubertas e abátese o xogo, debendo a persoa contraria mostrar, así mesmo, o seu xogo.

Nos demais casos, a persoa xogadora que se enfronta á banca poderá solicitar unha terceira carta ou considerarse servida, o que anunciará utilizando os termos «carta» e «non» respectivamente. A actuación da persoa xogadora aterase ás regras seguintes:

Cando ten 0, 1, 2, 3 ou 4, ten que pedir carta.

Cando ten 5, pode optar.

Cando ten 6 ou 7, ten que plantarse.

No suposto de que a persoa xogadora faga banco, non se lle aplicarán estas regras e terá liberdade para pedir carta ou quedar servida, sempre que o autorice o/a director/a de xogos antes de comezar a partida. A continuación, a banca poderá optar entre pedir carta ou non facelo, excepto cando ten cero, bacará, en que é obrigatorio solicitar unha terceira carta. A diferenza das anteriores, a terceira carta dáse sempre descuberta. O xogo finaliza co anuncio da puntuación de cada persoa xogadora, o descubrimento das cartas e o pagamento ou retirada das apostas, se for o caso.

Toda persoa xogadora pode solicitarlle ao/á croupier aclaracións sobre as regras do xogo, quen está obrigado/a a darllas. Se a persoa xogadora ten puntuación de 5 e lle solicita consello ao/á croupier, este/esta fará que se plante.

A banca poderá, se o desexa, solicitar do/da croupier o cadro de xogadas da banca; neste caso, deberá axustarse ao nel establecido.

Desenvolvemento do xogo. É condición imprescindible para que o xogo poida dar comezo que haxa na mesa un mínimo de catro persoas xogadoras, cifra que deberá manterse ao longo de toda a partida.

Ao principio de cada partida, o/a croupier, despois de mesturar as cartas, ofrécellelas ás persoas xogadoras, dicindo: «Señores/señoras, as cartas pasan». Calquera persoa xogadora pode mesturar as cartas, que pola súa vez deberán de mesturarse por última vez polo/pola croupier cando lle sexan devoltas. Feito isto, ofrécelle as cartas á persoa xogadora situada á súa esquerda, e así sucesivamente, ata que algunha delas corte o feixe.

A continuación colocarase no interior, antes das sete cartas finais do feixe, unha carta-bloqueo, ou carta de detención, dunha cor que permita diferenciala das demais. A aparición daquela carta determinará o final da partida e non se poderá realizar ningunha xogada máis, salvo a que se está levando a cabo nese momento.

Adxudicada a banca, o/a banqueiro/a anunciará a cantidade posta en xogo, que lle será entregada en fichas ao/á croupier, quen as colocará sobre a mesa, á súa esquerda. Acto seguido, este/esta anunciará a suma, indicándolles ás persoas xogadoras que é a cifra máxima que poden xogar; para iso utilizará a expresión «Hai ... euros na banca».

Se hai varias persoas xogadoras que queren facer banco, seguirase a orde das prioridades establecida no punto IV.

O banco feito por unha soa persoa xogadora, incluso se está de pé, ten preferencia sobre o banco en asociación.

Se ningunha das persoas xogadoras, sentadas ou de pé, está disposta a facer banco, pode anunciarse banco parcial, coa expresión «Banco coa mesa», para o cal a cantidade da postura deberá de ser a metade da banca. A seguir, o/a croupier invitará o resto das persoas xogadoras a completar coas súas apostas a suma en banca, ata que coa voz «Non van máis apostas» dea por finalizado o tempo de apostar.

A persoa xogadora que anunciou «Banco coa mesa» ten dereito a coller as cartas, incluso se está de pé, excepto cando alguén di a frase «Coa mesa e último completo», sendo o feito de completar a outra metade o que lle dá prioridade. O «Banco coa mesa» é considerado un acto illado e non dá prioridade para a xogada seguinte, salvo que fose feito só.

Cando ninguén fai banco, nin banco coa mesa, as cartas dánselle á persoa xogadora sentada coa aposta máis alta. Neste caso de igualdade de apostas, estarase á orde xeral de prioridades entre as persoas xogadoras. Está prohibido que unha persoa xogadora sentada una a súa aposta á doutras persoas xogadoras, estean de pé ou sentadas.

A petición de banco non ten preferencia cando as cartas foron xa distribuídas, excepto cando a persoa xogadora repite o banco, «Banco seguido», neste caso pode facelo incluso despois da distribución das cartas, sempre que outra persoa xogadora non as teña xa na man. Ten dereito a pedir «Banco seguido» a persoa xogadora que fixo banco e perdeu.

Se no caso de banco seguido o/a croupier lle dá por erro as cartas a outra persoa xogadora, estas poderán ser reclamadas se aínda non foron vistas, a carta é considerada vista cando foi levantada do tapiz.

Se a petición de banco seguido se produce despois da distribución e entrega das cartas a outra persoa xogadora, esta última ten preferencias se tomou cartas e as viu.

Cando, anunciándose correctamente «Banco seguido», unha persoa xogadora toma as cartas antes de que o/a croupier llas dea á persoa xogadora que anunciou «Banco seguido», aquelas seranlle retiradas, aínda que fosen vistas, e entregaránselle á persoa xogadora á cal lle corresponda.

Todo banco seguido abandonado pode ser recuperado no caso de igualdade de puntuación entre a banca e outra persoa xogadora ou persoas xogadoras.

Cando ninguén fai banco e só unha persoa xogadora aposta contra a banca, esta terá dereito ao banco seguido.

Unha vez realizadas as apostas, e tras a voz do/da croupier «Non van máis apostas», a banca extraerá as cartas do sabot e distribuiraas de nunha e unha alternativamente empezando pola persoa xogadora contraria. As cartas serán trasladadas ata ela polo/pola croupier mediante a pa. Quédalle formalmente prohibido á banca distribuír as cartas antes de que o/a croupier anunciase «Non van máis apostas»; non obstante, poderá instar ao/á croupier a que retire as posturas efectuadas despois de mencionada a dita frase.

Examinadas as cartas e solicitada, se é o caso, unha terceira, procederase a descubrir os respectivos xogos, pagándolle o/a croupier á persoa ganadora. Se o triunfo lle correspondeu á banca, o/a croupier efectuará a dedución correspondente ao pozo ou cagnotte e introducirase o seu importe na rañura destinada para o efecto. As ganancias do/da banqueiro/a pasarán a formar parte da banca, salvo se este/esta decide excluílas do xogo, de acordo co previsto no punto V, neste caso o/a croupier colocaraas sobre a mesa, á súa dereita.

Cando se terminasen as cartas dun sabot, o/a croupier procederá a realizar as operacións correspondentes de mestura, corte e introdución do feixe no sabot. A banca que gaña a última xogada dun corte ten dereito a seguir séndoo na próxima, se ofrece unha cantidade igual á que constituía entón a banca.

Ver referencia pdf "18700D002P022.PDF"

Ante a petición dalgunha persoa xogadora, as cartas serán controladas ao final do corte.

Erros e infraccións no xogo.

1. Está prohibido extraer cartas do distribuidor antes de ter finalizado o tempo das apostas.

As cartas sacadas non poderán en ningún caso ser reintegradas ao sabot e a persoa xogadora que as sacou irregularmente está obrigada a seguir a xogada. Se nun caso excepcional a inspección cre que non debe aplicar esta regra en todo o seu rigor, a carta ou cartas sacadas terán que ser obrigatoriamente desbotadas e non poderán ser utilizadas pola persoa xogadora que tome a man pasada.

Toda carta que apareza descuberta ao ser extraída do sabot considerarase inservible e será retirada, sen que por iso poidan as persoas xogadoras diminuír ou retirar as súas apostas. Se no transcurso da distribución aparecesen dúas ou máis cartas pegadas entre si, a xogada será anulada.

Cando algunha carta caia ao chan só poderá ser recollida polo/pola croupier ou calquera outro/a empregado/a do establecemento e conservará o seu valor, reiniciando a continuación a xogada.

2. Erros do/da croupier. Se o/a croupier descobre accidentalmente algunha carta durante a distribución, as persoas xogadoras deberán de axustarse ás regras do xogo de banca e punto. No caso de que as dúas cartas do punto sexan descubertas, a banca deberá de aterse ao disposto no cadro de xogadas da banca e debe pedir carta nos casos opcionais. Calquera outra falta cometida polo/pola croupier durante a repartición das cartas anulará a xogada, sempre que non poida ser aquela rectificada sen prexuízo para a banca e a persoa xogadora.

No caso de que o/a croupier anuncie por erro «Carta» cando o punto dixo «Non», a xogada restablécese conforme o cadro. Se a banca ten 0, 1, 2, 3, 4 ou 5 e xa sacou unha carta, esta élle adxudicada; se sacou dúas cartas, a primeira delas adxudícaselle e a segunda desbótase; se ten 6 ou 7, calquera carta extraída é desbotada.

3. Erros da banca. A extracción por parte da banca dunha quinta carta despois de terlle dado dúas ao punto e terse dado ela mesma dúas, obrigaralle a aceptala para si no suposto de que o punto non solicite unha terceira carta.

Se a banca, na distribución inicial, se dá máis de dúas cartas, considérase que ten unha puntuación de cero bacará, aínda que conserve o seu dereito a pedir outra carta.

Cando ao dar a terceira carta a banca dálle por erro dúas cartas á persoa xogadora contraria, adxudicaráselle aquela das dúas con que forme unha puntuación máis alta. O contrario ocorrerá cando a banca se dea a si mesma dúas cartas en vez dunha.

Se durante a distribución das dúas primeiras cartas do punto a banca deixa caer algunha na cesta, considérase que o punto abate con 9.

Cando isto ocorre coa terceira carta do punto, considerarase que a súa puntuación é de 9. A banca terá neste caso dereito a unha terceira carta, salvo se ten 7.

Se durante a repartición a banca descobre a primeira ou a terceira carta, ao ir ambas dirixidas ao punto, aquela deberá descubrir a súa carta respectiva.

Cando a banca descobre por erro as dúas cartas dirixidas ao contrario, ademais de descubrir as súas dúas cartas, deberá de axustar obrigatoriamente o seu xogo ao cadro de xogadas da banca.

A banca deberá de falar sempre despois do punto. Se abatese antes de que este se pronunciase, as persoas xogadoras poderán retirar as súas apostas. Cando a banca, tendo 8 ou 9, dá ou ofrece cartas, perde o seu dereito a abater.

A introdución pola banca dalgunha carta na cesta antes de que fose vista de forma inequívoca polo resto das persoas xogadoras, levará aparellada a perda da xogada para a banca.

Non poderá efectuarse ningunha reclamación contra a banca cando a xogada finalizase e as apostas fosen cobradas ou pagadas.

4. Erros das persoas xogadoras. Está formalmente prohibido ver as cartas recibidas de forma lenta e telas na man demasiado tempo. Calquera persoa xogadora que empregue demasiado tempo en anunciar o seu xogo non poderá continuar tendo as cartas.

Excepto o/a croupier, ninguén poderá darlles consellos ás persoas xogadoras. Cando se infrinxa esta regra, estarase ao disposto no cadro de xogadas.

Se por erro o punto di «Carta» en vez de «Non», ou viceversa, a banca ten dereito a darlle ou negarlle a carta, a non ser que aquela teña bacará. En todo caso, a banca deberá de pronunciarse antes de casar a carta.

No caso de que o punto se esqueza de abater no seu momento, perde este dereito; se perdeu carta a decisión tomaraa a banca. O punto que tendo 9 esquece abater, perde xogada se a banca abate con 8.

Calquera outro erro no anuncio do xogo por parte do punto será rectificado, desbotándose, se procede, as cartas postas en xogo como consecuencia do dito erro. Exceptuarase desta regra a persoa xogadora que fai banco, no dito caso sufrirá as consecuencias do seu erro, salvo se ten cero, bacará, coas súas dúas primeiras cartas, podendo entón solicitar sempre unha terceira carta.

Se a persoa xogadora tira as cartas na cesta antes de que fosen vistas, a xogada daráselle por perdida.

As apostas dos puntos deben estar situadas ao descuberto enriba da mesa e deben ser vixiadas por elas. Ningunha reclamación poderá ser aceptada se esta regra foi incumprida. Cando haxa posturas colocadas sobre a raia, xogan á metade; calquera outro anuncio por parte da persoa xogadora obriga ao/á croupier a proceder ao cambio inmediato, sen que a persoa xogadora poida opoñerse. Os casos non previstos na presente epígrafe do catálogo de xogos serán sometidos á apreciación da inspección da mesa, quen resolverá.

08. Bacará a dous panos.

I. Denominación.

O bacará a dous panos é un xogo de cartas dos denominados de círculo, que enfronta unha persoa xogadora que é a banca con outras persoas xogadoras, podendo apostar contra aquel tanto as persoas xogadoras que se atopen sentadas arredor da mesa de xogo como as que están situadas de pé detrás daquelas.

II. Modalidades.

Recibe tamén o nome de banca ou banca francesa e pode revestir dúas modalidades: banca limitada e banca libre ou aberta. No primeiro caso, a banca só responderá pola cantidade, que situada sobre a mesa constitúe a banca en cada momento. Na banca libre ou banca aberta, o seu titular responderá fronte a todas as posturas sen límite.

Na banca limitada existirá un límite ou cifra máxima para constituír banca, independentemente de que durante o transcurso do xogo a banca supere coas súas ganancias tal cantidade máxima de adxudicación.

III. Elementos materiais.

Cartas: utilizaranse barallas de 52 cartas, das denominadas francesas, sen índices, sendo obrigatorio que sexan sempre barallas que se van estrear. Serán necesarias seis barallas, tres dunha cor e tres doutra, tanto na banca libre, como na limitada.

Mesa de xogo: será ovalada, cun lixeiro corte ou fenda nun dous seus lados maiores, que indicará a posición do/da croupier. Fronte a el/ela colocarase a banca, que terá á súa dereita o primeiro pano, formado por unha serie de departamentos e numerados a partir do máis próximo á banca, que levará o número 1; á súa esquerda estará o segundo pano, co mesmo número de departamento e numeración correlativa, iniciada co número seguinte ao último do primeiro pano, no departamento situado máis próximo á banca.

Ademais, cada pano terá unha superficie delimitada destinada a recoller as posturas que se queren realizar sobre o outro pano. As apostas, colocadas sobre a raia que separa aquela superficie do resto do pano, xogarán por partes iguais aos dous panos.

Na parte libre da mesa haberá unha primeira rañura para as cartas usadas, chamada cesta; unha segunda rañura, á dereita do/da croupier para as deducións en beneficio da casa sobre as ganancias da banca, que recibe o nome de pozo ou cagnotte, e unha terceira rañura, que poden ser dúas, para recoller as propinas.

IV. Elementos persoais.

Persoal: o persoal mínimo necesario será: un/unha inspector/a, un/unha croupier, un/unha cambista e un/unha auxiliar. Será aplicable ao/á inspector/a, croupier e cambista, respectivamente, o disposto ao respecto na regulación do ferrocarril, bacará ou chemin de fer, recollido no presente catálogo.

Persoas xogadoras: tamén chamados puntos, cada unha poderá ocupar un dos departamentos numerados na mesa. Así mesmo, poderán sentarse máis persoas xogadoras, que se situarán detrás daquelas entre os distintos departamentos.

Igualmente poderán realizar apostas nos distintos panos cantas persoas xogadoras estean situadas de pé, detrás daquelas que estean sentadas.

A orde de prioridade, para os efectos de apostas, entre as persoas xogadoras, será o seguinte: dentro dun mesmo pano, as persoas xogadoras sentadas nos departamentos numerados máis próximos á banca; a seguir, o resto das persoas xogadoras, pola mesma orde que as sentadas.

No suposto de que se anuncie banco en ambos os dous panos, procederase por sorteo para determinar a prioridade dos panos.

As cartas só poderán ser manexadas polas persoas xogadoras que estean sentadas en departamentos numerados, establecéndose unha quenda rotatoria conforme a orde de numeración de cada pano. As cartas haberán de ser cedidas pola persoa xogadora, seguindo a quenda establecida en caso de triunfo da banca. Queda exceptuada desta regra a persoa xogadora que faga banco, que estea de pé ou sentada para manexar as cartas.

As persoas xogadoras que queiran ocupar unha praza sentada, deberán facerse inscribir na lista de espera que leva a inspección en cada mesa.

Banca: a inspección, á hora de apertura, anunciará o nome do/a banqueiro/a e a cantidade do montante da banca. Se non houbese banqueiro/a, a inspección poxará a banca e adxudicaraa ao/á mellor ofertante, podendo poxar por ela todas as persoas xogadoras. No caso de igualdade de poxas, a adxudicación farase por sorteo.

A adxudicación poderá facerse a un ou varios cortes, e a xuízo do/da director/a de xogos, para un ou varios días. O importe da banca deberá ser depositado, antes do comezo da partida, na caixa do casino, en efectivo ou mediante cheques librados por banco.

O/a banqueiro/a poderá abandonar a banca unha vez realizada a primeira xogada, anunciando a cantidade que retira. Se a banca gaña e se retira, durante o mesmo sabot, non poderá volver ser banqueiro/a. Entenderase que a banca saltou cando non queden fondos dela. Neste caso, o/a banqueiro/a ten dereito a continuar, efectuando un novo depósito igual ou superior ao inicial, ou a abandonar a banca. No caso de que continúe coa banca, pode cambiar de sabot.

En calquera dos casos, abandonada a banca polo/pola banqueiro/a, a inspección volverá ofrecela a outra persoa, pola mesma cantidade inicial. Se non fose aceptada por ningunha, poxarase, ou, se for o caso, sortearase novamente, iniciando logo un novo sabot. Se non se presentase ningún/ningunha ofertante, darase por finalizada a partida.

O mínimo e o máximo das posturas virá establecido na autorización. Os mínimos poderán variar para as distintas mesas de xogo.

A cantidade que forme a banca será necesariamente limitada na modalidade de banca limitada. Na autorización fixarase o máximo e mínimo da banca.

Na banca libre non existirá tope máximo para a banca e o establecemento non poderá fixar un máximo ás posturas das persoas xogadoras. Calquera persoa xogadora poderá ser banqueiro/a, na modalidade de banca libre, se xustifica a existencia dun depósito, considerado suficiente, na propia caixa do establecemento ou na dunha entidade de crédito previamente admitida pola dirección do establecemento, de tal xeito que poida pagar todas as apostas sen que a responsabilidade do establecemento poida verse en ningún momento comprometida.

O bacará con banca libre só poderá practicarse nunha mesa por establecemento e por un máximo de dúas sesións separadas entre si pola hora da cea. En cada sesión xogaranse dous cortes.

A dedución en beneficio do establecemento queda fixada nun dous por cento sobre as cantidades gañadas en cada xogada pola banca para a banca limitada, e nun 1,25 por 100 para a banca libre.

V. Regras de xogo.

As regras contidas no presente catálogo para o ferrocarril, bacará ou chemin de fer, son aplicables con carácter xeral. Sen prexuízo diso establécense as adaptacións que se detallan a continuación.

Enfróntanse dúas persoas xogadoras, unha por cada pano, contra a banca, seguindo a quenda establecida no punto IV, parágrafo 5.

Se a puntuación das dous primeiras cartas é de 0, 1, 2, 3 e 4, as persoas xogadoras pedirán unha terceira carta; se a devandita puntuación é de 5 teñen liberdade para pedir carta ou quedar servidas, e, por fin, se é de 8 ou 9 descubrirán as súas cartas. Queda exceptuada desta regra a persoa xogadora que ao principio da partida faga banco.

A banca pode pedir carta ou plantarse, salvo se solicita do/da croupier o cadro de xogadas da banca, neste caso terá que seguilo sempre que se indique isto para os dous panos. O cadro de xogadas da banca é o recollido no presente catálogo para o ferrocarril, bacará ou chemin de fer.

Un 8 coas dúas primeiras cartas gaña sempre a un 8 ou 9 utilizando unha terceira carta.

Pode pedir banco calquera persoa xogadora, estea sentada ou de pé, por unha soa vez e ao principio de cada partida. O banco comprenderá os dous panos, pero o xogo desenvolverase exactamente igual que se houbese dúas persoas xogadoras, de tal forma que a persoa xogadora non poderá ver as cartas do segundo pano pola persoa xogadora ata xogar no primeiro pano. No caso de que haxa xogo nulo, poderá repetirse a xogada ata dúas veces máis. Entenderase que houbo xogo nulo cando non houbo perda ou ganancia por parte de ningunha das dúas persoas xogadoras.

O xogo en asociación estalles prohibido aos puntos.

Desenvolvemento do xogo: é condición imprescindible para que o xogo poida dar comezo que haxa un mínimo de dúas persoas xogadoras por pano, cifra que deberá manterse ao longo de toda a partida.

Unha vez realizadas as operacións de reconto, mestura e corte do feixe, colocarase no seu interior unha carta bloqueo ou carta de detención dunha cor que permita diferenciala das demais, coidando de que por debaixo dela queden 10 cartas. A aparición daquela carta determinará o final da partida e non se poderá realizar ningunha xogada máis, salvo a que se está a levar a cabo nese momento.

Adxudicada a banca, de acordo co establecido no punto V, a banca entregaralle a cantidade posta en xogo, en fichas, ao/á croupier para a súa custodia. A continuación, realizaranse as posturas en ambos os dous panos, de acordo coa orde de prioridade que establece o punto IV, parágrafo 3º, ata que o/a croupier anuncie en voz alta «Xa non vai máis» a terminación do tempo de apostar. As apostas non poderán ser colocadas inmediatamente á dereita ou á esquerda da banca e do/da croupier.

As apostas colocadas sobre a raia que separa a zona da persoa xogadora da zona de apostas xogan á metade, da mesma forma que as posturas colocadas sobre a raia que separa a zona de apostas dun pano da zona do outro pano xogan aos dous panos. Neste caso, cando a metade dunha aposta a cabalo representa un número impar de unidades de apostas, considérase que a fracción máis forte xoga ao primeiro pano.

A banca, entón, extraerá as cartas do sabot e repartiraas de una en unha pola seguinte orde: primeiro pano, segundo pano e banca. As cartas serán trasladadas ata as persoas xogadoras polo/pola croupier mediante unha pa. Serán os contrarios da banca e terán as cartas as persoas xogadoras a que lles corresponda, de acordo coa quenda establecida no punto IV, parágrafo 5º. A persoa xogadora que ten a man, despois de ver a súa puntuación, abata ou non, debe deixar as cartas sobre a mesa. Examinadas as cartas, as persoas xogadoras que son man en cada pano haberán de pronunciarse pola súa orde respectiva e antes da banca. Finalizada a xogada, o/a croupier separa as cartas e anuncia o punto. A banca haberá de ensinar o seu punto nos dous panos.

A continuación o/a croupier procederá ao pagamento das posturas gañadoras e á retirada das perdedoras; no caso de que a banca gañe nos dous panos, ou a súa ganancia nun sexa superior á perda noutra, o/a croupier ingresará a cantidade que corresponda ao pozo ou cagnote, na rañura destinada para o efecto. As ganancias do banqueiro/a pasarán a formar parte da banca. Ante a petición dalgunha persoa xogadora, as cartas serán controladas ao final do corte.

Erros e infraccións no xogo.

1. Está prohibido extraer cartas do distribuidor antes de finalizar o tempo das apostas.

As cartas sacadas non poderán en ningún caso ser reintegradas ao sabot e a persoa xogadora que as sacou irregularmente está obrigada a seguir a xogada. Se nun caso excepcional o/a director/a responsable do establecemento cre que non debe aplicar esta regra, a carta ou cartas sacadas terán que ser obrigatoriamente desbotadas e non poderán ser utilizadas pola persoa xogadora que tome a man.

Toda carta que apareza descuberta ao ser extraída do sabot considerarase inservible e será retirada, sen que por iso as persoas xogadoras poidan diminuír ou retirar as súas apostas.

Se non transcurso da distribución aparecen dúas ou máis cartas pegadas entre si, a xogada será nula.

Cando algunha carta caia ao chan só poderá ser recollida polo/pola croupier ou calquera outro/a empregado/a do establecemento e conservará o seu valor, proseguindo a continuación a xogada.

Se as cartas son dadas ou tomadas por erro por unha persoa xogadora distinta da que ten a man, se aquela xa se pronunciou, a xogada será mantida, pasando as cartas na xogada seguinte á persoa xogadora a que lle correspondía.

2. Erros da banca.

En todos os casos de distribución irregular, a xogada será rectificada, se iso pode facerse de forma evidente; no caso contrario, aquela será anulada.

Se a banca dá carta a un pano que dixo «Non» ou non dá carta a un pano que solicitou, a xogada será restablecida de acordo coas normas dos erros das persoas xogadoras.

Se as dúas cartas dun pano son descubertas durante a distribución, a xogada levarase a cabo de acordo co disposto no parágrafo 3º do número 3 do presente punto e ningunha aposta poderá ser aumentada, diminuída ou retirada.

Se durante a distribución algunhas cartas caen na cesta sen ser vistas, a xogada será anulada para o pano que perdeu as cartas ou para os dous panos, se correspondían á banca. No caso de que se trate dalgunha das terceiras apostas, se foi vista, será recuperada polo/pola croupier e a xogada continuará.

3. Actuacións da banca nas xogadas restablecidas.

Cando un pano abate a banca, está obrigada a seguir o cadro de xogadas da banca respecto ao outro pano, pedindo terceira carta nos dous supostos opcionais.

Cando o cadro de xogadas da banca indica o mesmo para os dous panos, a banca deberá seguilo.

Cando o cadro indica pedir carta nun pano e plantarse noutro, a banca é libre de plantarse ou pedir, se o erro foi dunha persoa xogadora ou do/da croupier; se o erro foi da banca, esta terá que pedir carta obrigatoriamente, se ten cinco ou menos, plantándose no caso contrario. Dar unha carta a un pano que non a solicitou ou dar a un pano a carta destinada a outro, non constitúe unha falta da banca, que non perde o seu dereito a solicitar unha terceira carta.

4. Erros das persoas xogadoras.

Se o primeiro pano di «Non» tendo menos de cinco e o segundo pano recibiu carta, esta volverá ao primeiro pano; o segundo pano recibirá entón a carta seguinte, for recollida ou non pola banca, e esta actuará de acordo co disposto no número 3 deste punto.

Se o primeiro pano pide carta, tendo seis ou máis, a carta recibida irá ao segundo pano, se pediu carta, ou á banca, de acordo coas regras contidas neste apartado, número 3.

Se o primeiro pano di «Carta» e despois «Non» ou viceversa, o/a croupier deberalle facer especificar á persoa xogadora o que desexa e verificar a súa puntuación. Se esta é de cinco, a primeira palabra considerarase correcta; se ten outro punto, a xogada será restablecida de acordo coas regras dos parágrafos anteriores.

A persoa xogadora que di «Non» tendo oito ou nove perde o seu dereito a abater; se pide carta, a xogada será restablecida de acordo cos parágrafos anteriores.

As mesmas regras aplicaranse entre o segundo pano e a banca, no caso de erro daquel pano.

5. Está formalmente prohibido ver as cartas recibidas de forma lenta e telas na man demasiado tempo. Calquera persoa xogadora que empregue moito tempo en anunciar o seu xogo non poderá continuar tendo as cartas.

Agás o/a croupier ninguén poderá dar consello ás persoas xogadoras. Cando se infrinxa esta regra, aplicarase ao disposto no cadro de xogadas.

Se as cartas da banca ou dalgún dos panos son botadas á cesta, sen ser mostradas, considerarase que a súa puntuación era de cero, bacará. Se esta falta é cometida polo/pola croupier, as cartas serán recollidas e a puntuación reconstruída de acordo co testemuño da persoa xogadora posuidora das cartas que foron botadas á cesta e das outras persoas xogadoras que as viran.

A banca que anuncia un punto que non é o seu poderá solicitar unha terceira carta, sempre que as outras persoas xogadoras non mostraran os seus puntos. No caso contrario, observarase o disposto no parágrafo 3º do número 3 deste punto.

Ningunha reclamación poderá ser formulada unha vez finalizadas as xogadas correspondentes e pagadas ou cobradas as apostas.

Os casos non previstos non presente catálogo de xogos serán resoltos pola inspección de mesa.

09. Dados ou craps.

I. Denominación.

O xogo de dados ou craps é un xogo de azar, dos denominados de contrapartida, no cal os/as participantes xogan contra o establecemento, existindo varias combinacións gañadoras.

II. Elementos materiais.

O xogo de dados ou craps xógase con dous dados, da mesma cor, de material transparente, coas superficies pulidas, de 20 a 25 mm de lado. Deberán ter os bordos ben definidos (cortantes), os ángulos vivos e os puntos marcados nas caras. Non se admitirán, polo tanto, dados con bordos biselados, ángulos redondeados ou puntos cóncavos.

Ver referencia pdf "18700D002P022.PDF"

Nomes no pano:

Pass line: liña.

Don’t pass bar: non pasa liña.

Don’t come bar: non vai liña.

Six: seis

Nine: nove.

Come: vai.

Field: campo.

Big 6: pequena.

Big 8: grande.

Pays 2 double: paga 2 dobre.

Pays 12 double: paga 12 dobre.

5 for 1: 5 a 1.

Seven: sete.

10 for 1: 10 a 1.

15 for 1: 15 a 1.

30 for 1: 30 a 1.

Any craps: dados.

Onde pon C, hai que poñer D que significa dados.

Onde pon E, hai que poñer O que significa once.

Nunha das caras figurará o número de orde do/da fabricante e as siglas do establecemento, sen que iso prexudique o seu equilibrio.

En cada sesión porán á disposición de cada mesa dedicada ao xogo dos dados seis dados en perfecto estado e distintos dos usados na sesión anterior.

Dous dados utilizaranse na partida, quedando en reserva os outros catro, nunha cavidade prevista para este efecto nas mesas de xogo, para o caso de ter que substituír os primeiros.

III. Elementos persoais.

En cada mesa de dados prestará os seus servizos un/unha xefe/a de mesa, dous/dúas croupiers e un/unha bastoneiro/a ou stickman.

O/a xefe/a de mesa é a persoa responsable da claridade e regularidade do xogo, colaborando cos/coas croupiers no manexo de fichas e depositando o diñeiro en caixa.

Os/as croupiers ocuparanse de recoller as apostas perdidas, colocar, se é o caso, as apostas sobre a caixa indicando o punto e pagar as apostas gañadoras. Ocuparanse, así mesmo, dos cambios de billetes e fichas que solicitan as persoas xogadoras.

O /a bastoneiro/a ou stickman estará encargado/a de comprobar o bo estado dos dados, de entregárllelos ás persoas xogadoras e de facer as advertencias precisas para o desenvolvemento do xogo.

IV. Regras de xogo.

1. Combinacións. As persoas xogadoras non poderán facer uso máis ca das seguintes clases de sortes:

A. Sortes sinxelas, que se pagarán á par.

Gaña ou win: que se xoga á primeira tirada. Gaña con 7 ou 11, perde con 2, 3 ou 12. Se sae outra cifra, o resultado queda en suspenso e o número que saíu é o punto, que o indica o/a croupier mediante unha placa colocada sobre a caixa correspondente a este número. As apostas sobre o gaña ou win triúnfan se o punto se repite, perden se sae o 7 e repítense se sae outra cifra. Os dados cambian de man cando sae o 7, que fai perder.

Non gaña ou don’t win: que se xoga á primeira tirada. Gaña con 2 ou 3, perde con 7 ou 11 e dá resultado nulo en 12. Se sae outra cifra, o resultado queda en suspenso e a que sae é o punto. As apostas sobre non gaña ou don’t win gañan se sae o 7 e perden se o punto se repite.

Vai ou come: que se xoga en calquera momento despois da primeira tirada. Esta sorte gaña se sae o 7 ou o 11 na tirada seguinte e perde se sae o 2, 3 ou 12. Se sae outra cifra calquera, a aposta é colocada sobre a casa que leva o número que saíu, e a partir da tirada seguinte, gaña se sae o citado número e perde co 7, quedando pendente o resultado se sae calquera outro número.

Non vai ou don’t come: que se xoga en calquera momento despois da primeira tirada. Gaña se sae o 2 ou 3, perde co 7 ou o 11 e dá resultado nulo co 12. Se sae calquera outra cifra, a aposta é colocada na casa correspondente e, a partir da seguinte xogada, gaña se sae o 7 e perde se sae o punto sobre o que está colocada a aposta.

As apostas colocadas sobre gana ou win non poden ser retiradas e deben xogar ata que gañen ou perdan.

Campo ou field: que se xoga en calquera momento da partida, sendo decisiva cada tirada. Gaña se sae o 2, 3, 4, 9, 10, 11 ou 12 e perden os restantes resultados. Págase dobre se sae o 2 ou o 12 e á par para as outras puntuacións.

Pequena ou big 6: que se xoga en calquera momento da partida. Gaña se sae unha puntuación de 6 formada de calquera xeito e perde se a puntuación é 7. Mentres non saia unha ou outra puntuación, a aposta continúa, aínda que pode ser retirada pola persoa xogadora.

Grande ou big 8: que se xoga en calquera momento da partida. Gaña se sae unha puntuación de 8 formada de calquera xeito e perde se a puntuación é de 7. Mentres non saia unha ou outra puntuación a aposta continúa, pero pode retirala a persoa apostante.

Baixo 7 ou under 7: que se xoga en calquera momento da partida. Gaña se o total dos puntos formados polos dados é inferior a 7 e perde se é igual ou superior a 7.

Sobre 7 ou over 7: que se xoga en calquera momento da partida. Gaña cando a puntuación formada polos dados é superior a 7 e perde cando é igual ou inferior a 7.

B. Sortes múltiples, que se poden xogar en calquera momento da partida:

Dobres ou hard ways: que se xoga sobre os totais de 4, 6, 8 ou 10 formados por dobres, podendo ser retiradas as apostas despois de cada tirada non decisiva.

Gaña se sae o dobre elixido e perde co 7 ou se o total do número non está formado por dobres. O dobre de 2 e o dobre de 5 páganse a sete veces a aposta; o dobre de 3 e o dobre de 4, nove veces a aposta.

Xogo de 7: que se paga catro veces a aposta. Gaña se sae 7; perde se sae calquera outro resultado.

Xogo de 11: que se paga quince veces a aposta. Gaña se sae o 11; perde se sae calquera outro resultado.

Dados ou any craps: que se paga sete veces a aposta. Gaña se sae o 2, 3 ou 12; perde se sae calquera outro resultado.

Dados 2 ou craps 2: que se paga trinta veces a aposta. Gaña se sae o 2; perde con calquera outro resultado.

Dados 3 ou craps 3: que se paga quince veces a aposta. Gaña se sae o 3; perde con calquera outro resultado.

Dados 12 ou craps 12: que se paga trinta veces a aposta. Gaña se sae o 12; perde con calquera outro resultado.

Dados 11 ou horm: que se paga catro veces a aposta. Esta sorte, que asocia os dados ou craps co xogo do 11, gana se sae 2, 3, 12 ou 11; perde con calquera outro resultado.

C. Sortes asociadas, que só poden xogar cando a sorte simple correspondente, cun punto coñecido, foi xa apostada e seguen a sorte desta, aínda que poden ser retiradas despois dun xogo non decisivo.

A sorte asociada ao gaña ou win, cando a aposta se fai na proximidade e ao exterior da sorte sinxela correspondente, gaña co punto, perde co 7 e dá resultado nulo con calquera outro total. A aposta é pagada 2 por 1 se o punto é 4 ou 10; 3 por 2 se o punto é 5 ou 9; 6 por 5 se o punto é 6 ou 8.

A sorte asociada ao non gaña ou don’t win, cando a aposta se fai sobre a aposta principal da sorte sinxela correspondente, gaña co 7; perde co punto e dá resultado nulo con calquera outro total. A aposta págase 1 por 2 se o punto é 4 ou 10; 2 por 3 se o punto é 5 ou 9, e 5 por 6 se o punto é 6 ou 8.

A sorte asociada do vai ou come, cando a aposta se fai sobre a aposta principal da sorte simple correspondente ou próxima a ela. Esta sorte gaña, perde ou dá resultado nulo nas mesmas condicións que o vai ou come e págase como a sorte asociada ao gaña ou win.

A sorte asociada ao non vai ou don’t come, cando a aposta se fai sobre a aposta principal da sorte simple correspondente. Esta sorte gaña, perde ou dá resultado nulo nas mesmas condicións que o non vai ou don’t come e págase como a sorte asociada ao non gaña ou don’t win.

D. Apostas ao pleno ou place bets, que poden xogarse en calquera momento da partida sobre os números 4, 5, 6, 9 ou 10 e poden ser retiradas as apostas nas tiradas non decisivas.

A aposta boa ou right bet, en que a aposta se fai segundo a posición da persoa xogadora, a cabalo sobre a liña, diante ou detrás de calquera número elixido. Esta sorte gaña se o punto sae antes do 7; perde con el ou dá resultado nulo. A aposta págase 7 por 6 se o punto é 6 ou 8; 7 por 5 se o punto é 5 ou 9, e 9 por 5, se o punto é 4 ou 10.

A aposta mala ou wrong bet, en que a aposta se fai na casa posterior do número elixido e que indica o/a croupier, coa axuda dunha contramarca coa indicación aposta mala ou wrong bet. Gaña se sae o 7 antes do punto; perde se sae o punto ou dá resultado nulo. A aposta é pagada 4 por 5 se o punto é 6 ou 8, 5 por 8 se o punto é 5 ou 9 e 5 por 11 se o punto é 4 ou 10.

2. Apostas. As apostas mínima e máxima determinaranse na autorización do casino.

Nas sortes sinxelas, a aposta máxima non poderá ser inferior a 100 veces nin superior a 1.000 veces do mínimo da mesa.

Nas sortes múltiples, a aposta máxima será calculada de forma que a ganancia posible sexa, polo menos, igual á permitida polo máximo sobre as sortes sinxelas e, como moito, igual ao triplo da devandita ganancia.

Nas apostas asociadas, de gana ou win e vai ou come, a aposta máxima determinarase polo importe das apostas efectivamente feitas sobre as sortes sinxelas correspondentes.

Nas sortes asociadas do non gaña ou don’t win e do non vai ou don’t come o máximo da aposta fixarase en función do punto xogado, isto é, para 4 e 10, o 200 por 100 do importe da aposta feita sobre a sorte sinxela correspondente; para o 5 e 9, o 150 por 100 do dito importe, e para 6 ou 8, o 120 por 100 do mesmo importe.

Nas apostas boas ou right bet, o máximo da aposta estará en función do punto xogado e igual ao máximo das apostas nas sortes sinxelas para 4, 5, 9 e 10 ou o 120 por 100 deste máximo para 6 e 8.

Nas apostas malas ou wrong bet, o máximo das apostas estará en función do punto xogado, e igual ao 125 por 100 do máximo das apostas sobre as sortes sinxelas para 6 e 8, ao 160 por 100 deste máximo para o 5 e 9 e ao 220 por 100 para o 4 e 10.

3. Funcionamento. O número de persoas xogadoras que poderá ocupar cada mesa de dados non estará limitado.

Os dados serán ofrecidos ás persoas xogadoras comezando, ao iniciarse a partida, por aquela que se atope á esquerda dos/das croupiers e despois seguindo o sentido dás agullas do reloxo. Se unha persoa xogadora rexeita os dados pasarán á persoa xogadora seguinte, na orde prevista. O/a bastoneiro/a ou stickman pasaralle os dados á persoa xogadora por medio do seu bastón, evitando tocalos, salvo cando teña que examinalos, ou recollelos cando caian ao chan.

A persoa xogadora que lance os dados deberá facelo inmediatamente despois do anuncio de «Xa non vai máis», e non deberá fretalos nin gardalos na man.

O/a tirador/a poderá pedir que se cambien os dados antes de lanzalos, pero non poderá facelo durante a serie de lanzamentos precisos para alcanzar o número designado como punto, salvo no caso de que un dado salte fóra da mesa, caendo no chan, neste caso ofreceráselle elixir entre os catro dados restantes da mesa, para rematar a xogada. Se ao final desta o dado perdido non se atopase, proverase a mesa dun novo xogo de dados, retirando os anteriores.

Os dados lanzaranse ao longo da mesa, de tal maneira que se deteñan dentro dela, despois de que ambos os dous dados tocaran o bordo oposto á persoa xogadora que os lanzou.

Os dados deberán rodar e non deslizarse para que a xogada resulte válida. Se os dados se rompen, se superpoñen, se montan sobre unha ficha ou caen da mesa ou enriba do seu bordo ou no cesto dos dados de reserva, ou se o lanzamento non foi correcto, o/a bastoneiro/a ou stickman anunciará «Tirada nula».

O/a xefe/a de mesa poderá privar unha persoa xogadora do seu dereito a tirar os dados, se incumpre repetidamente as regras do lanzamento.

Despois dun número determinado de tiradas, o/a xefe/a de mesa poderá acordar o cambio de dados.

O/a bastoneiro/a ou stickman anunciará entón «Cambio de dados» e porá diante da persoa xogadora, co seu bastón, os seis dados ao servizo da mesa. A persoa xogadora collerá dous para lanzalos e os catro restantes serán devoltos, á vista das persoas xogadoras, á caixa prevista para estes efectos.

Non poderán facerse apostas despois do «Xa non vai máis». A persoa xogadora que tira os dados deberá apostar sobre o gana ou win ou sobre o non gaña ou don’t win antes de lanzalos, podendo xogar ademais sobre todas as demais sortes posibles.

10. Ruleta da fortuna.

I. Denominación.

A ruleta da fortuna é un xogo de azar, dos denominados de contrapartida, no cal os/as participantes xogan contra o establecemento organizador, dependendo a posibilidade de gañar do movemento dunha roda que xira.

II. Elementos do xogo.

A ruleta da fortuna practícase nunha mesa, en que van debuxadas as series das apostas.

A ruleta, de madeira ou similar, ten un diámetro de 150 cm aproximadamente e vai montada nun poste que asemade vai apoiada nunha sólida base. Ten cincuenta e catro divisións metálicas (celas); cada unha leva debuxado un símbolo que corresponde a unha postura.

A mesa está dividida nun determinado número de casas, que corresponden ás diversas combinacións posibles. A persoa xogadora pode elixir entre as seguintes combinacións: 24, 15, 7, 4, 2, jocker vermello e jocker negro.

A mesa levará unha caixa para o efectivo e unha caixa para as propinas.

III. O persoal.

O persoal afecto é o seguinte:

a) O/a xefe/a de mesa, que é o/a que a dirixe. Poderá haber un/unha xefe/a de mesa por cada catro mesas.

b) Haberá un/unha croupier encargado/a de xirar a roda, efectuar os pagamentos e retirar as apostas perdedoras.

IV. Persoas xogadoras.

En cada partida poden participar un número indeterminado de persoas xogadoras.

V. Regras do xogo.

1. Combinacións posibles.

Pódese apostar a 24 posicións, no dito caso págaselles ás persoas gañadoras 1 a 1; apostar 15 posicións, pagando 2 a 1; a 7 posicións pagando 5 a 1; a 4 posicións, pagándo 10 a 1; a 2 posicións pagando 20 a 1; e a jocker vermello e a jocker negro págase 45 a 1.

2. Máximo e mínimo de apostas.

O máximo e mínimo das apostas vén fixado na autorización emitida pola dirección xeral competente en materia de xogo.

3. Funcionamento do xogo.

As apostas realízanas as persoas xogadoras a partir do momento en que o/a croupier anuncia «Fagan as súas apostas». Estas son colocadas, en forma de fichas, nunha das casas da mesa escollida pola persoa xogadora.

A continuación o croupier fai xirar a roda, dando numerosas voltas antes de pararse. Cando a roda vaia perdendo forza no seu xiro, o/a croupier anunciará «Non vai máis». Desde entón toda aposta depositada tras este aviso é rexeitada e o/a croupier devólvelle a ficha á persoa apostante tardía. Unha vez que a roda queda inmobilizada nunha casa, o/a croupier anuncia o resultado, dicindo en voz alta a posición gañadora.

Daquela o/a croupier recolle todas as apostas perdedoras, deixando sobre a mesa as apostas gañadoras, ás que el/ela engade a ganancia. A persoa xogadora que gaña recupera, en todos os casos, a súa aposta e pode retirala do xogo.