DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 23 de agosto de 2007 Páx. 14.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 14 de agosto de 2007 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a Pemes de Galicia que aposten polo desenvolvemento sustentable mediante investimentos encamiñados á redución de gases de efecto invernadoiro.

A busca da sustentabilidade compete a todos os niveis da sociedade. A actividade empresarial ten un papel fundamental na consecución deste obxectivo pola súa influencia sobre o desenvolvemento económico, social e ambiental da sociedade. As empresas que exercen responsablemente a dita influencia deben responder á demanda social de transparencia e compromiso, e para isto a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) constitúe un instrumento de responsabilidade en relación coas repercusións sociais e os impactos ambientais da súa actividade.

Para poder resolver os problemas ecolóxicos actuais cómpre superar a concepción exclusivamente lexislativa e adoptar un enfoque máis estratéxico para inducir os cambios necesarios nos nosos modelos de produción e consumo.

Nesta orde trátase de que as empresas reduzan as emisións de gases de efecto invernadoiro.

De acordo con isto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a elaboración dun cambio nas instalacións, no combustible ou materias utilizados que traia consigo unha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI).

2. Esta axuda concederase para a realización de investimentos en instalacións para a redución de GEI.

3. Unicamente serán subvencionados os investimentos e gastos realizados e pagados desde o 1 de xaneiro de 2007.

4. As actuacións obxecto desta orde deberán estar finalizadas antes do 15 de decembro de 2007.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as Pemes que emitan GEI e que cumpran, así mesmo, os seguintes requisitos:

1. Empresa con personalidade xurídica que reúna as seguintes cláusulas:

a) Que empregue menos de 250 traballadores.

b) Que teña un volume de negocio inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral inferior a 43 millóns de euros.

c) Que non estea participada nun 25% ou máis do seu capital por unha empresa que non cumpra os requisitos anteriores.

2. Ter o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

4. Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

5. Posuír personalidade xurídica propia, suficiente capacidade para obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

6. Prestar o seu consentimento para a difusión do seu proxecto a través da páxina web desta consellería.

7. Non ter ningunha sanción imposta mediante resolución firme en materia ambiental no último ano.

Artigo 3º.-Contía.

1. A axuda poderá acadar ata un 75% do investimento subvencionable. En ningún caso a subvención poderá ser superior a 37.500 euros.

2. Para os efectos do establecido no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, os beneficiarios poderán subcontratar a totalidade do custo da actuación subvencionada.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e deberán ser presentadas no modelo normalizado recollido para o efecto no anexo I desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda presentaranse preferentemente na Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ou nas respectivas delegacións provinciais.

2. As solicitudes deberán ser presentadas no prazo de 30 días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Documentación xeral que hai que presentar coas solicitudes.

Coas solicitudes xuntaranse os seguintes documentos:

1. A instancia de solicitude, segundo as indicacións recollidas no artigo 4.1º (anexo I).

2. Acreditación da personalidade:

2.1. Persoas xurídicas:

a) Copia compulsada da certificación rexistral en que conste a súa constitución e os estatutos vixentes.

b) Copia compulsada do documento acreditativo do poder con que actúa o representante en nome da entidade, no caso de que tal poder non conste na certificación, e copia compulsada do seu documento nacional de identidade.

c) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

2.2. Persoas físicas:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do titular ou titulares solicitantes, así como do seu representante, se é o caso.

b) Copia compulsada da declaración censual de alta en obrigas tributarias (modelo 037) na Axencia Estatal Tributaria, referida a todos os titulares, se é o caso.

3. Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se debe realizar o pagamento.

4. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes. Así mesmo, farase constar se a empresa dispón dun sistema de xestión ambiental, adhesión ao sistema EMAS, ou certificado conforme as normas internacionais ISO 14001, ou memoria de sustentabilidade.

5. Presentarase, por duplicado, un estudo que conteña:

a) Memoria técnica especificando as actividades e os cambios que provocasen as emisións evitadas en toneladas equivalentes de CO2.

b) Orzamento detallado dos traballos que hai que realizar para a elaboración do proxecto de redución de gases de efecto invernadoiro, así como polo menos unha factura pro forma dos conceptos orzamentarios.

6. Declaración, segundo o modelo do anexo II, de non atoparse afectado por ningún suposto considerados no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Esta declaración deberá ser presentada coa solicitude e coa xustificación do investimento realizado.

7. Formulario de identificación da empresa segundo o anexo III.

8. A presentación da solicitude de concesión da axuda ou subvención polo interesado segundo o artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras. A devandita comprobación efectuarase tanto antes de ditar a resolución de concesión como na tramitación do pagamento.

Artigo 6º.-Axudas de minimis.

1. As axudas a empresas que se poidan conceder ao abeiro desta orde sométense ao réxime de minimis, polo que cada beneficiario non poderá recibir máis de 200.000 euros de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. Para tal efecto, os posibles beneficiarios indicados no artigo 2 desta orde, deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre calquera outra axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso.

3. Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, así como sobre a súa natureza de minimis, segundo o regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro.

4. Non obstante o disposto no parágrafo 1, a axuda total sometida ao réxime de minimis concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada non poderá superar 100.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

5. Ademais, as empresas dos sectores da pesca e a acuicultura e as da produción primaria de produtos agrícolas poderán recibir axudas sometidas ao réxime de minimis se se acollen ao Regulamento (CE) nº 1860/2004, da Comisión do 6 de outubro, modificado polo Regulamento (CE) da Comisión 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis nos sectores agrario e pesqueiro.

Neste caso, o importe total das sometidas ao réxime de minimis non poderá superar os 30.000 € brutos durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

1. A comisión de avaliación creada polo artigo 8º desta orde estudará as solicitudes presentadas, analizando a documentación requirida polo artigo 5º, e avaliará a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro derivada do investimento.

2. A redución de emisións de GEI serán cuantificadas en toneladas equivalentes de CO2.

A valoración farase tendo en conta o seguinte baremo:

a) Redución absoluta de toneladas equivalentes de CO2=9 puntos.

b) Eficiencia da actuación da redución=2 puntos.

c) Posuír certificacións ISO 14000 ou EMAS ou memoria de sustentabilidade=1 punto.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión de valoración fixará a puntuación mínima necesaria para poder ser beneficiario das axudas establecidas na presente orde.

Artigo 8º.-Comisión de avaliación.

Presentada a solicitude xunto á documentación correspondente, procederase á súa valoración por unha comisión de avaliación de proxectos constituída polo director xeral de Desenvolvemento Sostible, o subdirector xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, o subdirector xeral de Tecnoloxía e Control Medioambiental (Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental) e o director coordinador do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

Artigo 9º.-Procedemento de avaliación.

No caso de carencias ou defectos de forma, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non se fixer deste xeito, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

Esta comisión de avaliación formulará, a través do órgano instrutor, unha proposta de concesión da axuda para a súa resolución polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, tendo en conta os criterios de valoración do artigo 7º.

Artigo 10º.-Resolución de concesión.

1. A resolución da concesión será ditada polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nun prazo de catro meses a partir da publicación da convocatoria no DOG. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e sen prexuízo da obriga de resolver da Administración pública, segundo o artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase desestimada.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Acreditación de traballos realizados.

Para proceder ao cobramento das axudas será indispensable a presentación, antes do 15 de decembro do 2007, da seguinte documentación:

a) Orixinal ou copia compulsada das facturas, xustificantes bancarios dos pagamentos realizados ou outros xustificantes do investimento solicitado, que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, que outorgará a súa conformidade.

b) No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto aprobadas e concedidas como pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, de acordo coa Resolución do 30 de novembro de 1999, na cal se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación das axudas públicas.

Artigo 12º.-Pagamento.

O pagamento formalizarase no momento que se certifique que se realizou o investimento por medio das facturas e unha visita ás instalacións.

Previamente á elaboración da proposta de resolución da concesión, así como do pagamento, o beneficiario deberá estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 13º.-Redución do pagamento.

No suposto de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ao inicialmente previsto, a axuda concedida verase diminuída na cantidade necesaria para manter a porcentaxe de axuda sobre o investimento estipulada.

Artigo 14º.-Aplicación orzamentaria.

Para a concesión da axuda convocada nesta orde destinaranse ata un máximo de 37.500 € que se imputarán na aplicación orzamentaria 15.04.541E.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2007.

Artigo 15º.-Compatibilidade de axudas.

A axuda contida nesta orde é compatible con outras subvencións de calquera Administración pública con diferente finalidade, dentro dos límites establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, no cal se sinala que o importe das axudas non poderá en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Non obstante, será incompatible con calquera outra axuda de calquera Administración pública para a mesma finalidade.

Artigo 16º.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial da axuda regulada nesta orde e dos xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 17º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 18º.-Recursos.

A resolución da axuda porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución for expresa, ou seis meses, desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

Única.-Ao beneficiario da axuda regulada nesta orde seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, así como as previsións contidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o citado decreto lexislativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Sostible para ditar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2007.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "16300D003P016.PDF"