DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 03 de setembro de 2007 Páx. 14.641

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de adhesión da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, ao convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Visto o texto do acordo de adhesión da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia ao convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, publicado no DOG nº 106, do 4 de xuño de 2002, que se subscribiu con data do 24 de maio de 2007, dunha parte, en representación da empresa, o conselleiro delegado e o director xerente, e, doutra, a organización sindical CIG, en representación dos traballadores, do convenio laboral afectado, e de conformidade co disposto no artigo 92.1º, en relación co artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

Resolve:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do referido acordo de adhesión no correspondente rexistro desta dirección xeral, con notificación á comisión negociadora.

Segundo.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2007.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Acta nº 3 da comisión negociadora de novo convenio na sociedade anónima para o desenvolvemento comarcal de Galicia.

Asistentes:

Pola empresa:

Conselleiro delegado: Edelmiro López Iglesias.

Director xerente: Emilio Martínez Rivas.

Pola representación dos traballadores:

CIG: Manuel Jorge Borrego Taín, Patricia Fraga Rodríguez e Gonzalo González Bernárdez (secretario).

En Santiago de Compostela, sendo as 10.00 horas do día 24 de maio de 2007, reúnese, en sesión ordinaria, no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, a comisión negociadora do novo convenio coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a orde do día:

Punto primeiro.-Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.

Punto segundo.-Informe de resposta da Dirección Xeral de Orzamentos e da Direccion Xeral de Función Pública.

Punto terceiro.-Adhesión ao IV Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Data de entrada en vigor.

Punto cuarto.-Disolución da comisión negociadora.

Punto quinto.-Rogos e preguntas.

Punto primeiro:

Foi lida e aprobada a acta número 2, correspondente á sesión do 28 de decembro pasado.

Punto segundo:

O director xerente informa de que se recibiu na Sociedade o informe favorable conxunto das direccións xerais de Orzamentos e da Función Pública para a adhesión ao IV Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, cun custo do cadro de persoal da Sociedade de 1.700.010,54 € para o ano 2007. Xúntase copia a este acta.

Punto terceiro:

Acórdase por unanimidade dos presentes a adhesión total da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia ao IV Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, con base no informe favorable citado no punto segundo, con efectos económicos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2007 e data de entrada en vigor para o resto do contido do convenio o 25 de maio de 2007.

Punto cuarto:

Unha vez acadado o obxectivo polo que foi constituída esta comisión negociadora, acórdase por unanimidade dos presentes disolver esta comisión desde o mesmo día do asinamento desta acta.

Acórdase, asemade, que o comité de empresa sexa o encargado de comunicar este acordo con todo o seu contido e alcance á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Punto quinto:

Non se formularon rogos e preguntas.

E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión sendo as 11.00 horas do día da data.

En proba de conformidade todos os asistentes asinan a presente acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.