DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 30 de agosto de 2007 Páx. 14.519

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 8 de agosto de 2007 pola que se acorda a cesión definitiva de dous vehículos propiedade da Xunta de Galicia, ao Estado de Santo Tomé e Príncipe.

O Decreto 500/2005, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, dispón que esta é un órgano da Administración autonómica ao que lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de cooperación pesqueira con terceiros países, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que poidan corresponderlle aos outros organismos da comunidade autónoma.

A Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, sinala na súa exposición de motivos que «a política española de cooperación para o desenvolvemento ten basicamente a súa orixe na declaración contida no preámbulo da Constitución de 1978, na cal a nación española proclama a súa vontade de colaborar no fortalecemento dunhas relacións pacíficas e de eficaz cooperación entre todos os pobos da terra...; esta política constitúe un aspecto fundamental da acción exterior dos estados democráticos en relación con aqueles países que non alcanzaron o mesmo nivel de desenvolvemento, baseada nunha concepción interdependente e solidaria da sociedade internacional e nas relacións que nela se desenvolven».

Por outra banda, a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia di que as políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha superación real da pobreza e a marxinación precisan iniciativas universais de promoción da solidariedade e que a situación da pobreza, violencia e inxustiza en que vive a maioría da poboación mundial é responsabilidade de todos os países, de todas as persoas. Polo tanto, é necesario contribuír de maneira sistemática e organizada ao progreso e desenvolvemento das poboacións máis necesitadas e superar a vulnerabilidade das persoas con acceso aos recursos sociais básicos tales como a educación na protección dos recursos pesqueiros e nas infraestruturas portuarias, entre outras.

Así a comunidade internacional consolidou políticas de cooperación internacional para o desenvolvemento, para a erradicación da pobreza e para contribuír á solución destes problemas mediante a achega de recursos que se destinan á promoción do desenvolvemento humano.

Neste réxime legal regulador das relacións de cooperación entre países, e logo da misión no Estado de Santo Tomé e Príncipe para obter un coñecemento específico da situación actual da protección dos seus recursos pesqueiros, cómpre cederlle ao Estado do devandito país africano os vehículos todoterreo adcritos a esta consellería, para seren destinados a fins de utilidade pública ou interese social, isto é a vixilancia e control dos recursos pesqueiros.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión definitiva, de conformidade co disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo disposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acórdase a cesión definitiva ao Estado de Santo Tomé e Príncipe dos seguintes vehículos:

1. Marca: Nissan.

Tipo: todoterreo.

Modelo: terrano II.

Serie nº de bastidor: VSKKVNRZ0U0207098.

Categoría: 2A.

Nº de prazas: 005.

Data de matriculación: 7-1-1994.

Matrícula: C-6022-BG.

2. Marca: Nissan.

Tipo: todoterreo.

Modelo: terrano II.

Serie nº de bastidor: VSKKVNR20U0206988.

Categoría: 2A.

Nº de prazas: 005.

Data de matriculación: 7-1-1994.

Matrícula: C-6023-BG.

Artigo 2º.-A cesión definitiva sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido polos artigos 35 bis, da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, os bens cedidos serán destinados polo Estado cesionario a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial á realización de vixilancia e control dos recursos pesqueiros no seu ámbito territorial.

2. O Estado cesionario inscribirá os bens cedidos no ministerio con competencias en materia de pesca.

3. A cesión outorgarase con carácter definitivo, contados a partir da súa formalización mediante acta subscrita pola conselleira, secretario xeral ou polo funcionario en que delegue, e a/o ministro/a competente en materia pesqueira ou persoa do seu ministerio en que delegue, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

4. O Estado cesionario, unha vez asinada a acta, farase cargo de todos os gastos de mantemento e reparacións dos bens cedidos asumindo, así mesmo, calquera dano que lles puidese ocasionar tanto ás persoas como ás propiedades na súa utilización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Segunda.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, porá á disposición do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar) os bens cedidos para a sua reparación e posta a punto e seguidamente para o seu traslado ao Estado de Santo Tomé e Príncipe.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia,

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos