DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 10 de agosto de 2007 Páx. 13.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 6 de agosto de 2007 pola que se convocan axudas de carácter socioeconómico para o exercicio orzamentario 2007 e se modifica a Orde do 30 de novembro de 2000.

A Orde do 30 de novembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico (DOG nº 245, do 20 de decembro), modificada pola Orde do 2 de decembro de 2004 (DOG nº 252, do 29 de decembro), establece, no seu artigo 4, que as convocatorias anuais destas axudas, que poden ser varias, rexeranse polas bases e condicións establecidas na dita orde.

Estas axudas regúlanse tamén polo establecido no Real decreto 1473/2004, do 18 de xuño, polo que se establecen medidas de carácter socioeconómico no sector pesqueiro, e con relación á medida específica da xubilación anticipada, pola Orde do 20 de decembro de 2002 pola que se regula o plan de prexubilación previsto na Orde do 30 de novembro de 2000.

Aínda que o Programa operativo do instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP) rematou no ano 2006, a data límite de subvencionabilidade dos gastos financiados con estes fondos abrangue ata o 31 de decembro de 2008, o que permite a asunción de novos compromisos de gasto no ano 2007 e 2008, sempre que o pagamento final se realice con anterioridade a aquela data.

Para este exercicio orzamentario, e para aqueles interesados que presentaron solicitude no ano 2006 e que por non ter realizado o desmantelamiento da embarcación non puideron resolverse a súas solicitudes, convocouse con carácter extraordinario unha orde de axudas que está pechada a estes solicitantes.

Neste momento, tendo en conta que a posta en marcha das axudas socioeconómicas establecidas polo novo Fondo Europeo da Pesca están condicionadas á fixación das compensacións no Programa operativo, aínda pendente de aprobación pola Comisión Europea, e que existe un remanente de crédito de IFOP, considerase necesario ampliar o abano de posibles beneficiarios.

Con esta ampliación preténdese que aqueles tripulantes que non solicitaron axuda na convocatoria de 2006, pero que o barco en que traballaban foi suxeito de resolución favorable da axuda á paralización definitiva e que esta se levou a cabo, poidan ter a oportunidade de acceder a estas axudas cuxa concesión en todo caso estará subordinada ás dispoñibilidades orzamentarias. O crédito dispoñible será o indicado nesta orde máis os posibles remanentes da orde extraordinaria citada anteriormente.

Por todo o exposto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria das axudas.

Para o exercicio orzamentario 2007 convócanse axudas de carácter socioeconómico, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 30 de novembro de 2000 (DOG do 20 de decembro), modificada pola Orde do 2 de decembro de 2004 (DOG nº 252, do 29 de decembro).

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

A Orde financiarase con cargo á aplicación 14.03.723A.780.0 do orzamento do ano 2007, código de proxecto 2000 12706 cun importe de 464.983,28 €, e código de proxecto 2007 00552 cun importe de 141.867,66 €.

Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario, na orde que se publique para o efecto.

As solicitudes presentadas que sexan seleccionadas por reunir todos os requisitos serán resoltas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Modificación da Orde do 30 de novembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico.

Modifícanse os seguintes artigos da Orde do 30 de novembro de 2000:

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de axudas están en relación coa finalidade específica destas, de tal xeito que son prioritarios aqueles expedientes que mellor cumpren esta finalidade.

As solicitudes presentadas seleccionaranse en función da maior idade, expresada no número de anos que cumpra o solicitante dentro do ano da correspondente convocatoria.

Se fose necesario aplicar un segundo criterio para o caso de solicitantes da mesma idade, terá en conta o maior número de días de cotización ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar acreditados na data de publicación da convocatoria.

Como terceiro criterio no caso de empate terase en conta a data de presentación da solicitude.

Disposicións adicionais

Primeira.-Conforme o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999 do 7 de outubro, delégase no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca a resolución destas axudas.

Segunda.- De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Terceira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento.

Cuarta

1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "15500D006P017.PDF"