DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 25 de setembro de 2007 Páx. 15.759

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 173/2007, do 30 de agosto, polo que se establece a forma de designación dos membros que integran o Consello Galego de Estatística.

A Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011, que modifica a Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, introduce cambios na composición do Consello Galego de Estatística previsto nos artigos 45 e seguintes desta última. Como consecuencia desta modificación cómpre determinar a nova forma de designación dos seus membros.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, de conformidade co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de agosto de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Composición.

O Consello Galego de Estatística estará composto polos seguintes membros:

1. A presidenta ou presidente, que será a conselleira ou conselleiro de Economía e Facenda.

2. A vicepresidenta ou vicepresidente, que será a directora ou director do Instituto Galego de Estatística.

3. As vogalías, coa seguinte distribución:

a) Unha persoa representante por cada un dos departamentos da Xunta de Galicia (Presidencia, Vicepresidencia, consellerías), con rango de secretario ou director xeral, designada polo órgano de que dependa.

b) Dúas persoas en representación do Consello das Cámaras de Comercio Galegas, designadas polo dito órgano.

c) Dúas persoas en representación da asociación empresarial intersectorial máis representativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Unha persoa representante designada por cada unha das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para determinar as organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma aplicarase o disposto no artigo 7.1º da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

e) Tres persoas en representación das organizacións profesionais de agricultores da Comunidade Autónoma de Galicia, designadas polo Consello Agrario Galego.

f) Dúas persoas en representación das organizacións de mariñeiros, designadas pola Federación Galega de Confrarías.

g) Dúas persoas en representación das organizacións de consumidores e usuarios, designadas polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

h) Dúas persoas en representación da Administración local, designadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

i) Unha persoa representante por cada unha das universidades de Galicia, designada polo respectivo reitor.

j) Tres persoas de relevancia profesional no campo da estatística, designadas polo conselleiro ou conselleira de Economía e Facenda.

k) Os titulares das subdireccións e da secretaría técnica do Instituto Galego de Estatística, de acordo coa súa estrutura orgánica, con voz e sen voto.

4. O secretario ou secretaria do consello, que será un funcionario ou funcionaria do Instituto Galego de Estatística, nomeado por resolución da súa dirección, con voz e sen voto.

5. Procurarase neste órgano a composición de xénero equilibrada, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 2º.-Duración do mandato.

1. O mandato dos membros do Consello Galego de Estatística será de catro anos. Non obstante, aqueles membros que o sexan por razón do cargo ou en virtude de representación, perderán a condición de tales no momento de cesaren no devandito cargo, ou como representantes do colectivo que os designou.

2. No caso de producirse algunha vacante no Consello Galego de Estatística, esta deberá cubrirse de acordo co previsto no artigo anterior. O novo membro será polo tempo que falte para completar o mandato.

3. Sen prexuízo do disposto anteriormente, os representantes das universidades e das distintas organizacións deberán ser ratificados ou substituídos polas instancias que os designen, no caso de realización de eleccións para os seus órganos reitores. Igual exixencia deberá cumprirse para os representantes da Administración local, cando teñan lugar eleccións locais.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 52/1995, do 16 de febreiro, polo que se establece a forma de designación dos membros que integran o Consello Galego de Estatística.

Disposicións derradeiras

Primeira. Facúltase o titular da Consellería de Economía e Facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda. Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de agosto de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda