DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 29 de agosto de 2007 Páx. 14.464

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2007 pola que se convocan dous cursos de segundo nivel de condución de vehículos todoterreo.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de 2 cursos de segundo nivel de condución de vehículos todoterreo, que deberán desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil de coñecementos teórico-prácticos para manexo de vehículos todoterreo necesarios para desempeñar as súas tarefas.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios e técnicos de protección civil da comunidade autónoma, que teñan carné de conducir e superado o curso básico de protección civil, e que utilicen os vehículos todoterreo.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de dez (10).

2. Duración e data: os cursos terán lugar os días 3 e 4 de outubro do ano 2007, cunha duración de dez horas lectivas.

3. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición

1. A inscrición dos solicitantes é gratuíta.

2. O persoal que dexexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 24 de setembro de 2007.

4. As solicitudes deberán estar asinadas polo/a presidente/a da agrupación e co selo desta, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionadas por orde de preferencia. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As solicitudes deberán enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

-O vehículo e o medio.

-Características técnicas (ángulos de ataque, central e de saída, inclinación lateral).

Técnicas de condución ( barro, neve, area, terreos accidentados, baixadas e subidas extremas).

-Rescate do vehículo (tracción directa, poleas e reenvíos, ancoraxes).

-Medios improvisados.

-Protocolos de seguridade que hai que utilizar nas manobras de rescate.

-Accesorios útiles e inútiles.

-Mantemento do vehículo.

-Lexislación.

-Conservación da natureza.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á realización do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46 ou consultando a páxina web http://agasp.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de agosto de 2007.

P.A. (Decreto 23/1993, do 11 de febreiro)

Montserrat Bolívar Chinchilla

Secretaria xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "16700D003P016.PDF"