DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 29 de agosto de 2007 Páx. 14.454

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de agosto de 2007 pola que se modifican os concertos educativos cos centros docentes privados de educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de garantía social, ciclos formativos de grao medio e ciclos formativos de grao superior.

A Orde do 10 de xaneiro de 2005 (DOG do 14) ditou as normas para a aplicación, a partir do curso académico 2005-2006, do réxime de concertos educativos previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación e no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o regulamento de normas básicas sobre concertos educativos.

Cumpridos todos os trámites previstos na antedita Orde do 10 de xaneiro de 2005 e tendo en conta a proposta formulada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Modificar os concertos educativos aprobados pola Orde do 4 de agosto de 2006 (DOG do 11), modificada pola corrección de erros publicada no Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro de 2006, cos centros docentes privados que se relacionan no anexo I desta orde e que terán unha duración de dous (2) anos.

Segundo.-Como consecuencia da modificación de concertos educativos que se recolle no antedito anexo I desta orde, publícase, no anexo II, a relación de todos os centros docentes privados acollidos ao réxime de concertos.

Terceiro.-Aprobar a formación en centros de traballo, anexo III, para os ciclos formativos de grao medio e grao superior de duración dun curso, que se realizará nos meses de setembro a novembro de 2007.

Cuarto.-De acordo co establecido no punto vixésimo da Orde do 10 de xaneiro de 2005 a subscrición das modificacións efectuarase mediante addenda ao documento administrativo de formalización de concerto educativo subscrito polo centro e que só afectará os centros que se relacionan no anexo I desta orde. Esta addenda será asinada pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e polo titular do centro privado ou persoa con representación debidamente acreditada.

Os anteditos centros deberán acreditar ante a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no prazo dun mes desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, que están ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

Se o titular do centro privado non subscribise o documento de formalización na data que se lle notifique, entenderase decaído no seu dereito.

Quinto.-Esta orde terá efectos económicos e administrativos do 1 de setembro de 2007.

Sexto.-Contra esta disposición, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "16700D002P006.PDF"