DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 03 de setembro de 2007 Páx. 14.630

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 14 de agosto de 2007 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Tutelar do Camiño do Miño.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Tutelar do Camino do Miño.

Supostos de feito.

Primeiro.-A fundación solicitou a clasificación e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, por medio do escrito presentado por Cipriano Luís Jiménez Casas, en calidade de apoderado da Fundación Menela e de secretario da nova fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 29 de marzo de 2007 en Santiago de Compostela, ante o notario José María Rueda Pérez co número 726 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por todos os secretarios xerais na reunión que tivo lugar o día 4 de xuño de 2007 elevou ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Tutelar do Camiño do Miño.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería de Presidencia, Admnistracións Públicas e Xustiza do 5 de xuño de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 115, do 15 de xuño), clasificouse como de interese social a Fundación Tutelar do Camiño do Miño.

Tendo en conta o disposto no artigo 32.2º.c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego e dado o seu obxecto adscribiuse á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en virtude do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, que establece a estrutura orgánica do antedito departamento, modificado polo Decreto 47/2007, do 15 de marzo.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos estatutos da fundación, o seu obxecto é promover a sensibilización social para fomentar o respecto aos dereitos das persoas maiores incapacitadas xudicialmente e con graves niveis de dependencia (gran dependencia ou dependencia severa), na busca da súa integración e normalización na sociedade a través de programas benéfico-asistenciais e de tutela, que terán carácter xeral e individualizado.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación (Fundación Tutelar do Camiño do Miño), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación estará integrado por:

-Isabel González Quiroga, presidenta.

-Cipriano Luis Jiménez Casas, secretario.

-José Manuel Varela Rodríguez, vogal.

-Fernando Jesús Mario Domínguez González, vogal.

-Luis Ángel Fernández Barrio, vogal.

Sétimo.-A Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, unha vez revisados os seus estatutos, solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu favorablemente con data do 3 de xullo de 2007. Así mesmo, con data do 13 de xullo de 2007, emitiuse informe sobre a idoneidade dos fins de interese galego e a determinación da suficiencia da dotación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, é competencia deste departamento a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións, da Fundación Tutelar do Camiño do Miño, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ao abeiro do disposto no artigo 35 da Lei 12/2006, de Fundacións de Interese Galego, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o setenta por cento das rendas e dos ingresos obtidos, por calquera título ou causa, logo de deducir os gastos realizados para a obtención de tales rendas e ingresos.

Cuarto.-O artigo 39 da Lei 12/2006, obriga á elaboración e remisión ao Protectorado, nos últimos tres meses de cada exercicio, dun plan de actuación, no que queden reflectidos os obxectivos, as actividades que se prevexan desenvolver, unha previsión de ingresos e gastos e unha memoria explicativa do dito plan de actuación.

O artigo 38 dispón que as contas anuais terán que ser aprobadas polo padroado dentro dos seis meses seguintes á data de pechamento do exercicio, e serán presentadas ao protectorado no prazo de vinte días hábiles desde a súa aprobación polo padroado.

Por outra banda, o artigo 36 establece que as contas anuais comprenderán un balance de situación, no que se expresen os bens e os dereitos que conforman o activo da entidade e as obrigas e os fondos que forman o seu pasivo; a conta de resultados, que comprende os ingresos e os gastos do exercicio; e unha memoria que incluirá unha descrición das actividades fundacionais realizadas, un inventario, o cumprimento das regras do artigo 35, a información relativa á liquidación do orzamento do exercicio rematado, a información sobre as variacións patrimoniais e no órgano de goberno, o cadro de financiamento e o detalle das sociedades participadas.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no rexistro de Fundacións, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978, o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, a Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenazgo, a Lei 12/2006, de Fundacións de Interese Galego, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer a declaración de interese galego á Fundación Tutelar Camiño do Miño.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Terceiro.-Aprobar os seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a dar contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentar o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esra resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar