DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 10 de setembro de 2007 Páx. 14.939

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2007 pola que se modifica a do 7 de maio de 2007 pola que se regulan as bases para a concesión da axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Por Resolución do 7 de maio de 2007, publicada no Diario Oficial de Galicia o 14 de maio de 2007, do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo que depende da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade, publicáronse as bases reguladoras da axuda de pagamento único para mulleres que sofren violencia de xénero.

As bases reguladoras destas axudas establecen que as prestacións económicas aprobadas ao abeiro desta resolución se financiarán, para o exercicio actual, con cargo á aplicación orzamentaria 05.80.313B.480.2 dos orzamentos deste organismo, reservándose para tal efecto un crédito de 150.000 euros. Na disposición adicional primeira refire que o crédito consignado no orzamento para esta convocatoria se incrementará, logo de publicación, para atender os dereitos que deban recoñecerse por disposición legal, polo que, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíanse os créditos asignados nas bases reguladoras da axuda de pagamento único establecida na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, na contía de 153.413,44 euros para o exercicio corrente, con cargo á partida orzamentaria 05.80.313B.480.2; quedando asignado un crédito de 303.413,44 euros para o exercicio 2007.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2007.

Ana Luisa Bouza Santiago

Directora do Servizo Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller