DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 21 de agosto de 2007 Páx. 14.022

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xullo de 2007 pola que se regulan os programas de diversificación curricular na educación secundaria obrigatoria.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación establece no artigo 22.2º que a educación secundaria obrigatoria ten como finalidade lograr que as alumnas e alumnos adquiran os elementos básicos da cultura, especialmente nos seus aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar neles hábitos de estudo e de traballo; preparalos para á súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral e formalos para o exercicio dos seus dereitos e obrigas na vida como cidadáns e cidadás.

No punto 4 do mesmo artigo, a citada lei establece que a educación obrigatoria se organizará de acordo cos principios de educación común e de atención á diversidade do alumnado e que lles corresponde ás administracións educativas regular as medidas de atención á diversidade, organizativas e curriculares que lles permitan aos centros, no exercicio da súa autonomía, unha organización flexible das ensinanzas.

Unha das medidas de atención á diversidade son os programas de diversificación curricular.

Nesta liña, o Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria, establece no seu artigo 13 que os centros poderán organizar programas de diversificación curricular para o alumnado que, tras a oportuna avaliación, precise dunha organización dos contidos, actividades prácticas e materiais do currículo diferente á establecida con carácter xeral e dunha metodoloxía específica para acadar os obxectivos e competencias básicas da etapa e o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

Así mesmo, o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 15, establece as condicións para que o alumnado acceda aos programas de diversificación curricular e habilita a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para regular os mencionados programas.

A presente orde ten por finalidade a determinación das condicións de acceso do alumnado aos programas de diversificación curricular e das materias que constitúen o seu currículo, así como o establecemento do procedemento de autorización destes programas.

En consecuencia co exposto e en virtude do artigo 15 do Decreto 133/2007, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a regulación dos programas de diversificación curricular establecidos no artigo 15 do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Definición e finalidade.

Os programas de diversificación curricular constitúen unha das medidas de atención á diversidade que emanan dos principios e fins que configuran o sistema educativo español, que se inspira, entre outros, no principio de flexibilidade para adecuar a educación á diversidade de aptitudes, intereses, expectativas e necesidades do alumnado.

Posibilitan unha organización dos contidos, actividades e materias do currículo diferente á establecida con carácter xeral, así como unha metodoloxía específica que lle permita ao alumnado que acceda a estes programas adquirir as competencias básicas, alcanzar os obxectivos xerais da etapa e, polo tanto, obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán incorporarse aos programas de diversificación curricular as alumnas e os alumnos que cumpran as condicións indicadas no artigo cuarto desta orde e nos cales concorran as seguintes circunstancias:

a) Ter dificultades xeneralizadas de aprendizaxe, ter sido obxecto doutras medidas de atención á diversidade, sen que estas resultasen suficientes para a recuperación das dificultades de aprendizaxe detectadas e atoparse nunha situación de risco evidente de non alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa cursando o currículo ordinario.

b) Existir expectativas razoables de que coa incorporación ao programa poderán alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa e, en consecuencia, obter o título de graduado en educación secundaria.

Artigo 4º.-Condicións de acceso.

Poderán incorporarse a estes programas as alumnas e os alumnos que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter cursado o segundo curso da educación secundaria obrigatoria, non estar en condicións de promocionar ao curso seguinte e que repetisen xa unha vez na etapa.

b) Tras cursar o terceiro curso, non estar en condicións de promocionar.

c) Tras repetir o terceiro curso, non superalo.

d) Ter cursado o cuarto curso da educación secundaria obrigatoria sen superalo e ter repetido xa unha vez na etapa.

Artigo 5º.-Duración dos programas.

Con carácter xeral, a duración dos programas de diversificación curricular será de dous anos. Non obstante, poderán establecerse programas dun ano de duración para aquelas alumnas e alumnos que cursasen o cuarto curso de educación secundaria obrigatoria sen acadar o título, ou que, tras repetir terceiro, non acadasen os obxectivos e, en ambos os casos, para os que se considere adecuada a súa incorporación ao programa.

Artigo 6º.-Agrupamentos.

1. Os alumnos e alumnas que sigan un programa de diversificación curricular terán un grupo ordinario de referencia co que cursarán determinadas materias do currículo común.

2. Para a impartición dos ámbitos e materias específicas destes programas conformaranse grupos que non superarán o número de dez alumnas e alumnos e non serán, con carácter xeral, menos de cinco.

Artigo 7º.-Estrutura dos programas.

1. O currículo dos programas de diversificación deberá incluír na súa estrutura os seguintes ámbitos e materias:

a) Un ámbito específico de carácter lingüístico-social, que incluirá elementos formativos seleccionados entre os obxectivos e contidos curriculares correspondentes ao terceiro e ao cuarto curso da etapa das materias de ciencias sociais, xeografía e historia, lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura. A selección destes elementos formativos realizarase tendo en conta o seu carácter nuclear, a súa relevancia social e cultural, a súa funcionalidade e a súa capacidade para facilitar o desenvolvemento das competencias básicas e a consecución dos obxectivos xerais da etapa.

b) Un ámbito científico-técnico, que incluirá elementos formativos seleccionados entre os obxectivos e contidos curriculares correspondentes ao terceiro e ao cuarto curso da etapa das materias de matemáticas, bioloxía e xeoloxía e física e química. A selección destes elementos formativos realizarase tendo en conta o seu carácter nuclear, a súa relevancia social e cultural, a súa funcionalidade e a súa capacidade para facilitar o desenvolvemento das competencias básicas e a consecución dos obxectivos xerais da etapa.

c) As materias do terceiro curso: lingua estranxeira, educación plástica e visual e educación física.

d) As materias do cuarto curso: lingua estranxeira, música e educación física.

e) A materia de tecnoloxías, con carácter eminentemente práctico, que incluirá os contidos básicos correspondentes ás materias de tecnoloxías do terceiro curso e de tecnoloxía do cuarto.

f) Unha materia optativa elixida entre aquelas que oferte o centro para os cursos terceiro e cuarto.

g) A materia de relixión, nas condicións establecidas para todo o alumnado.

2. As materias de música, educación plástica e visual, educación física e relixión, así como a optativa, serán cursadas co grupo de referencia.

Artigo 8º.-Distribución horaria semanal dos programas.

O horario lectivo semanal das alumnas e alumnos que seguen un programa de diversificación curricular será de trinta e dúas horas distribuídas segundo o cadro que segue:

3º Curso

Materia: sesións.

Ámbito lingüístico-social: 9.

Ámbito científico-técnico: 9.

Lingua estranxeira: 3.

Educación plástica e visual: 2.

Tecnoloxías: 3.

Materia optativa: 2.

Educación física: 2.

Relixión: 1.

Titoría: 1.

4º Curso

Materia: sesións.

Ámbito lingüístico-social: 8.

Ámbito científico-técnico: 8.

Lingua estranxeira: 3.

Música: 3.

Tecnoloxías: 3.

Materia optativa: 3.

Educación física: 2.

Relixión: 1.

Titoría: 1.

Artigo 9º.-Procedemento para a proposta de incorporación do alumnado ao programa.

1. Para determinar a incorporación dun alumno ou alumna a un programa de diversificación curricular, seguirase o proceso seguinte:

a) Proposta razoada do equipo de profesores do grupo ao que pertence o alumno ou alumna, expresada mediante un informe individualizado, elaborado pola persoa titora, que será remitido ao departamento de orientación e no cal se fará constar:

-A competencia curricular do alumno ou alumna en cada materia.

-As dificultades de aprendizaxe presentadas.

-As medidas de atención á diversidade aplicadas.

-Os motivos polos que o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno se integre nun programa de diversificación curricular.

b) A xefatura do departamento de orientación procederá a realizar un informe en que se incluirán as conclusións da avaliación psicopedagóxica, o resultado da reunión da persoa titora ou orientadora co alumno ou alumna, cos pais e nais ou representantes legais, para formularlles a conveniencia da súa incorporación a un programa de diversificación curricular. Deixarase constancia escrita da opinión dos pais ou representantes legais.

c) Posteriormente unha comisión formada polo xefe de estudos, a xefatura do departamento de orientación e a persoa titora da alumna ou alumno valorará os informes emitidos e as opinións da alumna ou alumno e dos seus pais ou representantes legais e tomará a decisión que coide conveniente sobre a incorporación ao programa de diversificación curricular.

d) Envío da proposta ao servizo provincial de Inspección Educativa para a súa autorización.

2. Con carácter xeral, o procedemento descrito no punto 1 deberá estar rematado antes do 5 de setembro.

Artigo 10º.-Autorización.

O servizo provincial de Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para desenvolver os programas de diversificación curricular que cumpran cos requisitos establecidos e que será comunicada aos centros antes do comezo do curso.

Artigo 11º.-Titoría.

1. Cada grupo de diversificación curricular terá unha persoa titora que se coordinará co titor ou titora do grupo de referencia, así como co resto do profesorado que imparta docencia ao alumnado do programa de diversificación curricular.

2. Estará designada pola dirección, preferentemente entre as persoas que impartan algún dos ámbitos específicos dos programas coa finalidade de facilitar un mellor seguimento da dinámica do grupo.

3. A persoa titora de cada grupo de diversificación curricular terá como función a orientación do seu alumnado, a súa atención personalizada e a coordinación do equipo docente en todas as actividades de planificación, desenvolvemento e avaliación dos procesos de ensinanza e aprendizaxe, así como as tarefas de mediación entre alumnado, profesorado e familias.

4. A persoa titora exercerá como tal, preferentemente, durante os dous anos da duración do programa.

Artigo 12º.-Profesorado.

Cada ámbito específico será impartido por un único profesor ou profesora pertencente a un dos departamentos didácticos a que corresponda a atribución docente das materias que forman parte do ámbito, preferentemente con destino definitivo no centro.

Artigo 13º.-Liñas metodolóxicas.

Os programas de diversificación curricular, como medida excepcional de atención á diversidade, deben recoller un tratamento distinto dos contidos que integran, de forma xeral, o currículo. Como criterio básico estará a determinación dos contidos nucleares ou fundamentais do currículo, aqueles que resultan imprescindibles para aprendizaxes posteriores e que contribúen ao desenvolvemento das competencias básicas.

Na súa estrutura, que supera a presentación disciplinar, procurarase a integración das distintas materias arredor de unidades ou bloques, cunha dimensión globalizadora ou interdisciplinar.

O referente serán os obxectivos xerais da etapa e as competencias básicas. Fomentarase a participación activa do alumnado, tanto de xeito individual como no traballo en grupo. Incidirase na procura de que o alumnado sexa capaz de aprender a aprender e de aumentar o grao de autonomía persoal.

Artigo 14º.-Avaliación.

1. Os referentes fundamentais para avaliar as aprendizaxes do alumnado que curse un programa de diversificación curricular serán as competencias básicas e os obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria, así como os criterios de avaliación específicos establecidos para cada ámbito do programa e para as materias que curse cada alumna ou alumno.

2. O alumnado que curse o programa de diversificación curricular acadará o título de graduado en educación secundaria obrigatoria se supera todos os ámbitos e materias que integran o programa. Non obstante, poderán obter o título aqueles que, tendo superados os ámbitos, teñan avaliación negativa nunha ou dúas materias, e de maneira excepcional en tres, sempre que a xuízo do equipo docente alcanzase ao finalizar o programa as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

3. O alumnado que, ao rematar o programa, non estea en condicións de obter o título de graduado en educación secundaria e cumpra os requisitos de idade establecidos, poderá permanecer un ano máis no programa.

4. O alumnado que acceda a un programa de diversificación curricular sen acadar os obxectivos dalgunha materia dos cursos anteriores, realizará as actividades de reforzo e de apoio que lle permitan recuperalos ao longo do desenvolvemento do programa, sendo a avaliación competencia do profesorado que imparte clase nel, coa colaboración dos departamentos implicados.

Artigo 15º.-Avaliación do programa.

1. Os programas de diversificación e o seu desenvolvemento serán obxecto de seguimento e avaliación específicos, de acordo cos criterios establecidos en cada programa. A persoa titora elaborará, ao final de cada curso, unha memoria que inclúa:

a) Informe sobre o progreso do alumnado do programa de diversificación.

b) Valoración do funcionamento do programa e, se é o caso, proposta de modificación.

2. As posibles modificacións do programa de diversificación que se propoñan ao final de cada curso, xunto coa súa xustificación, deberán ser informadas favorablemente polo correspondente servizo de Inspección Educativa antes da súa posta en práctica.

Artigo 16º.-Programación.

1. A programación dos ámbitos e das materias propias do programa de diversificación curricular será elaborada nos distintos departamentos didácticos implicados e polas persoas designadas para impartir os ámbitos ou materias do programa coa colaboración do departamento de Orientación, a partir das directrices xerais establecidas pola comisión de coordinación pedagóxica e coordinadas polo xefe ou xefa de estudos.

2. A programación incluirá:

a) Obxectivos.

b) Proposta de contidos para cada un dos ámbitos e materias específicas e a súa contribución á consecución das competencias básicas.

c) Liñas metodolóxicas.

d) Avaliación inicial.

e) Criterios de avaliación do alumnado.

f) Criterios e procedementos para a avaliación e revisión do programa.

Disposición transitoria

No ano académico 2007-2008 a organización e funcionamento do segundo curso dos programas de diversificación curricular realizarase segundo o establecido na Orde do 19 de maio de 1997 pola que se regulan estes programas na educación secundaria obrigatoria.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 19 de maio de 1997 pola que se regulan os programas de diversificación curricular na educación secundaria obrigatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións oportunas para o correcto desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-O establecido nesta orde será de aplicación, a partir do curso 2007-2008, para o primeiro curso do programa e a partir do curso 2008-2009, para o programa na súa totalidade.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Incorporación do alumnado aos programas

de diversificación curricular.

-Procedencia: 2º curso da ESO, non estar en condicións de promocionar ao terceiro curso e repetir unha vez nesta etapa.

-Programa de diversificación curricular: de 2 anos.

-Procedencia: 3º curso da ESO.

-Programa de diversificación curricular: de 2 anos.

-Procedencia: Repetir 3º curso da ESO, sen superalo, e considerar adecuada a súa incorporación.

-Programa de diversificación curricular: dun ano ou de 2 anos.

-Procedencia: 4º curso da ESO, sen superalo, ter repetido xa na etapa.

-Programa de diversificación curricular: dun ano.

-Circunstancias do alumnado:

a) Ter dificultades xeneralizadas de aprendizaxe, calquera que sexa a súa orixe, e atoparse nunha situación de risco evidente de non alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa cursando o currículo ordinario, así como ter sido obxecto doutras medidas de atención á diversidade, sen que estas resultasen suficientes para a recuperación das dificultades de aprendizaxe.

b) Existir expectativas razoables de que, coa incorporación ao programa, poderá alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa e, en consecuencia, obter o título de graduado en educación secundaria.

En todo caso, deberanse cumprir os requisitos de idade exixidos no artigo 2.4º do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.