DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 18 de setembro de 2007 Páx. 15.384

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2007 pola que se convoca un curso de especialización contra incendios I.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de especialización contra incendios I, que se desenvolverá en colaboración co Centro de Instrución e Seguridade Interior da Armada, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Conseguir, nos integrantes dos servizos de Protección Civil, persoal cunha preparación especializada na loita contra os incendios que facilite a formación de seccións que poidan actuar con garantía e seguranza nas tarefas que teñan encomendadas dentro dos servizos de Protección Civil.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros dos servizos de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan realizado o curso básico de protección civil e o curso de segundo nivel de loita contra incendios urbanos e forestais e teñan experiencia no traballo de loita contra incendios.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de vinte.

2. Duración e data: o curso terá lugar do 15 ao 19 de outubro de 2007, ambos inclusive, das 8.30 ás 14.00 horas e cunha duración de 25 horas lectivas.

3. Lugar: Centro de Instrución de Seguridade Interior da Armada, avda. das Telleiras s/n, Ferrol (A Coruña).

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 8 de outubro de 2007.

4. As solicitudes deberán estar asinadas polo/a responsable da correspondente unidade de protección civil e co selo desta, e no caso de haber máis dunha solicitude do mesmo servizo, relacionadas por orde de preferencia. Estes requisitos serán indispensables para ser admitido no curso.

5. As solicitudes deberán enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 986 59 09 88, ou ben poden presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os interesados poden facer uso do modelo de solicitude que aparece na páxina web: http://agasp.xunta.es

6. Os seleccionados deberán presentar, antes do inicio do curso, un certificado médico de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das prácticas con lume real.

Quinta.-Contido.

O contido do curso de especialización contra incendios divídese en dúas partes:

Teórica:

-Extintores portátiles de auga, CO2 e po seco. Incendios de grandes proporcións. Efecto BLEVE. Lume a distinto nivel.

-Cámara termovisualizadora Argus. Materiais e equipamentos empregados na extinción con auga.

-Espumas extintoras. Clasificación e utilización.

-Equipamentos detectores de gases. Explosímetro, Combiwarn C. Multiwarn.

Práctica:

-Movemento básico de mangueiras. Técnicas de aproximación e extinción do lume. Lume exterior.

-Extinción de incendios con extintores portátiles.

-Extinción de incendios en exteriores con repartidores de caudal variable, conos ocos e cheos.

-Equipamentos xeradores de espumas.

-Extinción de lumes con espumas.

-Risco durante os incendios. Precaucións de seguridade. Adestrador C.I. Extinción de incendios combinados en adestrador de C.I.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á realización do curso. Tamén se pode comprobar a admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46, ou consultando a páxina web: http://agasp.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 5 de setembro de 2007.

Carlos Súarez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "18100D011P044.PDF"