DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 23 de agosto de 2007 Páx. 14.166

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2007 pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de diversas listas por categorías profesionais para a contratación de persoal laboral temporal na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, dispón no seu artigo 2 que a selección de persoal das entidades, fundacións e sociedades mencionadas no seu artigo 1, entre as que se atopa incluída a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, efectuarase con respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

A devandita Lei 10/1996, no seu artigo 7.2º, sinala a posibilidade de que as entidades de dereito público se acollan a un sistema de listas previo por categorías, para proceder á celebración de contratos laborais de duración determinada, que se confeccionará despois do pertinente anuncio público, de conformidade co baremo aprobado pola entidade respectiva.

En virtude do anterior, mediante acordos do Consello de Dirección de Agader do 14 de setembro de 2006 e do 21 de xullo de 2007, regúlase a contratación temporal do persoal de Agader.

Polo exposto, o director xeral de Agader, no exercicio da competencia prevista no artigo 10.2º a) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, resolve convocar o proceso de elaboración de diversas listas por categorías profesionais para a contratación de persoal laboral temporal, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

As presentes bases regulan o proceso de presentación de solicitudes e elaboración de listas para a cobertura, con carácter temporal, de determinados postos de traballo na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Segunda.-Solicitudes.

As persoas interesadas en formar parte dunha ou de varias listas deberán presentar as súas solicitudes, segundo modelo anexo, xunto coa documentación que se indica nas bases «Terceira.-Requisitos xerais», e «Cuarta.-Requisitos específicos por categorías», no prazo de trinta días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral de Agader ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No caso de que unha persoa solicite a súa inclusión en máis dunha categoría, terá que presentar unha solicitude por categoría, xuntando a cada unha delas o xustificante de ingreso da taxa correspondente. Conforme o establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas, non será necesaria a presentación dos documentos exixidos que xa estean en poder de Agader.

Terceira.-Requisitos xerais.

Para poder inscribirse nas listas, ademais dos requiridos para cada categoría, as persoas interesadas deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Ser español, ou nacional dun estado membro da Unión Europea, ou nacional daqueles estados en que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España, así como o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores desta idade, que vivan ás súas expensas. Este beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos os 16 anos e non ter acadada a idade de xubilación.

c) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.

d) Non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

e) Presentar xustificante de ter aboadas as taxas administrativas establecidas pola Xunta de Galicia con carácter xeral para a inscrición nas listas para a cobertura temporal de postos de traballo na comunidade autónoma, que para o ano 2007 ascenden a 16,32 €. Estarán exentos do pagamento destas taxas os que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 33%, así como as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de membros de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa instancia.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá empregarse o impreso de autoliquidación formalizado pola Xunta de Galicia, que será facilitado no rexistro xeral de Agader, no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia, debendo de cubrirse cos seguintes códigos:

Consellería: Medio Rural: 09.

Delegación Servizos Centrais: 13.

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: 16.

Taxa: 300300.

A presentación do xustificante de ingreso das taxas en que non figure o selo da entidade bancaria coa indicación da data, determinará a exclusión do solicitante.

Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento a través da oficina virtual tributaria da web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org).

Neste caso imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa, que será o que se achegue xunto coa instancia.

O importe aboado en concepto de dereitos de inscrición devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ás persoas excluídas que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución definitiva de excluídos/as.

f) Agás para a categoría de condutor-ordenanza, posuír coñecementos de ofimática

Cuarta.-Categorías a que se pode optar e requisitos específicos.

Serán requisitos propios de cada categoría os seguintes:

a) Categoría de técnico I:

Titulación universitaria superior.

Título ou certificado que acredite o grao de perfeccionamento do idioma galego.

b) Categoría de técnico II:

Titulación universitaria de grao medio ou equivalente.

Título ou certificado que acredite o grao de perfeccionamento do idioma galego.

c) Categoría de técnico III:

Titulación de bacharelato superior, BUP, FP2º ou equivalente.

Título ou certificado que acredite o grao de perfeccionamento do idioma galego.

d) Categoría de administrativo:

Titulación de bacharelato superior, BUP, FP2º ou equivalente.

Título ou certificado que acredite o grao de perfeccionamento do idioma galego.

e) Categoría de condutor-ordenanza:

Titulación de graduado escolar, FP1º ou equivalente.

Carné de conducir C.

Título ou certificado que acredite o grao de iniciación do idioma galego.

Quinta.-Méritos.

Teranse en conta soamente os causados ata o día da publicación desta resolución, que estean xustificados mediante a incorporación de documentos orixinais ou copias debidamente compulsadas.

A orde de prelación virá dada pola puntuación acadada tras a aplicación do seguinte baremo:

1. Servizos prestados en Agader na mesma categoría profesional, a través de calquera modalidade de contrato laboral: 0,25 puntos por mes completo, cun máximo de 10 puntos. Xustificaranse mediante certificado expedido polo secretario xeral de Agader.

2. Servizos prestados a través de calquera modalidade de contrato laboral ou como funcionario interino en calquera consellería da Xunta de Galicia, entidade de dereito público ou organismo autónomo dependente, na mesma ou equivalente categoría profesional: 0,20 puntos por mes completo, cun máximo de 8 puntos. Xustificaranse mediante certificado expedido polo secretario xeral, subdirector xeral, ou polo xefe de servizo que teña atribuídas funcións en materia de xestión de persoal da última consellaría onde prestou ou presta servizos, ou dos organismos e entidades dependentes.

3. Pola superación das probas do último proceso selectivo de acceso á condición de persoal laboral fixo de Agader para a mesma categoría laboral, un máximo de 20 puntos. A fórmula para o cálculo será a suma das notas obtidas nas probas superadas no proceso selectivo multiplicada por 20 e dividida entre a suma das notas máximas posibles de todas as probas do proceso selectivo. Xustificaranse mediante certificado expedido polo secretario xeral de Agader.

4. Pola superación de probas do último proceso selectivo á condición de persoal laboral fixo da Administración autonómica para a mesma ou equivalente categoría laboral, un máximo de 16 puntos. A fórmula para o cálculo será a suma das notas obtidas nas probas superadas no proceso selectivo multiplicado por 16 e dividida entre a suma das notas máximas posibles de todas as probas do proceso selectivo. Xustificarase mediante certificado expedido pola autoridade competente en materia de función pública.

5. Por cada mes acreditado como demandante de emprego: 0,10 puntos. Para estes efectos computarase só o tempo transcorrido nesta situación nos dous anos anteriores ao día 1 de xaneiro do ano en que se publique o anuncio da convocatoria para a inscrición na lista respectiva. A xustificación desta condición acreditarase mediante:

a) Informe do Servizo Galego de Colocación de estar inscrito como demandante de emprego e de non ter rexeitado cursos de formación nin ofertas de traballo.

b) Certificado de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

6. De producirse empate na puntuación, prevalecerá a maior idade da persoa solicitante, e de persistir o empate, a letra vixente no resultado do sorteo para participar en procesos selectivos do ano natural anterior da Xunta de Galicia.

Sexta.-Elaboración das listas.

Para a elaboración das listas, o seu control e a súa correcta utilización, nomearase unha comisión paritaria de selección, que será a encargada de resolver todas as cuestións de interpretación que puidesen presentarse, terá a seguinte composición:

-Presidente: o titular da Dirección Xeral da Axencia ou persoa en que delegue.

-Unha persoa representante da área xurídica, que actuará como secretario.

-Unha persoa representante da área de xestión económico-financeira.

-O representante dos traballadores.

As listas provisionais e definitivas das puntuacións acadadas polas persoas admitidas, así como a relación das excluídas e as súas causas de exclusión, serán publicadas no taboleiro de anuncios de Agader e na súa páxina web.

Sétima.-Chamamentos aos aspirantes.

As comunicacións ás persoas que vaian cubrir temporalmente algún posto de traballo na axencia efectuaranse por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción.

Oitava.-Situacións nas listas.

As persoas que, sendo convocadas para facer efectiva a contratación, non se presenten ou renuncien, quedarán excluídas da lista.

Unha vez contratada e logo de rematado o contrato de traballo, pasará a ocupar o último lugar na lista, agás que a substitución sexa por tempo inferior a 12 meses, caso en que se incorporará de novo á lista correspondente no mesmo lugar que ocupaba inicialmente.

Novena.-Vixencia das listas.

As listas, elaboradas conforme as bases recollidas nesta resolució,n substituirán ás existentes na actualidade e prescribirán aos dous anos da súa elaboración, agás que durante ese tempo Agader convoque algún proceso selectivo que dea lugar á confección dunhas novas listas de oficio.

Décima.-Impugnacións.

Contra esta convocatoria, as persoas interesadas poderán interpor potestativamente recurso de reposición, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o director xeral de Agader, nos termos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, perante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2007.

Edelmiro López Iglesias

Director xeral da Axencia Galega

de Desenvolvemento Rural

Ver referencia pdf "16300D004P022.PDF"