DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 24 de setembro de 2007 Páx. 15.638

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 170/2007, do 6 de setembro, sobre asunción da ampliación dos medios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1139/2007, do 31 de agosto, en materia de educación no CEIP Almirante Juan de Lángara e Huarte, e a súa asignación á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Constitución española no seu artigo 149 reserva para o Estado a competencia exclusiva en materia de regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidade se especialidades, no ámbito das súas competencias.

A través do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasáronse funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación. Estas funcións e servizos foron asumidos polo Decreto 114/1982, do 1 de setembro.

Mediante o Real decreto 1139/2007, do 31 de agosto, amplíanse os medios adscritos aos servizos da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación en relación o centro de educación infantil e primaria Almirante Juan de Lángara e Huarte.

Procede, en virtude da citada ampliación de medios asumilos de forma expresa, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias polo que se amplían os medios adscritos ás funcións e servizos traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, en materia de educación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de seis de setembro de dous mil sete,

dispoño:

Artigo 1º.-Asunción do traspaso.

Queda asumida a ampliación dos medios económicos traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1139/2007, do 31 de agosto, de ampliación dos medios adscritos aos servizos e funcións traspasadas en materia de educación, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias do 19 de xuño de 2007, de ampliación das funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, publicado como anexo ao Real decreto 1139/2007.

Artigo 2º.-Asignación de funcións.

De acordo co establecido no Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, asígnanselle á citada consellería, as funcións e servizos asumidos.

Artigo 3º.-Efectividade do traspaso.

A asunción de funcións obxecto deste decreto, terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da Comisión Mixta, de acordo co disposto no Real decreto 1139/2007.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto e para adoptar as medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións e servizos traspasados

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza