DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 24 de setembro de 2007 Páx. 15.639

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 172/2007, do 6 de setembro, sobre a asunción de funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1141/2007, do 31 de agosto, en materia de expedición do título de xestor administrativo, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 o do Estatuto de Autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través de o Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de colexios oficiais ou profesionais e a súa asignación á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Mediante Real decreto 1141/2007, do 31 de agosto, traspásanse as funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de expedición do título de xestor administrativo.

Procede, en virtude do citado traspaso, asumir de forma expresa as devanditas funcións e servizos, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias polo que se amplían as funcións traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, en materia de expedición do título de xestor administrativo e asignalas ao órgano da Comunidade Autónoma competente en materia de colexios profesionais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de seis de setembro de dous mil sete,

dispoño:

Artigo 1º.-Asunción do traspaso.

Quedan asumidas as funcións e servizos, traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1141/2007, do 31 de agosto, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de expedición do título de xestor administrativo, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias do 19 de xuño de 2007, de ampliación das funcións traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, publicado como anexo ao Real decreto 1141/2007.

Artigo 2º.-Asignación de funcións.

De acordo co establecido no Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, asígnanselle á citada consellería, as funcións e servizos asumidos. As referidas funcións e servizos serán exercidas pola Secretaría Xeral.

Artigo 3º.-Efectividade do traspaso.

A asunción de funcións obxecto deste decreto terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da Comisión Mixta, de acordo co disposto no Real decreto 1141/2007.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto e para adoptar as medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións e servizos traspasadas.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza