DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 23 de agosto de 2007 Páx. 14.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se anuncia a convocatoria de cursos e seminarios de formación e de intercambio de experiencias para o persoal técnico especializado, para os compoñentes dos equipos de normalización lingüística e para o profesorado en xeral dos centros de ensino non universitario públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, encoméndalles ás autoridades educativas que tomen as medidas oportunas para promover o uso progresivo do galego no ensino, para que o alumnado do ensino non universitario vaia acabando os distintos ciclos cun dominio similar de galego e de castelán. O recente Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso do galego no sistema educativo, prevé, no artigo 3, o desenvolvemento dun plan de formación entre a consellería competente en materia de educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que garanta que todo o persoal dos centros educativos de Galicia e dos servizos de apoio cuxo persoal dependa da consellería teña un coñecemento dos aspectos sociolingüísticos do idioma.

Ao abeiro do anterior, a Secretaria Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de acordo coas respectivas competencias en materia de formación e promoción da lingua galega e de formación do profesorado, organiza cursos, seminarios e actividades de formación e de intercambio de experiencias para o persoal técnico especializado, para os compoñentes dos equipos de normalización lingüística, para o profesorado en xeral dos centros de ensino non universitario públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo isto, a secretaria xeral de Política Lingüística

RESOLVE:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocatoria de cursos, seminarios e actividades de formación e de intercambio de experiencias para as persoas responsables e para o persoal técnico especializado, para as persoas compoñentes dos equipos de normalización lingüística constituídos nos centros educativos non universitarios públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, e para o profesorado en xeral dos centros educativos.

Para isto teranse en conta o número de solicitudes e as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2º.-Orzamento.

O gasto ocasionado pola realización destas actividades financiarase con cargo á partida orzamentaria 04.60.151 A.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, aprobados pola Lei 14/2006, do 28 de decembro. A contía máxima para este fin será de 100.000 euros.

Artigo 3º.-Cursos que se convocan:

3.1. Curso de especialización en planificación lingüística nos centros de ensino.

Prazas: 40.

Lugar de realización: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Santiago de Compostela.

Datas de realización: de setembro a decembro de 2007, os martes e xoves (24 sesións).

Horas: 120 (106 presenciais e 14 para traballos prácticos).

Destinatarios: persoal docente.

Requisitos: daráselle preferencia ás persoas que están a desenvolver os seguintes postos de traballo: 1. Coordinadores-dinamizadores/as territoriais dos equipos de normalización lingüística. 2. Xefes/as dos gabinetes provinciais de normalización. 3. Delegados/as provinciais da consellería de Educación e Ordenación Universitaria. 4. Persoal técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. 5. Asesores dos CFR. 6. Inspectores/as de educación. 7. Equipos directivos dos centros e, en xeral, todo o persoal técnico responsable de dinamización e planificación lingüística no ensino non universitario.

Módulos ou áreas temáticas:

-Lexislación lingüística.

-Sociolingüística e planificación lingüística.

-Programas de ensino plurilingüe.

-A planificación lingüística no ensino.

-A dinamización lingüística. Concepto de dinamización e papel do dinamizador ou dinamizadora.

-Os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino.

-Obradoiro práctico.

O programa e datas concretas publicaranse nas webs www.xunta.es/linguagalega/ www.edu.xunta.es/fprof.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 7 de setembro de 2007 (inclusive).

3.2. II Seminario de dinamización lingüística no ensino.

Prazas: 50 por cada edición.

Edicións: 7, realizaranse nas localidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Datas de realización: outubro e novembro de 2007.

Horario: mércores e xoves, das 18.00 ás 21.00 horas (6 sesións)

Destinatarios: persoal docente

Requisitos: daráselle preferencia ao persoal que está a desenvolver funcións de coordinadoras e coordinadores dos equipos de normalización e dinamización lingüística. Tamén poderá participar o profesorado en xeral dos centros de ensino non universitario públicos, privados e privados concertados de Galicia.

Módulos ou áreas temáticas:

Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso do galego no sistema educativo.

Guía práctica para a planificación lingüística nos centros de ensino.

Elaboración de modelos prácticos de proxectos e estratexias de dinamización lingüística.

Experiencias normalizadoras.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o día 1 de outubro de 2007 (inclusive)

O programa e datas concretas publicaranse nas webs www.xunta.es/linguagalega/ e na web www.edu.xunta.es/fprof.

Artigo 4º.-Asistencia e recoñecemento.

1. A asistencia a todas as sesións nos cursos e seminarios será obrigatoria.

2. Ás persoas que participen nos cursos e seminarios outorgaráselles un certificado de asistencia.

3. Estes cursos e seminarios recoñeceránselle ao profesorado que os realice e os supere para os efectos de cómputo de sexenios.

Artigo 5º.-Profesorado que impartirá os cursos.

O profesorado que impartirá os cursos e seminarios nomearao a Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao abeiro do disposto no artigo 200 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, de contratos das administracións públicas, tendo en conta a súa solvencia técnica e científica para impartir as actividades referidas.

Cando se trate de persoal docente, teranse en conta os límites establecidos na Lei 53/1984, do 26 de decembro, e no Real decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibilidades do persoal ao servizo das administración públicas, así como tamén no Decreto 165/1988, do 16 de xuño, polo que se declara de interese público a realización de cursos e actividades de formación de lingua galega. De ser o caso, este persoal acreditará mediante declaración responsable que cumpre os requisitos previstos nas disposicións anteriores.

Artigo 6º.-Solicitudes e resolución.

1. As inscricións faranse a través do portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/fprof.

2. Tamén poderán presentarse, dentro do prazo establecido, utilizando o formulario que figura como modelo no anexo desta orde, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou tramitaranse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As persoas admitidas recibirán a comunicación a través do portal educativo antes citado.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, as solicitudes entenderanse desestimadas. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición, segundo o previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, ou ben recorrer directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de 2 meses desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística

Ver referencia pdf "16300D002P009.PDF"