DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2007 Páx. 15.854

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, no seu punto 23, atribúelle á comunidade autónoma, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, que ordena e regula os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta lei atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras competencias, a de establecer a planificación e programación xeral dos servizos sociais no ámbito da comunidade autónoma, a ordenación e coordinación do sistema de servizos sociais, a homologación, rexistro e control de centros e servizos, ademais do estudo das necesidades e problemáticas suscitadas no eido dos servizos sociais, así como a investigación e formación permanente do persoal nesta materia.

Aprobada polas Cortes Xerais, con data 14 de decembro do ano 2006, publícase no Boletín Oficial del Estado nº 299, do 15 de decembro, a Lei 39/2006, do promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. A devandita lei, ditada ao abeiro da competencia exclusiva del Estado prevista no artigo 149.1º 1 da Constitución, veu establecer a regulación das condicións básicas de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia mediante a creación dun Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD); sistema en cuxa implantación e desenvolvemento colaborarán e participarán todas as administracións públicas, especialmente as comunidades autónomas, toda vez que a regulación aprobada incide sobre unha materia, como é a asistencia social, da súa exclusiva competencia, tal e como establece o artigo 148.1.20 da CE.

A finalidade do sistema, configurado na devandita lei como unha rede de utilización pública que integra, de forma coordinada, centros e servizos, públicos e privados, é garantir o acceso das persoas en situación de dependencia, en condicións de igualdade e non discriminación, con independencia do seu lugar de residencia, ás prestacións e servizos establecidos na devandita lei.

En desenvolvemento da Lei 39/2006, o Goberno do Estado aproba, o 20 de abril de 2007, o Real decreto 504/2007 (BOE nº 96, do 21 de abril), que contén o baremo de valoración da situación de dependencia.

Sen prexuízo das competencias que lle son propias, correspóndelles ás comunidades autónomas, no marco do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, entre outras, as funcións de planificación, ordenación, coordinación e dirección, no ámbito do seu territorio, dos servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia e a xestión dos servizos e recursos necesarios para a valoración e atención á dependencia. Igualmente, correspóndelles ás comunidades autónomas a avaliación periódica do funcionamento do sistema no seu respectivo territorio.

Á vista do exposto, e de conformidade coas previsións contidas nos artigos 27, 28 e demais concordantes da Lei 39/2006, do 14 de decembro, serán as comunidades autónomas as administracións encargadas de proceder, de conformidade coas previsións establecidas na devandita lei e en aplicación do baremo aprobado mediante o citado Real decreto 504/2007, do 20 de abril, logo de acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia do 23 de marzo de 2007, á valoración e posterior recoñecemento da situación de dependencia.

En consecuencia, e de conformidade coas previsións da Lei 39/2006, do 14 de decembro, as persoas en situación de dependencia terán dereito a acceder, en condicións de igualdade, ás prestacións e servizos previstos na lei, nos termos establecidos nela, para o que deberán solicitar o recoñecemento da situación de dependencia á Administración da Comunidade Autónoma correspondente á residencia do solicitante.

Para tal efecto, o artigo 28 da Lei 39/2006, establece que os criterios básicos do procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, así como as características comúns do órgano e persoal profesional que procedan ao recoñecemento serán acordados polo Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

Aprobado polo Real decreto 504/2007, do 20 de abril (BOE nº 96, do 21 de abril) o baremo de valoración da situación de dependencia establecido pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e acordados polo Consello Territorial citado os criterios básicos do procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, así como as características comúns do órgano e persoal profesional que procedan ao recoñecemento, resulta necesario que a Comunidade Autónoma galega dite a normativa reguladora do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de dar cumprida resposta á crecente demanda social.

En consecuencia, este decreto desenvolve, na Comunidade Autónoma de Galicia, as previsións contidas nos artigos 27 e 28 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, no relativo á regulación do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito aos servizos e prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia, sen prexuízo da súa validez en todo o territorio del Estado.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

É obxecto deste decreto regular o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito aos servizos e prestacións económicas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, así como determinar a composición e funcións dos órganos competentes para a súa valoración no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Titulares do dereito ao recoñecemento da situación de dependencia en Galicia.

1. Terán dereito ao recoñecemento da situación de dependencia en Galicia as persoas que, na data de presentación da solicitude e, de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e demais normativa de desenvolvemento, reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de dependencia nalgún dos graos establecidos.

b) Para as persoas menores de tres anos, estar en situación de dependencia conforme o disposto na disposición adicional décimo terceira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

c) Ter acreditada residencia en territorio español durante cinco anos, dous dos cales deberán ser inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Para as persoas menores de cinco anos o período de residencia exixiráselle a quen exerza a súa garda e custodia.

2. Para os efectos deste decreto, as persoas interesadas que reúnan os requisitos establecidos no punto anterior, deberán, ademais, residir en calquera municipio da Comunidade Autónoma de Galicia no momento da presentación da solicitude.

3. Así mesmo, de acordo co disposto na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, as persoas que, reunindo os requisitos anteriores, carezan da nacionalidade española rexeranse polo establecido na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, nos tratados internacionais e nos convenios que se establezan co país de orixe. Para as persoas menores que carezan da nacionalidade española aplicarase o disposto nas leis do menor vixentes, tanto no ámbito estatal como no autonómico, así como nos tratados internacionais.

4. As persoas coa condición de emigrantes retornados poderán acceder aos servizos e prestacións económicas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia nos termos regulados na normativa de desenvolvemento da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, mentres non cumpran o requisito do período de residencia no territorio estatal previsto neste artigo.

Artigo 3º.-Integración no Sistema Galego de Servizos Sociais.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas competencias, garantirá a oferta das prestacións establecidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, integrándoas no Sistema Galego de Servizos Sociais.

2. As prestacións expresadas no punto anterior poderán ter a natureza de servizos ou de prestacións económicas.

3. A prestación de servizos será, en calquera caso, prioritaria. Só de non ser posible a prestación de servizos, procederá o recoñecemento de prestacións económicas, nos termos establecidos para a súa percepción na normativa que resulte de aplicación.

Artigo 4º.-Competencias das administracións públicas.

1. Correspóndelle ao Departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais, a través das súas delegacións provinciais, a tramitación dos procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia e, se é o caso, do dereito aos servizos e prestacións económicas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia. En consecuencia, corresponderalle a valoración da situación de dependencia, a resolución do recoñecemento da situación de dependencia, a prescrición de servizos e prestacións económicas, a aprobación, nos termos acordados coa persoa interesada, do Programa individual de atención, así como efectuar as correspondentes revisións.

2. Igualmente, corresponderalle ao citado departamento da Administración autonómica a xestión das prestacións económicas establecidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

3. As entidades locais de Galicia participarán na xestión dos servizos de atención á dependencia nos termos establecidos neste decreto e demais normativa autonómica en materia de servizos sociais.

4. Para os efectos deste decreto, as administracións públicas, no exercicio das súas respectivas competencias, actuarán de conformidade cos principios de coordinación, colaboración e cooperación interadministrativa.

Capítulo II

Órganos de valoración e asesoramento

da dependencia

Artigo 5º.-Adscrición e distribución territorial.

1. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia estarán adscritos ás delegacións provinciais do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais.

2. Existirá, como mínimo, un órgano de valoración e asesoramento da dependencia por cada delegación provincial.

Artigo 6º.-Composición e funcións.

1. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia estarán formados por persoal profesional da área social e/ou sanitaria. Cada órgano de valoración estará integrao, como mínimo, por un médico/a, un psicólogo/a, un diplomado/a en ciencias da saúde e un traballador/a social que presten os seus servizos na Administración autonómica.

2. Serán funcións dos órganos de valoración, entre outras, as seguintes:

a) Revisión, para efectos de valoración, do informe de saúde e do informe social, así como da restante documentación que, se é o caso, se solicite.

b) Aplicar o Protocolo do baremo de valoración da dependencia (BVD) e da escala de valoración específica para as persoas menores de tres anos (EVE), aprobados polo Real decreto 504/2007, do 20 de abril, ou norma que o substitúa.

c) Xestionar e coordinar os procesos de aplicación do baremo de valoración da dependencia (BVD) e da escala de valoración específica para as persoas menores de tres anos (EVE).

d) O desenvolvemento, coordinación e seguimento do Programa individual de atención, sen prexuízo das funcións que se lle poidan atribuír ao persoal profesional das administracións públicas da área social competente na materia de promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia.

e) Elevar ao titular da delegación provincial do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais a proposta sobre o grao e nivel de dependencia da persoa valorada, con especificación dos coidados que a persoa poida requirir, así como a proposta de Programa individual de atención.

f) Prestar asistencia técnica e asesoramento nos procedementos contenciosos en que sexa parte a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de valoración da situación de dependencia e do seu grao e nivel.

g) Aqueloutras funcións que lle sexan legal ou regulamentariamente atribuídas.

Capítulo III

Procedemento de recoñecemento da situación

de dependencia

Artigo 7º.-Iniciación do procedemento.

O procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito aos servizos e prestacións económicas que del deriven iniciarase por instancia da persoa que poida estar afectada por algún grao de dependencia, ou de quen a represente, mediante a presentación da correspondente solicitude, sen prexuízo do disposto na disposición adicional novena da Lei 30/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 8º.-Solicitude e documentación.

1. A solicitude formularase no modelo normalizado que figura como anexo I a este decreto e irá acompañada, con carácter preceptivo, da seguinte documentación, mediante achega de orixinais ou copias autenticadas:

a) Documento nacional de identidade da persoa solicitante e, na súa falta, calquera outro documento acreditativo da súa identidade, de conformidade coa normativa vixente.

b) Se é o caso, documento nacional de identidade de quen represente a persoa interesada e documento acreditativo da representación invocada.

c) Libro de familia naqueles supostos en que a persoa interesada sexa menor de idade.

c) Certificado de empadroamento acreditativo da residencia da persoa solicitante, nos termos previstos no artigo 2.1º c) deste decreto.

d) Informe do médico/a do Servizo Galego de Saúde ou médico/a doutras administracións públicas que traten habitualmente a persoa solicitante, sobre a súa saúde, no cal se fundamente, desde o punto de vista clínico, a necesidade de axuda para realizar as actividades básicas da vida diaria e, se é o caso, as axudas técnicas, órteses e próteses que lle foron prescritas, conforme o modelo que figura no anexo II a este decreto.

e) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas e, se é o caso, sobre o patrimonio ou certificación acreditativa dos datos contidos nelas. En caso de non estar obrigado á súa presentación, certificado de imputacións do IRPF expedido pola delegación da Axencia Tributaria correspondente e certificado de presentación negativo no caso do imposto sobre o patrimonio. Esta información poderá obterse de xeito informático ou telemático polo órgano xestor da Administración tributaria competente logo de autorización dos interesados.

f) Certificado de pensións que, se é o caso, perciba a persoa solicitante.

g) Certificado de minusvalidez, se é o caso.

2. Non obstante o anterior, as persoas solicitantes poderán achegar, en xeral, calquera outra documentación para a mellor acreditación da situación ou circunstancias sociais que fagan constar na súa solicitude.

Artigo 9º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes dirixiranse á delegación provincial do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais correspondente á provincia en que o solicitante teña a súa residencia habitual, e presentaranse de conformidade co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Emenda de solicitudes.

Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos ou non vai acompañada da documentación establecida no artigo 8º, a delegación provincial do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais, requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da posibilidade de presentar unha nova solicitude.

Artigo 11º.-Dereito a non presentar a documentación que conste en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As persoas en situación de dependencia e, se é o caso, aquelas que teñan a súa representación, non estarán obrigadas a achegar información, datos ou documentación que estean xa en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou que, de acordo coa lexislación vixente, poida esta obter polos seus propios medios, para o que se requirirá autorización expresa das persoas interesadas.

Artigo 12º.-Informe social.

Para os efectos deste decreto, será preceptiva a incorporación ao expediente do informe social do/a traballador/a social dos servizos sociais públicos de referencia da persoa solicitante, conforme o modelo que figura como anexo III deste decreto. Este informe poderá ser requirido de oficio pola delegación provincial do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais.

Artigo 13º.-Valoración da situación de dependencia.

1. Unha vez presentada a documentación e completada, se é o caso, remitirase o expediente ao órgano competente para a súa valoración, segundo o previsto no capítulo II deste decreto.

2. Valorarase a capacidade da persoa para levar a cabo por si mesma as actividades básicas da vida diaria, así como a necesidade de apoio e supervisión para a súa realización por persoas con discapacidade intelectual ou con enfermidade mental.

No caso das persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental valoraranse, así mesmo, as necesidades de apoio para facer efectivo un grao satisfactorio de autonomía persoal no seo da comunidade.

3. A aplicación do baremo de valoración da dependencia (BVD) e da escala de valoración específica (EVE) para as persoas menores de tres anos, aprobados mediante Real decreto 504/2007, do 20 de abril, corresponderá a persoal profesional da medicina, psicoloxía e/ou a persoal profesional diplomado en ciencias da saúde ao servizo da Administración autonómica.

4. A valoración realizarase, logo do exame das condicións da persoa solicitante, tendo en conta o informe sobre a saúde da persoa, o informe social e a aplicación do baremo de valoración da dependencia (BVD) ou da escala de valoración específica (EVE) para persoas menores de tres anos, considerando, se é o caso, as axudas técnicas, órteses e próteses que lle foron prescritas.

5. O órgano de valoración e asesoramento da dependencia poderá efectuar os recoñecementos, entrevistas e demais probas que considere necesarias e sexan pertinentes para avaliar a situación da persoa solicitante. Igualmente, poderá solicitar os informes complementarios ou aclaratorios que considere convenientes, así como solicitar dos servizos sociais públicos correspondentes, dos servizos técnicos da delegación provincial, dos servizos centrais do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais, ou de persoal profesional doutros organismos, os informes médicos, psicolóxicos ou sociais pertinentes, cando o contido dos antecedentes que figuran no procedemento ou as especiais circunstancias da persoa interesada así o aconsellen.

6. Os órganos de valoración da situación de dependencia emitirán ditame-proposta, que deberá conter necesariamente o diagnóstico, situación, grao e nivel de dependencia así como os coidados que a persoa poida requirir. Establecerá, cando cumpra, en función das circunstancias concorrentes, o prazo máximo en que se deba efectuar a primeira revisión do grao e nivel que se declare.

7. O ditame-proposta notificaráselle á persoa interesada ou a quen a represente para que, de conformidade co previsto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, efectúe as alegacións que coide oportunas.

8. Unha vez cumprido o trámite de audiencia previsto no punto anterior, o ditame-proposta elevarase polo órgano de valoración e asesoramento da dependencia á persoa titular da delegación provincial competente para efectos da correspondente resolución.

Artigo 14º.-Resolución.

1. Recibido o expediente da persoa solicitante e o ditame-proposta sobre o grao e nivel de dependencia, a persoa titular da delegación provincial ditará a correspondente resolución.

2. A resolución de recoñecemento da situación de dependencia determinará:

a) O grao e nivel de dependencia da persoa solicitante.

b) Os servizos ou prestacións económicas que, se é o caso, correspondan a aquela, con indicación da súa efectividade conforme o calendario establecido na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

c) Cando cumpra, en función das circunstancias concorrentes, o prazo máximo en que se deba efectuar a primeira revisión do grao e nivel que se declare.

3. Nos supostos en que, á vista da tramitación do expediente, e de conformidade coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e demais normativa de desenvolvemento, non quedase suficientemente fundamentada a situación de dependencia, a resolución será denegatoria do recoñecemento.

4. A resolución deberá ditarse e notificarse á persoa solicitante ou ás persoas que a representen no prazo máximo de seis meses, que se computará a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido o prazo establecido no parágrafo anterior sen que recaia resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, sen prexuízo da obriga da Administración de resolver expresamente.

5. O prazo máximo para resolver o procedemento poderá ser suspendido ou ampliado polo órgano competente para resolver de conformidade co disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A resolución terá validez en todo o territorio del Estado e deberáselles comunicar aos servizos sociais públicos de referencia da persoa solicitante.

7. A efectividade do acceso ao servizo e/ou prestación económica do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia determinados na resolución de recoñecemento, quedará condicionada á aprobación do correspondente Programa individual de atención, que se deberá producir no prazo máximo de seis meses desde a notificación da citada resolución á persoa interesada.

Artigo 15º.-Programa individual de atención.

1. Unha vez notificada a resolución sobre o recoñecemento da situación de dependencia, sempre que a efectividade do dereito aos servizos e prestacións económicas previstos nela se deba producir no ano en curso, conforme o calendario establecido na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e tendo en conta os posibles servizos e prestacións económicas determinados pola delegación provincial correspondente, os servizos sociais de atención primaria e/ou especializada do sistema público do ámbito social e sanitario adecuarán estes, se é o caso, ás necesidades da persoa interesada e ás posibilidades que ofreza o seu contorno social.

Para tal efecto, darase participación e, se é o caso, a posibilidade de elección entre as alternativas propostas, á persoa beneficiaria ou á persoa que a represente.

2. Unha vez efectuados os trámites anteriores, o titular da delegación provincial do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais aprobará o Programa individual de atención e o notificaralle á persoa solicitante ou a quen a represente. A súa aprobación comunicaráselles, para os efectos de participar no seu seguimento, aos servizos sociais públicos de referencia da persoa solicitante.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra a resolución de recoñecemento da situación de dependencia, así como a aprobación do Programa individual de atención poderase interpoñer recurso en alzada perante a persoa titular do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais de conformidade co disposto no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo IV

Procedemento de revisión e seguimento

das prestacións

Artigo 17º.-Revisión do grao ou nivel de dependencia.

1. De acordo co establecido na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, o grao ou nivel de dependencia será revisable polas seguintes causas:

a) A existencia de condicións ou circunstancias, debidamente acreditadas, que impliquen unha melloría ou empeoramento da situación de dependencia.

b) Erro de diagnóstico ou na aplicación do correspondente baremo.

c) Transcurso do prazo fixado para o efecto na resolución sobre recoñecemento da situación de dependencia.

2. O procedemento iniciarase por instancia da persoa interesada, de quen a represente ou de oficio pola delegación provincial do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais.

3. Coa solicitude de revisión ou, unha vez iniciado de oficio o procedemento de revisión pola propia Administración autonómica, a persoa interesada achegará cantos informes ou documentos resulten necesarios para acreditar a causa da revisión.

No caso de non resultar debidamente acreditada a causa da revisión, procederase á inadmisión da solicitude de revisión de conformidade co previsto no artigo 89.4º da Lei 30/1992, do 30 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Resultarán de aplicación ao procedemento de revisión as previsións contidas neste decreto respecto do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia.

Artigo 18º.-Revisión do Programa individual de atención.

1. O Programa individual de atención será revisado:

a) Por instancia da persoa interesada ou de quen a represente.

b) De oficio pola delegación provincial do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais.

c) Como consecuencia do traslado de residencia á Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Cando, como consecuencia da revisión do grao e nivel de dependencia e/ou da prestación recoñecida, resulte necesario proceder á revisión do Programa individual de atención.

2. Para a revisión do Programa individual de atención, resultará de aplicación o previsto neste decreto para a súa aprobación.

Artigo 19º.-Revisión da prestación recoñecida.

1. Os servizos e prestacións económicas recoñecidos poderán ser modificados ou extinguidos nos seguintes casos:

a) Pola modificación da situación persoal da persoa beneficiaria que afecte as súas circunstancias sociofamiliares e/ou de saúde.

b) Cando se produza unha variación de calquera dos requisitos establecidos para o seu recoñecemento.

c) Por incumprimento das obrigas reguladas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e na súa normativa de desenvolvemento.

d) Como consecuencia da revisión do grao e nivel de dependencia e/ou do Programa individual de atención.

2. A modificación ou extinción requirirá audiencia da persoa interesada ou da persoa que a represente e será aprobada pola delegación provincial do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais.

Artigo 20º.-Seguimento de prestacións, axudas e beneficios e acción administrativa contra a fraude.

1. A Administración da Comunidade Autónoma galega, a través do departamento competente, e os servizos sociais públicos correspondentes velarán pola correcta aplicación ou utilización dos fondos públicos, prestacións, servizos e cantos beneficios deriven do Sistema para a Autonomía e Atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os servizos sociais públicos correspondentes serán os responsables do seguimento da correcta aplicación do Programa individual de atención no seu ámbito territorial e da adecuación á situación do beneficiario.

Disposicións adicionais

Primeira.-Implantación progresiva das prestacións do sistema.

Cando conforme o calendario establecido na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, a efectividade do dereito aos servizos e prestacións económicas de dependencia deba producirse nun ano distinto ao do recoñecemento da situación de dependencia, o prazo previsto no artigo 14.7º deste decreto para a aprobación do Programa individual de atención comezará a contar desde o 1 de xaneiro do ano de implantación segundo o devandito calendario.

Segunda.-Equipos técnicos de valoración de minusvalidez.

Os equipos técnicos de valoración de minusvalidez, constituídos segundo o establecido na Orde do 29 de decembro de 2000, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalidez, exercerán as funcións que se atribúen por este decreto aos órganos de valoración e asesoramento da dependencia para os casos e procedementos que lle sexan asignados polo centro directivo da Administración autonómica con competencias na área de valoración de minusvalidez.

Disposición transitoria

Única.-Solicitudes previas.

Ás solicitudes presentadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, como consecuencia da vixencia do Real decreto 504/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o baremo de valoración da situación de dependencia establecido pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, resultaralles de aplicación o procedemento previsto neste decreto. Nestes supostos, o prazo previsto no artigo 14º computarase a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento e execución.

Autorízase a persoa titular do departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais para ditar cantas disposicións resulten necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente

Ver referencia pdf "18700D001P006.PDF"

INSTRUCIÓNS PARA CUBRIR A SOLICITUDE

Ver referencia pdf "18700D001P006.PDF"

4. RECURSOS E SERVIZOS FORMAIS DE PROMOCIÓN DA AUTONOMÍA PERSOAL E ATENCIÓN

ÁS PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA

Ver referencia pdf "18700D001P006.PDF"