DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2007 Páx. 15.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

CORRECCIÓN de erros.-Orde do 8 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega.

Advertidos erros no texto da devandita orde, publicada no Diario Oficial de Galicia número 93, do martes, 15 de maio de 2007, cómpre facer as oportunas correccións:

-Na páxina 7.950, no artigo 11º engádese o seguinte parágrafo: «4. Os beneficiarios terán ata o 30 de outubro de 2007 para a presentación da conta xustificativa correspondente aos investimentos executados na anualidade de 2007, que conterá:

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior».

-Na páxina 7.951, no artigo 13º, o primeiro parágrafo, onde di: «antes do 30 de outubro de 2007», debe dicir: «antes do 30 de outubro de 2008».