DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 25 de setembro de 2007 Páx. 15.760

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 174/2007, do 6 de setembro, polo que se modifica o Decreto 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica.

Mediante o Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG nº 78, do 23 de abril), polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica, habilitouse o Igape para conceder préstamos ou créditos a favor de empresas domiciliadas en Galicia, nos ámbitos concretos de apoio aos emprendedores e de apoio ao financiamento de producións audiovisuais, establecendo así mesmo que calqueroutro tipo de operación debería ser expresamente autorizada mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Posteriormente, mediante o Decreto 154/2004, do 7 de xullo (DOG nº 135, do 14 de xullo), habilitouse o instituto para conceder préstamos ou créditos destinados a financiar o desenvolvemento e/ou a implantación en Galicia de proxectos empresariais en materia de innovación tecnolóxica.

Vista a aceptación polas empresas destas liñas de apoio e tendo en conta a actual tendencia nas liñas de apoio públicas e nas directrices da Unión Europea á utilización de instrumentos e programas de axuda reintegrables, enténdese oportuno modificar a normativa para ampliar as finalidades dos préstamos do Igape co fin de dotalos dun maior ámbito.

Así mesmo, enténdese oportuno modificar o artigo cuarto do Decreto 133/2002, do 11 de abril, no referente aos créditos habilitados para estes programas co fin de acadar unha maior axilidade na operativa contable do instituto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Os seguintes artigos do Decreto 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica (DOG nº 78, do 23 de abril) pasan a ter a seguinte redacción:

«Artigo 2º

O Igape poderá conceder préstamos ou créditos de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que con carácter xeral para tal efecto aprobe e que, polo menos, establecerán os requisitos dos posibles prestameiros, destino dos fondos, prazo e condicións das operacións e que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Calqueroutro tipo de operación deberá ser expresamente autorizada mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 14.2º da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que establece como criterio xeral de actuación dos poderes públicos, entre outros, o de potenciar o crecemento do empresariado feminino, por acordo do Consello da Xunta de Galicia poderanse establecer os ámbitos en que, por razón da existencia dunha situación de desigualdade de oportunidades entre mulleres e homes, os devanditos programas e operacións poderán incluír, de ser o caso, a valoración de actuacións de efectiva consecución da igualdade por parte das entidades solicitantes, tendo en conta o previsto no artigo 35 da Lei 3/2007 e, de ser o caso, no artigo 19 e concordantes da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Artigo 4º

A concesión de préstamos ou créditos polo Igape farase dentro das dispoñibilidades financeiras que para este fin se establezan a partir das dotacións orzamentarias do instituto, incrementadas, de ser o caso polos importes que se deriven dos convenios ou concertos que para tal efecto o Igape subscriba con entidades públicas ou privadas. Anualmente publicaranse no Diario Oficial de Galicia, mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do Igape, logo do acordo do Consello de Dirección, as partidas orzamentarias e os importes reservados para a concesión de préstamos».

Disposicións derradeiras

Primeira.-A persoa titular da Consellería de Economía e Facenda poderá ditar as normas necesarias para a aplicación do que neste decreto se dispón.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda