DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 04 de setembro de 2007 Páx. 14.689

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1140/2007, do 31 de agosto, de ampliación de medios económicos adscritos ao traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Real decreto 553/2006, do 5 de maio, das funcións e servizos, en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional encomendados ao Instituto Social da Mariña (ISM).

O Real decreto 553/2006, do 5 de maio, aprobou o acordo de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional encomendados ao ISM, adoptado polo Pleno da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, do 17 de abril de 2006.

De conformidade co previsto no Real decreto 96/2006, do 3 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2006, o Ministerio de Administracións Públicas convocou, a través da Orde 656/2006, do 6 de marzo, probas selectivas para acceso ao corpo xeral administrativo da Administración xeral do Estado por promoción interna, nas cales participou persoal no seu momento traspasado á comunidade autónoma polo Real decreto 553/2006, do 5 de maio, que promoveu ao citado corpo xeral administrativo.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións a que se deberán axustar os traspasos de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 19 de xuño de 2007, o oportuno acordo, cuxa virtualidade práctica exixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas, e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día trinta e un de agosto de dous mil sete.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado polo Pleno na súa reunión do 19 de xuño de 2007, polo que se amplían os medios económicos adscritos ao traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Real decreto 553/2006, do 5 de maio, en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional encomendados ao ISM.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia os medios económicos correspondentes nos termos que resultan do propio acordo e da relación anexa.

Artigo 3º

A ampliación a que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da Comisión Mixta.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios correspondentes serán dados de baixa nos correspondentes conceptos orzamentarios e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda aos conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financiar o custo dos servizos asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que se remitan ao departamento citado, por parte do Instituto Social da Mariña, os certificados de retención de crédito, para lle dar cumprimento ao disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este real decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Dado en Palma de Mallorca o trinta e un de agosto de dous mil sete.

Juan Carlos R.

Elena Salgado Méndez

Ministra de Administracións Públicas

ANEXO

Carmen Cuesta Gil e Antonio Losada Trabada, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta, que tivo lugar o día 19 de xuño de 2007, se adoptou un acordo de ampliación de medios económicos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional encomendados ao ISM nos termos que a continuación se expresan:

A) Referencia ás normas legais nas cales se ampara a ampliación de medios.

O Real decreto 553/2006, do 5 de maio, aprobou o acordo de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional encomendados ao ISM, adoptado polo Pleno da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, do 17 de abril de 2006.

De conformidade co previsto no Real decreto 96/2006, do 3 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2006, o Ministerio de Administracións Públicas convocou, a través da Orde 656/2006, do 6 de marzo, probas selectivas para acceso ao corpo xeral administrativo da Administración xeral do Estado por promoción interna, nas cales participou persoal no seu momento traspasado á comunidade autónoma polo Real decreto 553/2006, do 5 de maio.

En virtude dos resultados das citadas probas selectivas, varios funcionarios traspasados á Comunidade Autónoma, cuxa identificación se inclúe na relación adxunta nº 1, promoveron ao corpo xeral administrativo da Administración xeral do Estado, polo que procede ampliar os medios económicos traspasados para adecuar o custo efectivo ás retribucións que corresponden ao mencionado corpo xeral.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións a que se deberán axustar os traspasos de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia.

B) Valoración das cargas financeiras dos medios ampliados.

1. A valoración provisional no ano base 1999 que corresponde ao custo efectivo anual dos medios que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia elévase a 4.770,36 euros. A dita valoración será obxecto de revisión nos termos establecidos no artigo 16.1º da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía.

2. O financiamento, en euros de 2007, que corresponde ao custo efectivo anual, é o que se recolle na relación número 2.

3. Transitoriamente, ata que se produza a revisión do fondo de suficiencia a que se refire o artigo 16.1º citado, este custo financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos aos distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos.

C) Data de efectividade da ampliación.

A ampliación de medios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de setembro de 2007.

E para que conste, expedimos esta certificación en Madrid o 19 de xuño de 2007. Carmen Cuesta Gil e Antonio Losada Trabada. Secretarios da Comisión Mixta.

Ver referencia pdf "17100D002P009.PDF"

RELACIÓN NÚMERO 2

Valoración do custo efectivo da ampliación

(Euros 2007)

Capítulo I

-Programa 3435

Artigo 12. Concepto 120 ..…….... 5.391,54 euros.

Artigo 12. Concepto 1210 ............ 1.903,86 euros.

Artigo 15. Concepto 150 ……......... 604,80 euros.

Custo efectivo total: …....……….. 7.900,20 euros.