DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 03 de setembro de 2007 Páx. 14.634

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2007, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado aos estudos profesionais de artes plásticas e deseño durante o curso 2007-2008.

A Orde do 25 de xuño de 2007, pola que se regula o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, establece o proceso de admisión para quen non reúne os requisitos académicos establecidos con carácter xeral e para aquelas persoas que, reunindo os requisitos académicos, deben superar a proba específica definida na mesma orde, e autoriza a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, na súa disposición derradeira primeira, para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento do previsto nesa orde.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Solicitudes de admisión.

1. O alumnado que queira acceder aos ciclos formativos de artes plásticas e deseño efectuará a súa inscrición desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 27 de xullo, ou ben do 3 ao 10 de setembro, na escola que oferta as ensinanzas do ciclo formativo que desexa cursar e que foi elixido como primeira opción.

2. Para a formalización das solicitudes de admisión, os centros onde se impartan estas ensinanzas facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexos I e II a esta resolución. Unha vez cuberta, entregarase unha única instancia na secretaría da escola que imparta a ensinanza profesional de artes plásticas e deseño á que solicita acceder en primeira opción, xunto coa documentación que sexa necesaria para a acreditación dos datos consignados:

a) Fotocopia do DNI ou partida de nacemento.

b) Título académico.

c) Certificado de estudos no que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título.

d) Certificado da proba de acceso ao ciclo formativo, se fora o caso.

3. A solicitude de inscrición será única para cada grao.

Segundo.-Criterios preferentes de selección.

De acordo co disposto no artigo 6 da Orde do 25 de xuño de 2007, establécense os seguites criterios de valoración das solicitudes:

1. Ensinanzas profesionais de grao medio:

1.1. Para os aspirantes que accedan directamente ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, cando no existan prazas suficientes, terá prioridade o alumnado que:

a) Estea en posesión do título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

b) Estea exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, por experiencia laboral de polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio e superior ao que se queira acceder.

c) Estea en posesión do título de técnico de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexe cursar ou teña superados os cursos de comúns de artes aplicadas e oficios artísticos.

d) Estea en posesión do título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexe cursar ou título declarado equivalente.

e) Estea en posesión do título superior de artes plásticas, título superior de deseño ou título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

f) Estea en posesión do título de arquitectura ou da licenciatura en belas artes.

g) Enxeñaría técnica en deseño industrial.

Dentro de cada unha das alíneas anteriores a prioridade das solicitudes virá determinada por a maior puntuación obtida como media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias dos estudos alegados para o ingreso no ciclo formativo, expresada con dous decimais. No caso de empate efectuarase por sorteo público.

1.2. Para os aspirantes que accedan mediante proba específica ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba específica.

b) No caso de empate, por sorteo público.

1.3. Para os aspirantes que accedan mediante proba de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba de acceso. Para determinar a cualificación da proba de acceso non se terá en conta a parte que sexa obxecto de exención.

b) No caso de empate, por sorteo público.

2. Ensinanzas profesionais de grao superior.

2.1. Para os aspirantes que accedan directamente ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, cando no existan prazas suficientes terá prioridade o alumnado que:

a) Estea en posesión do título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

b) Estea exento de realizar a proba específica de acceso ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño por experiencia laboral, de polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio e superior ao que se queira acceder.

c) Estea en posesión do título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexe cursar ou título declarado equivalente.

d) Estea en posesión do título superior de artes plásticas, título superior de deseño ou título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

e) Estea en posesión do título de arquitectura ou da licenciatura en belas artes.

f) Enxeñaría técnica en deseño industrial.

Dentro de cada unha das alíneas anteriores a prioridade das solicitudes virá determinada por maior puntuación obtida como media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias dos estudos alegados para o ingreso no ciclo formativo, expresada con dous decimais. No caso de empate, efectuarase por sorteo público.

2.2. Para os aspirantes que accedan mediante proba específica ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba específica.

b) No caso de empate, por sorteo público.

2.3. Para os aspirantes que accedan mediante proba de acceso ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba de acceso. Para determinar a cualificación da proba de acceso non se terá en conta a parte que sexa obxecto de exención.

b) No caso de empate, por sorteo público.

3. Para efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder aos ciclos formativos aplicaranse as seguintes equivalencias:

-Suficiente/aprobado: 5.5.

-Ben: 6.5.

-Notable: 7.5.

-Sobresaliente/matrícula de honra: 9.0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada anteriormente expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, con dúas cifras decimais.

Para determinar a media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumno teña validadas ou nas que estivese exento.

4. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo solto da oferta modular das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño. As condicións, criterios e probas de acceso serán as mesmas que as reguladas para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o establecido nesta resolución. No caso que de quedaran prazas vacantes unha vez resolto o proceso de admisión, as ditas vacantes poderanlle ser ofertadas ao alumnado que non curse ensinanzas regradas, a través dos cursos monográficos que oferte o centro. Neste caso as prazas cubriranse por estrita orde de chegada, e o alumnado poderá obter unha certificación de capacidades.

Terceiro.-Relación de persoas admitidas.

Os centros farán pública a relación de persoas admitidas ás correspondentes probas o 11 de setembro, indicando ao mesmo tempo, o seu lugar de realización.

Cuarto.-Desenvolvemento das probas.

1. As comisións avaliadoras, coa composición que figura no anexo V desta resolución, tomarán como criterios de avaliación os criterios que se indican nos anexos III e IV desta resolución.

2. As probas de acceso realizaranse nos días e horas que se indican a continuación:

a) Ciclos formativos de grao medio:

1. Proba de acceso:

a) Parte xeral: día 13 de setembro.

Parte sociocultural de 9.00 a 10.00 horas e de 11.00 a 12.00 horas.

Parte de educación plástica e visual de 16.00 a 19.00 horas.

b) Parte específica: día 19 de setembro.

Primeiro exercicio: de 10.00 a 11.00 horas.

Segundo exercicio: de 12.00 a 14.00 horas.

Terceiro exercicio: de 17.00 a 19.00 horas.

2. Proba específica: día 19 de setembro.

Primeiro exercicio: de 10.00 a 11.00 horas.

Segundo exercicio: de 12.00 a 14.00 horas.

Terceiro exercicio: de 17.00 a 19.00 horas.

a) Ciclos formativos de grao superior:

1. Proba de acceso:

a) Parte xeral: día 13 de setembro.

Parte de materias comúns: de 9.00 a 12.00 horas.

Parte de materias de modalidade: de 13.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

b) Parte específica:

Para as familias profesionais de deseño de interiores, deseño gráfico, deseño industrial e artes aplicadas ao libro: día 19 de setembro.

Primeiro exercicio: de 10.00 a 11.00 horas.

Segundo exercicio: de 12.00 a 14.00 horas.

Terceiro exercicio: de 17.00 a 19.00 horas.

Para as familias profesionais de artes aplicadas da escultura, artes aplicadas á indumentaria, cerámica artística e xoiaría de arte: día 20 de setembro.

Primeiro exercicio: de 10.00 a 11.00 horas.

Segundo exercicio: de 12.00 a 14.00 horas.

Terceiro exercicio: de 17.00 a 19.00 horas.

2. Proba específica:

Para as familias profesionais de deseño de interiores, deseño gráfico, deseño industrial e artes aplicadas ao libro: día 19 de setembro.

Primeiro exercicio: de 10.00 a 11.00 horas.

Segundo exercicio: de 12.00 a 14.00 horas.

Terceiro exercicio: de 17.00 a 19.00 horas.

Para as familias profesionais de artes aplicadas da escultura, artes aplicadas á indumentaria, cerámica artística e xoiaría de arte: día 20 de setembro.

Primeiro exercicio: de 10.00 a 11.00 horas.

Segundo exercicio: de 12.00 a 14.00 horas.

Terceiro exercicio: de 17.00 a 19.00 horas.

3. Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Quinto.-Exencións.

1. Para resolver as exencións previstas na Orde do 25 de xuño de 2007, as persoas integrantes da comisión avaliadora constituiranse en comisión de valoración da documentación presentada polos aspirantes. O resultado da valoración entregaráselle mediante informe ao director ou directora do centro onde se fixera a inscrición, que deberá ditar unha resolución expresa individualizada e comunicarlla ao aspirante antes da data de realización da proba. Unha copia desta resolución xuntarase á solicitude de inscrición do aspirante mediante a correspondente dilixencia.

2. No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o delegado provincial correspondente, quen resolverá e agotará a vía administrativa.

Sexto.-Órganos competentes para resolver a admisión do alumnado.

1. A comisión avaliadora de cada escola de arte e superior de deseño é o órgano competente para resolver sobre a admisión do alumnado. Nos centros públicos, a dirección será a responsable do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle ao Consello Escolar garantir o seu cumprimento. Nos centros autorizados de arte, as persoas titulares serán as responsables do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle ao Consello Escolar garantir o seu cumprimento.

2. Unha vez concluído o proceso de admisión, cada comisión avaliadora publicará a listaxe de persoas admitidas e non admitidas, en orde decrecente segundo a puntuación asignada. Contra a resolución das comisións avaliadoras, as persoas interesadas poderán presentar reclamación segundo se establece no artigo noveno desta resolución.

3. As escolas comunicaranlle o día 1 de outubro á comisión autonómica de escolarización o número de persoas admitidas e o número de prazas vacantes en cada ciclo formativo. Tamén lle remitirán as relacións de todas aquelas persoas que non obtiveron praza na escola.

Sétimo.-Matrícula e constitución de grupos de ciclos formativos.

1. Os centros farán públicas as listaxes de persoas admitidas por reserva de prazas antes do 15 de setembro.

2. As escolas de arte e superiores de deseño, antes do 25 de setembro, farán pública a resolución definitiva de adxudicación de prazas das comisións avaliadoras e a relación de solicitantes de cada un dos ciclos formativos, coa totalidade de puntuación outorgada por epígrafes. Estarán ordenadas de maior a menor puntuación e remitiráselle á comisión autonómica a relación do alumnado que non obtivo praza na escola e solicitaba ademais outras escolas.

3. O alumnado que obteña praza, adxudicada por resolución definitiva das comisións avaliadoras, deberá formalizar a súa matrícula ata o día 28 de setembro. A non formalización da matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito de acceder a estas ensinanzas no curso 2007-2008.

4. A comisión autonómica de escolarización ou os servizos provinciais da Inspección Educativa resolverán a adxudicación das prazas vacantes aos solicitantes que non obtiveron praza coa resolución das comisións avaliadoras. Desta resolución farase a correspondente publicación nas delegacións provinciais e nas escolas de arte e superiores de deseño o día 1 de outubro. Os admitidos segundo esta resolución terán de prazo para matricularse desde a data da publicación ata o día 5 de outubro.

5. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos por escola. O número de alumnos de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo e escola en particular, non debendo superar en ningún caso os 30 alumnos, non cuantificándose para estes efectos o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6. A posta en marcha de cada ciclo formativo estará condicionada á existencia dun número mínimo de 10 alumnos, non cuantificándose para estes efectos o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requerirá autorización previa e expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Oitavo.-Información pública do proceso.

As escolas de arte e superiores de deseño deberán expoñer nos seus taboleiros de anuncios:

a) Normativa reguladora da admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións sobre as resolucións do Consello Escolar.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

Noveno.-Reclamacións e recursos.

1. Os acordos e decisións sobre a admisión do alumnado realizados polas comisións avaliadoras, así como as decisións das comisións de escolarización ou dos servizos provinciais da Inspección Educativa, se é o caso, poderán ser obxecto de reclamación, ante o mesmo órgano, no prazo de cinco días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo de cinco días hábiles.

2. As resolucións das reclamacións poderán ser obxecto de recurso de alzada nos termos que figuran no artigo 26 da Orde do 25 de xuño de 2007.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2007.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO III

I. Proba de acceso dos ciclos formativos de grao medio das familias profesionais de artes plásticas e deseño.

A proba de acceso constará de dúas partes:

1. Parte xeral:

a) Primeira parte: sociocultural.

-Desenvolvemento por escrito, durante o tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega e lingua castelá a partir dun texto escrito.

Neste exercicio valorarase a madureza e o nivel de coñecementos sobre esta área propia do currículo da educación secundaria obrigatoria.

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais.

Neste exercicio valorarase a madureza e o nivel de coñecementos referidos ás ciencias sociais, ciencias da natureza e tecnoloxía das correspondentes áreas do currículo da educación secundaria obrigatoria.

b) Segunda parte: educación plástica e visual.

Realización, durante un tempo máximo de tres horas, dun exercicio de composición de libre interpretación e técnica, baseado nun modelo proposto.

Neste exercicio valorarase a sensibilidade artística e a creatividade do aspirante.

2. Parte específica:

Terá a mesma estrutura que a proba específica para acceso a ciclos formativos de grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o anexo IV desta resolución

II. Proba de acceso dos ciclos formativos de grao superior das familias profesionais de artes plásticas e deseño.

A proba de acceso constará de dúas partes:

1. Parte xeral:

a) Primeira parte: materias comúns.

Versará sobre as materias comúns propias do currículo do bacharelato: lingua e literatura galega, lingua e literatura castelá, filosofía, historia e linguas estranxeiras. O alumno seleccionará tres das devanditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre as que lle fosen propostas, de cada unha das tres elixidas.

O tempo máximo para realizar este exercicio será de tres horas.

Neste exercicio valorarase o grao de madureza do aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

b) Segunda parte: materias específicas de modalidade.

Versará sobre a análise das cuestións que se formulen sobre historia da arte, a partir dun texto escrito e/ou a documentación gráfica ou audiovisual que se facilite. O tempo máximo para realizar este exercicio será dunha hora.

Neste exercicio valorarase a madureza, o nivel de coñecemento e a sensibilidade ante as creacións artísticas e funcionais.

Realización, durante un tempo máximo de catro horas, dun exercicio compositivo de libre interpretación e técnica, baseado nun modelo exento e inanimado.

Neste exercicio valoraranse as habilidades e destrezas, a sensibilidade artística e a creatividade do aspirante.

2. Parte específica:

Terá a mesma estrutura que a proba específica para acceso a ciclos formativos de grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o anexo IV desta resolución.

ANEXO IV

I. Proba específica para acceso a ciclos formativos de grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

a) Primeiro exercicio: proba escrita.

Desenvolvemento nun tempo máximo dunha hora dun tema proposto nun texto sobre artes plásticas e coñecementos histórico-artísticos. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización.

Realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

c) Terceiro exercicio: execución.

Execución durante un tempo máximo de dúas horas, cos bosquexos e debuxos realizados no exercicio segundo. Valorarase a capacidade artística e a creatividade do aspirante, o sentido do espazo, a composición e a predisposición para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

II. Proba específica para acceso a ciclos formativos de grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

a) Primeiro exercicio: proba escrita.

Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas.

Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización.

Realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos e debuxos sobre un tema proposto que servirán de base para a posterior realización. Valoraranse as destrezas, as habilidades, capacidades de percepción, de observación e de aptitude, a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

c) Terceiro exercicio: execución.

Execución, durante un tempo máximo de dúas horas, do xeito que determine o tribunal cos bosquexos realizados no exercicio anterior, dun traballo relacionado co ciclo ao que o alumno aspira a acceder. Valorarase a capacidade artística e a creatividade do aspirante, o sentido do espazo e a capacidade compositiva, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

Ver referencia pdf "17000D004P010.PDF"