DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 23 de agosto de 2007 Páx. 14.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se convocan e se regulan distintos programas formativos e de fortalecemento dos vínculos sociais da Galicia emigrante coa Galicia territorial para residentes no exterior, durante o ano 2007.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no título preliminar, no seu artigo 7, o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Secretaría Xeral de Emigración, centro directivo que segundo o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é o órgano ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, en virtude do disposto no Decreto 44/2006, do 2 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral de Emigración convoca uns programas formativos e culturais consistentes na realización de cursos de folclore tradicional e cociña galega, que contribúan ao coñecemento das nosas tradicións e a dinamizar a vida das entidades galegas no exterior e así mesmo a afondar na formación do seu capital humano, en especial da xuventude.

En virtude da desconcentración de competencias que me atribúe a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, pola que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e con cargo aos créditos asignados a esta finalidade no exercicio 2007, consonte ao establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade,

DISPOÑO:

Primeiro.-Esta resolución ten por obxecto convocar programas formativos e de fortalecemento dos vínculos sociais da Galicia emigrante coa Galicia territorial para residentes no exterior, durante o ano 2007.

Segundo.-Os programas convocados son os seguintes:

a) Programa de danza e música tradicional galega. Este programa constará das seguintes modalidades:

-Cursos de baile.

-Cursos de gaita.

-Cursos de percusión.

-Cursos de pandeireta e canto.

b) Programa de cociña tradicional galega:

-Cursos de cociña galega.

Terceiro.-Os programas convocados terán as seguintes características comúns:

a) Estes programas serán de formación intensiva e de carácter participativo.

-Os programas desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas e a formación será impartida por profesionais con experiencia nas distintas modalidades.

b) Os programas convocados estarán sometidos ao seguinte seguimento e control:

-A solicitude do curso supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral de Emigración efectúe as comprobacións que considere necesarias para asegurar o cumprimento do contido e das condicións do programa, no caso de concesión.

-Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta secretaría poderá modificar a resolución de concesión.

-O incumprimento por parte das entidades adxudicatarias dos cursos das condicións impostas con motivo da concesión comportará a imposibilidade de ser beneficiario deste tipo de programas en edicións futuras.

-A Secretaría Xeral de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral de Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os programas regulados nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

-Ao remate do curso, a entidade remitiralle á Secretaría Xeral de Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

Cuarto.-Financiamento dos programas definidos na disposición primeira de acordo cos seguintes criterios:

a) A Secretaría Xeral de Emigración e as entidades galegas faranse cargo dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos cursos:

-A Secretaria Xeral de Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

1) Da contratación e do custo do desprazamento do profesorado ao lugar de realización do curso.

2) Do custo do material necesario para a impartición dos cursos de cociña e, se é o caso, do seu envío.

-As entidades galegas faranse cargo:

1) Con carácter ordinario, dos gastos de estadía e manutención do profesorado

2) Da xestión e dotación das instalacións axeitadas

3) Da subministración doutro material funxible necesario

b) Os gastos financiaranse con cargo á partida orzamentaria 04.50.312C.226.07.- Actuacións derivadas da Lei de galeguidade, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2007, na cal existe crédito adecuado e suficiente, cun importe máximo de 60.000 euros, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto.-As bases das respectivas convocatorias para cada un dos programas incorpóranse como anexo I e como anexo II nesta resolución.

Sexto.-Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1988, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2007.

Manuel Luís Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

ANEXO I

Bases para a convocatoria do programa de danza

e música tradicional galega

Base primeira: solicitantes.

1. Poderán solicitar estes cursos as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles. Os cursos están dirixidos ás entidades galegas que teñan grupo folclórico.

Serán estas entidades as que propoñan os posibles beneficiarios do curso entre os galegos ou descendentes de galegos, así como aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia e que participen nas actividades do grupo folclórico do centro.

Base segunda: características.

-Os cursos de danza e música tradicional:

* Terán unha duración de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase ás necesidades dos solicitantes cun mínimo de 30 horas.

* Agás en casos excepcionais debidamente xustificados, o número de participantes non será inferior a 15 alumnos.

Base terceira: lugar, prazo de presentación de solicitudes e documentación que hai que presentar.

1. As entidades galegas presentarán as solicitudes xunto co resto da documentación na Secretaría Xeral de Emigración (rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela-A Coruña), ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 21 de setembro de 2007.

3. A documentación necesaria para solicitar a participación neste programa será:

a) Solicitude da entidade ou agrupación de entidades segundo o modelo do anexo A desta resolución.

b) Relación nominal dos participantes preinscritos na cal constarán apelidos e nome, número do DNI ou do pasaporte e idade dos solicitantes.

c) Breve memoria da composición do grupo folclórico, currículo e traxectoria profesional, así como das actuacións realizadas nos dous últimos anos.

Base cuarta: emenda da solicitude.

No caso de que a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá a entidade galega para que no prazo de dez días emende a súa solicitude, indicándolle que, se non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Base quinta: procedemento e criterios de selección.

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que será o órgano instrutor, que formulará a correspondente proposta ao secretario xeral de Emigración. Este órgano colexiado estará formado por tres funcionarios da Subdirección Xeral de Programas Sociais.

2. Os criterios de valoración para o outorgamento dos cursos serán os que se sinalan a seguir:

-Número de persoas solicitantes do curso (ata 20 puntos).

-Número de persoas galegas preinscritas para o curso (ata 30 puntos).

-Composición, traxectoria profesional do grupo folclórico e actividades realizadas nos dous últimos anos (ata 50 puntos).

Base sexta: resolución.

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral de Emigración e notificadas ás entidades galegas solicitantes. Así mesmo, publicarase na páxina web (www.galiciaaberta.com) a relación de cursos concedidos.

O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, en caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso administrativa.

ANEXO II

Bases para a convocatoria do programa de cociña tradicional galega

Base primeira: solicitantes.

Poderán solicitar os cursos de cociña galega as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles.

Serán estas entidades as que propoñan os posibles beneficiarios do curso entre os galegos, socios, colaboradores e persoas galegas residentes na área xeográfica en que está situada a entidade.

Base segunda: características.

-Os cursos de cociña galega:

* Terán unha duración máxima de dúas semanas e ata 40 horas semanais.

* Agás en casos excepcionais debidamente xustificados, o número de participantes non será inferior a 20 alumnos por curso.

* Nestes cursos farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles correspondentes ás denominacións de orixe cualificada.

Base terceira: lugar, prazo de presentación de solicitudes e documentación que hai que presentar.

1. As entidades galegas presentarán as solicitudes xunto co resto da documentación na Secretaría Xeral de Emigración (rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela-A Coruña), ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 21 de setembro de 2007.

3. A documentación necesaria para solicitar a participación neste programa será:

Solicitude da entidade galega segundo o modelo do anexo B desta resolución.

Relación nominal dos participantes preinscritos en que constarán apelidos e nome, número do DNI ou do pasaporte e idade dos solicitantes.

Breve memoria das actividades realizadas nos dous últimos anos, con motivo da difusión da cociña tradicional galega.

Base cuarta: emenda da solicitude.

No caso de que a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá a entidade galega para que no prazo de dez días emende a súa solicitude, indicándolle que, se non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Base quinta: procedemento e criterios de selección.

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que será o órgano instrutor, que lle formulará a correspondente proposta ao secretario xeral de Emigración. Este órgano colexiado estará formado por tres funcionarios da Subdirección Xeral de Programas Sociais.

2. Os criterios de valoración para o outorgamento dos cursos serán os que se sinalan a seguir:

-Número de persoas solicitantes do curso (ata 20 puntos).

-Número de persoas galegas preinscritas para o curso (ata 30 puntos).

-Actividades realizadas nos dous últimos anos pola entidade galega con motivo da difusión da cociña galega (ata 50 puntos).

Base sexta: resolución.

As resolucións será ditadas polo secretario xeral de Emigración e notificadas ás entidades galegas solicitantes. Así mesmo, publicarase na páxina web (www.galiciaaberta.com) a relación de cursos concedidos.

O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido esteo dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, oe 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, en caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso administrativa.

Ver referencia pdf "16300D002P009.PDF"