DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 30 de agosto de 2007 Páx. 14.514

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 20 de xullo de 2007 pola que se convoca o concurso Coid-arte 2007.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o órgano da Administración autonómica ao que, de conformidade coas previsións do artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia e de acordo co establecido polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro (DOG nº 195, do 10 de outubro), lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas autonómicas de benestar, incluíndo en particular as relativas á atención ás persoas en situación de dependencia.

A atención ás personas en situación de dependencia, constitúe un dos principais retos na política social dos países desenvolvidos. O reto non é outro que atender as necesidades daquelas personas que, por atoparse en situación de especial vulnerabilidade, requiren apoios para desenvolver as actividades esenciais da vida diaria e poder exercer plenamente os seus dereitos de cidadanía.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que se poida participar e dar a coñecer a realidade das persoas en situación de dependencia e o seu ámbito, convoca unha serie de actividades que constitúen o concurso Coid-arte 2007 que presenta dúas modalidades, por unha parte un concurso artístico e cultural na modalidade de fotografía, dirixido a persoas en situación de dependencia e unha segunda modalidade de boas prácticas no que se premiará a aquelas entidades que demostren ter desenvolvido actuacións e iniciativas de boas prácticas de cara á promoción da autonomía e atención ás persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, no eido rural e desde unha perspectiva de inclusión social.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia (DOG nº 23, do 21 de marzo), modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 149, do 4 de agosto) e polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar

DISPOÑO:

Capítulo I

Parte xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o concurso Coid-arte 2007, incluído na páxina web «coidanet», que convoca a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e que inclúe o concursos «creativo» dos usuarios da paxina web «coidanet» e o concurso «de boas prácticas» das entidades públicas e privadas que leven a cabo proxectos relacionados coa promoción da autonomía persoal e atención ás situacións de dependencia.

Artigo 2º.-Orzamento.

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste concurso serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 05.31.312E.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, cunha contía total de 1.500 euros para cada modalidade.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes dos/das participantes deberán facerse no impreso normalizado (anexo I).

2. As solicitudes deberán ir acompañadas dun sobre no que se incluirá, sen prexuízo do prescrito para cada modalidade no capítulo II desta orde, da seguinte documentación:

-Boletín de inscrición (anexo II), debidamente cuberto.

-Fotocopia do DNI polas dúas caras, do NIF no caso das entidades ou de calquera outro documento oficial que acredite suficientemente a identidade do/a participante.

-Declaración responsable de que o traballo artístico ou cultural non foi premiado en ningún outro concurso ou certame.

-Autorización asinada polo participante onde conste que este permite a exposición do seu traballo na páxina web www.coidanet.com.

3. As solicitudes deberán dirixirse á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e poderán presentarse, xunto co resto da documentación, no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou no rexistro da delegación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da provincia na que residan habitualmente, sen prexuízo do previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos.

1. O prazo de presentación será ata o 30 de setembro de 2007 inclusive, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Secretaría Xeral do Benestar, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42º.

Artigo 5º.-Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección que será nomeada polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar para cada modalidade e estará integrada por un presidente, un secretario e un máximo de sete vogais. Actuará como presidenta a secretaria xeral do Benestar ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán funcionarios e persoal laboral da Administración pública, a secretaría recaerá nun funcionario da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, con voz pero sen voto.

Os nomes dos integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web www.coidanet.com con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As decisións da comisión de selección serán inapelables.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución.

1. As solicitudes admitidas a trámite remitiránselle á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, e de conformidade co baremo establecido para cada premio na convocatoria, proporá a adxudicación de tres premios por modalidade e redactará a proposta de resolución. Corresponderalle ditar a resolución á secretaria xeral do Benestar, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

2. A resolución seralles notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa.

Capítulo II

Condicións específicas

Sección primeira

Concurso creativo

Artigo 7º.-Descrición.

É un concurso artístico e cultural na modalidade de fotografía que se desenvolverá de acordo coas seguintes prescricións:

7.1. A participación será a título individual.

7.2. O solicitante será unha persoa en situación de dependencia rexistrada, no momento de presentar a solicitude, como usuario do portal Coidanet.

7.3. As fotografias serán orixinais e inéditas.

7.4. O tema será a promoción da autonomía persoal e a atención ás situacións de dependencia.

7.5. A técnica será libre.

7.6. Pódense presentar reproducións en branco e negro ou en cor.

Artigo 8º.-Finalidade.

Fomentar a participación das persoas usuarias da paxina web «coidanet», posibilitando un marco de exposición das súas inquedanzas artísticas e da súa realidade social.

Artigo 9º.-Destinatarios.

Poderán participar no concurso todos os usuarios da paxina web «coidanet», galegas ou con residencia en Galicia, que se atopen rexistradas na páxina web «coidanet» da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Enténdese por usuarios da paxina web «coidanet», para os efectos de participar no concurso creativo, aqueles que están rexistrados nesta como persoas en situación de dependencia.

Non poderán concursar aquelas persoas que manteñan unha relación contractual con algunha empresa vinculada ás modalidades do concurso «creativo», que levando a cabo traballos directamente relacionados con elas ou dados de alta como autónomo/as nunha actividade que teña relación coas ditas modalidades.

A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas.

Artigo 10º.-Documentación específica a engadir á referida no artigo 3º.2 desta orde.

1. O traballo sen que figure ningún dato que identifique o/a autor/a.

-Fotografía en tamaño reducido estándar (aprox. 10×15 cm), adherida a un folio (preferentemente DIN A-4), no que figurará a ficha técnica da obra no seu reverso. A fotografía presentarase tamén en CD.

-A ficha técnica da obra indicará o título, ano de realización, técnica empregada e dimensións reais.

2. Un sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do/da autor/a e no que irá a seguinte documentación:

-No caso das persoas non galegas, residentes en Galicia, ademais do documento oficial que acredite suficientemente a identidade, certificado de empadroamento.

-No caso de que o participante sexa menor de idade, autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

-Declaración responsable na que se faga constar que o concursante non mantén relación contractual con ningunha empresa vinculada ás modalidades deste concurso levando a cabo traballos directamente relacionados con ela ou que non está dado de alta como autónomo/a nunha actividade relacionada coas ditas modalidades.

-Declaración responsable de que o traballo non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor/a.

3. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produzan nos taballos.

Artigo 11º.-Traballos e premios.

1. Cada concursante poderá presentar un único traballo.

2. Os traballos presentados polos/as participantes non poderán ter sido premiados noutros certames ou concursos.

3. A Secretaría Xeral do Benestar quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da legislación vixente en que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer os/as participantes.

4. Establécense os seguintes premios

-Un primeiro premio de 700 euros.

-Un segundo premio de 500 euros.

-Un terceiro premio de 300 euros.

Con carácter xeral, poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden calidade bastante. Así mesmo, poderanse conceder mencións de honra, que carecerán de dotación económica, ás obras dos/as participantes menores de idade para os efectos de recoñecemento da súa participación.

5. Cada participante non poderá recibir máis que un premio.

6. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán aboadas en metálico e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

7. Entregaránselles diplomas a todos os premiados e aos finalistas.

8. Segundo a calidade dos traballos, poden ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se vai repartir será de xeito directamente proporcional ao número de traballos premiados.

Artigo 12º.-Criterios obxectivos.

1. Os traballos presentados valoraranse de 1 a 10 puntos, e os criterios para a asignación dos mesmos serán os que a continuación se detallan:

-A promoción da vida autónoma.

-A prevención da dependencia.

-A participación das persoas en situación de dependencia na comunidade.

Artigo 13º.-Destino e devolución dos traballos.

1. Os traballos dos participantes premiados quedarán en posesión da Secretaría Xeral do Benestar.

2. Os traballos dos participantes non premiados, ou, se é o caso, o que presentou no seu lugar, poderán ser retiradas por eles ou por persoa autorizada no lugar que determine a Secretaría Xeral do Benestar, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da comisión de selección. Transcorrido este prazo, os traballos non retirados quedarán á disposición da Secretaría Xeral do Benestar e poderán ser destruídos ou utilizados na forma que considere oportuna.

3. A Secretaría Xeral do Benestar resérvase o dereito a montar exposicións e/ou a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido dos traballos presentados por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

4. A Secretaría Xeral do Benestar poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as modalidades incluídas nesta convocatoria, propiciando mostras itinerantes en Galicia e noutras comunidades autónomas e, se é o caso, a edición de catálogos e outros soportes diferentes dos traballos presentados.

Sección segunda

Concurso «de Boas Prácticas»

Artigo 14º.-Descrición.

1. Concurso no que se premiará a aquelas entidades, rexistradas como entidades prestadoras de servizos sociais na Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar, que demostren ter desenvolvido actuacións e/ou iniciativas de boas practicas de cara á promoción da autonomía e atención ás persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, no eido rural e desde unha perspectiva de inclusión social.

2. As actuacións neste ámbito, levadas a cabo polas entidades poderán ser:

-Elaboración e posta en marcha deste tipo de iniciativas e/ou desenvolvemento de actuacións específicas.

-Participación xunto con outras entidades en accións específicas no ámbito da promoción da autonomía persoal e a atención á dependencia.

-Actuacións de integración das persoas en situación de dependencia no seu ámbito.

-Actuacións encamiñadas á igualdade de oportunidades.

Artigo 15º.-Finalidade.

1. Divulgar as actuacións e/ou iniciativas que se especifican no artigo 13º e 14º, levadas a cabo por entidades que traballan no ámbito da promoción da autonomía e atención ás situacións de dependencia.

2. Recoñecemento e publicidade das entidades que realizan estas actuacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16º.-Destinatarios.

Poderán participar no concurso aquelas entidades de iniciativa social rexistradas como entidades prestadoras de servizos sociais na Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar, e administracións públicas que desenvolvan actuacións e/ou iniciativas de boas prácticas para á promoción da autonomía e atención ás persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, no eido rural e desde unha perspectiva de inclusión social.

Artigo 17º.-Documentación específica a engadir á referida no artigo 3º.2 desta orde.

17.1. O traballo, sen que figure ningún dato que identifique o/a autor/a.

17.1.1. Só se admitirá unha memoria por cada entidade.

17.1.2. A memoria das actuacións e/ou proxectos levadas a cabo ocuparán un máximo de 45 páxinas numeradas e redactadas a unha cara, incluíndo os anexos, en tamaño A4, con un interlineado dobre e utilizando o tipo de letra Arial tamaño de 12 puntos. Se se presentasen máis de 45 páxinas, as adicionais non se terán en conta na avaliación, pertenzan á memoria ou aos anexos.

A memoria comprenderá as seguintes seccións:

-Portada.

-Índice.

-Contextualización resumida da entidade: descrición, obxectivos, ámbito de actuación, organización interna…

-Responsable ou responsables das actuacións levadas a cabo.

-Descrición completa das actuacións que foron desenvolvidas na que se inclúa:

Punto de partida, xustificación destas e obxectivos.

Accións, procedementos e recursos que se puxeron en práctica para desenvolver as actuacións, sinalando con claridade os ámbitos nos que se actuou, que poden ser varios á vez, a temporalización das actuacións, o plan de seguimento e a avaliación, así como as medidas emprendidas para dar visibilidade e difundir a experiencia.

-Valoración dos resultados obtidos.

-Calquera outra información que se considere necesaria.

17.2. Un sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo da entidade e no que irá a seguinte documentación:

-Fotocopia acreditativa de que a entidade figura inscrita no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Declaración xurada do responsable da entidade de que o proxecto está realizado pola propia entidade que se presenta ao concurso.

Artigo 18º.-Traballos e premios.

1. A presentación das memorias supón a aceptación das bases desta convocatoria.

2. As memorias presentadas polas entidades non poderán ter sido premiadas noutros certame ou concursos.

3. A Secretaría Xeral do Benestar quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da legislación vixente en que, en materia de propiedade intelectual, puidesen incorrer os/as participantes.

4. A Secretaría Xeral do Benestar resérvase o dereito para a exhibición, reprodución ou publicación do contido dos traballos presentados por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

5. A Secretaría Xeral do Benestar poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión das memorias seleccionadas nesta convocatoria, propiciando, se é o caso, a edición e publicación das memorias presentadas.

6. Establécense os seguintes premios:

-Un primeiro premio de 700 euros.

-Un segundo premio de 500 euros.

-Un terceiro premio de 300 euros.

6.1.1 Con carácter xeral, poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, a aquelas memorias que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden calidade bastante.

6.1.2. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán aboadas en metálico e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

6.1.3. Entregaránselles diplomas a todos os premiados e aos finalistas.

6.1.4. Segundo a calidade dos traballos, poden ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se vai repartir será de xeito directamente proporcional ao número de traballos premiados.

Artigo 19º.-Criterios obxectivos.

1. Os traballos presentados valoraranse de 1 a 10 puntos e os criterios para a asignación dos mesmos, serán os que a continuación se detallan:

A participación das persoas en situación de dependencia na comunidade.

A igualdade de oportunidades.

A dinamización no medio rural.

Actuacións innovadoras no ámbito da promoción.

A incorporación das novas tecnoloxías ao servizo da atención á dependencia.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na Secretaría Xeral do Benestar para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a secretaria xeral do Benestar para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "16800D001P006.PDF"