DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 25 de setembro de 2007 Páx. 15.761

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 175/2007, do 13 de setembro, polo que se modifica o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do goberno no ámbito rural que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, montes e prevención e defensa dos incendios forestais, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais e industrias agroalimentaria, exercéndoas na forma establecida no Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Dado o tempo transcorrido desde a entrada en vigor da estrutura orgánica, é preciso acomodala ás novas necesidades para a mellor atención ás competencias e funcións que se lle atribúen á Consellería do Medio Rural, respectando os principios de eficacia e economía que sempre deben presidir a actuación e a organización administrativa.

Xa que logo, e por proposta do conselleiro do Medio Rural, co informe previo das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Economía e Facenda, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificacións no Decreto 562/2005, do 1 de decembro:

Un.-Engádese un novo parágrafo ao final do artigo 3:

«-O ente público Instituto Galego da Calidade Alimentaria.»

Dous.-O punto 3 do artigo 5º queda redactado nos seguintes termos:

«3. Subdirección Xeral de Apoio Xurídico, que terá ao seu cargo a elaboración de informes e ditames e o estudo das propostas de disposicións que elaboren os distintos centros directivos da consellería; a preparación e tramitación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e as súas comisións delegadas e do traslado de acordos destas; a coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería e entidades adscritas que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia; así como aqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lles sexan encomendados polo secretario xeral.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo

3.1. Servizo Técnico-Xurídico, ao que lle corresponderá a tramitación e a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial, reintegros de subvencións, da revisión dos actos en vía administrativa e dos expedientes sancionadores cuxa resolución corresponda aos directores xerais, ao conselleiro ou ao Consello da Xunta de Galicia nas materias competencia da consellería; así como a realización de cantas actuacións sexan necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as que a consellería exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro correspondentes, e todos aqueles asuntos que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados».

Tres.-O artigo 8º queda redactado nos seguintes termos:

«Á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural correspóndelle a realización das actuacións de fomento do desenvolvemento socioeconómico do territorio rural galego, a dinamización das áreas rurais de Galicia, a formulación de iniciativas e programas de desenvolvemento das zonas rurais e a execución das accións que contribúan á diversificación económica no medio rural, sen prexuízo das funcións atribuidas pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Exercerá as funcións de impulso no deseño, elaboración, coordinación, seguimento e avaliación das accións en materia de desenvolvemento rural que se executen ao abeiro do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), asumindo, para tal efecto, a responsabilidade da xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do Programa de desenvolvemento rural, así como o seguimento da calidade da súa aplicación, a través das actuacións descritas nos artigos 75 e 76 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, sen prexuízo das competencias da consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible na aplicación das medidas relativas á Rede Natura 2000.

Así mesmo, realizará as funcións de coordinación e xestión do Plan de Desenvolvemento Comarcal e a proposta de configuración das distintas comarcas nas cales se divide o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade:

Servizo de Coordinación e Seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural, que asumirá as tarefas relacionadas coa coordinación da xestión e o seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural co fin de garantir a xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do programa e a calidade na súa aplicación».

Catro.-O artigo 9º queda redactado nos seguintes termos:

«Á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, correspóndenlle as funcións de programación, coordinación e impulso da investigación, a innovación tecnolóxica e a formación no sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario galego; propiciar e facilitar a transferencia e a adopción dos resultados da investigación; elevar o nivel tecnolóxico dos sectores produtivos a través de programas de formación e transferencia de tecnoloxía; a realización de programas formativos dirixidos ao persoal dependente da consellería que melloren o seu coñecemento técnico no eido agroforestal, sen prexuízo das competencias que en materia de formación teñen atribuídos outros departamentos desta Administración; e proporcionarlle ao complexo agroindustrial galego o soporte científico e tecnolóxico necesario para o seu desenvolvemento sustentable, con especial atención aos aspectos de seguridade e calidade das producións, así como ao fomento dos procesos de produción ecolóxica

e integrada. Todo iso realizado en estreita colaboración cos representantes dos sectores interesados, impulsando a colaboración con empresas do sector agrario e alimentario na xeración de proxectos de I+D, e coordinado coa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, da consellería de Innovación e Industria, e no que atinxe á formación do persoal dependente da consellería en cooperación con outros departamentos ou entidades da Administración con competencias en materia de formación de persoal. Correspóndelle igualmente, a coordinación e dirección dos centros de Formación e Experimentación Agroforestal no desenvolvemento das súas actividades.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Investigación Agraria e Forestal, á cal lle corresponderá a programación e a coordinación da investigación nos distintos centros da consellería, en materia agroalimentaria e forestal tendo en conta os obxectivos, programas e instrumentos dos plans galegos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación vixentes en cada momento en Galicia. Impulsará e executará os traballos de investigación nas materias asignadas, tanto nos aspectos da produción e transformación como no que atinxe ao cumprimento das boas prácticas agrarias e do conxunto dos requisitos da condicionalidade nos procesos produtivos primarios nas explotacións galegas. Así mesmo, a través dos seus laboratorios de servizo e en coordinación coa Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, atenderá a demanda de análises conducentes a determinar a seguridade alimentaria vexetal, así como as determinacións que acrediten o bo estado das augas e solos de cultivo.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con categoría de servizo:

1.1. Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña), do que dependen a Estación Experimental de Gandaría de Montaña Marco da Curra (Monfero -A Coruña), a Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón (Lugo) e a Estación experimental Agrícola de Baixo Miño en Salceda de Caselas (Pontevedra).

1.2. Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense), da que depende a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra).

1.3. Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Mabegondo-A Coruña).

2. Subdirección Xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica, que exercerá as funcións de programación e coordinación da formación agroforestal, e a divulgación dos resultados da investigación agraria e alimentaria para atinxir a incorporación das innovacións tecnolóxicas aos sistemas produtivos primarios e de transformación, así como a realización de estudos, publicacións e estatísticas agrarias nas materias de competencia asignadas á Consellería do Medio Rural.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con categoría de servizo:

2.1. Servizo de Formación Agroforestal, que desenvolverá as funcións de formación dos agricultores, gandeiros, así como das súas asociacións e agrupacións, empresas de servizos agrarios e industriais agropecuarios, agroalimentarios e silvicultores, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, do persoal dependente da consellería en materias técnicas en colaboración con outros departamentos ou entidades da Administración con competencias en materia de formación de persoal e sen menoscabo das competencias atribuídas a estas entidades; así como a coordinación dos centros de formación e experimentación agroforestal. Correspóndelle así mesmo a coordinación e seguimento dos cursos de formación realizados no ámbito de actuación dos servizos centrais e periféricos da Consellería do Medio Rural.

2.2. Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatística e Publicacións, que desenvolverá as funcións de coordinación entre os centros de investigación e experimentación agraria e forestal e o sector agrario e agroindustrial, co fin de realizar a divulgación dos resultados experimentais e a adopción das innovacións tecnolóxicas na materia, para o cal contará co apoio e colaboración das oficinas agrarias comarcais e dos distritos forestais co fin de estudar e indagar nas necesidades e inquedanzas do sector co obxecto de promover a investigación nas materias que este demande, asumindo as funcións de asesoramento ao sector agrario e forestal nas cuestións de innovación e uso das novas tecnoloxías. Correspóndelle tamén, en colaboración cos centros de investigación e experimentación, publicar e divulgar os resultados dos ensaios e proxectos de experimentación e demostración no ámbito agroforestal, así como a realización dos estudos relativos ao sector agrario que se lle encomenden.

Adicionalmente, responsabilizarase da dirección e elaboración das estatísticas nas materias competencia da consellería, en coordinación co Instituto Galego de Estatística, así como da coordinación das publicacións e edicións audiovisuais que se realicen. Levará a termo así mesmo as funcións que se lle encomenden en relación cos observatorios de prezos de produtos agrarios».

Disposición transitoria

Única.-Readscrición do persoal afectado por mor dos cambios na estrutura orgánica da consellería.

Cando como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase o conselleiro do Medio Rural, por proposta do Secretario Xeral, a readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia.

Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución do conselleiro, a proposta da secretaría xeral, aos órganos regulados no presente decreto, en función das atribucións que estes teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase ao conselleiro do Medio Rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste Decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Súarez Canal

Conselleiro do Medio Rural