DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 22 de agosto de 2007 Páx. 14.090

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 16 de xullo de 2007 sobre a aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual número dous das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Mazaricos (A Coruña).

O Concello de Mazaricos remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Mazaricos dispón na actualidade de normas subsidiarias de planeamento municipal (NSPM) aprobadas definitivamente o 4-5-1995.

2. A modificación é formulada polo Concello de Mazaricos e ten por finalidade establecer unha nova normativa para o solo rústico de protección agrícola (nas NSPM denomínase solo non urbanizable de protección agrícola -PA-), unha vez que a regulación das condicións de edificación contida nas NSPM non concorda coas actuais necesidades das explotacións gandeiras, sendo nalgún aspecto máis restritiva que a regulación establecida directamente na vixente Lei 9/2002.

3. Antecedentes da tramitación.

-A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu en datas 27-12-2005 e12-7-2006, informes previos á aprobación inicial da modificación das NSPM, segundo o disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

-O Pleno do Concello, en sesión de 27-7-2006, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida a información pública logo de publicación de anuncios no DOG nº 156, do 14 de agosto, e nos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego, ambos os dous o 17-8-2006, sen que durante o devandito trámite se presentase reclamación ningunha, segundo certificado da Secretaria do concello que se inclúe no expediente para o efecto.

-A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, emite informe o 16 de agosto de 2006, no cal se conclúe que a modificación non produce efectos significativos na sustentabilidade do seu entorno de afectación.

-Constan no expediente informe técnico do arquitecto municipal do 14-9-2006 e da secretaria do concello do 15-9-2006, ambos en sentido favorable á aprobación provisoria da modificación.

-O Pleno do concello, en sesión do 18-9-2006, acordou a aprobación provisoria da modificación puntual nº 2 das NN. SS.

-A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, por medio de orde do 5-2-2007, resolveu non outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de Mazaricos, sinalando deficiencias que deberían ser corrixidas.

-O Pleno do Concello de Mazaricos, en sesión do 30-3-2007, acordou a aprobación provisoria do novo documento de modificación puntual nº 2 das normas subsidiarias.

4. A documentación achegada consiste nunha copia do expediente administrativo e tres exemplares dilixenciados do proxecto aprobado inicial e provisoriamente en data 30-3-2007, que consta dun tomo en formato A-4 redactado e asinado en data 8-2-2007 polo arquitecto municipal.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 16-7-2007, a Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, no cal se expresa o seguinte:

1. De acordo co último informe da Dirección Xeral de Urbanismo do 12-7-2006, considérase xustificado o interese público da modificación consonte o exixido no artigo 94.1º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sempre que a modificación da ordenanza de solo rústico de protección agrícola se limite ao uso gandeiro, coa indicación de que, noutro caso, o proxecto de modificación puntual das NN. SS. debería adaptar a clasificación e as categorías do solo rústico ao establecido na Lei 9/2002.

2. Con carácter xeral, o novo documento corrixe as deficiencias sinaladas na orde da consellería; non obstante, incorpora como uso autorizable no solo rústico de protección agrícola o depósito de materiais, almacenamento de maquinaria e estacionamento de vehículos ao aire libre e, así mesmo, engade nas condicións de edificación para usos non residenciais a posibilidade de construír sotos e semisotos, determinacións que non gardan correspondencia coas razóns xustificativas nin coa finalidade da modificación, que debe limitarse estritamente ao uso gandeiro.

II.2. De conformidade co artigo 89 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 2 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Mazaricos (A Coruña), relativa ás condicións de edificación do uso gandeiro no solo rústico de protección agrícola (solo non urbanizable de protección agrícola -PA- das NSPM), coa seguinte condición:

-Suprímese no punto III, Condicións de uso, o depósito de materiais, almacenamento de maquinaria e estacionamento de vehículos ao aire libre, e, no punto IV.1, Condicións de edificación para usos non residenciais, a posibilidade de construír sotos e semisotos.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes