DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 19 de setembro de 2007 Páx. 15.427

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2007, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se convocan os Premios Galicia de Comunicación 2007.

Co fin de promover todo o que contribúa a profundar na realidade galega, así como para recompensar publicamente o labor que profesionais, institucións e empresas da comunicación veñen realizando neste sentido, esta secretaría xeral, ao amparo do disposto no Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, convoca os Premios Galicia de Comunicación 2007. Para tal efecto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os Premios Galicia de Comunicación 2007 e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo a esta resolución.

Os compromisos de gasto derivados da concesión dos premios por un importe total de corenta e dous mil catrocentos trinta e sete euros con sesenta e catro céntimos (42.437,64 euros), financiaranse con cargo á aplicación 04.30.461A.640.0 dos orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2007.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2007.

P.D. (Disposición adicional segunda

do Decreto 44/2006, do 2 de marzo)

Fernando Salgado García

Secretario xeral de Comunicación

ANEXO I

Bases que rexen a convocatoria dos Premios Galicia de Comunicación 2007

Primeira.-Poderán optar a estes premios os profesionais, empresas e institucións que durante o ano 2007 realizasen un destacado labor no ámbito da comunicación que contribuíse ao afondamento e difusión da realidade galega.

Segunda.-Os Premios Galicia de Comunicación 2007 están dotados cada un deles coa contía de seis mil doce (6.012) euros, excluída no seu caso a retención que legalmente lles corresponda.

Terceira.-Estes premios concederanse a unha iniciativa ou a un labor que se refiran a esta comunidade autónoma, para o que se establecen seis modalidades:

1. Premio á mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos.

2. Premio ao mellor labor de comunicación en medios impresos.

3. Premio ao mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos.

4. Premio ao mellor labor de comunicación en medios radiofónicos.

5. Premio ao mellor labor de comunicación en televisión.

6. Premio á mellor empresa ou institución que destacase por un singular esforzo no campo da comunicación.

Cuarta.-O prazo de presentación dos traballos rematará o día 31 de outubro de 2007.

Quinta.-A presentación farase en sobre pechado e a proposta virá asinada polo interesado ou persoa ou institución que propoña o outorgamento do premio en favor dun terceiro. No exterior do sobre figurará como enderezo a Secretaría Xeral de Comunicación (edificio administrativo de Presidencia, San Caetano, Santiago de Compostela) e conterá a documentación seguinte:

a) Se o traballo se difundiu nunha publicación periódica, achegaranse seis exemplares do xornal ou revista no que aparece, indicando cal é o traballo e a que premios opta, así como o nome e enderezo do autor.

Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, cumprirá presentar un certificado da empresa xornalística correspondente que acredite quen é o autor.

b) Se o traballo se emitiu por radio ou pola televisión, presentará dúas cintas co programa ou programas, indicando a que premio opta, así como o nome e enderezo do autor. Presentarase tamén un certificado do director da emisora no que conste a data de emisión e mais o autor.

c) No suposto de concorrer á modalidade establecida no punto 6 da base terceira, xuntarase memoria explicativa do destacado labor realizado no campo da comunicación, con documentación acreditativa dos extremos contidos nela.

Sexta.-O xurado ou xurados para a adxudicación destes premios nomearase por resolución do secretario xeral de Comunicación que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Para designar os membros do xurado aplicaranse criterios relacionados coa capacidade técnica e académica nas materias obxecto dos galardóns, así como os destinados a garantir unha representación de entidades de recoñecido prestixio relacionadas co mundo da comunicación social.

Sétima.-Na marxe do exposto na base quinta, os membros do xurado ou xurados poderán presentar e propoñer libremente cantos profesionais, empresas ou institucións consideren merecedoras de optar a estes premios. Neste suposto, a proposta deberase acompañar da documentación exixida nestas bases, de xeito que permita unha avaliación adecuada dela.

Oitava.-O veredicto do xurado ou xurados farase público nun acto que terá lugar nun prazo non inferior aos 10 días seguintes á data límite para a presentación dos traballos.

Novena.-Os traballos recibidos non se lles devolverán aos autores. A Secretaría Xeral de Comunicación reserva para si o dereito a publicar ou emitir os traballos premiados, sen fin de lucro.

Décima.-O xurado ou xurados poderán declarar desertos os premios que consideren oportunos.

Décimo primeira.-A participación neste premio supón a aceptación incondicional destas bases.

Ver referencia pdf "18200D001P007.PDF"