DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2007 Páx. 15.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2007 pola que se convocan dous cursos sobre plans de emerxencia municipal: proxecto e elaboración.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de dous cursos sobre plans de emerxencia municipal: proxecto e elaboración, que se desenvolverán conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal responsable da elaboración de plans de emerxencia municipal dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización de métodos de prevención e planificación necesarios nos seus concellos en función dos posibles riscos a que están expostos.

Segunda.-Destinatarios.

-Persoal técnico dos concellos con responsabilidade na elaboración de plans de emerxencia municipal (Pemu).

-Responsables das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia (presidente, xefe, subxefe e xefe de grupo).

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 27.

2. Duración e datas: os cursos realizaranse o primeiro do 15 ao 18 e o segundo, do 22 ao 23 de outubro de 2007, cunha duración de 22 horas lectivas cada un deles.

O horario será o seguinte:

-Mañás: das 9.30 ás 14.00 horas.

-Tardes: das 16.00 ás 20.00 horas.

3. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos solicitantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a máquina ou con letra moi clara a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 10 de outubro de 2007.

4. As solicitudes deberán vir asinadas polo/a xefe/a do organismo a que estea adscrito o solicitante e co selo daquel. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As solicitudes deberán enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada ou ao fax 986 59 09 88 ou ben entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os/as interesados/as poden facer uso do modelo de solicitude que aparece na páxina web http://agasp.xunta.es.

Quinta.-Contido.

Cartografía. Tipoloxía de riscos. Análise e determinación de riscos. Organización e servizos no plan. Comunicación e información. Arquivos informáticos de elaboración do plan. Catálogo de medios e recursos.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con anticipación suficiente ao inicio do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46 ou consultando a páxina web http://agasp.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de setembro de 2007.

P.A. (Decreto 23/1993, do 11 de febreiro)

Montserrat Bolívar Chinchilla

Secretaria xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "17800D005P009.PDF"

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO