DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 22 de agosto de 2007 Páx. 14.091

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 30 de xullo de 2007 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual 06/02 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Barco de Valdeorras (Ourense) nos núcleos rurais tradicionais.

O Concello do Barco de Valdeorras remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

1. Antecedentes.

1.1. O Concello do Barco de Valdeorras dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo concello o 27 de xuño de 2003, polo tanto, ao abeiro da disposición transitoria 3ª da Lei 9/2002.

1.2. O Pleno da Corporación, na súa sesión do 11 de xaneiro de 2007 acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida a información polo prazo dun mes mediante anuncio publicado no DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2007 e nos xornais La Voz de Galicia e na Región o 19 de xaneiro de 2007. Constan informes favorables do aparellador municipal e da Secretaría do Concello do Barco de Valdeorras con data do 27 de xuño de 2006. O Pleno do Concello en sesión do 12 de abril de 2007 acordou outorgar a aprobación provisional da modificación.

1.3. Consta informe favorable do director xeral de Patrimonio Cultural do 16 de febreiro de 2007.

1.4. O 13 de marzo de 2007, emitiu informe o director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, sinalando que non é necesario someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual obxecto da decisión.

2. Consideracións e fundamentación.

2.1. De acordo co informe-proposta elaborado pola Dirección Xeral de Urbanismo o 26-7-2007, cómpre facer as seguintes consideracións:

-As razóns que expresa o proxecto para xustificar a modificación proposta céntranse nas dificultades que a ordenación vixente ofrece para a edificación de determinadas parcelas nos núcleos rurais. Aínda que a xustificación que contén o proxecto resulta escasa, pode considerarse que variar as determinacións dunha ordenanza para axustalas á realidade do territorio pode entenderse como unha mellora da ordenación e, polo tanto, a formulación da modificación estaría amparada nos supostos aos que se refire o artigo 94.1º da Lei 9/2002.

-As variacións concrétanse no incremento das condicións de ocupación e edificabilidade, excepcionalmente para as parcelas que non cumpran a superficie mínima, pero esténdese tamén ao propio requisito da superficie mínima de 300 m2, propoñendo excepcionalo con carácter xeral.

-A superficie mínima parcela edificable nos núcleos rurais está establecida polo artigo 29.1º a) da Lei 9/2002, que só prevé como casos excepcionais os de parcelas que se atopen entre outras xa edificadas que imposibiliten acadar a superficie mínima de 300 m2. De modo que o plan xeral (e por tanto a modificación) non está habilitado legalmente para ampliar a devandita excepcionalidade a outros supostos diferentes dos citados.

2.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral lle corresponde á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

3. Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. De conformidade co disposto no punto 5 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual 06-02 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Barco de Valdeorras (Ourense), exclusivamente no que se refire á variación das condicións de ocupación e edificabilidade aplicables ás parcelas de solo de núcleo rural ás que lles aplique, xustificadamente, a excepcionalidade que, a respecto da superficie mínima de parcela edificable, recolle o artigo 29.1º a) da Lei 9/2002. Queda suprimido da modificación calquera outro extremo, especialmente a ampliación da citada excepcionalidade a supostos diferentes dos previstos no citado artigo da lei.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa da modificación aprobada definitivamente.

4. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes