DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 22 de agosto de 2007 Páx. 14.087

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos de formación de lingua galega, nivel Celga 1 e Celga 4, para adultos e colectivos de Galicia, para realizar a partir do 20 de setembro de 2007 (PR 104 B).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con iso, recoñécelles aos cidadáns o dereito de coñecelo e de usalo. Mais non estaría garantido ese dereito se os cidadáns non tivesen a posibilidade de aumentar (ou iniciar, segundo o caso) o coñecemento e o dominio dos distintos rexistros da lingua propia de Galicia.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas aos adultos e á sociedade, encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, axeitándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre os dous idiomas, o que exixe medidas favorables ao galego para acadar ese equilibrio.

A estrutura e o contido destes cursos están regulados mediante a Orde do 16 de xullo de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 146, do 30 de xullo).

Por todo isto,

DISPOÑO:

1. Obxecto.

Anunciar a convocatoria pública para solicitar participar ou impartir cursos de formación de lingua galega, nivel Celga 1 e Celga 4, para adultos e colectivos de Galicia, para realizar a partir do 20 de setembro de 2007, con carácter gratuíto. Convócanse un total de 85 cursos en Galicia.

Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naqueloutras que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, agrupándoas preferentemente por comarcas.

2. Destinatarios.

A convocatoria está dirixida aos seguintes destinatarios:

a) Colectivos, entidades e/ou asociacións que desexen organizar cursos de lingua galega e que conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas para participar nos cursos (nome, apelidos e nº DNI/pasaporte).

b) Particulares que desexen realizar algún dos cursos obxecto desta convocatoria.

3. Prazo para o desenvolvemento dos cursos.

Os cursos que se organicen e impartan ao abeiro desta convocatoria deberán estar finalizados preferentemente antes do 30 de novembro de 2007 e, en todo caso, antes do 31 de decembro de 2007. A principios do mes de decembro de 2007, realizaranse as probas de acreditación de coñecemento ás que se poderán presentar todas as persoas que o desexen. Para estes efectos, efectuarase unha convocatoria que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

4. Requisitos e contido dos cursos.

Os cursos axustaranse aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecido na Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia nº 146, do 30 de xullo.

O número de asistentes a cada curso será de 20 persoas como mínimo e de 30 como máximo. Se quedasen prazas vacantes, os colectivos, entidades ou asociacións organizadoras deberán aceptar completar as prazas con persoas interesadas, aínda que non sexan afiliadas ou asociadas das propias entidades. Se durante os dous primeiros días do curso se desen de baixa ou non asistisen as persoas inscritas para o curso deberán ofrecérselles as prazas aos solicitantes que non fosen admitidos no primeiro chamamento.

Os cursos terán unha duración de 75 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas ou tres horas cada día. En casos excepcionais, debidamente xustificados, poderá autorizarse a realización de sesións con horario diferente.

Todas as actividades que se realicen nestes cursos realizaranse, segundo o previsto na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, conforme as normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega, na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, coidando o uso da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

5. Dotación orzamentaria.

O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida orzamentaria 04 60 151 A 640 2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, destinada a cursos e actividades de formación de lingua galega, ata unha contía máxima de 295.800 euros.

6. Retribución para cada curso.

Os módulos de retribución dos cursos son os que a seguir se relacionan:

-Retribución profesor/a docente: 3.000 € (75 horas a 40 €/hora).

-Retribución coordinación, só nos casos excepcionais, logo da autorización da Secretaría Xeral de Política Lingüística: 180 €.

-Retribución persoal subalterno ou auxiliar para os cursos que se realicen en centros educativos: 150 €.

-Material para o curso (máximo): 150 € (aboaráselle directamente ao profesor, tras a presentación dos xustificantes de gasto).

7. Designación de profesorado.

O profesorado destes cursos nomearao a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos xefes dos gabinetes provinciais de normalización lingüística no caso dos cursos para impartir en Galicia. O chamamento dos profesores para os cursos efectuarase segundo a orde da lista oficial de profesorado colaborador desta secretaría xeral.

8. Solicitudes.

As persoas interesadas e as entidades formularán as solicitudes segundo os modelos de solicitudes que figuran como anexo I (para persoas individuais) e anexo II (para entidades ou colectivos), respectivamente.

As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta Secretaría Xeral de Política Lingüística da provincia que corresponda. Presentaranse preferentemente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou no da delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da provincia á que pertenza a localidade onde queiran realizar o curso. Sen prexuízo do anterior, poderanse presentar nas oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (Diario Oficial de Galicia do 24 de xuño), segundo o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

As entidades e interesados en xeral dispoñen dun formulario na web www.xunta.es/linguagalega que permite cubrir e editar a solicitude.

9. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación rematará o día 12 de setembro de 2007.

10. Documentación que cómpre achegar coa solicitude.

No caso das solicitudes formuladas por entidades para organizar o curso deberá achegarse a listaxe de persoas preinscritas (apelidos, nome e DNI).

No caso das persoas individuais que soliciten participar nun curso, copia do DNI.

11. Procedemento de selección.

Recibidas as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta Secretaría Xeral de Política Lingüística (para os cursos de cada provincia), procederase a revisar a documentación. Se se apreciasen erros ou omisións, comunicaránselles ás entidades ou persoas solicitantes para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992.

As solicitudes que cumpran os requisitos seleccionaranse segundo a orde de entrada.

12. Proposta de programación.

Á vista das solicitudes e da distribución xeográfica destas, os gabinetes provinciais de normalización lingüística efectuarán unha proposta de programación dos cursos en cada unha das provincias, e darán conta dela á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Cando por mor da contía e dos límites orzamentarios non se poidan atender todas as peticións, elaborarase unha listaxe de solicitudes pendentes e, no caso de que algunha das entidades ás que se lles conceda un curso renuncien a el, asignaráselle á seguinte da lista. Do mesmo xeito, se quedasen excedentes orzamentarios poderán atenderse peticións posteriores.

Na programación sinalaranse as datas de comezo, horario e lugar onde se impartirá cada curso.

Con relación ás solicitudes de persoas interesadas en asistir aos cursos, incluiranse nalgún dos cursos programados na localidade solicitada, ou na súa proximidade. As listas de admitidos faranse públicas na páxina web www.xunta.es/linguagalega e nos taboleiros de anuncios dos gabinetes provinciais de normalización lingüística.

13. Resolución.

Unha vez efectuada a proposta de programación correspondente a cada provincia, correspóndelles a resolución de autorización dos cursos aos delegados ou delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A resolución seralles notificada polos gabinetes provinciais ás entidades solicitantes dos cursos e publicarase na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega no punto de cursos, onde se actualizarán os cambios de programación que se puidesen producir con posterioridade.

As listas de persoas admitidas para participar nos cursos faranse públicas, igualmente, na páxina web www.xunta.es/linguagalega e nos taboleiros de anuncios dos gabinetes provinciais de normalización lingüística.

14. Réxime de recursos.

Contra a resolución de concesión dos cursos, as entidades e persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante a Secretaría Xeral de Política lingüística, no prazo dun mes, contado a partir da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante os tribunais contencioso-administrativos.

15. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

De non recaer resolución expresa sobre a solicitude no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

16. Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

Para unha máis eficaz xestión e desenvolvemento desta convocatoria, esta secretaría xeral desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria e delegaranse as facultades para resolver e para xestionar os gastos relativos aos cursos programados en cada provincia nas correspondentes delegacións provincias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas que teñen establecida a súa sede os gabinetes provinciais de normalización lingüística de cada provincia.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de reposición perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística

Ver referencia pdf "16200D001P007.PDF"