DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 18 de setembro de 2007 Páx. 15.375

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 20 de agosto de 2007 pola que se dispón a ampliación dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na do 22 de maio pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 a concesión de subvencións a entidades locais e empresas de transporte, para o establecemento de servizos de transporte público nocturno a lugares de lecer baixo a marca NoiteBus.

A Orde do 22 de maio de 2007 (DOG nº 109, do 7 de xuño) establece que o crédito que financia as axudas previstas nela poderá ser obxecto de ulteriores modificacións como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, dándolle a oportuna publicidade.

No período de presentación de solicitudes previsto na indicada orde formularon solicitudes os destinatarios, entidades locais e empresas de transporte, que abarcan unha numerosa rede de servizos de transporte aos múltiples lugares de lecer existentes na nosa comunidade autónoma, de xeito que ben que co crédito previsto se cubrirían os servizos solicitados polas entidades locais, non se cobren de igual xeito os solicitados por empresas de transporte, o que levaría á necesidade de seleccionar entre estes consonte cos criterios previstos na orde de convocatoria.

Os ditos servizos deberán contribuír á diminución no uso dos vehículos particulares con ocasión ou por mor do exercicio de actividades de lecer nas franxas nocturnas, utilización vinculada directamente con numerosos sinistros e xeradora, polo tanto, de múltiples perdas de vidas.

Estas consideracións levan a considerar prioritaria a aposta decidida polo establecemento destes servizos, ao tempo que dificultan a negativa ao seu establecemento e a conseguinte selección entre servizos. Todo isto determina como prioritario un incremento da dotación económica, que permita o establecemento do conxunto de servizos solicitados que, nos termos previstos na orde de convocatoria, cumpran os requisitos precisos para acceder ás axudas.

En consecuencia, tendo esta consellería unha maior dispoñibilidade orzamentaria, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 22 de maio, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posibles

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Amplíase o importe das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 a concesión de subvencións a entidades locais e empresas de transporte, para o establecemento de servizos de transporte público nocturno a lugares de lecer baixo a marca NoiteBus, na seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007,

-2007.08.04.512A.470.0, para as solicitudes formuladas por sociedades privadas, por importe de 246.000 €, resultando por tanto un importe total, logo da ampliación, de 446.000 €.

Artigo 2º

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras

Públicas e Transportes