DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 06 de setembro de 2007 Páx. 14.822

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Panrico, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Panrico, SA., que se subscribiu o 8 de xuño de 2007 entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores de UGT, CC.OO. e CIG, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2007.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Terceiro convenio colectivo da empresa

Panrico, S.A.-Galicia

(Ano 2007)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo será aplicable a todos os traballadores que presten servizos na empresa Panrico, S.A. nos seus centros de traballo actuais e futuros, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Queda expresamente excluído da aplicación deste convenio colectivo todo o persoal a que fai referencia o artigo 1.3º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio colectivo terá unha duración dun ano, estando vixente, por tanto, desde o 1 de xaneiro de 2007 até o 31 de decembro de 2007.

O convenio prorrogarase automaticamente de ano en ano, salvo que sexa denunciado por escrito por calquera das partes cunha anticipación mínima dun mes á data de finalización da súa vixencia ou de cada unha das súas prórrogas. Durante o proceso de negociación e ata a sinatura dun novo, seguirase aplicando o convenio denunciado.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As condicións de traballo e económicas pactadas neste convenio absorberán e compensarán, en computo anual, na súa totalidade, as que anteriormente rexían, pola mellora pactada ou unilateralmente concedida pola empresa, convenio colectivo, calquera que for a natureza e a orixe da súa existencia.

As disposicións ou resolucións legais futuras que impliquen variación económica, ou doutra índole en todos ou nalgún dos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia práctica se, globalmente consideradas en cómputo anual, na súa orde normativa de referencia, superan o nivel total do percibido, incluídas tanto as percepcións salariais como as non salariais; é dicir, todas as retribucións que perciba o traballador por todos os conceptos en cómputo anual, quedando, en caso contrario, absorbidas dentro deste.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

Todos os dereitos e obrigas que se establecen neste convenio colectivo constitúen un todo orgánico e indivisible, e no suposto de que o organismo laboral ou xudicial competente, no exercicio das facultades que lle sexan propias, obxecte ou invalide algún dos pactos, ou non aprobe a totalidade do seu contido, que debe ser un e indivisible na súa aplicación, este convenio será nulo e quedará sen efecto ningún, e débese negociar novamente o seu contido. Non obstante, se for rexeitado polo organismo laboral ou xudicial competente calquera dos artigos, as partes intentarán a emenda, se proceder, a fin de evitar a nulidade do convenio.

Artigo 5º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as situacións persoais que globalmente e en cómputo anual excedan este convenio, manténdose estritamente ad personam. No económico respectarase a cantidade económica concreta, ou ben a fórmula de cálculo específica, segundo se teña realizado ata a data, manténdose estritamente ad personam no caso concreto ou individualmente examinado.

Artigo 6º.-Normas supletorias.

Este convenio colectivo ten forza normativa e obrigará, con exclusión de calquera outro, e durante o tempo da súa vixencia, a empresa e os seus traballadores.

Nas materias non reguladas neste convenio, e en canto non se negocien coa representación dos traballadores, considerarase norma supletoria de carácter xeral o Acordo marco estatal de pastelaría, confeitaría, bolaría, xeadaría, repostería e pratos cociñados, asinado pola Confederación Española de Empresarios Artesáns de Pastelaría e por CC.OO. e UGT e publicado no BOE do 11 de marzo de 1996.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria que entenderá de cantas cuestións deriven da aplicación deste convenio, composta por cinco membros representantes dos traballadores e cinco membros por parte da empresa.

Esta comisión será designada por ambas as partes, manténdose o mesmo número de compoñentes durante a vixencia deste convenio.

Artigo 8º.-Organización do traballo.

A organización práctica do traballo é facultade da dirección da empresa, a fin de que se garanta tanto a produción como a calidade do produto fabricado. Esta facultade exercerase con suxeición ás normas legais e respectando as disposicións de carácter xeral vixentes en cada momento, e sen menoscabo das competencias que nesta materia recoñecen as leis aos representantes legais dos traballadores. Establecerase a vía que asegure a correcta participación previa do comité de empresa nas súas competencias informativas e consultivas.

Artigo 9º.-Xornada.

Para o ano 2007 establécese unha xornada anual de 1.740 horas efectivas de traballo, distribuídas en 39 horas semanais de traballo efectivo.

A xornada será realizada en cinco días á semana, con dous días de libranza consecutivos. A citada regra soamente quedará exceptuada na liña de fresco, na cal, con carácter excepcional, os días de libranza poderán ser descontinuos, sendo, polo menos un dos dous días, o sábado ou o domingo, a excepción daqueles traballadores que perciban complemento de traballo por quendas.

Como consecuencia das características da empresa e dos produtos que se elaboran neste centro de traballo, por razóns técnicas e organizativas, os domingos considéranse produtivos do mesmo xeito que o resto dos días da semana.

A partir da sinatura do acordo, aqueles traballadores que realicen xornada continuada terán dereito a tres descansos de dez minutos cada un, repartidos equitativamente durante a xornada de traballo, e que serán considerados como traballo efectivo.

Artigo 10º.-Horario de traballo.

Os horarios de traballo, así como os días de descanso, son os establecidos na actualidade na empresa para cada colectivo e quenda de traballo, de acordo cos que figuran no calendario laboral, por isto calquera modificación sobre o calendario e horario fóra do previsto neste convenio, deberá ser previamente discutido co comité de empresa.

Artigo 11º.-Distribución da xornada.

A empresa, respectando o número de horas laborables de cada ano, poderá acordar e levar a efecto, a partir do 1 de xaneiro de 2007, precedendo discusión co comité de empresa, a distribución da xornada de forma irregular, en atención ás necesidades produtivas.

O número máximo de horas anuais non poderá ser superior, para o ano 2007, a 1.740 horas.

No suposto de que a empresa acorde a distribución irregular da xornada, deberao realizar sen superar en ningún caso os seguintes límites:

-O número de horas modificables será de ata un máximo de 20 horas anuais. En caso de ampliar a xornada máis de dous días nunha semana, a partir do terceiro día cada hora será compensada cunha hora e vinte minutos.

-Ademais, a xornada diaria non poderá ser incrementada en máis dunha hora por encima da xornada ordinaria establecida, tendo a consideración de xornada ordinaria a que resulte de dividir a xornada anual polos días efectivos de traballo de cada liña conforme os calendarios laborais.

-O traballador deberá recibir comunicación por escrito, polo menos con cinco días de anticipación, salvo cando concorran circunstancias produtivas excepcionais ou imprevisibles en que, precedendo o coñecemento do comité de empresa, o prazo será de corenta e oito horas de anticipación.

-Nos supostos de prolongación de xornada, conforme o acordado no presente precepto, o tempo de descanso será de quince minutos, considerándose, neste suposto, como tempo de traballo efectivo.

-O tempo que exceda a xornada diaria ou semanal acumularase de tal maneira que a súa compensación en descanso se efectúe en días completos.

-Os días de compensación e descanso desfrutaranse, á escolla do traballador, acumulándoos aos períodos de vacacións do verán, Nadal ou Semana Santa, ou nos primeiros ou derradeiros días da semana dentro dos dous meses seguintes á súa realización. No suposto de que o traballador opte por desfrutar o descanso nos primeiros ou derradeiros días da semana, o citado descanso deberá ser desfrutado de maneira efectiva necesariamente nos dous meses seguintes á súa opción, a fin de adecualo ás necesidades produtivas e de organización da empresa, sen que en ningún caso se poida exceder o citado límite sen ter desfrutado o descanso.

Aos traballadores que teñan demostrada a diminución da súa capacidade física co correspondente informe oficial, non se lles ampliará a xornada, excepto aceptación voluntaria, e deberán, se o solicitaren, ser trasladados a un posto de traballo máis acorde coas súas capacidades físicas. Esténdese o anteriormente reflectido ás mulleres embarazadas.

Igualmente, os traballadores que teñan que cumprir cun deber inescusable de carácter persoal, quedarán exentos de ampliar a xornada, coa comunicación previa e xustificación posterior.

Artigo 12º.-Calendario laboral.

O calendario laboral establecerase anualmente, mediante acordo entre os representantes legais dos traballadores e a dirección da empresa. As negociacións iniciaranse no último trimestre do ano anterior ao calendario por fixar, unha vez publicado o calendario oficial de catorce festivos anuais pola autoridade laboral competente. En caso de desacordo, presentarase ante a autoridade laboral, para esta resolver.

Artigo 13º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán anualmente de 22 días laborables de vacacións, segundo distribución habitual de dúas semanas consecutivas, que se iniciarán no primeiro día laborable do traballador. Serán retribuídas con todos os conceptos salariais, e desfrutadas preferentemente entre os meses de xuño e setembro, salvo acordo das partes ou necesidade organizativa probada.

Os traballadores que ingresen ou cesen no transcurso do ano terán dereito á parte proporcional das vacacións, segundo a lexislación vixente.

Os matrimonios en que ambos os cónxuxes traballen na empresa terán un dereito preferente a fin de desfrutaren dos períodos de vacacións en datas coincidentes. A citada prioridade será extensible, igualmente, ás parellas denominadas de feito que demostren tal circunstancia mediante certificación oficial que probe tal situación.

A incapacidade temporal non interrompe o período de vacacións se aquela é declarada unha vez iniciado este.

No suposto de que o traballador sexa declarado en incapacidade temporal antes do inicio do período de vacacións, conservará o dereito a desfrutar as vacacións noutro período dentro do ano natural.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Terán consideración de horas extraordinarias aquelas que superen as pactadas para cada ano en cómputo anual ou, se é o caso, superen os límites establecidos para a distribución irregular da xornada diaria e semanal.

Ambas as partes se comprometen a reducir ao máximo as horas extraordinarias a través da utilización das vías establecidas neste convenio.

No suposto de ser necesaria a súa realización por motivo de pedidos imprevistos, reparación de sinistros ou avarías, as horas extraordinarias realizadas por estas causas, dentro do máximo establecido, serán consideradas como horas estruturais.

As horas derivadas de forza maior serán de obrigado cumprimento.

As horas extraordinarias, que serán voluntarias, aboaranse cunha recarga do 100% do salario base/hora.

Á escolla do traballador, as horas extraordinarias poderanse compensar por tempo libre na proporción dunha hora por dúas, debéndose acumular por semanas completas e establecéndose as datas de desfrute entre empresa e traballador.

Artigo 15º.-Retribucións.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito ás retribucións establecidas nas táboas salariais que, como anexo, figuran neste convenio.

Artigo 16º.-Antigüidade.

O persoal afectado por este convenio percibirá, en concepto de complemento persoal de antigüidade, o 6% do salario base por cada tres anos de servizos prestados á empresa.

A data inicial do cómputo de antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa.

Establécese unha limitación de 10 trienios para todos os traballadores.

Artigo 17º.-Nocturnidade.

Os traballadores que de maneira efectiva realicen a xornada nocturna, comprendéndose como tal a realizada entre as 22.00 horas e as 6.00 horas do día seguinte, terán un incremento dun 40% sobre o salario base.

Cando a xornada do traballador comprenda unicamente parte do horario nocturno, percibirá o incremento soamente en proporción ás horas traballadas dentro do horario fixado. Este complemento de nocturnidade aboarase unicamente nos días ou meses en que se efectúe, salvo aqueles traballadores que demostren a realización de xornada nocturna de forma habitual, que terán dereito a percibila en período de vacacións.

Artigo 18º.-Complemento dominical.

Todos aqueles traballadores que presten os seus servizos de maneira efectiva en domingo terán dereito a percibir un complemento salarial, denominado complemento dominical, cuxo importe é de 22.50 euros por cada xornada de domingo efectivamente traballada durante 2007.

O aboamento do complemento dominical regulado neste artigo, efectuarase con carácter mensual.

Artigo 19º.-Complemento festivos.

Como consecuencia das características dos produtos que se elaboran no centro de traballo, e por razóns técnicas e organizativas, ambas as partes acordan expresamente traballar os días feriados conforme o calendario laboral, librándose o día anterior ao festivo, excepto os festivos locais, que serán compensados cos días equivalentes de descanso, segundo acordo que se estableza en calendario laboral.

Todos aqueles traballadores que presten os seus servizos de maneira efectiva en festivos terán dereito a percibir un complemento salarial, denominado complemento festivos, cuxo importe, para 2007, é de 33,00 euros por cada xornada de festivos de ámbito nacional e/ou autonómico efectivamente traballado, e de 48,50 euros por cada xornada das festas locais.

O seu aboamento efectuarase con carácter mensual.

Artigo 20º.-Pagas extraordinarias.

Establécense para todos os traballadores tres pagas extraordinarias: unha en marzo, que corresponde á de beneficios, calculándose a razón do nove por cento do salario base máis antigüidade en cómputo anual; caso de ser inferior, será o que lle corresponda por 30 días de salario base máis antigüidade. Outra no mes de xuño, e a terceira no Nadal. As dúas, de devengo semestral, aboaranse a razón de 30 días de salario base máis antigüidade e pagaranse os días 15 de xuño e 15 de decembro.

Artigo 21º.-Complemento de transporte.

Durante o ano 2007, establécese un complemento de transporte de carácter inabsorbible, na contía de 3,1511 euros diarios. Este complemento, que percibirán todos os traballadores, aboarase unicamente os días realmente traballados, e aboarase tamén no mes de vacacións.

Artigo 22º.-Incrementos salariais.

Establécese para a vixencia deste convenio colectivo un incremento sobre as táboas e demais complementos de carácter retributivo en igual contía que o IPC estatal previsto para ese ano de vixencia.

No suposto de que o IPC real do Estado supere o incremento salarial aplicado a cada ano, levarase a cabo unha revisión salarial en igual contía que o exceso que, se for o caso, resulte, con efectos retroactivos desde o un de xaneiro do presente ano.

Artigo 23º.-Paga de setembro.

Todos os traballadores afectados por este convenio terán dereito a percibir un complemento salarial como incentivo á súa contribución na mellora da produtividade na empresa, denominado paga de setembro. Este complemento aboarase nun único pagamento, a tanto global, na nómina de setembro. Para tal efecto, fíxase o importe de 750 euros para o ano 2007.

Artigo 24º.-Préstamos.

Durante a vixencia deste convenio, o fondo destinado a un préstamo sen xuro fíxase en 38.464,65 euros, para préstamos por un importe máximo de 2.404,05 euros amortizables en dous anos, en 15 pagas anuais. Para a concesión destes préstamos exixirase un ano de permanencia na empresa. Por petición de calquera das partes poderase constituír unha comisión de catro membros integrada por dous representantes da empresa e dous membros do comité, co obxecto de velar polo cumprimento e concesión dos préstamos regulados neste artigo.

Artigo 25º.-Axuda escolar.

Establécese unha axuda de 155 euros para o ano 2007, por unha soa vez, que se aboará no mes de setembro de cada ano, para todos os fillos de traballadores cuxas idades estean comprendidas entre os 0 e os 18 anos, cumpridos dentro do ano 2007 e sempre que o 31 de agosto non superen a citada idade máxima. No suposto de que o pai e a nai traballen na empresa, soamente terá dereito a esta percepción un deles. A axuda escolar incrementarase, nos anos sucesivos de vixencia de convenio, no IPC estatal previsto para cada ano.

Tamén terán dereito a esa axuda escolar os traballadores con fillos de máis de 18 anos, sempre que demostren a matriculación en centros oficiais para a realización de estudos regrados de bacharelato, formación profesional ou universitarios, e non teñan traballo remunerado. O aboamento para estes últimos efectuarase no mes da xustificación, sempre do mesmo ano natural en curso, e sempre que o traballador nesa data teña como mínimo un ano de antigüidade na compañía.

Artigo 26º.-Axuda a diminuídos físicos e psíquicos.

Establécese unha axuda mensual de 107 euros para o ano 2007, para os fillos, irmáns, cónxuxes ou pais dos traballadores que teñan o 33%, ao menos, de minusvalidez recoñecida como tal pola Seguridade Social ou documento legal, sempre e cando o minusválido se encontre a cargo do traballador. A axuda establecida neste Artigo verase incrementada, nos anos sucesivos de vixencia de convenio, no IPC estatal previsto para cada ano.

Os dereitos recoñecidos ao cónxuxe entenderanse igualmente aplicables ás parellas de feito, sempre que esta situación sexa debidamente acreditada mediante inscrición en rexistro para tal efecto.

Artigo 27º.-Incapacidade temporal.

No suposto de enfermidade común ou accidente non laboral e sempre que o traballador reúna o período de carencia que a Seguridade Social establece para ter dereito á prestación de IT, percibirá, durante os 10 primeiros días do proceso, un complemento equivalente á diferenza existente entre o importe das prestacións da Seguridade Social e o 80% do seu salario bruto sen locomoción.

O citado complemento será do 100% durante o ano 2007.

No suposto de que o índice de absentismo do segundo semestre do ano 2007 non superase o índice de absentismo por enfermidade común do ano anterior, aboarase, igualmente, o 100% durante todo o ano seguinte.

A partir do décimo primeiro día, e en calquera caso, e até un máximo de 18 meses, o traballador percibirá o complemento equivalente á diferenza existente entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do seu salario bruto, igualmente sen locomoción.

Así mesmo, e reunindo o requisito anterior do período de carencia, aboarase, igualmente, o complemento equivalente á diferenza existente entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do seu salario bruto, sen locomoción, a partir do primeiro día e até un máximo de 18 meses, nos casos de ingreso en hospital, operación, maternidade, e accidente de traballo ou enfermidade profesional.

Para estes efectos entenderase por salario bruto: salario base, máis antigüidade se a houber e demais complementos salariais.

Artigo 28º.-Incentivo para a redución de absentismo.

Os traballadores que presten servizos en produción, mantemento, almacéns e administración percibirán no mes de xaneiro as cantidades, nas condicións que se detallan a seguir, sempre que o absentismo xeral por enfermidade, permiso retribuído e sen retribuír, atrasos e ausencias non xustificadas se manteña nas porcentaxes seguintes:

a) Se o índice de absentismo xeral do ano non excede o 4%, percibirán a cantidade de 70 € anuais incrementados co IPC, ou a parte proporcional que corresponda polo número de días efectivamente traballados durante todo o ano.

b) Se o índice de absentismo xeral do ano non excede o 3,5%, percibirán a cantidade de 140 € anuais incrementados co IPC, ou a parte proporcional que corresponda polo número de días efectivamente traballados durante todo o ano.

c) Se o índice de absentismo xeral do ano non excede o 3%, percibirán a cantidade de 200 euros anuais incrementados co IPC, ou a parte proporcional que corresponda polo número de días efectivamente traballados durante todo o ano.

d) Se o índice de absentismo xeral do ano non excede o 2,5%, percibirán a cantidade de 250 € anuais incrementados co IPC, ou a parte proporcional que corresponda polo número de días efectivamente traballados durante todo o ano.

e) Todas as cantidades que se establecen nas alíneas a, b, c e d son excluíntes entre si.

Para obter estes índices de absentismo sumarase a totalidade das ausencias que se produzan por todos os conceptos expresados no parágrafo 1 deste artigo, incluíndose igualmente, nesa suma, as ausencias cualificadas como non computables no 2º parágrafo da alínea d), do artigo 52 do Estatuto dos traballadores, excepto maternidade.

Por petición de calquera das partes poderase constituír unha comisión de seguimento do acordado neste artigo composta por tres membros designados pola empresa e tres membros do comité de empresa.

Artigo 29º.-Póliza de accidentes.

A empresa está obrigada a concertar, con primas íntegras ao seu cargo, unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de morte e invalidez por accidente de traballo durante as 24 horas do día, garantindo o percibo da indemnización de 36.000 euros no suposto de falecemento, e igual cantidade no suposto de incapacidade permanente total.

Artigo 30º.-Falecemento.

No suposto de falecemento dun traballador afectado por este convenio, estando en activo e sempre que demostre, como mínimo, 5 anos de prestación de servizos na empresa, esta aboará aos seus herdeiros, ou á persoa que o traballador expresamente designase, en concepto de indemnización por defunción, catro mensualidades de salario.

Artigo 31º.-Dereitos sindicais.

Canto aos dereitos de representación colectiva, ambas as partes se comprometen a rexerse pola lexislación vixente. Entre os membros do comité de empresa poderanse ceder as horas sindicais que lles correspondan en beneficio dalgún ou algúns dos seus membros, podéndose acumular por períodos anuais, sempre que exista comunicación previa á dirección da empresa mediante escrito cunha anticipación de, polo menos, 15 días naturais.

Artigo 32º.-Licenzas retribuídas.

As licenzas serán retribuídas despois aviso e xustificación, con dereito a remuneración, polos motivos seguintes:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Catro días en caso de nacemento de fillo, ou por falecemento de fillos ou cónxuxe. Se o traballador necesitar desprazarse fóra do domicilio habitual, serán cinco días.

c) Tres días no caso de falecemento, accidente ou enfermidade graves ou hospitalización de parentes até o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Se o traballador necesitar desprazarse fóra do domicilio habitual, serán catro días.

d) Dous días por traslado de domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

f) Un día en caso de bautizo, primeira comuñón e voda de parentes de primeiro grao.

g) Até un máximo de 20 horas anuais para acompañamento aos servizos de asistencia sanitaria, de familiares a cargo até o segundo grao de consanguinidade, sempre que estea debidamente xustificada e esta non se poida realizar fóra de horas de traballo.

h) Establécese un día de licenza para asuntos propios. O traballador deberá avisar a empresa con, polo menos, dous días de anticipación ao desfrute desta licenza.

i) Polo tempo necesario para asistencia a consulta médica do traballador, debendo este presentar xustificante médico.

Os dereitos recoñecidos neste artigo que afecten o cónxuxe entenderanse igualmente aplicables ás parellas de feito, sempre que esta situación sexa debidamente probada mediante inscrición en rexistro para tal efecto.

Considérase desprazamento se a viaxe a cubrir se realiza fóra da localidade do traballador en máis de 80 km. Se, ademais de superar esa distancia, o desprazamento se produce fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, disporase dun día adicional de licenza retribuída, sumando un total de cinco días por todos os criterios.

Artigo 33º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitará a todos e cada un dos traballadores as pezas de traballo regulamentarias segundo as diferentes categorías profesionais e as tarefas que hai que realizar. Cada peza terá un valor en puntos, podendo o traballador escoller anualmente entre todas as prendas por un valor idéntico ao total de puntos asignados á dotación que a seguir se detalla:

Ver referencia pdf "17300D001P006.PDF"

As pezas relacionadas serán todas elas de utilización obrigatoria por parte do persoal durante a xornada laboral.

Artigo 34º.-Xubilación.

De conformidade co disposto na disposición adicional décima do texto refundido do Estatuto dos traballadores introducida pola Lei 14/2005, e coa finalidade de procurar a mellora da estabilidade no emprego, as partes asinantes deste convenio establecen a idade de xubilación obrigatoria en 65 anos, como causa de extinción dos contratos de traballo sempre que os traballadores teñan cuberto o período mínimo de cotización e cumpran os demais requisitos exixidos pola lexislación da Seguridade Social para teren dereito á pensión de xubilación na súa modalidade contributiva.

Esta previsión vén encamiñada á consecución dunha mellor repartición ou distribución dun traballo de calidade na empresa, e coa finalidade de manter a estabilidade no emprego do resto de traballadores, sen prexuízo de que concorran razóns que aconsellen a amortización dos postos de traballo.

Os traballadores que se xubilen con 65 anos de idade e conten cunha antigüidade mínima de 15 anos ao servizo da empresa, percibirán desta, como premio de xubilación, dúas mensualidades de salario.

Por cada cinco anos máis de antigüidade, a partir dos citados quince, este premio incrementarase en 60,10 euros máis sen limitacións.

Con independencia do anterior, os traballadores que se xubilen con anterioridade aos 65 anos percibirán, ademais, en concepto de premio de xubilación as seguintes cantidades:

-Aos 60 anos 1.300 euros.

-Aos 61 anos 1.200 euros.

-Aos 62 anos 1.100 euros.

-Aos 63 anos 1.000 euros.

-Aos 64 anos 900 euros.

Co propósito de que o traballador acceda á xubilación de forma gradual e progresiva, evitando unha ruptura radical entre a vida laboral e o paso á xubilación, as partes acordan fomentar a modalidade de xubilación parcial regulada no Real decreto 1131/2002, do 31 de outubro:

1. Para acceder á xubilación parcial, o traballador deberá cumprir os requisitos establecidos na lexislación vixente e solicitalo á dirección da empresa.

2. A redución de xornada terá o límite máximo do 85% da xornada ordinaria.

3. Establécense os seguintes permisos retribuídos, sen prexuízo dos acordos individuais que puideren ser adoptados entre empresa e traballador:

a) Aos traballadores con máis de 30 anos de antigüidade na empresa, concédeselles un permiso retribuído equivalente ao 100% da súa xornada ordinaria a tempo parcial até que o traballador acceda á situación de xubilación.

b) Aos traballadores cunha antigüidade na empresa de 20 a 30 anos, concédeselles un permiso retribuído equivalente ao 75% da súa xornada ordinaria a tempo parcial até que o traballador acceda á situación de xubilación.

c) Aos traballadores cunha antigüidade na empresa de 10 a 19 anos, concédeselles un permiso retribuído equivalente ao 50% da súa xornada ordinaria a tempo parcial até que o traballador acceda á situación de xubilación.

Para estes efectos, considerarase a antigüidade correspondente á suma dos anos e/ou días de prestación de servizos desde o primeiro contrato laboral coa empresa, independentemente do tipo deste, en caso de sucesión de varios sen solución de continuidade.

Artigo 35º.-Cota sindical.

No relativo a este artigo seguiranse as normas establecidas no Estatuto dos traballadores, en relación coa Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 36º.-Dereito de reunión.

Os traballadores afectados por este convenio colectivo teñen dereito a se reunir en asemblea, conforme as condicións e límites establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 37º.-Retirada do carné de conducir.

Se como consecuencia de neglixencia na condución, alcoholismo, drogas ou faltas á autoridade, lle for retirado o carné de conducir a algún traballador cuxo traballo habitual lle exixa a condución dun vehículo, a empresa estudará esa retirada co comité de empresa para buscar unha solución ao problema.

Sempre que se produza a retirada do carné de conducir por un período inferior a 18 meses, e como consecuencia dalgunha causa producida en horas de traballo, a excepción das indicadas no parágrafo anterior, a empresa respectará a categoría profesional do vendedor ou condutor durante o período de retirada, percibindo os importes fixos da súa categoría laboral, sen comisións, e resituándoo en calquera posto existente nese momento na empresa determinado pola dirección. En ningún suposto a cantidade que deba aboar a empresa durante este período a calquera traballador poderá exceder o que perciba un vendedor sen comisións.

Se a retirada do carné de conducir se efectuar fóra das horas de traballo, a empresa resituará o traballador noutro posto de traballo, sempre que o interesado reúna as condicións para ocupalo, aboándolle, exclusivamente, o salario correspondente ao novo posto de traballo.

No caso de retirada do carné de conducir, e sempre que o traballador afectado non desfrutase as súas vacacións anuais, estas contaranse dentro do período de retirada.

Artigo 38º.-Anticipos.

Todos os traballadores da empresa poderán solicitar anticipos de ata o 90% do seu salario devengado no mes. O seu aboamento realizarase como máximo aos tres días de telo solicitado.

Artigo 39º.-Diminución da capacidade laboral.

O traballador que por causas non imputables a el nin estrañas á empresa, perdese ou sufrise unha diminución na súa capacidade laboral, deixando de ser apto para o posto que ocupa, terá a facultade de solicitar outro destino para o que demostre aptitude, coa asignación, para todos os efectos, da nova categoría correspondente. A empresa satisfará a solicitude ao se producir a primeira vacante.

Artigo 40º.-Cobertura de vacantes.

1. Dentro de cada departamento, o persoal que preste os seus servizos nel, e, subsidiariamente, o resto do persoal de cadro de persoal, terá dereito preferente ás vacantes que se vaian cubrir e postos de nova creación, e de non existir candidato idóneo, unha vez realizadas as probas a que se refiren os parágrafos seguintes, a empresa poderá recorrer á contratación externa.

2. Nos casos de promoción interna a un novo posto de traballo ou a un posto vacante de categoría superior, esta efectuarase consonte as seguintes normas:

a) O nomeamento para funcións de mando recaerá sobre o persoal que unilateralmente designe a dirección da empresa.

b) Todos os demais ascensos se realizarán por concurso-oposición baseado en méritos e probas con suxeición aos criterios que se establecen nos puntos 3 e seguintes deste artigo.

3. A dirección publicará nos taboleiros de anuncios as normas a que se deberá axustar o concurso-oposición mediante convocatoria, da cal se entregará con anticipación copia á representación dos traballadores e na cal consten aspectos como os seguintes:

a) Denominación e descrición resumida das funcións do posto de traballo con indicación da unidade organizativa a que pertence.

b) Categoría do posto de traballo.

c) Aptitudes psico-físicas exixidas polo posto.

d) Formación e experiencia mínima requiridas.

e) Cando for o caso, programa de materias sobre as cales deberían versar as probas técnicas e prácticas.

f) Forma, prazo e lugar de presentación das solicitudes e departamento a que deberán ser dirixidas.

g) Lugar, data e hora da celebración das probas e composición do tribunal cualificador.

h) Período de formación e adaptación requirido para a definitiva consecución dos dereitos inherentes á obtención da categoría.

4. O tribunal cualificador estará composto por catro membros, dous deles elixidos polo comité de empresa de entre todos os R.L.T. e outros dous pola dirección da empresa.

5. A cualificación de méritos e probas será efectuada polo tribunal seguindo os criterios e normas de actuación seguintes:

a) Exame médico. Considerarase eliminatorio. O servizo médico de empresa emitirá ditame de apto ou non apto.

b) As probas psicotécnicas, que se considerarán tamén eliminatorias, serán realizadas e valoradas entre 0 e 100 puntos por persoal técnico especializado nesta materia.

c) As probas de coñecementos básicos e específicos e o exame práctico terán tamén o carácter de eliminatorio e a súa realización débese encargar a expertos de empresas con que se colabore na realización dos programas de formación continua, os cales, así mesmo, valorarán os seus resultados entre 0 e 100 puntos.

Para poderen ser declarados aptos, os concursantes, deberán obter máis de 50 puntos en cada unha das puntuacións previstas para as proba psicotécnicas, exame de recoñecementos básicos, exame de coñecementos específicos e exame práctico.

6. A selección definitiva para cubrir a vacante anunciada na convocatoria do concurso-oposición será feita por acordo unánime do tribunal cualificador. De non obterse acordo unánime, a praza adxudicarase ao candidato que obtivese maior puntuación sumando as cualificacións das probas referidas nas alíneas b) e c) do parágrafo 5.

7. No suposto de que, e a criterio do tribunal cualificador, haxa máis dun candidato igualmente idóneo, escolleríase aquel que acreditase unha antigüidade maior.

8. Os postos de porteiro, cobrador, vixilante e recadista proveranse entre o persoal da empresa que, como consecuencia de accidente ou incapacidade, teña diminuída a súa capacidade e, preferentemente, entre os que non poidan desempeñar outro oficio ou emprego con rendemento normal por tales causas.

Artigo 41º.-Categorías profesionais.

Clasificación do persoal ao servizo da empresa.

A estrutura profesional dos traballadores da empresa estará composta dos seguintes grupos profesionais e categorías, o cal non supón a obriga de ter provistos todos os grupos enunciados, así como tampouco as categorías profesionais en que se dividen, se as necesidades da empresa non o requiren.

Grupos profesionais:

I. Técnicos.

II. Administrativos.

III. Subalternos.

IV. Mercantís.

V. Obreiros.

Grupo I. Técnicos.-Quedan clasificados neste grupo os que realizan traballos que exixan, con titulación ou sen ela, unha adecuada competencia ou práctica exercendo funcións de tipo facultativo, técnico ou de dirección especializada.

Grupo II. Administrativos.-Quedan clasificados neste grupo os que realicen traballos de mecánica administrativa, contables e outros análogos non comprendidos no grupo anterior.

Grupo III. Subalternos.-Quedan clasificados neste grupo os que desempeñan funcións para as cales non se require máis cultura que a primaria e reunir os requisitos que en cada caso se sinalen.

Grupo IV. Mercantís.-Quedan clasificados neste grupo os que desempeñen funcións de exposición, venda e/ou repartición de produtos, ben de forma directa, ou sexa en relación co cliente, ben de forma indirecta, ou sexa dirección, xestión, supervisión, tanto do persoal propio como a relación co cliente.

Grupo V. Obreiros.-Quedan clasificados neste grupo os que executen fundamentalmente traballo de índole material ou mecánica non comprendidos en calquera dos grupos anteriores.

Nos anteriores grupos comprenderanse as seguintes categorías profesionais, coas súas correspondentes definicións:

Técnicos:

1. Titulados:

-Técnico titulado de grao superior.-É quen, en posesión de título académico superior, desempeña na empresa funcións propias da súa titulación.

-Técnico titulado de grao medio.-É quen, en posesión de título académico de grao medio, desempeña na empresa funcións da súa titulación.

2. Non titulados:

-Director de departamento.-É quen asume a responsabilidade dun departamento, aínda que non teña titulación.

-Xefe de produción.-É quen, baixo as ordes inmediatas da dirección, coordina e controla as distintas seccións, desenvolvendo os correspondentes plans, programas e actividades, ordenando a execución dos traballos, respondendo ante a empresa da súa xestión.

-Encargado.-É quen, con coñecementos técnicos e prácticos acreditados, e ás ordes do director de departamento, dirixe o traballo dos xefes de sección e é responsable da forma de se ordenaren aqueles e da súa disciplina.

-Xefe de taller.-É quen, ás ordes da empresa, leva por delegación a dirección do taller e sabe executar, planear e preparar todos os traballos que nel se realicen.

-Xefe de sección.-É quen, con coñecementos técnicos e prácticos acreditados, dirixe o traballo dos oficiais, seguindo instrucións do seu superior inmediato, e é responsable da forma de se ordenaren aqueles e da súa disciplina.

3. Laboratorio:

-Técnico de laboratorio.-É quen, coa titulación adecuada e a iniciativa e responsabilidade necesaria, con ou sen empregados ao seu cargo, cun alto grao de coidado e precisión, realiza as seguintes funcións:

Análise, dosificación de fórmulas e determinacións de laboratorio, calculando os correspondentes resultados; obtención de mostras; certificados de calidade; boletíns de análise; tarefas de mostraxe para control de calidade; elaboración de normas; informes sobre análise e especificacións de tipo analítico para primeiras materias, produto acabado e produtos intermedios; desenvolvemento de probas industriais en estación piloto e fabricación ou outras similares; coidado do bo funcionamento dos aparellos e da súa homologación; aprovisionamento e arquivo de materiais e aparellos de laboratorio, reactivos e materias primas para a elaboración de fórmulas; mantemento do equipamento, material e célula de traballo. É o responsable da aceptación de calidade do produto terminado que controla. Precisa coñecementos de manexo de aparellos sofisticados, técnica analítica e manexo de instrumentación de alta precisión e complexidade.

-Auxiliar de laboratorio.-É quen, baixo a supervisión do técnico de laboratorio, realiza análises, dosificación de fórmulas e determinacións de laboratorio, coida do bo estado dos aparellos e da súa homologación, ocúpase da obtención de determinadas mostras de forma conveniente e de estender os certificados de calidade e boletíns de análises.

Administrativos:

-Secretario/a de departamento.-É o traballador que, con coñecementos completos de administración, realiza as funcións que o seu mando directo, ou sexa, o director de departamento, lle encomende realizar. Entre as súas calidades específicas deben constar a discrecionalidade, confidencialidade e responsabilidade, dadas as características peculiares do posto.

-Oficial de 1ª administrativo.-É o traballador con servizo determinado ao seu cargo que, con iniciativa e responsabilidade restrinxidas, con ou sen empregados ás súas ordes, executa algún dos seguintes traballos: funcións de cobramento e pagamento, dependendo directamente dun xefe e desenvolvendo o seu labor como axudante ou auxiliar deste, sen ter sinatura nin fianza; facturas e cálculo destas, sempre que sexa responsable desta misión, cálculo de estatística, transcrición en libros de contas correntes, diario maior, correspondentes, redacción de correspondencia con iniciativa propia, liquidacións, e cálculo das nóminas de salarios, soldos e/ou operacións análogas. Inclúense nesta categoría os taquimecanógrafos nun idioma estranxeiro.

-Oficial de 2ª administrativo.-É o traballador con iniciativa restrinxida e con subordinación a xefe ou oficiais de primeira, se os houber, que efectúa operacións auxiliares de contabilidade coadxuvantes das mesmas, organización de arquivos ou ficheiros, correspondencias sen iniciativa e demais traballos similares. Nesta categoría incluiranse os taquimecanógrafos en idioma nacional.

-Auxiliar administrativo.-É o traballador que, sen iniciativa propia, se dedica dentro da oficina a operacións elementais administrativas e, en xeral, ás puramente mecánicas inherentes ao traballo naquelas. Nesta categoría intégranse os telefonistas e mecanógrafos.

Subalternos:

-Porteiro.-É quen realiza as funcións de control e identificación das persoas que acceden ao recinto da empresa.

-Recadista.-É quen realiza xestións externas (ingresos e cobramentos en bancos e caixas, presentación de documentos en centros oficiais e privados, xestións esporádicas de cobramento, transporte de correo, etc.) con carné de conducir ou non, encomendadas polo seu inmediato superior e dá conta a este do resultado obtido.

Mercantís:

-Xefe de área.-É quen xestiona a acción de venda, obxectivos e/ou promoción na área xeográfica encomendada polo director do departamento e baixo as ordes del, efectuando contactos cos clientes e dirixindo o labor do persoal integrado na súa área.

-Xefe de clientes especiais.-É quen, baixo as ordes do director do departamento, se responsabiliza das xestións de negociación, promoción e venda cos clientes especiais denominados así polo volume da súa facturación.

-Supervisor.-É quen, ás ordes do seu mando superior, efectúa actividades para potenciar as vendas das rutas asignadas, supervisando, controlando e instruíndo o grupo de vendedores asignados ao seu cargo e realizando as outras tarefas propias do seu posto.

-Vendedor autovenda.-É quen se ocupa de efectuar previamente o pedido do xénero que hai que servir, o transporte, venda e colocación del en expositores ou lineais, conducindo o vehículo apropiado para as vendas que se van realizar, efectuando os traballos de carga e descarga, cobramento e liquidación da mercadoría, retirada de cestas e dos produtos caducados na cantidade que autoriza a empresa e, se é o caso, actividades de oferta e entrega de carteis destes, informando o seu supervisor ou mando superior, no posible, de calquera incidencia na ruta, comunicando ao taller mecánico e calquera anomalía no vehículo e coidando da conservación e boa presentación deste. A limpeza e o mantemento do vehículo correrá a cargo do taller mecánico.

Nas delegacións que non dispoñan de taller mecánico o traslado dos vehículos fóra da xornada será á conta da empresa.

Obreiros:

1º Mantemento:

-Oficial de 1ª de mantemento.-É quen, tendo a cualificación dese oficio e estando capacitado para efectuar as funcións asignadas a esta categoría, posúe ademais as condicións especiais e os coñecementos necesarios polo que se lle poden exixir capacidade para actuar con iniciativa e toma de decisións, efectuando diagnósticos e reparacións de máquinas, instalacións ou edificios de todo tipo, ou calquera traballo dos usualmente a el encomendados con ou sen necesidade de supervisión de instrucións particulares sobre eles.

- Oficial de 2ª de mantemento.-Integran esta categoría os que, sen chegar á perfección exixida para os oficiais de 1ª de mantemento, executan as tarefas antes definidas coa suficiente corrección e eficacia.

-Especialista de mantemento.-É quen axuda na realización das tarefas encomendadas aos oficiais de primeira e segunda de mantemento, estando capacitado para suplir estes últimos en caso de ausencia, en canto dure esta situación.

-Axudante de mantemento.-É quen axuda na realización das tarefas encomendadas aos oficiais de primeira e segunda, estando capacitado para suplir estes últimos en caso de ausencia, en canto dure esta situación, con menos de catro anos de antigüidade na empresa.

2º Produción:

-Oficial de 1ª de produción.-É quen, coa debida perfección e adecuado rendemento, executa con iniciativa e responsabilidade, baixo as ordes do seu mando correspondente, todas ou algúns dos labores propios del, con produtividade e resultados correctos, coñecendo as máquinas, utensilios e ferramentas que teña ao seu cargo para coidar da súa normal eficacia e conservación, pondo en coñecemento dos seus superiores calquera deterioración que observase e que poida diminuír a produción. Igualmente quedará adscrito a esta categoría quen se dedica a oficios complementarios da produción, tales como envasado, empaquetado, etiquetace, acabamento e demais servizos complementarios das seccións de produción, realizándoos tanto á máquina como a mano, coa debida perfección e adecuado rendemento.

Integran esta categoría os oficiais a quen se exixa:

-Execución perfecta do traballo a partir de instrucións moi xerais (documentación, fórmulas, tecnoloxías, etc.) e baixo lixeira supervisión, necesitando iniciativa e toma de decisións con autonomía de xuízo.

-Responsabilidade sobre máquinas e instalacións de produción de alta complexidade (conservación, limpeza, etc.).

-Responsabilidade sobre a produción propia das instalacións ao seu cargo, cun alto nivel de calidade (pesaxe, formulación, homoxeneización, etc.).

-Aptitude e experiencia para determinar, ao tacto ou á vista, o estado dun proceso calquera con precisión e toma de responsabilidade en calidade e cantidade.

-Constante atención a aparellos de control diversos (temperaturas, presións, etc.) ou gráficos.

-Execución perfecta do traballo que requira aptitude para a toma de responsabilidade en calidade e cantidade dun envasado, con autonomía de xuízo e toma de decisións.

-Responsabilidade sobre máquinas, instalacións de envasado, acabamento ou empaquetado de alta complexidade (conservación, limpeza, etc.).

-Responsabilidade sobre o envasado e acabamento propio nas instalacións ao seu cargo cun alto nivel de calidade (peso, presentación, acabamento, etc.).

-En xeral, dominar a súa especialidade de maneira segura e autónoma nos límites das condicións normais.

-Oficial de 2ª de produción.-Integran esta categoría os que, sen chegar á perfección exixida para os oficiais de 1ª, executan as tarefas antes definidas coa suficiente corrección e eficacia, baixo as ordes do seu mando correspondente.

-Axudante produción.-É quen axuda na realización das tarefas encomendadas aos oficiais de primeira e segunda de produción, estando capacitado para suplir estes últimos en caso de ausencia, en canto dure esta situación.

3º Almacén:

-Oficial de 1ª de almacén.-É quen está encargado de despachar os pedidos nos almacéns, recibir as mercadorías e distribuílas nos estantes ou lugares sinalados, rexistrando nos libros ou follas de material o movemento que se producise durante a xornada, así como as operacións de manipulación e mobilidade de produtos, caixas, cestas, entre outros, baixo as ordes do seu mando correspondente. Encádranse tamén neste categoría os condutores de carreta mecánica.

-Oficial de 2ª de almacén.-É o traballador que ten ao seu cargo labores manuais ou mecánicos no almacén e axuda á medición, pesaxe e traslado das mercadorías, baixo as ordes do seu mando correspondente.

-Axudante de almacén.-É quen axuda á realización das tarefas encomendadas aos oficiais de primeira e segunda de almacén, estando capacitado para suplir estes últimos en caso de ausencia, en canto dure esta situación.

4º Almacén/delegacións de vendas:

-Controlador.-É quen baixo as ordes do encargado e/ou mando superior, realiza o control dos produtos, carros, cestas, e material de promocións recibidos e ordena, clasifica, controla e verifica a súa carga e descarga aos que deben efectuar a venda e/ou repartición, contabilizando o xénero de cambio e de devolución e realizando aqueloutras tarefas propias do seu posto.

5º Loxística:

-Chofer de primeira.-É quen, encontrándose en posesión do permiso de conducir correspondente, conduce un vehículo da empresa (tráiler, camión e/ou turismo, etc.), ocupándose do seu coidado e mantemento, colaborando e dirixindo a súa carga e descarga.

Artigo 42º.-Garantía de emprego.

Durante a vixencia deste convenio a empresa comprométese a manter o emprego do persoal actualmente activo nela e afectado polo presente convenio -conforme anexo de postos adxunto- polo que non poderá extinguir unilateralmente contratos de traballo ao abeiro do establecido nos artigos 51 e 52 do Estatuto dos traballadores.

Non obstante o anterior, calquera situación que puider xerar a necesidade obxectiva de amortizar postos de traballo, tanto de presente como de futuro, que signifique a extinción de contratos de traballo polas causas establecidas nos citados artigos 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, deberá ser negociada, con carácter previo, co comité de empresa durante un período de trinta días, finalizado o cal sen terse alcanzado acordo, as partes someterán as súas discrepancias, con carácter previo a calquera actuación, ao procedemento de mediación ante o AGA.

As partes comprométense a utilizar a mobilidade funcional e a reciclaxe como mecanismos que eviten calquera perda de emprego. O traballador que, como consecuencia de acordos futuros, se puider ver afectado por unha extinción do contrato de traballo, terá prioridade de retorno á empresa sobre calquera outra contratación externa.

Igualmente, durante a vixencia deste convenio, nos casos de despedimento disciplinario, se este for declarado improcedente por sentenza firme da xurisdición laboral e a empresa optar polo aboamento da indemnización, non poderá amortizar o posto de traballo, polo que deberá proceder a contratar un novo traballador con contrato indefinido, ou ben recoñecerlle esta condición a algún dos que presten servizos na empresa con contrato temporal, unha vez esgotado o procedemento establecido para a cobertura de vacantes.

Artigo 43º.-Contratación e emprego.

Establecerase unha bolsa de polo menos 10 traballadores con contrato fixo descontinuo co obxecto de satisfacer e cubrir os incrementos fixos e periódicos das necesidades produtivas e organizativas da empresa, en calquera das súas liñas de produción, sendo as súas condicións laborais as propias da liña onde sexan asignados, e cuxa orde de chamada será rotativa, comezando polo traballador máis antigo, a fin de conseguir que todos realicen, aproximadamente, as mesmas horas anuais; analizándose cada tres meses, co comité de empresa, as variacións a que houber lugar en prol da consecución dese obxectivo.

As necesidades de contratación indefinida a tempo completo deberán ser cubertas co persoal da bolsa de fixos descontinuos, segundo a orde de antigüidade establecida.

Á sinatura deste acordo procederase á conversión dos contratos para a realización de traballos fixos descontinuos en indefinidos a tempo completo, e quedando clasificados como oficiais 2ª, de acordo coas condicións sobre clasificación de categorías actualmente vixente, desde o 1-7-2007.

Artigo 44º.-Contratación a través de empresas de traballo temporal.

A empresa soamente poderá recorrer á contratación a través de empresas de traballo temporal nos seguintes casos:

-Para cubrir ausencias imprevistas por un máximo de tres días.

-Para atender, por períodos non superiores a quince días, circunstancias imprevistas da produción que non poidan ser abordadas a través da distribución irregular da xornada.

-Para cubrir traballadores con dereito a reserva do seu posto de traballo, sempre que esta non supere previsiblemente o período de 15 días.

-Para cubrir traballos que pola súa especial cualificación non poidan ser desenvolvidos por traballadores de cadro de persoal, nun período que non supere os 45 días.

A realización de actividades especialmente perigosas para a saúde dos traballadores determinadas regulamentariamente e concretadas pola empresa, non poderá ser cuberta por empresas de traballo temporal. En tales supostos, poderanse utilizar contratacións de duración determinada ou subcontratacións de empresas especializadas, garantindo a empresa, nos límites establecidos pola lei, a formación previa necesaria.

A empresa dará a coñecer á representación legal dos traballadores os aspectos básicos dos contratos de posta á disposición no prazo máximo de 10 días a fin de que aqueles poidan realizar os labores de tutela das condicións de traballo, formación e saúde laboral dos traballadores das empresas de traballo temporal nos termos legalmente establecidos.

A empresa comprométese a que o contrato de posta á disposición en todos os seus aspectos, incluíndo xornada e retribución mensual, sexa acorde coa regulamentación xeral aplicable.

Artigo 45º.-Igualdade de dereitos.

Ambas as partes manifestan o firme desexo de manter o principio de igualdade entre traballadores masculinos e femininos, eliminando cantos elementos e condicións puideren resultar discriminatorios e adquirindo ambas as partes o compromiso de que calquera criterio que se poida ter en conta para a clasificación ou valoración profesional estea exento de calquera aspecto ou valoración que puider resultar discriminatorio entre ambos os sexos.

Artigo 46º.-Cláusula de adhesión ao AGA.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflitos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo (AGA), asinado ante a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 47º.-Formación.

En materia de formación observarase o establecido no Acordo Estatal de Formación do Grupo Panrico.

Disposicións adicionais

Primeira.-Co fin de preservar a estabilidade do emprego nos centros de traballo incluídos no ámbito de aplicación deste convenio colectivo, a empresa comprométese a analizar a súa situación produtiva co fin de atraer, con carácter preferente, para os centros de traballo de Galicia a fabricación de novos produtos e/ou aumentar a produción dos produtos que xa estean a ser elaborados nesa zona xeográfica, de conformidade coas exixencias e necesidades da demanda, e sempre que isto non implique un aumento de custos que incida negativamente na produtividade ou na súa posición competitiva no mercado.

Segunda.-Ambas as partes se adhiren aos acordos que nun futuro se poidan alcanzar entre a dirección do grupo Panrico e as seccións sindicais do grupo.

Terceira.-A aplicación das condicións económicas establecidas neste convenio non poderá xerar en cómputo anual e globalmente consideradas situacións económicas de inferior contía a ningún traballador afectado por este convenio.

Cuarta.-Establécese unha axuda, motivada polos gastos de negociación, de 1.202 euros por toda a vixencia do convenio.

Ver referencia pdf "17300D001P006.PDF"