DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 04 de setembro de 2007 Páx. 14.687

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1139/2007, do 31 de agosto, de ampliación dos medios adscritos aos servizos da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación (CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte).

A Constitución, no artigo 149, reserva ao Estado a competencia exclusiva sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución, co fin de garantir o cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia establece no seu artigo 31 que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia plena da regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que, conforme o número 1º do artigo 81 dela, o desenvolvan, e sen prexuízo das facultades que atribúe ao Estado o artigo 149.1.30 da Constitución.

Polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos en materia de educación.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións a que se deben axustar os traspasos de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 19 de xuño de 2007, o oportuno acordo, cuxa virtualidade práctica exixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas, e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día trinta e un de agosto de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado polo pleno na súa reunión do 19 de xuño de 2007, polo que se amplían os medios adscritos ao traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Real decreto 553/2006, do 5 de maio, en materia de educación (CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte).

Artigo 2º

En consecuencia, quedan ampliados os medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia nos termos que resultan do propio acordo e das relacións anexas.

Artigo 3º

A ampliación a que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da Comisión Mixta.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinen conforme a relación número 3 serán dados de baixa nos conceptos de orixe e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda aos conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado destinados a financiar os servizos asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que se remitan ao departamento citado, por parte das oficinas orzamentarias dos ministerios de Defensa e de Educación e Ciencia, os certificados de retención de crédito, para dar cumprimento ao disposto na vixente Lei de orzamentos xerais do Estado.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este real decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Dado en Palma de Mallorca o trinta e un de agosto de dous mil sete.

Juan Carlos R.

Elena Salgado Méndez

Ministra de Administracións Públicas

ANEXO

Carmen Cuesta Gil e Antonio Losada Trabada, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia.

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta, celebrada o día 19 de xuño de 2007, se adoptou un acordo sobre ampliación de medios adscritos aos servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación, nos termos que a seguir se expresan:

A) Referencia ás normas constitucionais, estatutarias e legais en que se ampara a ampliación de medios.

O artigo 31 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é da competencia plena da comunidade autónoma a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que conforme o artigo 81.1º dela o desenvolvan, das facultades que atribúe ao Estado o artigo 149.1.30 da Constitución, e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

Mediante o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de educación.

En consecuencia co exposto, procede formalizar o acordo sobre ampliación dos medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia referido aos servizos e medios que a seguir se determinan.

B) Servizos que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia.

A comunidade autónoma asume en relación co centro escolar Almirante Juan de Lángara y Huarte, os servizos que respecto ao referido centro exerce a Administración educativa do Estado.

C) Bens, dereitos e obrigas do Estado afectados.

Cédese á Comunidade Autónoma de Galicia, por un período de setenta e cinco anos, o uso do ben inmoble onde está situado o CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte en Ferrol (A Coruña), tal como se recolle no convenio que se subscribirá entre ambas as administracións.

D) Persoal adscrito aos servizos que se traspasan.

O persoal que se traspasa é o que se detalla nas relacións adxuntas números 1 e 2, con indicación do corpo ou escala ou, se for o caso, categoría a que están adscritos ou asimilados, número de rexistro e retribucións básicas e complementarias ou, se for o caso, salario e complementos, de acordo todo isto co que consta nos seus expedientes persoais.

Será remitida aos correspondentes órganos da comunidade autónoma unha copia certificada dos expedientes do persoal traspasado, ben como as certificacións de haberes correspondentes ao exercicio 2007.

E) Valoración das cargas financeiras correspondentes á ampliación.

1. A valoración provisoria no ano base 1999 que corresponde ao custo efectivo anual dos medios que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia elévase a 236.082,77 euros. Esta valoración será obxecto de revisión nos termos establecidos no artigo 16.1º. da Lei 21/2001, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía.

2. O financiamento, en euros de 2007, que corresponde ao custo efectivo anual é o que se recolle na relación número 3.

3. Transitoriamente, ata se producir a revisión do fondo de suficiencia como consecuencia da incorporación a el do custo efectivo deste traspaso, este custo financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado dos créditos relativos aos distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos.

4. Así mesmo, o Ministerio de Defensa fará entrega á Xunta de Galicia da cantidade de setenta mil euros (70.000 €), por unha soa vez e sen integrarse no custo efectivo, para financiar actuacións de rehabilitación e mellora das instalacións, así como de supresión de barreiras arquitectónicas dos centros educativos afectados por este traspaso, nos termos establecidos no acordo complementario deste acordo.

F) Data de efectividade do traspaso.

A ampliación de servizos obxecto do presente acordo terá efectividade a partir do día 1 de setembro de 2007.

E para que conste, expedimos a presente certificación en Madrid o 19 de xuño de 2007. Carmen Cuesta Gil e Antonio Losada Trabada. Secretarios da Comisión Mixta.

Ver referencia pdf "17100D001P007.PDF"

RELACIÓN NÚMERO 3

Custo efectivo traspaso CEIP Juan de Lángara.

Centro dependente do Ministerio de Defensa

(euros 2007)

Sección 14: Ministerio de Defensa

Aplicación orzamentaria Importe

Capítulo I

14.17.120.03 121MX 6.908,16

14.17.120.05 121MX 2.266,44

14.17.121.00 121MX 4.235,52

14.17.121.01 121MX 2.376,65

14.17.120.06 121MX 2.235,02

14.17.127 121MX 135,82

14.17.130.00 121MX 71.503,04

14.17.130.01 121MX 1.424,52

14.17.137 121MX 491,33

14.17.160.00 121MX 26.129,64

Total capítulo I 117.706,14

Capítulo II 25.921,00

Total capítulo II 25.921,00

Total 143.627,14

Sección 18: Ministerio de Educación y Ciencia

Aplicación orzamentaria Importe

Capítulo I

18.01.322A.120.01 90.670,08

18.01.322A.120.05 7.804,44

18.01.322A.120.06 24.051,78

18.01.322A.121.00 45.836,16

18.01.322A.121.01 53.343,16

18.01.322A.160.00 25.643,91

Total: 247.349,53

Custo efectivo total 390.976,67