DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 14 de setembro de 2007 Páx. 15.225

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 10 de setembro de 2007 pola que se amplía a dotación orzamentaria para as prórrogas dos contratos de persoal subvencionados nas entidades asociativas agrarias de Galicia convocadas pola Orde do 1 de marzo de 2007.

A Orde do 1 de marzo de 2007 estableceu as bases e convocou para o ano 2007 e 2008 as axudas para as prórrogas dos contratos de persoal subvencionados nas entidades asociativas agrarias de Galicia (DOG nº 47, do 7 de marzo).

No artigo 15º.-Financiamento. Relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas. Tendo en conta o elevado número e dimensión das solicitudes de axuda que se recibiron e a necesidade dun maior financiamento, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, coa finalidade de poder amparar as solicitudes de axuda presentadas, sempre que cumpran co establecido na orde desta consellería citada anteriormente.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.- Amplíase a dotación orzamentaria que se recolle na orde desta consellería, do 1 de marzo de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 47, do 7 de marzo), pola que se convocan para o ano 2007 e 2008 as axudas para as prórrogas dos contratos de persoal subvencionados nas entidades asociativas agrarias de Galicia, nun total de 401.714,39 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713D.770.0, dos cales 189.969,16 € para o exercicio 2007, 171.297.60 € para o exercicio 2008 e 40.447,63 € para o exercicio 2009.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 1 de marzo de 2007.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural