DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 03 de setembro de 2007 Páx. 14.632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 3 de agosto de 2007 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 6 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Santa Comba (A Coruña).

O Concello de Santa Comba (A Coruña) remite a modificación puntual referida para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Antecedentes.

1. O Concello de Santa Comba dispón na actualidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 5-4-2001 ao abeiro da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

A modificación puntual número 1 do PXOM foi aprobada definitivamente polo concello o 30-1-2003, ao abeiro da disposición transitoria terceira da Lei 9/2002.

2. O Concello tramitou unha modificación puntual de contido similar, a número 4 (expediente AC 05 028). A súa aprobación definitiva foi denegada por orde da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 24-10-2005, debido á falta de xustificación da alteración da categoría de solo rústico e a que a parcela cualificada como cemiterio non acadaba o mínimo de 5.000 m2 establecido pola Lei 9/2002.

3. O proxecto non foi sometido a informe desta consellería previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1º da Lei 9/2002) por considerar o concello que non implica reclasificación de solo, nin incremento de intensidade de uso nin alteración dos sistemas xerais previstos no planeamento vixente (artigo 93.4º da Lei 9/2002, en redacción dada pola Lei 15/2004).

4. A corporación municipal aprobou inicialmente o proxecto o 26-1-2006. Sometido a información pública polo prazo dun mes (DOG do 16 de marzo, El Correo Gallego do 16 de marzo e La Voz de Galicia do 17 de marzo de 2006) sen que se presentasen alegacións segundo o certificado incluído para o efecto no expediente. Así mesmo, deuse audiencia aos concellos limítrofes (A Baña, Negreira, Mazaricos, Tordoia, Zas, Coristanco), mediante oficios do 16-3-2006.

5. Na documentación remitida consta a decisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 8-3-2007 que declara que non é necesario someter a modificación proposta a avaliación ambiental estratéxica.

6. No expediente figuran informes do arquitecto técnico municipal do 17-1-2006, da secretaria do concello do 17-1-2006, favorables á aprobación inicial (artigo 85.4º da Lei 9/2002).

7. O Concello Pleno aprobou provisoriamente o proxecto o 27-7-2006.

8. O concello solicita a aprobación definitiva mediante oficio número 2612 do 28-7-2006, que tivo entrada nun rexistro desta consellería o 9-8-2006.

9. Examinada a integridade documental e a tramitación do expediente, esta consellería requiriu mediante escrito do 15-9-2006 (recibido no concello o 21-9-2007) que se completase a documentación do expediente e do proxecto. O concello aprobou provisoriamente un novo proxecto (incluíndo estudo de sustentabilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico) o 30-4-2007 e remitiu toda a documentación o 9-5-2007, que tivo entrada nesta consellería o 10-5-2007.

Consideracións e fundamentación.

Con data do 3 de agosto, a Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, no cal se expresa o seguinte:

1. A modificación puntual ten por finalidade permitir a construción dun cemiterio parroquial no lugar de San Pedro de Ser. Este cemiterio quedou previsto na modificación puntual nº 1 do PXOM, que foi aprobada polo concello o 30-1-2003, é dicir, dentro do período de seis meses a que fai referencia a disposición transitoria terceira da Lei 9/2002. En virtude da citada disposición transitoria, para a aprobación dos instrumentos de planeamento que se amparasen nela sería de aplicación a disposición transitoria primeira da propia Lei 9/2002, o cal, en definitiva, implica que o réxime de usos en solo rústico debe ser o que establece a Lei 9/2002 e, por este motivo, aínda que a modificación puntual nº 1 estableceu a cualificación de cemiterio, este uso non podería desenvolverse, por tratarse dun uso prohibido na categoría de solo rústico de protección agropecuaria.

Coa entrada en vigor da Lei 15/2004, de modificación da Lei 9/2002, queda máis concretado o réxime de usos no solo rústico, e particularmente no que se refire a cemiterios, este uso é autorizable en protección ordinaria, e segue sendo prohibido en protección agropecuaria.

2. Ante esta situación, o Concello de Santa Comba formulou a modificación puntual nº 4, por medio da cal se pretendía viabilizar a construción do cemiterio. Para isto, propoñía o cambio de categoría de solo rústico, pasando a parcela á categoría de protección ordinaria. Non obstante, por Orde do 24-10-2005, esta consellería denegou a aprobación definitiva da devandita modificación puntual nº 4, debido á insuficiente xustificación do cambio de categoría de solo rústico e á previsión dunha superficie que resultaba inferior á mínima exixida pola Lei 9/2002.

3. A modificación puntual nº 6, que agora se somete a aprobación definitiva, inclúe un estudo de sustentabilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico en que se analizan as características naturais e paisaxísticas do territorio, referidas á parcela e ao seu contorno máis ou menos inmediato.

4. A previsión dunha superficie suficiente para cumprir a dimensión mínima de 5.000 m2, parte da agregación á parcela inicial (prevista na modificación puntual nº 1) duns terreos colindantes, que segundo a documentación do expediente (anexo 2 do proxecto), proceden dunha segregación da parcela catastral número 361. A posible segregación de predios en solo rústico debe aterse ao disposto no artigo 206 da Lei 9/2002, e sería autorizable en execución do planeamento urbanístico.

5. Finalmente debe facerse constar que os terreos obxecto do expediente están situados a uns 70-80 metros ao sur da delimitación do solo de núcleo rural de Ser, e que, conforme o establecido no artigo 47 do Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria, arredor do solo destinado á construción dun novo cemiterio establecerase como zona de protección unha franxa de 50 metros de largo totalmente libre de todo tipo de construción, medida a partir do cerramento exterior do cemiterio.

De conformidade co artigo 89 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 6 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Santa Comba (A Coruña), consistente en alterar a clasificación de solo rústico de protección agropecuaria en solo rústico de protección ordinaria con destino á construción dun cemiterio na parroquia de San Pedro de Ser, (xa previsto na modificación puntual nº 1 do PXOM aprobada polo concello o 30 de xaneiro de 2003, en aplicación da disposición transitoria terceira da Lei 9/2002).

2. A presente orde notificaráselle ao Concello de Santa Comba e publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 92 da citada Lei 9/2002.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes