DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 14 de agosto de 2007 Páx. 13.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 9 de agosto de 2007 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola organización sindical Comisións Obreiras (CC.OO.) en todos os centros de traballo da provincia de Lugo cubertos pola empresa Ambulancias Lugo, S.L., que se levará a cabo desde as 0.00 ás 24.00 horas, a partir do 16 de agosto de 2007, con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga afecta os traballadores da empresa Ambulancias Lugo, S.L. dos centros de traballo que prestan o servizo de asistencia e transporte sanitario urxente nos concellos de Lugo, Portomarín, Guntín, Friol e O Corgo; así como os servizos de traslados intercentros, altas hospitalarias e de urxencias correspondentes ao Complexo Xeral - Calde de Lugo.

Despois da audiencia ao comité de folga en reunión celebrada o día 8 de agosto, acadado un acordo nos servizos mínimos, con base no anterior, a Consellería de Sanidade

DISPÓN

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta o persoal da empresa Ambulancias Lugo, S.L., desde as 0.00 ás 24.00 horas, con carácter indefinido, os días 16, 17, 23, 24, 30 e 31 do mes de agosto; o 6, 7, 13, 14 e do 17 ao 23 de setembro; do 1 ao 7 de outubro, do 15 ao 21 de outubro, do 29 de outubro ao 4 de novembro, do 12 ao 18 de novembro, do 26 de novembro ao 2 de decembro, do 10 ao 16 de decembro e do 24 ao 31 de decembro, todo o anterior no ano 2007 enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación.

A folga celébrase con carácter indefinido, coincidindo o seu comezo en plena temporada de verán, época en que se produce o maior número de desprazamentos pola rede de comunicación viaria, o que fai que poidan ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de moi difícil resolución, de non estar dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda.

Por outra parte o persoal da rede de transporte sanitario urxente (RTSU) está formado na citada asistencia, polo cal as ambulancias que non sexan de RTSU non poden ser alternativa de transporte para esta situación.

Por estes motivos, así como tamén porque o deseño, en razón a unha superficie, a unha poboación e a unha isócrona de asistencia, e o número de ambulancias contratadas está axustado á demanda, os servizos mínimos para garantir a protección á saúde da poboación debe dar resposta, no que atinxe á atención sanitaria urxente, ao 100% dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.

Por outra banda, no que atinxe á imprescindible realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poidan ser demandados polos centros hospitalarios, co fin de asegurar unha correcta atención sanitaria no lugar que para o paciente resulte máis axeitado, tendo en conta a patoloxía e as necesidades tecnolóxicas e de coidados específicos que presenta, determínanse uns servizos mínimos por quendas de traballo, incluíndo inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados ao centro, que se consideran imprescindibles para unha axeitada prestación.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte de enfermos e accidentados a través da empresa que presta os servizos de ambulancias.

Os tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que baixo ningún concepto poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E para garantir os servizos esenciais requírese:

1. Unha cobertura do 100% respecto da atención urxente prestada a través do 061.

2. Para a realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, unha cobertura mínima de efectivos por quendas de traballo, que ten que incluír inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados a cada centro. Tendo en conta o anterior, para o transporte interhospitalario e de altas de hospitalización ou de urxencias, estarán de servizos mínimos: tres ambulancias de mañá e tres de tarde, debendo ser unha delas, en cada quenda, de transporte colectivo, e unha ambulancia na quenda de noite. Así mesmo, estarán de servizos mínimos unha ambulancia medicalizada (UCI) de presenza física no centro hospitalario e outra localizada, as 24 horas de cada día.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios será realizada pola empresa aplicando os criterios do artigo 1º, coa designación nominal e individual, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos. Deberán proceder á publicación dos efectivos en servizos mínimos, nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías a poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2007.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade