DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2007 Páx. 15.155

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2007 pola que se convoca un concurso de premios a teses de doutoramento e traballos de investigación realizados no eido do consumo.

A defensa das persoas consumidoras constitúe un dos principios reitores da política social e económica recollido no Estatuto Galego do Consumidor e Usuario (Lei 12/1984). Articúlase a través dunha serie de procedementos eficaces co fin de protexer a seguridade, a saúde e os lexítimos intereses económicos das persoas consumidoras.

En relación ao anterior, a investigación pode contribuír de xeito importante ao coñecemento do eido do consumo de forma que favoreza o desenvolvemento dos mecanismos axeitados para garantir a protección das persoas consumidoras co fin último de atender ás necesidades da comunidade na procura dunha maior calidade de vida da cidadanía.

O Instituto Galego de Consumo quere potenciar e promover a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Un dos mecanismos para estimular esta investigación é premiar os traballos desenvolvidos no eido do consumo.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar un concurso de premios para as teses de doutoramento e traballos de investigación, que teñan por obxecto materias relacionadas co consumo como por exemplo a defensa, protección, educación e información das persoas consumidoras ou traballos realizados en relación á seguridade dos produtos, alimentarios e industriais, e á seguridade dos servizos dede o punto do consumidor final. Valorarase especialmente o seu carácter innovador e os traballos de campo realizados ou dirixidos aos consumidores e consumidoras galegas.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Outorgarase un primeiro premio de 3.000 euros e dous accésits de 1.000 euros para cada unha das dúas modalidades seguintes:

1. Modalidade A: teses de doutoramento.

2. Modalidade B: traballos de investigación.

Os premios, por unha contía total de 10.000 euros, faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2007, na que existe crédito axeitado e suficiente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán concorrer á concesión dos premios as persoas que lesen e defendesen as súas teses de doutoramento, nalgunha das universidades galegas, durante os anos 2005, 2006 ou 2007 ou que desenvolvesen traballos ou estudos de investigación na nosa comunidade autónoma, finalizados no citado período, realizados en organismos públicos, incluídas as universidades. Quedarán excluídas desta convocatoria as teses, ou as partes destas, que resultaron premiadas ao abeiro da Resolución do 9 de outubro de 2006 pola que se publicou a convocatoria da anterior edición destes premios.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos remata o día 5 de novembro de 2007.

Artigo 5º.-Presentación das solicitudes e documentación.

1. Os traballos que se presenten en cada unha das modalidades irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude conforme o anexo desta resolución.

b) Curriculum vitae do/a autor/a que inclúa os datos académicos, experiencia investigadora (estadía en centros de investigación e bolsas recibidas) e publicacións (libros, capítulos de libros, artigos en revistas científicas e comunicacións en congresos).

c) Certificación académica relativa á data de presentación e cualificación obtida pola tese de doutoramento ou certificación asinada pola persoa que dirixiu o traballo de investigación, relativa ás datas de comezo e remate deste, na que tamén se faga constar a súa valoración sobre a metodoloxía empregada e o grao de innovación dos resultados obtidos.

d) Dúas copias da tese de doutoramento ou do traballo de investigación (unha en formato dixital e outra en papel).

e) Resumo da tese de doutoramento ou do traballo de investigación, cunha extensión máxima de 10 páxinas, redactadas en galego, na que se incluirán o obxecto de estudo, material e métodos, resultados e conclusións e interese científico do tema tratado.

f) Breve xustificación cunha extensión máxima de 5 páxinas, redactadas en galego, sobre a achega novidosa do tema e sobre o interese para a Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os traballos que concursen, acompañados da documentación antedita, deberán presentarse nos servizos centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso aplicable o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 6º.-Características dos traballos.

Os traballos deberán ser inéditos e redactados en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma galega, agás no caso de teses de doutoramento europeas que serán igualmente aceptadas. Neste caso acompañaranse dun resumo, redactado en galego, de extensión suficiente que facilite a valoración do traballo, de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria, por parte do xurado.

Artigo 7º.-Xurado.

As teses e os traballos de investigación que concorran a esta convocatoria serán examinadas e avaliadas por un xurado que terá a seguinte composición:

-Presidente: o presidente do Instituto Galego de Consumo ou persoa na que delegue.

-Vicepresidenta: a xerente do Instituto Galego de Consumo ou persoa na que delegue.

-Vogais:

-A xefa de Servizo de Protección ao Consumidor do Instituto Galego de Consumo.

-O xefe de Servizo de Seguridade dos Produtos do Instituto Galego de Consumo.

-O director do Laboratorio de Consumo de Galicia.

-Un representante da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Innovación e industria.

-A xefa do Servizo de Información, Cooperación e Fomento que actuará como secretaria.

O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas e terá facultades para resolver todas as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Os traballos presentados en ambas as modalidades serán avaliados segundo os seguintes criterios:

1. Orixinalidade, precisión e innovación do traballo, tanto no tema que se vaia tratar como na súa formulación e as conclusións obtidas: ata 25 puntos.

2. Interese do tema tratado para a Comunidade Autónoma de Galicia: ata 25 puntos.

3. A aplicación práctica da investigación á realidade actual e a inclusión de propostas de carácter práctico para a mellora da defensa e protección dos dereitos e intereses das persoas consumidoras: ata 25 puntos.

4. A redacción do traballo en idioma galego: ata 25 puntos.

Artigo 9º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 10.000,00 euros (dez mil euros), farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2007 no que existe crédito axeitado e suficiente.

2. Os destinatarios dos premios teñen a obriga de facilitar toda a documentación que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de que se incumprira calquera das condicións establecidas para a súa concesión existirá obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 10º.-Difusión e publicación.

1. A participación no concurso supón a aceptación de todas as súas bases, así como a cesión do dereito de divulgación e publicación total ou parcial dos traballos premiados tanto en formato impreso como en dixital, se ben non ten carácter de en exclusiva. Así mesmo, poderá ser utilizado como material didáctico nas actividades do Instituto Galego de Consumo e, en especial, da Escola Galega de Consumo. A copia en formato dixital será publicada na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

2. Os/as autores/as das teses de doutoramento e traballos de investigación premiados farán constar que o traballo foi premiado polo Instituto Galego de Consumo en todas as publicacións deste.

Artigo 11º.-Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as representan poderán retirar as teses e traballos non premiados na sede do Instituto Galego de Consumo, no prazo de trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. As teses non recollidas no antedito período incorporaranse á biblioteca da Escola Galega de Consumo.

Artigo 12º.-Resolución.

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se o concurso de premios non se resolvese antes do 31 de decembro de 2007.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevaráselle ao presidente do Instituto Galego de Consumo, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 29/1998, da xurisdicción contencioso administrativa, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro, que estimen procedente.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

Esta resolución poderá ser recorrida potestativamente, ante o presidente do Instituto Galego de Consumo, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso administrativo correspondente, de conformidade coa Lei 29/1998,do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa.

Disposición adicional

No non previsto nesta resolución atenderase ao establecido nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na normativa comunitaria que lle resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2007.

Emilio Nogueira Moure

Presidente do Instituto Galego de Consumo

Ver referencia pdf "17800D006P011.PDF"