DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 29 de agosto de 2007 Páx. 14.466

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2007 pola que se convoca un curso sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o colectivo voluntario de protección civil de Galicia dos coñecementos e destrezas necesarios en primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente teñan superado o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel de accidentes na estrada. Terán prioridade os membros das agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) que dispoñan de equipos de excarceración.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para o curso será de 27.

2. Duración e datas: o curso realizarase do 1 ao 5 de outubro e cunha duración de 40 horas lectivas.

O horario será das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.30 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 26 de setembro de 2007.

4. As solicitudes deberán vir asinadas polo/a presidente/a da agrupación e co selo desta e, no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionadas en orde de preferencia. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As solicitudes deberán enviarse por correo ou fax á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, e fax 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

No curso trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) O accidente de tráfico. Sinalización, regulación e avaliación de riscos.

b) Primeiros auxilios. Queimaduras. Traumatismos cranioencefálicos, da columna e torácico-abdominais. Fracturas, escordaduras e contusións.

c) A asistencia de emerxencias na nosa comunidade. Transporte do lesionado.

d) Excarceración de vítimas atrapadas no interior de vehículos accidentados.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á realización do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46 ou consultando a páxina web http://agasp.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a este e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de agosto de 2007.

P.A. (Decreto 23/1993, do 11 de febreiro)

Montserrat Bolívar Chinchilla

Secretaria xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "16700D004P018.PDF"