DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 24 de setembro de 2007 Páx. 15.640

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 7 de setembro de 2007 sobre avais de acceso á rede de distribución de enerxía eléctrica.

Entre os cambios introducidos nos últimos meses na normativa reguladora do sector eléctrico, atópanse aqueles que, por referirse especificamente ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, afectan o ámbito de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

En concreto, as modificacións incorporadas ao Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a través do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, e que se refiren á necesidade de depositar un aval para iniciar os procedementos de acceso e conexión á rede de distribución das novas instalacións de produción en réxime especial, determinan a necesidade de desenvolver o procedemento a través do cal se determine a contía do devandito aval e o seu depósito, así como os supostos de cancelación e execución.

Consonte o Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellaría de Innovación e Industria, é esta o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións no ámbito da enerxía.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me foron conferidas con base no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo 1

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular o procedemento para o depósito, cancelación e execución dos avais necesarios para tramitar as solicitudes de acceso á rede de distribución das instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, establecidos no artigo 66.bis do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As prescricións desta orde serán de aplicación a todas as solicitudes de instalacións acollidas ao réxime especial de produción eléctrica dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo 2

Procedemento para o depósito, cancelación

e execución do aval

Artigo 3º.-Solicitude e documentación.

1. As persoas interesadas en obter acceso á rede de distribución para unha instalación de produción de enerxía eléctrica en réxime especial deberán dirixir a correspondente solicitude á Dirección Xeral competente en materia de enerxía, cos requisitos establecidos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do emprazamento, obxecto e características principais da instalación, nomeadamente a súa potencia nominal.

b) Orzamento da instalación.

c) Punto proposto para realizar a conexión.

3. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos anteriormente exixidos, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, teráselle por desistido da súa petición, logo de ditarse a correspondente resolución.

Artigo 4º.-Resolución.

A dirección xeral competente en materia de enerxía, no prazo máximo dun mes, fixará o importe do aval tendo en conta a potencia nominal da instalación e as contías establecidas no artigo 66.bis do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Artigo 5º.-Constitución do aval.

1. O aval deberá constituírse a disposición da dirección xeral competente en materia de enerxía, e depositarase, ata a súa cancelación, na caixa de depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

2. O aval constituirase polo tempo necesario ata que concorran as causas que determinen a súa cancelación, segundo o disposto no artigo sete.

Artigo 6º.-Presentación do aval.

1. Unha vez depositado o aval, presentarase o xustificante diante da dirección xeral competente en materia de enerxía, a cal expedirá copia cotexada do dito justificante para a súa presentación ante o xestor da rede de distribución para os efectos do inicio dos procedementos de acceso e conexión á rede.

2. No recadro correspondente do xustificante farase constar que a fianza se deposita perante a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, en cumprimento do establecido no artigo 66.bis do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, para garantir o cumprimento das obrigas do solicitante no procedemento de acceso á rede de distribución.

Artigo 7º.-Cancelación do aval.

1. A cancelación do aval será efectuada pola dirección xeral competente en materia de enerxía por solicitude do interesado nos casos seguintes:

a) Para as instalacións sometidas ao réxime de autorización administrativa previa, unha vez que se estenda a acta de posta en servizo da instalación e, para as restantes instalacións, cando se obteña a inscrición definitiva no rexistro.

b) Cando, no procedemento de autorización administrativa da instalación, se dite resolución de arquivo do expediente por desistimento ou denegatoria da solicitude sen que concorran incumprimentos de presentación de documentación ou actuación por parte do interesado.

2. Calquera resultado dos actos administrativos previos que poidan condicionar a viabilidade do proxecto e nos que non medie causa imputable ao interesado, será valorado pola Administración para os efectos de resolver sobre a cancelación do aval.

Artigo 8º.-Execución do aval.

1. Se, ao longo do procedemento, o solicitante desiste voluntariamente da tramitación administrativa da instalación ou non responde aos requirimentos de información ou actuación, a Administración advertirao de que, transcorridos tres meses, procederá á execución do aval.

2. Transcorrido o dito prazo sen que o interesado realizase as actuacións necesarias ou comunicase a información solicitada, a Administración acordará a execución do aval e notificarallo ao interesado.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2007.

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria