DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 18 de setembro de 2007 Páx. 15.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 17 de setembro de 2007 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polas organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores, Comisións Obreiras e Confederación Intersindical Galega en todos os centros de traballo da provincia de Pontevedra cubertos pola empresa de Transportes Sanitarios Pontevedra Norte (Transa), que se levará para o efecto desde as 0.00 horas ás 24.00 horas, todos os martes e xoves, con carácter indefinido, e que se iniciará o día 18 de setembro de 2007.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, ante orde, e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga afecta os traballadores da empresa de Transportes Sanitarios de Pontevedra Norte (Transa), dos centros de traballo que prestan o servizo de asistencia e transporte sanitario urxente en catro vehículos de soporte vital básico e un vehículo de soporte vital avanzado, nos concellos da Lama, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cotobade, Marín, Poio, Pontevedra, Ponte Caldelas e Vilaboa.

Logo da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións sanitarias no ámbito da folga, con base no anterior a Consellería de Sanidade

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta o persoal da empresa de Transportes Sanitarios Pontevedra Norte (Transa), desde as 0.00 horas ás 24.00 horas del día 18 de setembro de 2007, todos os martes e xoves, con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación.

A folga ten lugar en días laborables, todos os martes e xoves, con carácter indefinido, nunha área xeográfica onde se produce un gran número de desprazamentos pola rede de comunicación viaria, sen que rematase aínda a temporada de verán, o que fai que poidan ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de moi difícil resolución, se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda.

Por outra parte, o persoal da rede de transporte sanitario urxente (RTSU) está formado na citada asistencia, polo cal as ambulancias que non sexan de RTSU non poden ser alternativa de transporte para esta situación.

Por estes motivos, así como tamén porque o deseño, en razón dunha superficie, dunha poboación e dunha isócrona de asistencia, e o número de ambulancias contratadas está axustado á demanda, os servizos mínimos para garantir a protección a saúde da poboación deben dar resposta ao 100% dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte de enfermos e accidentados a través das empresas que prestan servizos de ambulancias.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E para garantir os servizos esenciais requírese:

-Unha cobertura do 100% respecto da atención urxente prestada a través da ambulancia medicalizada do 061 da área de Pontevedra.

-Unha cobertura do 75% respecto da atención urxente prestada a través das ambulancias asistenciais do 061 da área de Pontevedra, resultando:

-O 100% da atención urxente prestada a través das dúas ambulancias asistenciais do 061 situadas na base de Pontevedra.

-O 100% da atención urxente prestada a través da ambulancia asistencial do 061 situada na base de Bueu.

-A atención urxente da área de Marín será prestada polas ambulancias asistencial e medicalizada de Pontevedra e pola ambulancia asistencial de Bueu.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios será realizada pola empresa aplicando os criterios do artigo 1º, coa designación nominal e individual, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos. Deberán proceder á publicación dos efectivos en servizos mínimos nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e aos usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2007.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade