DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 22 de agosto de 2007 Páx. 14.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 9 de agosto de 2007 pola que se convocan para o ano 2007 as axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local no ámbito da colaboración coas entidades locais.

A Comunidade Autónoma de Galicia, desde o 1 de xaneiro de 1998 e mediante o Decreto 289/1997, ten asumida a transferencia da xestión realizada polo instituto nacional de emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e mais o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

A aplicación das políticas activas de emprego segue as directrices europeas de emprego elaboradas pola Comisión Europea coa fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo a nivel local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, sendo no ámbito local donde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Consecuentemente con estas previsións, os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural e de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, das persoas traballadoras desempregadas que participen neles.

A constitución dun contorno local propicio á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada que lles permita utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa. Neste sentido, púxose en marcha a web da rede de técnicos de emprego de Galicia (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es), co obxectivo último de proporcionarlles un instrumento de apoio de alto valor engadido para que, pola repercusión directa que o seu traballo ten no aproveitamento das oportunidades locais de emprego, poidan desempeñar as súas funcións nas mellores condicións posibles.

Desde esta perspectiva faise necesario potenciar o papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Continuando coa liña iniciada en 2006 e, en cumprimento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 21 de novembro de 2006, mantéñense criterios obxectivos para a distribución territorial dos fondos e establécense as porcentaxes indicativas dos colectivos prioritarios de beneficiarios/as das políticas activas de emprego, en coherencia co Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia subscrito como resultado do diálogo social en Galicia, que establece os obxectivos para acadar en materia de emprego na liña da converxencia coa media do Estado e coa de Europa e as medidas e recursos que se implementarán cara á consecución dos obxectivos.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación na concesión das axudas e subvencións.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento destas axudas, realizarase con cargo aos créditos que figuran na aplicación orzamentaria 16.02.322A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 (códigos de proxecto 200300448 e 200700668), por un importe de 6.300.000 €.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas e da Intervención Delegada e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e financiamento.

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito da colaboración da Consellería de Traballo coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

2. O financiamento deste programa efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007, a través dos créditos consignados na aplicación 16.02.322A.460.0, por un importe de 6.300.000 €.

3. A distribución de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas desempregadas e á evolución do paro rexistrado no período 2002-2006 e inversamente coa evolución da poboación no citado período.

4. As axudas concedidas ao abeiro desta orde, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, debéndose someter as entidades ao cumprimento das obrigas relacionadas coas medidas de publicidade impostas polo Regulamento da Comisión (CE) número 1159/2000, do 30 de maio, e previstas nos artigos 13.1º g) e 17 desta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta norma as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local que non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Definición e funcións dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

1. Os axentes de emprego e desenvolvemento local configúranse como persoal contratado polas entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

2. A colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolverase conxuntamente entre a entidade contratante e a Consellería de Traballo, seguindo as directrices fixadas por esta, para o que os axentes de emprego e desenvolvemento local contratados:

a) Analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela.

b) Colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

3. Os axentes de emprego e desenvolvemento local realizarán as seguintes funcións:

a) Xestionar axudas para favorecer o emprego, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades á hora de conseguir emprego.

b) Informar as empresas dos instrumentos de promoción e fomento da competitividade empresarial dispoñibles, así como facilitar o seu acceso a eles.

c) Promover a cultura emprendedora fomentando iniciativas empresariais e apoiando novos proxectos de autoemprego individual ou colectivo informando das medidas de apoio existentes e poñendo en relación persoas emprendedoras e recursos.

d) Comunicar a empresas e persoas emprendedoras as subvencións para a formación e o emprego, así como facilitar o acceso a elas.

e) Facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego, en especial das participantes en políticas activas de emprego, identificando as necesidades de persoal das empresas a curto e medio prazo e propoñendo accións de mellora da empregabilidade da poboación desempregada.

f) Observación estratéxica do territorio e realización de estudos co fin de detectar necesidades formativas e educativas da poboación desempregada.

g) Contribuír ao desenvolvemento socioeconómico do territorio mediante:

-A prospección de recursos ociosos ou infrautilizados e de proxectos empresariais de promoción económica e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego.

-A difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividades entre persoas desempregadas, promotores e promotoras, persoas emprendedoras e institucións colaboradoras.

-O acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

-O apoio aos promotores e ás promotoras das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos/as tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento.

Artigo 4º.-Contía máxima e duración da subvención.

1. A contía máxima das subvencións que se concederán por cada axente de emprego e desenvolvemento local será a equivalente ao 80 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, co límite máximo de 27.046 euros anuais por cada contratación subvencionada.

2. A subvención prevista no parágrafo anterior concederase por un período dun ano, podendo prorrogarse a subvención para a contratación do axente de emprego e desenvolvemento local por iguais períodos ata un máximo de catro anos, precisándose para cada ano unha nova solicitude e concesión de subvencións.

3. Transcurrida a dita duración máxima de catro anos, a contratación do mesmo axente de emprego e desenvolvemento local poderá ser subvencionada sempre que esta contratación se realice por distinta entidade local ou entidade dependente ou vinculada.

4. A subvención para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local prevista nesta orde será incompatible con outras subvencións ou axudas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e procedemento.

1. As solicitudes de subvención, realizaranse no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, que para todos os efectos se entenderá como parte integrante desta.

2. As solicitudes, en modelo oficial e dirixidas ao/á delegado/a provincial da Consellería de Traballo para a súa resolución de conformidade co disposto no artigo 8º, poderanse presentar no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e das súas delegacións provinciais, así como en calquera outro rexistro da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado, dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan subscrito o oportuno convenio (Portelo Único) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta orde, poden atoparse na páxina web institucional da Xunta de Galicia (www.xunta.es), na páxina de emprego.

3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, mediante a presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I a entidade interesada préstalle expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercitarse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Consellería de Economía e Facenda.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. As solicitudes, que en todo caso deberán ser subscritas polo titular ou representante legal da entidade local beneficiaria, debidamente acreditado, deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

I. Certificación do secretario da entidade solicitante na que conste:

a) A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

b) A disposición de financiamento para custear a parte non subvencionada pola Consellería de Traballo.

c) A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención.

d) As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación no modelo que se publica como anexo V.

II. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

III. Unha memoria do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de axentes de emprego e desenvolvemento local, que recollerá, alomenos, os seguintes aspectos:

a) Breve diagnose socioeconómica da zona de actuación:

-Delimitación da zona de actuación.

-Presentación das principais características socio-económicas, moi especialmente daquelas referidas á estrutura da súa poboación, ao sistema produtivo e ao mercado de traballo, entre outros: evolución histórica nos últimos anos, situación actual e perspectivas de futuro.

-Nivel de implantación das políticas activas de emprego: evolución histórica nos últimos anos, situación actual e perspectivas de futuro.

-Oportunidades e ameazas que ofrece o territorio cara á estratexia que se establece para a creación de emprego mediante o impulso da iniciativa empresarial.

b) Definición do plan de acción:

-Obxectivos.

-Descrición detallada do conxunto de actividades e servizos que promoverá o/s axente/s de emprego e desenvolvemento local.

-Organización de eventos, edición de material promocional e didáctico, atención de peticións de información e asesoramento, titoría e acompañamento de proxectos empresariais xeradores de emprego, realización de estudos, deseño e xestión de proxectos de dinamización local, implantación e seguimento dos programas de promoción do emprego, etc.

-Colaboracións previstas con axentes socioeconómicos e outras institucións cara ao desenvolvemento do plan de acción.

-Calendario previsto para a execución das actividades e servizos contidos no plan de acción, en especial daquelas que teñan un carácter puntual.

-Resultados previstos para cada unha das actuacións e servizos do plan de acción, expresados tanto en termos cualitativos como cuantitativos. Incluirase unha mención específica sobre os beneficiarios potenciais daquelas, caracterizando, na medida do posible, o seu público obxectivo.

c) Definición do plan de adaptación e operativo do/s axente/s de emprego e desenvolvemento local:

-Número e perfil profesional do/s axente/s de emprego e desenvolvemento local que se contratarán (incluír a duración estimada do contrato).

-Funcións e tarefas que desenvolverá desenvolver o/s axente/s de emprego e desenvolvemento local na posta en práctica do conxunto de actividades e servizos previstos no plan de acción (incluír o horario de atención ao público).

-Pautas e ferramentas metodolóxicas que utilizará o/s axente/s de emprego e desenvolvemento local para desenvolver as actividades e servizos previstos no plan de acción.

-Instrumentos, infraestruturas e recursos humanos que se porán a disposición do/s axente/s para o desenvolvemento do plan de acción (descrición do local de traballo, do equipamento informático, do material de apoio, así como do servizo ao que se incorpora/n o/s axente/s de emprego e desenvolvemento local e as relacións de colaboracións que se establecen cos demais departamentos da entidade beneficiaria).

-Plan de formación que se prevé desenvolver en favor do/s axente/s de emprego e desenvolvemento local co obxectivo de complementar ou actualizar os seus coñecementos actuais.

IV. Declaración na que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes no modelo que se publica como anexo II.

V. Declaración responsable de cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de beneficiarios/as, segundo o artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no modelo que se publica como anexo III.

VI. Ficha de solicitude de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo IV.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Promoción do Emprego da respectiva delegación provincial quen, no suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos exixidos ou a documentación achegada contivese erros ou fose insuficiente, requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se considerará desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42º desta lei.

2. Revisados os expedientes, e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para a súa avaliación e informe, no que se concretará o resultado da avaliación efectuada.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a Comisión de Valoración estará composta polo/a secretario/a provincial da respectiva delegación, que a presidirá, e o xefe/a do Servizo de Promoción do Emprego e un técnico ou técnica do dito servizo este último actuará como secretario ou secretaria.

Artigo 7º.-Criterios de valoración das solicitudes.

1. Para efectuar a selección das entidades beneficiarias das axudas previstas nesta orde, a Comisión de Valoración prevista no artigo anterior terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) As prórrogas de subvencións concedidas en exercicios anteriores; ata sete puntos.

b) Número de desempregados existentes no ámbito territorial da entidade solicitante; ata cinco puntos.

c) Poboación susceptible de ser atendida; ata cinco puntos.

d) Grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de axentes de emprego e desenvolvemento local e vinculación dos ditos plans de accións, con pactos locais ou territoriais de emprego; ata cinco puntos.

e) O grao de incidencia que na creación de postos de traballo terán as actividades que desenvolverán os axentes de emprego e desenvolvemento local; ata tres puntos.

f) O establecemento de obxectivos operativos relacionados coa creación de empresas e o fomento da cultura emprendedora; ata tres puntos.

g) Solicitudes que agrupen máis dun concello ou que se dirixan a importantes núcleos poboacionais; ata tres puntos.

h) Proxectos que na súa realización posibiliten a integración laboral dos colectivos máis desfavorecidos no mercado laboral; ata tres puntos.

2. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 34 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no parágrafo anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtiveran maior valoración en aplicación dos citados criterios.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución ao/á delegado/a provincial quen, unha vez fiscalizada a proposta pola respectiva intervención territorial, resolverá a concesión ou denegación da axuda, por delegación do conselleiro de Traballo, mediante resolución motivada e individualizada, que se lles deberá notificar aos interesados, nos termos previstos no artigo 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución que poña fin ao expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Duración e data de inicio.

b) Contía da subvención que se vai outorgar.

c) Referencia ao 70% do cofinanciamento da subvención concedida pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo, programa operativo Fomento do Emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

3. O prazo para a notificación das resolucións será de seis meses, computados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria, de acordo co disposto no artigo 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A resolución estimatoria ou desestimatoria, ditada polo/a delegado/a provincial, esgota a vía administrativa, polo que de conformidade co disposto no artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, caberá a interposición de recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, agás nos casos en que procedera o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44º da devandita lei, nos que o prazo se contará desde o día seguinte a aquel no que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, na forma que determine o órgano competente de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación, respectivamente, da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

1. Con carácter xeral, a selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local, que deberá realizarse no prazo de 15 días desde a notificación da resolución de concesión, corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención, logo da presentación de oferta no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. No caso de non existiren candidatos idóneos entre os remitidos polo Servizo Público de Emprego, a entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo seguinte.

3. Para seren seleccionados como axentes de emprego e desenvolvemento local, as persoas candidatas deberán necesariamente ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo de educación universitaria, e valorarase a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego.

Artigo 11º.-Contratación dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

1. Os axentes de emprego e desenvolvemento local, seleccionados de conformidade co procedemento establecido no artigo 10 desta orde, serán contratados a tempo completo pola entidade local ou entidade dependente ou vinculada, mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente.

2. A concesión e goce destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 12º.-Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.

1. As entidades beneficiarias propiciarán a adaptación dos axentes de emprego e desenvolvemento local aos seus postos de traballo facilitándolles a metodoloxía e o material de apoio, así como o equipamento e recursos necesarios para o mellor desenvolvemento das súas funcións, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. A Consellería de Traballo poderá comprobar a idoneidade dos mencionados procesos de adaptación e, co obxecto de garantir a actualización permanente dos axentes de emprego e desenvolvemento local, poderá organizar, con medios propios ou alleos, as actuacións necesarias para o seu cumprimento.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos respectivos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta ou certificación que acredite a alta na Seguridade Social dos traballadores contratados.

c) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional no modelo que se publica como anexo II.

e) Os datos relativos á titulación e experiencia profesional do axente de emprego e desenvolvemento local, debidamente acreditados.

f) Se é o caso, certificación do secretario da entidade solicitante sobre os resultados da presentación de oferta ante o Servizo Público de Emprego e/ou os custos da contratación, indicando o salario bruto desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo V, cando estes sexan inferiores aos custos certificados no momento da presentación da solicitude de subvención.

g) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 17.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da contratación e, con carácter xeral, como data límite o 28 de decembro do ano 2007.

Artigo 14º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias, virán obrigadas a:

1. Poñer á disposición dos axentes de emprego e desenvolvemento local todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.

2. Remitirlle á delegación provincial da Consellería de Traballo a seguinte documentación:

a) Unha memoria descritiva das actividades realizadas polo/s axente/s de emprego e desenvolvemento local en cada ano natural, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego. Esta memoria presentarase durante o mes de xaneiro do ano seguinte, agás que o/s axente/s remate/n antes a súa prestación de servizos. Neste caso a memoria deberá remitirse con anterioridade á finalización do contrato.

b) No prazo de dous meses seguintes á finalización de cada período anual subvencionado, copias compulsadas das nóminas aboadas ao/s axente/s e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelo TC-2), así como o documento bancario correspondente (extracto ou cargo bancario).

3. Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Traballo, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de ser o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

4. Darlle publicidade á actuación, así como á utilización do logotipo da rede de técnicos de emprego de Galicia, nos distintos elementos de comunicación, segundo establece o artigo 17º.

5. Comunicarlle á Consellería de Traballo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

6. Cumprir as demais obrigas que se poidan derivar desta orde ou das resolucións e instrucións que, se é o caso, se diten para o seu desenvolvemento e execución.

Artigo 15º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde dará lugar ao reintegro total ou parcial, segundo proceda, da subvención percibida e mailos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias poderanlle solicitar á Consellería de Traballo a prórroga da subvención concedida por cada axente de emprego e desenvolvemento local contratado ao abeiro da Orde do 2 de agosto de 2006, no prazo previsto no artigo 5.3º, xuntándolle á dita solicitude a documentación exixida con carácter xeral no artigo 5.4º. As solicitudes de prorroga competirán en réxime de concorrencia competitiva coas solicitudes novas.

2. A resolución que, de ser o caso, aprobe a concesión da prórroga, poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servizos polo axente de emprego e desenvolvemento local.

3. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Se é o caso, prórroga do contrato formalizada e debidamente comunicada.

b) Declaración do conxunto de todos as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional no modelo que se publica como anexo II.

c) Certificación do secretario da entidade local sobre os custos da contratación, indicando o salario bruto desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo V, cando estes sexan inferiores aos certificados no momento da presentación da solicitude de subvención.

d) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 17.

A comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social realizarase polo Servizo de Promoción do Emprego da respectiva delegación provincial a través das correspondentes aplicacións informáticas.

A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio do novo período de contratación e, con carácter xeral, como data límite o 28 de decembro do ano 2007.

Artigo 17º.-Publicidade.

1. Para efectos de identificación e de difusión da rede de axentes de emprego e desenvolvemento local, no prazo dun mes desde a contratación, a entidade beneficiaria deberá colocar, de forma visible, nas dependencias nas que presta os seus servizos o axente de emprego e desenvolvemento local, unha placa identificativa, no modelo normalizado que se establece no manual de identidade corporativa da rede de técnicos de emprego de Galicia, e que facilitará, no seu caso, a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e polo Fondo Social Europeo.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da rede de técnicos de emprego de Galicia, cara aos usuarios dos seus servizos en toda a Comunidade Autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación destes, deberán utilizar o conxunto de normas gráficas recollidas no manual de identidade corporativa da rede de técnicos de emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da rede, nos distintos elementos de comunicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global a cantidade de 6.300.000 euros prevista na aplicación 16.02.322A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Segunda.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 70%, encontrándose dentro do programa operativo Fomento do Emprego (PO 2000 ES 051 PO 017).

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nos/as delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias das que traen causa, ditadas por delegación do conselleiro.

Cuarta.-Se, por calquera causa, no momento no que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o/a delegado/a provincial.

Quinta.-As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada polo artigo 13º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "16200D007P014.PDF"