DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 05 de setembro de 2007 Páx. 14.758

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 12 de xullo de 2007 pola que se acorda a cesión en propiedade de catro ordenadores persoais á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Val do Dubra.

A Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, exixindo o Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento da citada Lei 3/1985, que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar os bens, así como as súas condicións.

A Asociación de Promoción e Integración Gitana de Lugo, inscrita co número 1983/000361 no rexistro provincial de asociacións e co número VP-1515 no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, carece de fins lucrativos segundo o establecido no artigo 2º h) dos seus estatutos. Esta entidade solicitou á Consellería de Traballo a cesión de equipos informáticos que xa estean en desuso, para poder realizar actividades de apoio e reforzo educativo para os nenos/as do colectivo xitano.

Para tal fin, a Consellería de Traballo tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

Polo exposto e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade a favor da Asociación de Promoción e Integración Gitana de Lugo dos seguintes bens:

Ver referencia pdf "17200D002P006.PDF"

Artigo 2º

As cesións sinaladas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos, tal como establecen o artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autómona de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinaranse a fins de utilidade pública ou interese social da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Val do Dubra. Concretamente destinaranse a actividades de formación dos voluntarios así como de xestión da agrupación en relación coa contabilidade, solicitude de subvencións, etc.

b) Coa cesión outórgaselle á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Val do Dubra a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen aos fins sinalados, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebranto ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioracións que experimentasen.

d) Serán de conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos.

Artigo 3º

As devanditas cesións formalizaranse mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Traballo, para ditar e realizar as resolucións e trámites necesarios para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo