DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 24 de agosto de 2007 Páx. 14.238

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 17 de agosto de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción, modernización e dimensionamento do asociacionismo agrario en Galicia e se convocan axudas para o ano 2007.

O asociacionismo agrario e en especial o cooperativismo son instrumentos fundamentais, que contribúen moi positivamente na continua modernización do sector agrario galego en todas as súas vertentes, e de xeito amplamente visible na orientación dos procesos produtivos e na súa progresiva adaptación aos mercados cada vez máis amplos, complexos e exixentes.

O modelo produtivo europeo caracterízase por un acelerado dinamismo e pola súas continuas adaptacións cara a modelos produtivos altamente exixentes en canto á seguridade alimentaria, benestar animal, xestión de recursos naturais e coidado do ambiente, acompañado dun crecente incremento da competitividade. Esta acelerada evolución obriga a unha continua adaptación e modernización dos sistemas produtivos, facéndoos moi dependentes dun alto grao de especialización.

A explotación agraria de forma individual dificilmente pode facer fronte a este continuo cambio nos procesos produtivos e comerciais, cada vez mais exixentes, así como a unha moderna estrutura do tempo de traballo e lecer, e é polo tanto que o asociacionismo representa o instrumento fundamental en que asentar a futura evolución do desenvolvemento rural do noso modelo agrario e poder afrontar os desafíos que a propia política común comporta.

Outro aspecto chave para unha favorable evolución do sector é a mellora da estrutura na vertente da transformación e comercialización, tendente ao peche dos ciclos produtivos.

O Libro Branco do Cooperativismo en Galicia así coma o seu Plan estratéxico define liñas de traballo, na que destaca a necesidade dun axeitado dimensionamento e unha adecuación e modernización das estruturas produtivas.

En consecuencia, a Consellería do Medio Rural considera de interese apoiar actuacións orientadas a propiciar a modernización, o dimensionamento e o desenvolvemento sostible do asociacionismo agrario, que representa un modelo dinámico e eficiente desde un punto de vista socieconómico.

Estas axudas estan amparadas polo Regulamento (CE) 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), complementado polo Regulamento (CE) 1974/2006, do 15 de decembro, que o desenvolve. Neles establécense as normas que regulan as axudas comunitarias ao desenvolvemento rural financiadas polo Feader, aplicables a Galicia como rexión incluída no obxectivo de converxencia para o período 2007-2013. En particular estes regulamentos establecen a posibilidade de apoiar os investimentos destinados á modernización das explotacións agrícolas a través da medida 1.2.1 e os destinados á transformación e comercialización de produtos agrarios a través da medida 1.2.3, referente ao aumento do valor engadido dos produtos agrícolas e forestais, e nesta última medida, limitadas en todo caso ás pequenas e medianas empresas (Pemes) e aquelas de tamaño intermedio.

Por outra parte, nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C319/01), establécese que as axudas aos investimentos concedidas ás empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrarios serán compatibles co tratado se se cumpren todas as condicións do Regulamento (CE) 70/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro (DOL 10, do 13 de xaneiro), modificado polo Regulamento (CE) 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro (DOL 358, do 16 de decembro), referente ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas. Así mesmo, o Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro (DOL 379, do 28 de decembro), referente á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis, é de aplicación ás axudas ás empresas que operan na transformación e comercialización de produtos agrarios e están exentas da obriga de notificación establecida no artigo 88 do tratado se cumpren as condicións establecidas.

De acordo con este marco legal, por medio desta orde establécense as bases reguladoras das axudas para a promoción, a modernización, o dimensionamento e a consolidación do asociacionismo agrario para o período 2007-2013 e se convocan para o ano 2007.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30º.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas ás cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra e sociedades agrarias de transformación, en adiante (SAT), e as súas entidades representativas, que desenvolvan a súa actividade e que estean domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para a promoción, a modernización e o dimensionamento do asociacionismo agrario, e convocalas para o ano 2007 en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

Esta orde establece as seguintes liñas de axuda:

1. Axudas para o fomento do asociacionismo, da modernización e do dimensionamento das entidades asociativas agrarias con actividade prioritaria de produción.

2. Axudas para o fomento, a modernización e o dimensionamento das entidades asociativas agrarias, con finalidade prioritaria de transformación e/ou comercialización.

3. Axudas de apoio á modernización da xestión empresarial das entidades asociativas agrarias.

4. Axudas ás organizacións representativas das cooperativas agrarias galegas.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos desta orde, entenderase por:

Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente, con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

Titular de explotación: titular da explotación, a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación.

Actividade agraria: para os efectos desta orde e sen prexuízo da definición dada pola Lei 19/1995, de modernización de explotacións agrarias, entenderase como tal o conxunto de traballos que se requiren para a obtención de produtos agrícolas e gandeiros, todo isto de acordo coas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2007/2013 (2006/C 319/01). Así mesmo, considerarase como actividade agraria a venda directa por parte do agricultor/a da produción propia sen transformación, dentro da explotación, en mercados municipais ou en lugares que non sexan establecementos comerciais permanentes.

Actividade de transformación e comercialización: transformación dun produto agrícola, calquera operación efectuada sobre el na cal o produto resultante sexa tamén un produto agrícola, exceptuando as actividades realizadas na explotación que sexan necesarias para preparar un animal ou un produto vexetal para a súa primeira venda. Polo tanto, a transformación de produtos agrícolas incluídos no anexo I do tratado e a súa conversión en produtos non comprendidos nel queda fóra do ámbito de aplicación desta norma; entenderase por comercialización dun produto agrícola a tenza ou exposición do produto con vistas á súa venda, a súa posta en venda, á súa entrega ou calquera outra modalidade de colocación no mercado, a excepción da primeira venda por parte do produtor primario a revendedores ou transformadores e calquera actividade para preparar un producto para a dita primeira venda.

Traballador agrario: persoa física que acredite a alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria.

Renda de referencia: indicador relativo aos salarios brutos non agrarios en España. A determinación anual da súa contía faraa o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en concordancia co previsto ao respecto na normativa da Unión Europea e tendo en conta os datos de salarios publicados polo Instituto Nacional de Estatística. Para o ano 2007 é de 22.732 euros.

Sección primeira

Axudas para o fomento do asociacionismo, da modernización e do dimensionamento das entidades asociativas agrarias con actividade prioritaria na fase de produción agraria

Artigo 4º.-Obxecto.

O obxecto desta sección é o de fomentar o dimensionamento das explotacións agrarias para favorecer un maior equilibrio dos seus factores de produción, unha maior concentración dos recursos produtivos, en especial a base territorial e a man de obra, conducentes a unha maior produtividade e eficiencia produtiva, así como unha mellora das condicións de traballo na actividade agraria.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

1. As cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT que acrediten ser titulares de explotación.

2. As cooperativas agrarias e SAT, que teñan como obxecto social prioritario desenvolver actividades na fase de produción agraria.

Artigo 6º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Conceptos subvencionables:

Serán subvencionables os investimentos derivados das actuacións recollidas no punto 2 do artigo 7º, nas entidades constituídas ou que levasen a cabo procesos de integración, fusión ou absorción nos dous últimos anos, e que se executen segundo o establecido nesta orde.

Para estes efectos considérase como referencia inicial a data de inicio da actividade e a data de remate de presentación da solicitude correspondente a cada ano, sempre que non recibisen ningunha axuda por este concepto.

Os investimentos derivados das actuacións recollidas nesta sección irán dirixidos a mellorar o rendemento global das explotacións agrarias, e englobaranse nos seguintes conceptos:

a) Construción e/ou adquisición de inmobles, incluída a compra de terreos ata un máximo do 10% do orzamento do conxunto dos investimentos do proxecto derivado da integración das explotacións, executada pola entidade.

b) Instalacións fixas, equipamento informático, incluídos programas.

c) Investimentos orientados á reordenación das instalacións para unha reconversión e/ou diversificación do sistema produtivo.

d) Os custos xerais vinculados aos gastos recollidos nos puntos anteriores, en honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, estudos de viabilidade e adquisición de patentes e licenzas.

e) Gastos de asesoramento e elaboración de estatutos, tramitación, notario e demais gastos administrativos iniciais.

2. Contía económica das axudas:

2.1. A intensidade das axudas recollidas nesta sección será, con carácter xeral, do 40%, podendo chegar ata o 50% nas zonas desfavorecidas, segundo recolle o Regulamento CEE 1257/1999, cos seguintes límites máximos:

a) 12.000 € de subvención por cada explotación e socio constituínte, que se incorpore ás entidades recollidas no punto 1 do artigo 5º. Cando estas entidades asociativas sexan propietarias e titulares da maioría do conxunto do capital de explotación e das instalacións básicas necesarias para o funcionamento do sistema produtivo, a subvención poderá acadar ata 18.000 € por explotación.

b) 3.000 € de subvención por cada explotación e socio constituínte ou que se incorpore nunha entidade asociativa que teña como obxecto prioritario desenvolver actividades na fase de produción agraria.

2.2. A contía da subvención para custos xerais recollidos na letra d) do punto 1 deste artigo estará limitado ao 10% do investimento total, sen superar os 6.000 €.

2.3. En todo caso, a subvención total por entidade beneficiaria non poderá superar o límite de 100.000 €.

2.4. A contía das axudas concedidas nesta sección non superarán o 50 por cento do capital social e activos fixos da entidade beneficiaria.

Artigo 7º.-Requisitos e obrigas dos beneficiarios.

1. Ser titular de explotación agraria ou desenvolver actividades na fase de produción agraria. As entidades recollidas no punto 2 do artigo 5º debe acreditar que levan a cabo actividades na fase de produción agraria.

2. As entidades beneficiarias teñen que proceder de nova constitución, dun proceso de fusión ou absorción, ou ben facer ampliación do seu capital social ou activos fixos, admitindo novos socios.

3. As achegas económicas derivadas dos procesos recollidos no punto anterior teñen que ser dedicadas aos conceptos subvencionables contidos no artigo 6º desta orde.

4. Xustificar o proceso mediante os correspondentes estudos de viabilidade técnico-económica e, de ser o caso, memorias técnicas, programa de actividades e investimentos, balances de fusión, realizados por técnicos ou equipos técnicos competentes.

5. Ratificar, nas respectivas asembleas xerais, o acordo de fusión aprobado polos respectivos consellos reitores, de ser o caso.

6. Comprometerse a exercer a actividade agraria na explotación durante polo menos cinco anos contados desde a data de concesión da axuda.

7. A entidades recollidas no punto 1 do artigo 5º deberán acreditar unha renda por unidade de traballo agrario (UTA) igual ou superior ao 20% da renda de referencia.

8. Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica.

9. Os agricultores e gandeiros que sexan admitidos como socios dunha entidade asociativa deben:

a) Ser maiores de idade e non ter os 55 anos cumpridos na data en que acaden a condición efectiva de socios.

b) Ser titulares de explotación agraria, traballadores agrícolas ou ben acreditar estar directamente relacionados co sector agrario.

c) Permanecer na entidade asociativa durante un mínimo de 5 anos e comunicar a baixa cun mínimo de 12 meses de antelación, de ser o caso. A entidade asociativa, no caso de aceptala queda obrigada a incorporar a outro socio no seu lugar, no prazo dun ano, ou a devolver a subvención concedida.

d) Compromiso de exercer a actividade agraria, obxecto da axuda, por un período superior a cinco anos desde a data da súa concesión. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán destinar os bens para o fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que nunca será inferior a cinco anos no caso dos bens inscribibles en rexistro público, nin inferior a dous para o resto dos bens, e en todo caso nunca antes do seu período de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 8º.-Documentación específica.

A documentación específica que é necesario presentar para poder optar a esta liña de axudas é a que a seguir se relaciona:

1. No caso das entidades recollidas no punto 2 do artigo 5º, deberán presentar certificación do secretario da entidade na cal se acredite que a actividade desenvolvida está directamente relacionada coa fase de produción agraria.

2. Estudo de viabilidade técnico-económica que avale o interese da constitución ou fusión cooperativa que se pretende levar a cabo, tendo en conta o recollido no punto 7 do artigo 7º.

3. Memoria técnica que conteña, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Descrición detallada das entidades asociativas participantes (nº de socios, capital social, capital de explotación, instalacións, outros activos, etc...).

b) Composición e membros dos respectivos consellos reitores e data da súa elección.

c) No caso de estar en fase de constitución ou integración, composición da comisión promotora e acordo de solicitude da axuda asinado por todas as entidades participantes.

d) Relación nominal dos socios das cooperativas e SAT solicitantes, así como da entidade asociativa resultante, e achegas económicas desembolsadas.

e) Plan de investimentos, de modo detallado, coas propostas de gasto para subvencionar ao longo do período de execución.

4. Identificación e cualificación dos técnicos ou equipos técnicos realizadores dos anteriores estudos e informes, que deberán ser formalmente independentes das entidades solicitantes.

5. Copia dos informes e balances de fusión, ou certificación comprometéndose á súa realización e presentación ao órgano tramitador da axuda, unha vez realizados.

6. Orzamento ou facturas pro forma dos investimentos, das actividades e dos gastos que se van realizar, así como previsión do seu financiamento.

7. No caso de construcións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúa como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Ademais, no caso de novas construcións, presentarase xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e da súa cualificación urbanística, así como copia da solicitude de licenza de obra.

8. No caso de adquisición de inmobles ou compra de terreo, presentarase taxación oficial acompañada de plano de localización e referencia do sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (SIXPAC).

9. As entidades asociativas que soliciten axudas para investimentos en instalacións xa existentes presentarán copia compulsada da licenza de actividade municipal e do rexistro sanitario, de ser o caso.

10. Certificación das actas das asembleas xerais onde se aprobe o proxecto de fusión, unha vez realizado.

11. Nos procesos de integración cooperativa será necesario presentar certificación da acta da asemblea xeral de cada entidade participante, onde consten os seguintes compromisos:

a) Obriga de asumir as achegas económicas ao capital social e cotas de ingreso que lle correspondan, especificando o seu importe.

b) Permanecer integrada como mínimo durante 5 anos.

c) Que todos os seus socios participen polo menos na actividade económica principal realizada pola entidade asociativa integradora.

12. No caso das ampliacións de capital social por admisión de agricultores e gandeiros como novos socios, é necesario presentar:

a) Copia compulsada do seu DNI, coa data de nacemento perfectamente lexible.

b) Copia das solicitudes de admisión como socios, efectuadas polos agricultores e gandeiros interesados.

c) Certificación do secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente, en que consten a súa admisión e as achegas económicas que deben realizar os agricultores e gandeiros para adquirir a condición de socios, así como o carácter con que as devanditas achegas quedarán incorporadas.

d) Copia da documentación que acredite que o novo socio ten explotación agraria ou que está directamente relacionado co sector agrario.

e) Compromiso de permanencia na cooperativa ou SAT polo menos durante 5 anos, asinado por cada interesado.

13. No caso de realizar investimentos en adquisición de terreos deberá presentarse o proxecto de investimentos subvencionables derivados do proceso de dimensionamento que se pretende desenvolver. Para estes efectos presentarán o estudo técnico das melloras solicitadas e/ou aprobadas ao abeiro doutras liñas de axuda de apoio ás actividades na fase de produción.

14. Compromiso da entidade solicitante de exercer a actividade agraria obxecto da axuda polo menos cinco anos, contados a partir da data de certificación dos investimentos realizados.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións que se van aprobar, así como para establecer as porcentaxes de axuda, teranse en conta os seguintes criterios:

1. Atendendo á súa importancia socieconómica:

a) O número de cooperativas ou SAT que participen nos procesos de integración ou fusión: ata 4 puntos.

b) O importe das achegas económicas de cada socio e/ou explotación que se integre: ata 3 puntos.

c) Solicitudes que leven aparellados investimentos para fomentar a diversificación produtiva: ata 2 puntos.

2. Atendendo á actividade e á súa localización definida no Regulamento (CEE) 1257/1999:

a) Pola porcentaxe de socios mozos e/ou mulleres: ata 5 puntos.

b) Zonas desfavorecidas:

b.1.) Zona de montaña: ata 3 puntos.

b.2.) Outras zonas desfavorecidas: ata 2 puntos.

Artigo 10º.-Xustificación da axuda.

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos e actividades subvencionables ao abeiro desta sección deberase realizar antes do 31 de outubro do ano 2009. O incumprimento deste prazo poderá implicar a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades asociativas beneficiarias.

2. A xustificación do gasto presentarase prioritariamente no rexistro da Consellería do Medio Rural, edificio administrativo, s/n, Santiago de Compostela, dirixida ao Servizo de Fomento Asociativo Agrario.

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das cooperativas e SAT beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades, investimentos e gastos realizados, de acordo co que se especifica no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

4. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades asociativas beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Relación de facturas xustificativas en que conste o nome da empresa, o número de factura, a data de emisión, o concepto e o importe sen IVE.

b) Facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos, actividades e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o seu pagamento. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

c) Certificación da entidade asociativa beneficiaria, na cal se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

d) Certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución.

e) No caso de investimentos en construcións, para o pagamento final presentarase copia compulsada da licenza definitiva de obras. Se son novas instalacións, para facer o pagamento final é necesario que presenten, así mesmo, certificación das autoridades competentes de cumprir as disposicións que procedan segundo a actividade que se vai desenvolver.

f) Para os investimentos en compra de bens inmobles presentarase o documento notarial de compra-venda do terreo ou edificación que corresponda, xunto co xustificante da liquidación bancaria do seu importe.

g) Calquera outra documentación adicional de carácter complementario que se indique expresamente na resolución de concesión da subvención e que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

Sección segunda

Axudas para o fomento, a modernización e o dimensionamento das entidades asociativas agrarias, con finalidade prioritaria de transformación e/ou comercialización

Artigo 11º.-Obxecto.

O obxecto desta sección é a de fomentar estruturas empresariais con dimensión suficiente, modernas e competitivas, que permitan unha óptima adaptación das producións en concepto de calidade, ordenación e concentración da oferta, ás modernas e dinámicas demandas do mercado. No proceso de modernización é necesario un forte impulso á innovación, a introdución de novas tecnoloxías e a adaptación e modernización en materia ambiental.

Artigo 12º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller ás axudas reguladas nesta sección as cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) que leven a cabo actividades de transformación e/ou comercialización e que cumpran as seguintes condicións:

1. Que se constitúan en comarcas ou sectores onde o asociacionismo estea pouco desenvolvido e con baixa capacidade para afrontar actividades de transformación e/ou comercialización.

2. As resultantes de procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa no sector agrario, que como consecuencia destes procesos acaden os obxectivos desta sección.

3. As que realicen ampliacións do seu capital social e activos fixos, admitindo agricultores e gandeiros como novos socios, sempre que dediquen as súas achegas económicas a financiar os conceptos subvencionables que se consideran nesta sección.

4. Estas entidades deben estar incluídas nas seguintes categorías:

a) Categoría de microempresa, pequena ou mediana empresa (PEME), tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE, da Comisión (DO L 124, do 20-5-2003).

b) Empresas intermedias, sendo estas as empresas non PEME que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros, tal coma se reflicte no artigo 28.3º do Regulamento (CE) 1698/2005.

Artigo 13º.-Conceptos subvencionables.

Considéranse subvencionables, con carácter xeral, as actuacións no ámbito da transformación e da comercialización dos produtos enumerados no anexo I do tratado constitutivo da Comunidade Europea e que persigan os seguintes obxectivos: sustentabilidade dos recursos naturais, mellorar o rendemento e desenvolvemento económico, fomentar os produtos de calidade diferenciada e ecolóxicos, favorecer a introdución de novas tecnoloxías e a innovación en sentido amplo, así como o respecto ao ambiente, á seguranza laboral e á hixiene e ao benestar dos animais, así como a diversificación de actividades.

Ademais serán subvencionables nas empresas pertencentes á categoría de PEME as actuacións dirixidas á dotación das estruturas necesarias para a comercialización de insumos necesarios para o normal desenvolvemento da actividade nas explotacións agrarias, e coa finalidade de mellorar globalmente a prestación de servizos e a eficiencia dos procesos produtivos nas explotacións dos socios.

Serán subvencionables os seguintes tipos de investimentos materiais ou inmateriais:

1. Construción, adquisición e mellora de bens inmobles, incluída a compra de terreos, ata o 10% do total dos gastos subvencionables do conxunto do proxecto.

2. Compra de maquinaria industrial e equipamentos novos, incluídos os equipos e programas informáticos.

3. Os custos xerais vinculados aos gastos previstos nos puntos anteriores en honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, estudos de viabilidade e adquisición de patentes e licenzas.

4. Investimentos derivados da implantación de sistemas de aseguramento da calidade e rastrexa, así como a implantación de sistemas de xestión da calidade incluídas as materias de ambiente e riscos laborais.

5. Estudos de viabilidade previos, memorias técnicas, estudos socioeconómicos, balances de fusión, programas de investimentos e actividades e outros informes que sexa necesario realizar para avalar a constitución de novas entidades asociativas, ou os procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa que se pretenden levar a cabo.

6. Gastos de asesoramento e elaboración de estatutos, tramitación, notario e demais gastos administrativos iniciais.

7. Novos contratos de persoal especializado, con titulación universitaria, ou ben titulados de formación profesional de grao superior, para dinamizar os proxectos de integración e/ou diversificación produtiva naquelas entidades procedentes dunha fusión ou integración nos dous anos anteriores á publicación desta norma, coas seguintes limitacións:

a) Neste exercicio serán admitidos os contratos formalizados a partir da publicación da norma ata o final do prazo de solicitude e subvencionables a partir da data de resolución da axuda.

b) Nos seguintes exercicios serán admitidos os contratos formalizados desde o 1 de xaneiro ata o final do prazo da convocatoria de axudas de cada ano e subvencionables a partir da data de resolución da axuda.

c) A solicitude é por un ano e poderanse solicitar 1ª e 2ª prórroga ata completar o período máximo de 3 anos subvencionables.

d) O número de traballadores subvencionables a través desta sección non será superior a dous. Por razóns de dimensión e/ou complexidade do proxecto de redimensionamento poderase superar este límite, ata tres traballadores.

Serán subvencionables os investimentos derivados das actuacións recollidas nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 12º, nas entidades constituídas ou que levasen a cabo procesos de integración, fusión ou absorción nos dous últimos anos, e sempre que non recibisen ningunha axuda polas actuacións anteriormente subliñadas. Para estes efectos considéranse como referencia inicial a data de inicio da actividade e a data de remate de presentación de solicitudes correspondente a cada ano.

Só serán subvencionables as actuacións economicamente viables, orientadas ás producións para as que exista demanda e saídas normais no mercado, que respondan a unha necesidade estrutural ou que supoñan a creación neta de emprego.

Non se subvencionarán investimentos de reposición ou mera substitución de equipamentos, salvo se a nova adquisición corresponde a innovacións tecnolóxicas ou melloras de seu rendemento.

Artigo 14º.-Contía das axudas.

1. Con carácter xeral, as axudas vinculadas a actuacións de transformación e comercialización, tal como se definen nesta orde, poderán acadar o 50% cando as empresas beneficiarias sexan Pemes, e o 25% no caso de empresas intermedias, segundo o definido no punto 4 do artigo 12º. A avaliación da categoría a que pertence farase con base nos balances previos á solicitude de axudas, e cando se trate de proxectos de fusión ou absorción esta avaliación será con base no sumatorio do conxunto de entidades promotoras do proxecto.

2. A contía das axudas concedidas nesta sección non superarán o 50 por cento do capital social e activos fixos da entidade beneficiaria.

3. Cando as empresas beneficiarias pertenzan á categoría de Pemes, as axudas non superarán os seguintes límites:

a) As entidades asociativas resultantes dun proceso de integración cooperativa a través de entidades de 2º ou ulterior grao, a subvención poderá chegar ata o 30% do importe dos investimentos, cun límite máximo de 200.000 €.

b) As cooperativas e SAT que se constitúan ou fagan ampliacións do seu capital social e activos fixos, a subvención poderá chegar ata o 50% do importe dos investimentos que se realicen, cun límite de 3.000 € de subvención por cada socio constituínte ou que se incorpore nunha destas entidades, cun límite máximo de 200.000 €.

c) As axudas á contratación de persoal concederanse durante un período máximo de 3 anos consecutivos cunha intensidade de axuda do 70, 50 e 30 por cento respectivamente, cos importes máximos subvencionables correspondentes ao salario do persoal laboral das categorías I, II e III que para cada ano estipula a Xunta de Galicia, a través da orde anual pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica:

-Categoría I: titulado superior.

-Categoría II: titulado medio.

-Categoría III: FP de grao superior.

4. Cando a entidade beneficiaria pertenza á empresa intermedia segundo o definido no punto 4 do artigo 12º, a intensidade de axuda dos conceptos subvencionables para actividades de transformación e comercialización non superarán o límite do 25% do investimento.

5. Os investimentos non vinculados a actividades de transformación e comercialización terán un límite de subvención do 50% ás pequenas empresas e do 40% ás medianas empresas.

Artigo 15º.-Requisitos e obrigas dos beneficiarios.

1. Xustificar o interese, necesidade da constitución de novas entidades asociativas, a realización de procesos de fusión ou integración cooperativa e a ampliación do seu capital social, por medio dos correspondentes estudos de viabilidade, memorias técnicas, estudos socioeconómicos, balances de fusión, programa de investimentos e actividades ou calquera outro informe que se considere de relevancia; en todo caso, realizados polos correspondentes técnicos ou equipos competentes.

2. As entidades asociativas resultantes deberán recoller nos seus estatutos ou nos correspondentes regulamentos de réxime interno as disposicións necesarias para unha correcta aplicación das normas de produción, subministración e comercialización que se acorden, de xeito que permita programar a produción para adaptala á demanda, concentrando a oferta e afrontando procesos de transformación e comercialización das súas producións conxuntamente.

3. As entidades asociativas resultantes de procesos de integración, fusión ou absorción cooperativa teñen que comprometerse a:

a) Elaborar unha memoria técnica descritiva das entidades que acorden a súa integración, fusión ou absorción.

b) Manter a integración e a súa actividade durante un período mínimo de 5 anos.

c) Presentar copia do balance, conta de resultados, programa de actividades e calquera outra documentación que se requira, durante os cinco exercicios seguintes á concesión da axuda.

4. Os agricultores e gandeiros que sexan admitidos como socios dunha entidade asociativa deben:

a) Ser maiores de idade e non teren cumpridos os 55 anos na data efectiva en que son admitidos.

b) Ser titulares de explotación agropecuaria, traballadores agrícolas ou estar directamente relacionados co sector agrario.

c) Permanecer na entidade asociativa durante un mínimo de 5 anos, salvo causa xustificada allea aos seus intereses particulares.

d) No caso de querer darse de baixa, deberán comunicalo como mínimo cun ano de antelación. A entidade asociativa queda obrigada a incorporar outro socio no seu lugar ou a devolver a subvención concedida.

5. Nas contratacións de persoal especializado con titulación universitaria ou ben titulados de FP de grao superior que cumpran os seguintes requisitos:

a) Contratación de caracter indefinido e compromiso de manter o posto de traballo un ano máis do período subvencionado.

b) Acreditar as funcións de dinamización do proxecto de fusión, integración ou diversificación produtiva e que xeren a creación neta de emprego na entidade.

c) A nova actividade de diversificación debe xustificar a contratación dun técnico con base na súa dimensión, importancia socieconómica e complexidade.

d) As rescisións de contratos subvencionados deben ser cubertas nun período inferior a 2 meses.

Artigo 16º.-Outros requisitos.

Para a concesión e/ou o pagamento das axudas, os investimentos e solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:

1. Os investimentos deben mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para eses efectos, deben acreditar algún dos obxectivos seguintes:

a) Aumentar a competitividade da empresa.

b) Reducir os custos.

c) Aumentar o valor engadido.

d) Reducir o impacto ambiental.

e) Mellorar a rastrexabilidade e seguridade alimentaria.

f) Diversificar as producións e/ou os mercados.

g) Mellorar a calidade das producións.

h) Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

i) Mellorar a comercialización das producións.

Na memoria que acompañe á solicitude de axuda xustificarase expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

2. Os investimentos deben cumprir a normativa comunitaria aplicable en materia de ambiente, sanidade e, de ser o caso, benestar animal, o que vincula ás entidades cos seguintes requisitos:

a) Non se concederán axudas aos solicitantes que presenten proxectos relativos á reordenación e ao acondicionamento de instalacións xa existentes, que non acrediten dispoñer de licenza de actividade e rexistro sanitario, así como, de ser o caso, que non cumpran a normativa de benestar animal, ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.

b) Non se pagarán axudas a beneficiarios que non acrediten tras a execución dos investimentos dispoñer de licenza de actividade e rexistro sanitario actualizados ou vixentes, así como, de ser o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten a licenza ou o rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.

c) A resolución de concesión indicará, no seu caso, expresamente as acreditacións referidas que será necesario presentar para o pagamento da axuda.

3. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02). Tampouco se concederán axudas ás empresas sometidas a un procedemento de quebra, insolvencia ou concursal.

4. O beneficiario deberá achegar unha contribución financeira exenta de calquera apoio público de, como mínimo, un 25% dos custos subvencionables, mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Con ese fin, na solicitude de axuda e na de pagamento o beneficiario deberá incluír unha declaración expresa sobre a orixe dos fondos utilizados para financiar os investimentos.

5. Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á resolución da solicitude de axuda ao abeiro desta orde. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo do traballo de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente á realización dos investimentos. Non obstante, non se considerará inicio do investimento a realización do proxecto ou estudos de viabilidade previos, que serán subvencionables se están realizados con posterioridade á publicación desta orde e cumpren o resto dos requisitos establecidos.

6. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nelas.

7. A actividade ou actividades obxecto de axuda, así como os conceptos subvencionados, deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados a partir do momento en que os investimentos estean finalizados, ou do inicio da actividade, de ser o caso.

8. Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin aos seus investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos a dispoñibilidade do terreo e da licenza de obras correspondente. De non dispor da correspondente licenza de obras, acreditará a súa solicitude e tramitación, así como a cualificación urbanística da parcela en que se pretende construír.

Artigo 17º.-Documentación específica.

A documentación específica que é necesario presentar para poder optar a esta liña de axudas é a que a seguir se relaciona.

1. Estudo de viabilidade e outros informes complementarios que avalen o interese da constitución ou fusión cooperativa que se pretende levar a cabo.

2. Memoria técnica que conteña, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Descrición detallada das entidades asociativas participantes (nº de socios, capital social, capital de explotación, instalacións, outros activos, etc...).

b) Composición e membros dos respectivos consellos reitores e data da súa eleción.

c) No caso de estar en fase de constitución ou integración, composición da comisión promotora e acordo de solicitude da axuda asinado por todas as entidades participantes.

d) Relación nominal dos socios das cooperativas e SAT solicitantes, así como da entidade asociativa resultante, e achegas económicas desembolsadas.

3. Identificación e cualificación dos equipos técnicos realizadores dos anteriores estudos e informes, que deberán ser formalmente independentes das entidades solicitantes.

4. Copia das actas das asembleas xerais onde se aprobe o proxecto de fusión.

5. Copia dos informes e balances de fusión, ou, polo menos, certificación comprometéndose á súa realización e presentación.

6. Certificación do acordo do consello reitor que acredite o establecido no punto 3 do artigo 16º.

7. Orzamento ou facturas pro forma dos investimentos, actividades e gastos que se van realizar, así como previsión do seu financiamento.

8. No caso de construcións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Ademais, no caso de novas construcións, presentarase xustificación documental da dispoñibilidade do terreo, licenza de obra e/ou, no seu defecto, cualificación urbanística, así como copia da solicitude de licenza de obra.

9. No caso de adquisición de inmobles ou compra de terreo, presentarase taxación oficial acompañada de plano de ubicación ou referencia SIXPAC e cualificación urbanística, de ser o caso.

10. No caso de contratación de persoal, presentarase copia dos contratos dos postos de traballo solicitados, orzamento da nova contratación, calculado e detallado mes a mes, e compromiso formal de manter o posto de traballo que se crea durante o tempo mínimo que se fixa nesta orde, así como de presentar nova documentación en caso de substitución.

11. Copia compulsada dos TC1 e TC2 dos doce meses inmediatos anteriores á data da contratación, especificando nome completo dos traballadores que se corresponden cos códigos do TC2, para permitir a súa identificación.

12. No caso de entidades asociativas que soliciten axudas para investimentos en instalacións xa existentes, presentarase copia compulsada da licenza de actividade municipal e do rexistro sanitario, de ser caso.

13. No caso de procesos de fusión ou integración cooperativa, será necesario presentar copia compulsada ou certificación da acta da asemblea xeral de cada entidade participante, onde consten o acordo de integración e estes compromisos:

a) Obriga de asumir as achegas económicas ao capital social e cotas de ingreso que lle correspondan, especificando o seu importe.

b) Permanecer integrada como mínimo durante 5 anos.

c) Que todos os seus socios participen polo menos na actividade económica principal realizada pola entidade asociativa integradora.

14. No caso das ampliacións de capital social por admisión de agricultores e gandeiros como novos socios, é necesario presentar:

a) Copia compulsada do DNI, coa data de nacemento perfectamente lexible.

b) Copia das solicitudes de admisión como socios, efectuadas polos agricultores e gandeiros interesados.

c) Copia da documentación que acredite que o novo socio ten explotación agropecuaria ou que está directamente relacionado co sector agrario.

d) Compromiso de permanencia na cooperativa ou SAT polo menos durante 5 anos, asinado por cada interesado.

e) Certificación da cooperativa ou SAT, na cal consten a admisión e as achegas económicas que deben realizar os agricultores e gandeiros para adquirir a condición de socios, así como o carácter con que as devanditas achegas quedarán incorporadas á entidade asociativa beneficiaria.

Artigo 18º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións que se van aprobar, así como para establecer as porcentaxes de axuda, teranse en conta os seguintes criterios:

3. Atendendo á súa importancia socieconómica:

a) O número de cooperativas ou SAT que participen nos procesos de integración cooperativa: ata 4 puntos.

b) A contía e viabilidade do programa de investimentos: ata 3 puntos.

c) Solicitudes que comporten investimentos para fomentar a diversificación produtiva: ata 2 puntos.

d) As achegas económicas realizadas polos socios á nova entidade: ata 1 punto.

4. Atendendo á actividade e á súa situación definida no Regulamento CEE 1257/1999:

a) Pola porcentaxe de socios mozos e/ou mulleres: ata 5 puntos.

b) Zonas desfavorecidas:

b.1.) Zona de montaña: ata 3 puntos.

b.2.) Outras zonas desfavorecidas: ata 2 puntos.

Artigo 19º.-Xustificación da axuda.

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos e actividades subvencionables ao abeiro desta sección deberase realizar antes do 31 de outubro do ano 2009.

O incumprimento deste prazo poderá implicar a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades asociativas beneficiarias.

2. A xustificación do gasto efectuarase prioritariamente ante o Servizo de Fomento Asociativo (Consellería do Medio Rural, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das cooperativas e SAT beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades, investimentos e gastos realizados, de acordo co que se especifica no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

4. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades asociativas beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos, actividades e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o seu pagamento. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

b) Certificación da entidade asociativa beneficiaria, na cal se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

c) Certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente.

d) No caso de investimentos en construcións, copia compulsada da licenza definitiva de obras. Se son novas instalacións, para facer o pagamento final é necesario que presenten certificación das autoridades competentes de cumprir as disposicións que procedan segundo a actividade que se vai desenvolver.

e) Para os investimentos en compra de bens inmobles presentarase o documento notarial de compravenda do terreo ou da edificación que corresponda, xunto co xustificante da liquidación bancaria do seu importe.

f) Nas contratacións de persoal, presentaranse copias das nóminas e TC, correspondentes ás mensualidades cubertas ata o momento da xustificación.

g) Faranse pagamentos parciais de acordo co artigo 16.2º dous 2 do Decreto 287/2000, se o beneficiario da axuda xustifica un investimento parcial respecto da subvención concedida.

h) Calquera outra documentación adicional de carácter complementario que se indique expresamente na resolución de concesión da subvención e que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

Sección terceira

Axudas de apoio á modernización da xestión empresarial nas entidades asociativas agrarias

Artigo 20º.-Obxecto.

Esta sección ten por obxecto o fomento da modernización da xestión empresarial, a través da implantación e mellora de instrumentos axeitados aos requirimentos actuais dos procesos produtivos.

Artigo 21º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta axuda as cooperativas agrarias e as SAT que teñan como finalidade prioritaria a produción, transformación e/ou comercialización e con domicilio social en Galicia.

Tamén poderán acceder a estas axudas as entidades de representación das cooperativas no referido á liña de axudas de estudos de viabilidade e de mercado.

Artigo 22º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Adquisición e mellora de equipamentos e programas informáticos.

a) A contía da subvención poderá chegar ata o 50% do seu custo, tendo en conta os prezos medios do mercado.

b) Non se subvencionará ningunha reposición de material recollido nesta sección.

2. Realización de análises de xestión, estudos de viabilidade e de mercado.

A contía da subvención poderá chegar ata o 50% do seu custo, cun máximo de 3.000 euros para as análises de xestión. No caso de estudos de viabilidade e estudos de mercado, a contía da subvención poderá chegar ata os 6.000 euros. Cando a importancia e envergadura do estudo teña por obxecto cumprir as necesidades de varias entidades asociativas para o mesmo fin, a subvención poderá superar este importe, ata acadar 40.000 €.

3. Implantación de sistemas de aseguramento da calidade e rastrexabilidade, así como a implantación de sistemas de xestión da calidade.

a) Estudos previos sobre o interese da implantación.

b) Gastos en equipamentos que se produzan e sexan necesarios como consecuencia da implantación dos sistemas de xestión da calidade.

c) Gastos de consultoría externa para elaborar a documentación básica dos sistemas de calidade, así como para asesoramento e implantación.

d) Gastos derivados da certificación: auditorías de control, concesión, rexistro e emisión de certificados.

e) A primeira renovación dos certificados.

A contía poderá chegar ata o 50% dos gastos subvencionables, cos seguintes importes máximos de subvención:

-1.500 euros, no caso dos gastos previstos na letra a).

-15.000 euros, para os gastos da letra b), salvo que o interese e a excepcionalidade do proxecto de implantación do sistema aconsellen superar este límite.

-6.000 euros, para os gastos do apartado c).

-4.000 euros, para os gastos do apartado d).

-4.000 euros, para os gastos do apartado e).

Cando os investimentos recollidos neste artigo pertenzan á vertente da produción, a axuda máxima será do 50% nas zonas desfavorecidas definidas no Regulamento (CEE) 1257/1999, e no resto ata o 40%.

Artigo 23º.-Requisitos e obrigas dos beneficiarios.

1. Adquisición e mellora do equipamento informático.

a) Estas axudas concederanse nos cinco anos posteriores á constitución; cando se acredite un crecemento de actividade económica significativamente alto que xustifique a súa implementación; ou ben cando a entidade poña en marcha unha nova actividade de diversificación.

b) A axuda limitarase proporcionalmente ás novas necesidades creadas por tal aumento de actividades. Ademais, as entidades que amplíen significativamente as súas actividades e soliciten estas axudas deberán facturar como mínimo 1.000.000 euros, salvo que se constituísen nos últimos cinco anos ou estean localizadas en zonas con escasa presenza e dimensionamento do asociacionismo.

c) As entidades beneficiarias deberán establecer normas que prevexan que os produtores socios permanezan nelas durante polo menos tres anos e que notifiquen a súa baixa cun mínimo de doce meses de antelación.

d) O prazo para a realización dos investimentos previstos nesta liña de axudas será ata o 31 de outubro do ano seguinte ao da solicitude.

2. Realización de análises de xestión, estudos de viabilidade e de mercado.

a) As análises de xestión, os estudos de viabilidade e de mercado serán realizados por técnicos ou equipos técnicos, competentes na materia, colexiados e con experiencia suficientemente acreditada.

b) Os informes e análises de xestión e as conclusións dos estudos, conxuntamente cos ditames efectuados, deberánselles explicar aos socios na primeira asemblea xeral que teña lugar con posterioridade á súa realización. Esta exposición detallada ante o socio recollerase expresamente na acta da devandita sesión plenaria.

c) O prazo para a realización dos investimentos previstos nesta liña de axudas será ata o 31 de outubro do ano seguinte ao da solicitude.

3. Implantación de sistemas de aseguramento da calidade e rastrexabilidade dos produtos, e sistemas de xestión da calidade, incluídas as materias de ambiente e riscos laborais.

a) Para que as entidades asociativas agrarias poidan beneficiarse desta liña de axudas é imprescindible que rematen o proceso de implantación das normas de calidade elixidas e obteñan a certificación acreditativa.

b) A empresa de consultoría externa deberá estar acreditada e ter suficiente experiencia na realización de procesos similares.

c) O prazo para a implantación da norma e a expedición e presentación da correspondente certificación acreditativa será ata o 31 de outubro do ano seguinte ao da solicitude.

Para os efectos dos investimentos relacionados coa transformación e/ou comercialización de produtos agrarios terase en conta, se é o caso, o establecido no artigo 16º desta orde.

Artigo 24º.-Documentación específica.

1. Adquisición e mellora do equipamento informático.

a) Relación e características do equipamento informático que posúe a cooperativa, no momento da solicitude.

b) Memoria xustificativa da necesidade e aplicación dos equipamentos e programas informáticos que se pretenden adquirir.

c) Especificación detallada das características técnicas dos novos equipamentos e programas informáticos.

d) Orzamento ou facturas pro forma.

2. Realización de análises de xestión, estudos de viabilidade e de mercado.

a) Memoria xustificativa.

b) Orzamento ou facturas pro forma.

c) Identificación e cualificación do equipo técnico realizador.

3. Implantación de sistemas de aseguramento da calidade e rastrexabilidade, así como a implantación de sistemas de xestión da calidade.

a) Memoria xustificativa presentada pola cooperativa ou SAT, onde en xeral conste a súa evolución, actividade, volume de facturación, número de empregados e as súas tarefas, instalacións, estrutura organizativa, produtos que comercializa, clientes e mercados que atende, situación actual da produción, previsións futuras e interese da acreditación.

b) Memoria descritiva do proxecto de implantación de normas de calidade e a súa acreditación, que conteña as actividades que se van realizar, os obxectivos previstos e todos os elementos significativos para a avaliación do proxecto.

c) Programa de investimento e orzamento ou facturas pro forma, desagregado por capítulos de gastos.

d) Prazo de execución do proxecto e cadro de resultados previstos.

e) Memoria de presentación da empresa de consultoría externa, onde se indique a súa organización, metodoloxía e experiencia nestes procesos.

Artigo 25º.-Criterios de valoración.

1. Para a aprobación desta axuda teranse en conta preferencialmente:

a) Entidades constituídas nos últimos 5 anos: ata 5 puntos.

b) Que as entidades inicien novas actividades ou servizos: ata 3 puntos.

c) Incremento do volume de negocio nos últimos dous anos: ata 3 puntos.

2. Atendendo á actividade e á súa localización definida no Regulamento (CEE) 1257/1999:

a) Pola porcentaxe de socios mozos e/ou mulleres: ata 5 puntos.

b) Zonas desfavorecidas:

b.1.) Zona de montaña: ata 3 puntos.

b.2.) Outras zonas desfavorecidas: ata 2 puntos.

Artigo 26º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ao pagamento das subvencións concedidas será necesario que as entidades beneficiarias xustifiquen os gastos realizados mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se achegará copia compulsada da transferencia bancaria, certificación expedida polo técnico ou equipo técnico realizador ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o pagamento das devanditas facturas.

2. Así mesmo, no caso de análises de xestión, estudos de viabilidade e de mercado, para a xustificación dos gastos será necesario presentar a seguinte documentación:

a) Copia dos informes das análises de xestión e dos estudos de viabilidade e de mercado que se subvencionaron, así como das conclusións e dictames resultantes.

b) Copia compulsada da acta da sesión plenaria, certificación dela ou compromiso de presentala, na cal se lle explicase aos socios con claridade os estudos e informes realizados.

3. No caso de normas de calidade, certificado acreditativo da implantación da norma.

Sección cuarta

Axudas ás organizacións representativas

das cooperativas agrarias galegas

Artigo 27º.-Obxecto.

Esta sección ten por obxecto potenciar mediante axudas a actividade das organizacións representativas das cooperativas agrarias galegas, así como potenciar a súa acción de formación dos representantes das cooperativas, asociadas en xeral e dos seus socios en particular, así como dos agricultores e gandeiros galegos en xeral.

Artigo 28º.-Beneficiarios.

Poderanse beneficiar das axudas establecidas nesta sección as organizacións representativas das cooperativas agrarias galegas que estean legalmente constituídas e o seu obxecto social recolla a representación profesional dos seus asociados.

Artigo 29 º.-Actividades subvencionables.

1. Poderanse subvencionar as solicitudes de axuda para as actividades que as organizacións representativas das cooperativas agrarias galegas desenvolvan durante o ano en curso e que cumpran coas condicións exixidas nesta orde.

2. Considéranse subvencionables os gastos derivados das seguintes actividades:

a) Accións dirixidas a representar e defender o interese do cooperativismo agrario galego.

b) Accións de promoción, fomento e divulgación do cooperativismo agrario.

c) Accións de información, formación e estudo dos problemas que os afecten para promover un desenvolvemento socioeconómico nos seus contornos, así como a promoción da intercooperación e integración cooperativa a todos os seus niveis.

Artigo 30º.-Documentación especifica.

1. Memoria suficientemente detallada das actividades recollidas nesta sección e que ten previsto desenvolver cada organización representativa das cooperativas agrarias galegas.

2. Orzamento desagregado previsto destas actividades.

Artigo 31º.-Criterios de valoración.

1. Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

a) Ámbito e dimensión das entidades asociativas: ata 5 puntos.

b) Dimensión socioeconómica dos socios das entidades representadas: ata 5 puntos.

c) Sectores agrarios que abarque a súa acción: ata 3 puntos.

Artigo 32º.-Xustificación da axuda.

Para proceder a realizar o pagamento das subvencións concedidas será necesario xustificar debidamente os gastos correntes efectuados por medio da presentación dunha memoria na cal se detallen as accións e actividades desenvolvidas durante o ano en curso, xunto coa seguinte documentación:

a) Certificación acreditativa coa enumeración do gastos correntes correspondentes ás actividades obxecto de subvención.

b) Copia compulsada das nóminas, TC1 e TC2 do persoal da organización. A suma do seu importe non poderá superar o 70% do total dos gastos presentados.

c) Facturas orixinais ou copias compulsadas destas dos mencionados gastos, onde figure claramente a contía da débeda contraída e o IVE desagregado, así como os xustificantes bancarios de pagamento ou de calquera outro documento que acredite fidedignamente a realización do pagamento das referidas facturas.

d) Certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins recollidos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente ou representante legal da organización.

O prazo para a presentación da documentación xustificativa rematará o 30 de novembro deste ano.

Sección quinta

Disposicións xerais

Artigo 33º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación xeral que hai que presentar.

-Anexo IV: relación da documentación específica para a sección I.

-Anexo V: relación da documentación específica para a sección II.

-Anexo VI: relación da documentación específica para a sección III.

-Anexo VII: relación da documentación específica para a sección IV.

-Anexo VIII: certificación do acordo do consello reitor para solicitar a subvención.

-Anexo IX: certificación dos compromisos e obrigas exixidos nesta orde.

-As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade.

Xuntaráselle a documentación que se detalla nesta orde, tanto de carácter xeral como específica, para cada liña de axudas. No caso de solicitar subvención por varias liñas, a documentación de carácter xeral que sexa coincidente só se presentará unha vez.

2. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do xeito previsto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras, de acordo co previsto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 30 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

4. Porén, quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, as especificadas no artigo 41 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

5. De acordo co previsto no artigo 5.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, nos conceptos subvencionados nesta orden pola Consellería do Medio Rural, empregarase preferentemente a lingua galega en todo o conxunto da documentación que teña que acompañar a solicitude para a súa tramitación.

Artigo 34º.-Condición previa.

Non se admitirán como subvencionables os investimentos, as actividades e os gastos realizados ou iniciados con anterioridade á resolución ou logo da autorización do órgano xestor posterior á presentación da solicitude de axuda correspondente a cada exercicio.

Artigo 35º.-Documentación xeral.

As solicitudes presentaranse xunto coa documentación específica que se detalla nesta orde para cada liña de axudas e coa documentación de carácter xeral que a seguir se cita:

a) Copia do CIF.

b) Copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello reitor, segundo o modelo do anexo IX, na que se:

-Aproba realizar as accións para as que se vai pedir a subvención.

-Acorda solicitar a subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

c) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, se achegue, se é o caso, copia da súa resolución de concesión.

d) Copia completa da declaración do imposto de sociedades correspondente ao último exercicio económico. No caso das cooperativas de nova constitución, presentarán copia da alta no censo de actividades económicas.

e) Certificacións, segundo o modelo do anexo IX, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os cales se solicita axuda ao abeiro desta orde.

f) Certificación bancaria do número de conta.

g) Cando o importe do investimento subvencionable supere a contía de 30.000 euros no caso de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

h) Coas solicitudes correspondentes ás seccións primeira, segunda e terceira, deberase presentar compromiso de exercer a actividade específica obxecto da axuda, por un período superior a cinco anos desde a data da súa concesión. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que nunca será inferior a cinco anos no caso dos bens inscritibles en rexistro público, nin inferior a dous para o resto de bens, e en todo caso nunca antes do seu período de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 36º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitiranlle no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo terase por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A avaliación da solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado composto polo subdirector xeral competente en Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo, o xefe de servizo competente en Fomento Asociativo Agrario, un xefe de área ou de sección e un xefe de negociado que actuará como secretario.

O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e formularalle propostas de concesión ao director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria que ao mesmo tempo llas elevará ao conselleiro do Medio Rural.

Artigo 37º.-Resolución.

O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses, poderá entenderse desestimada a axuda solicitada.

Artigo 38º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas por esta orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e investimentos.

Artigo 39º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberá realizarse antes do período fixado en cada unha das seccións.

O incumprimento do prazo poderá implicar a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ás entidades beneficiarias.

2. A xustificación do gasto irá prioritariamente dirixida ao Servizio de Fomento Asociativo Agrario, (Consellería do Medio Rural, rúa dos Irmandiños, s/n, Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das entidades asociativas agrarias beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades e gastos realizados, de acordo co que se especifica para cada liña de axudas no texto desta orde e na pertinente resolución de concesión.

4. As facturas que se presenten para xustificar os gastos realizados deberán traer o IVE especificado correctamente e virán acompañadas da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite fidedignamente que xa están pagadas.

5. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderase solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

6. A consellería comprobará que a solicitude de pagamento cumpre os requisitos para aboar a subvención concedida. A comprobación incluirá como mínimo unha inspección in situ dos investimentos realizados para cada expediente de axuda.

7. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación que se presente ao respecto, unha vez descontado o IVE. Se os gastos totais xustificados son inferiores dos orzamentados e admitidos, practicarase a redución proporcional pertinente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

8. Seralles de aplicación ás axudas establecidas nesta orde o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, redución e exclusión reguladas no Regulamento (CE) 1975/2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

9. Poderanse efectuar pagamentos parciais de acordo co disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 40º.-Seguimento e control.

1. As entidades beneficiarias están obrigadas a comunicalle á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ao destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, quedan obrigadas a permitir e facilitar que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Seralles de aplicación ás axudas establecidas nesta orde, o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE) 1975/2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Artigo 41º.-Reintegro das axudas, infraccións e sancións.

Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento nos supostos sinalados nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG do 5 de novembro), e no artigo 19 do Decreto 287/2000 polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999 e no Regulamento (CE) 1975/2006, da Comisión, do 7 de decembro. En particular, e en aplicación do establecido no artigo 31 do Regulamento (CE) 1975/2006, no caso de que se descubra que un beneficiario fixo deliberadamente unha declaración falsa, revógase a axuda concedida, non pagando cantidade ningunha e debendo reintegrar o beneficiario as contías percibidas xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento. Ademais ao beneficiario non se lle poderán conceder nin pagar axudas ao abeiro desta orde nas dúas convocatorias seguintes.

Artigo 42º.-Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa na que figurará unha descrición do proxecto así como a bandeira europea e o lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».

Artigo 43º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra delas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 44º.-Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas.

As axudas establecidas nesta orde, ampáranse no disposto na seguinte normativa comunitaria aplicable as actuacións na fase de produción, transformación e comercialización de produtos agrarios:

1. Sección I: axudas para o fomento do asociacionismo, modernización e dimensionamento das entidades asociativas agrarias con actividade prioritaria na fase de produción agraria.

a) Regulamento (CE) 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e disposicións que o desenvolven, aplicable ás axudas cofinanciadas polo Feader.

b) Regulamento 1860/2004, da Comisión, do 6 de outubro de 2004, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis nos sectores agrario e pesqueiro, aplicable aos gastos de asesoramento e elaboración de estatutos, tramitación, notario e demais gastos administrativos iniciais.

2. Sección II: axudas para o fomento, modernización e dimensionamento das entidades asociativas agrarias, con finalidade prioritaria de transformación e/ou comercialización.

a) Regulamento(CE) 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e disposicións que o desenvolven, aplicable ás axudas cofinanciadas polo Feader.

b) Regulamento (CE) 1628/2006, da Comisión, do 24 de outubro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas rexionais ao investimento, para os investimentos referentes ás empresas pertencentes á categoría de PEME, e para as actuacións dirixidas á dotación das estruturas necesarias para a comercialización de insumos aos seus socios.

c) Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión do 15 de decembro (DO L 379, do 28 de decembro) referente á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis, no relativo ás axudas para gastos de contratación de persoal recollidas no punto 7º do artigo 13, así coma os gastos de elaboración de estatutos, tramitación, notario e demais gastos administrativos iniciais recollidos nesta sección.

3. Sección III: axudas de apoio á modernización da xestión empresarial nas entidades asociativas agrarias.

a) Regulamento (CE) 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e disposicións que o desenvolven, aplicable ás axudas cofinanciadas polo Feader.

b) Regulamento 1860/2004, da Comisión, do 6 de outubro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis nos sectores agrario e pesqueiro e Regulamento (CE) 70/2001, da Comisión do 12 de xaneiro (DO L 10, do 13 de xaneiro), modificado polo Regulamento (CE) 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro (DO L 358, do 16 de decembro); para o referido aos conceptos subvencionables dos puntos 2º e 3º do artigo 22º, na vertente da produción, e na vertente da transformación e comercialización, respectivamente.

Sección sexta

Disposicións específicas para a convocatoria

do ano 2007

Artigo 45º.-Prazo de presentación.

Para o ano 2007, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 46º.-Financiamento.

As axudas concedidas financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

1. Fondos cofinanciados polo Feader: aplicación 11.03.712-C.770.0, por un importe de 200.000 € para a anualidade 2007, 800.000 € para o 2008 e 2.000.000 para o 2009.

2. Fondos propios: aplicación 11.03.712C.770.4, por un importe de 25.000 € para a anualidade 2007 e 200.000 € para a anualidade 2008.

3. Fondos propios: aplicación 11.03.712-C.481.1, por un importe de 122.000 € para o presente exercicio.

4. Fondos propios: aplicación 11.03.713-D.770.0, por un importe de 10.000 € para a anualidade 2007, 100.000 € para o 2008 e 250.000 para o 2009.

Estes importes poderanse incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Terceira.-A concesión e pagamento das axudas quedará condicionada en todo caso á aprobación pola Unión Europea do Marco Nacional de Desenvolvemento Rural e do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, e ás posibles observacións e modificacións derivadas diso.

Disposición derrogatoria

Derróganse a Orde do 23 de decembro de 2004 (DOG nº 252) e a Orde do 16 de maio de 2006 (DOG nº 107), polas que se establecían as bases reguladoras das axudas para fomentar o asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, e a Orde do 22 de maio de 2006 (DOG nº 104), pola que se establecían as bases reguladoras das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "16400D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "16400D002P027.PDF"